Saltar ao contido

Anguía

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Anguilla anguilla»)
Anguía
Anguilla anguilla
Estado de conservación
Crítico
Crítico[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Actinopterygii
Subclase: Neopterygii
Infraclase: Teleostei
Superorde: Elopomorpha
Orde: Anguilliformes
Familia: Anguillidae
Xénero: Anguilla
Garsault, 1764 [2]
Especie: A. anguilla
Nome binomial
Anguilla anguilla
(Linnaeus, 1758) [3]
Sinonimia
  • Anguilla vulgaris Shaw, 1803 [3]

A anguía, tamén coñecida como airoa, eiroa[4] ou anguía europea (Anguilla anguilla) é un peixe teleósteo da familia dos anguílidos.

Características

[editar | editar a fonte]

De corpo alongado e cilíndrico, a femia mide ata 150 cm e o macho ata 50 cm, con escamas rudimentarias cubertas dunha substancia viscosa, aletas pectorais moi pequenas e unha aleta dorsal que se prolonga ata a cola.

Crese que se reproduce no mar dos Argazos. Os pais morren e as larvas, de menos de 1 cm de longo, soben á superficie, onde as correntes as arrastran cara a terra, nunha migración que dura tres anos ata que se transforman en meixóns. Posteriormente, entran na auga doce, onde viven ata que lles chega a época da desova.

Aliméntase de larvas de insectos, crustáceos e peixes mortos.

Pesca e acuicultura

[editar | editar a fonte]

Dende os anos 70 o número de anguías en Europa caeu arredor do 90 % [Cómpre referencia] debido á contaminación, a parasitos como a Anguillicola crassus, ás barreiras que o ser humano pon nos ríos (centrais hidroelécricas) e aos cambios naturais na oscilación do Atlántico Norte.

En Galicia, antigamente víase en todo o río Miño, pero hoxe non pasa do encoro de Belesar.

A pesar de ser unha especie en franca regresión en boa parte da súa área de distribución, a anguía europea segue a ser unha especie de grande importancia comercial, tanto pescada nos ríos cando os remontan como meixóns, como cando se pescan cando teñen gran tamaño antes de que regresen ao mar. Así mesmo, cultívanse en piscifactorías con excelentes resultados,[3] aínda que non se conseguiu pechar o ciclo e as granxas necesitan extraer da natureza unha subministración regular de crías salvaxes para a súa engorda.

Distribución natural nos ríos de Europa.
Países europeos con acuicultura da anguía.

Os ensaios con anguías xaponesas na acuicultura europea crearon un problema importante, ao estender por toda Europa un nematodo asiático, Anguilicola crassus, que ameaza a supervivencia da especie. O parasito interno é ben tolerado pola anguía xaponesa (Anguilla japonica), pero destrúe unha porcentaxe apreciable do tecido reprodutor da anguía europea, reducindo a súa fecundidade, e tamén dana a súa vexiga natatoria.[5] Para un animal que debe facer unha longa viaxe oceánica para reproducirse a carencia da vexiga pode ser desastrosa. Implica un gasto enerxético adicional moi importante para manterse a flote e é probable que as anguías parasitadas nunca cheguen ao seu destino por esgotar antes as súas reservas.

Os plásticos no mar son probablemente outro enorme problema para a supervivencia das larvas que probablemente inxiren partículas plásticas en vez de plancto e morrerían de inanición oi por obstrución intestinal. Todo iso, unido á sobreexplotación pesqueira fai que o futuro da especie a medio prazo, polo menos como recurso económico, sexa bastante preocupante. A UICN alertou de que nos últimos 60 anos a poboación pode que se reducira ata nun 80 %.[6]

Gastronomía

[editar | editar a fonte]

En gastronomía pode consumirse fresca ou conservada afumada ou conxelada, existindo multitude de pratos na gastronomía europea cociñados con ela.[7] Cómpre recordar, porén, que o sangue da anguía en cru e, por extensión, a pel ben irrigada, son tóxicas para os humanos. As toxinas deben ser eliminadas mediante varias formas de preparación (como, por exemplo, a cocción).

En Galicia

[editar | editar a fonte]

En varios lugares de Galicia celébranse festas gastronómicas dedicadas á anguía: Ponte Sampaio, Barral ou O Carballiño.

  1. Jacoby, D.; Gollock, M. (2014). "Anguilla anguilla". Lista Vermella da IUCN (Unión Internacional para a Conservación da Natureza) 2014: e.T60344A45833138. doi:10.2305/IUCN.UK.2014-1.RLTS.T60344A45833138.en. Consultado o 3 de xaneiro 2018. 
  2. Pl. 661 in Garsault, F. A. P. de 1764. Les figures des plantes et animaux d'usage en medecine, décrits dans la Matiere Medicale de Mr. Geoffroy medecin, dessinés d'après nature par Mr. de Gasault, gravés par Mrs. Defehrt, Prevost, Duflos, Martinet & c. Niquet scrip. [5]. - pp. [1-4], index [1-20], Pl. 644-729. Paris.
  3. 3,0 3,1 3,2 Anguilla anguilla (Linnaeus, 1758) en FishBase,
  4. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para anguia..
  5. R. S. Kirk. The impact of Anguillicola crassus on European eels. Fisheries Management and Ecology. Volume 10, Issue 6, páxinas 385–394, Decembro de 2003.
  6. Anguilla anguilla na Lista vermella da UINC.
  7. Frimodt, C. (1995): Multilingual illustrated guide to the world's commercial coldwater fish. Fishing News Books, Osney Mead, Oxford, England. 215 p.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Deelder, C. L. (1984): "Synopsis of biological data on the eel, Anguilla anguilla (Linnaeus, 1758)", FAO Fish. Synop. (80, Rev. 1): pp. 73.
  • Dekker, W., B. van Os w J. van Willigen (1998): "Minimal and maximal size of eel. L'Anguille Europeenne". 10e Réunion du groupe de travail "Anguille" EIFAC/ICES. Bulletin Francais de Peche et Pecherie, Conseil superieur de la peche, París (Francia), 1998.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]