Andrew Wiles
Sir Andrew John Wiles, nado en Cambridge o 11 de abril de 1953,[1] é un matemático inglés e profesor de investigación da Royal Society na Universidade de Oxford, especializado en teoría de números. É coñecido por demostrar o Último Teorema de Fermat, polo que foi galardoado co Premio Abel en 2016[2] e coa medalla Copley en 2017.[3] Foi nomeado Cabaleiro Comandante da Orde do Imperio Británico en 2000 e en 2018 foi o primeiro profesor de matemáticas nomeado Regius Professor en Oxford.[4] Wiles recibiu tamén unha bolsa MacArthur en 1997.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Educación e primeiros anos
[editar | editar a fonte]Wiles naceu o 11 de abril[5] de 1953 en Cambridge, Inglaterra, fillo de Maurice Frank Wiles (1923-2005), máis tarde Regius Professor of Divinity na Universidade de Oxford,[1] e de Patricia Wiles (nada Mowll). O seu pai traballou como capelán en Ridley Hall, Cambridge, durante os anos 1952–1955. Wiles asistiu á King's College School de Cambridge e á Leys School de Cambridge.[6]
Wiles afirma que se atopou co Último Teorema de Fermat cando tiña dez anos e ía a casa da escola. Parou na súa biblioteca local onde atopou un libro sobre o teorema.[7] Fascinado pola existencia dun teorema tan sinxelo de afirmar que el, un neno de dez anos, podía entendelo, pero que ninguén o probara, decidiu ser a primeira persoa que o demostrase. Non obstante, axiña se decatou de que o seu coñecemento era demasiado limitado, polo que abandonou o soño da súa infancia ata que lle volveu chamar a atención aos 33 anos pola proba de Ken Ribet de 1986 da conxectura do épsilon, que Gerhard Frey xa relacionara coa famosa conxectura de Fermat.[8]
Carreira e investigación
[editar | editar a fonte]Wiles obtivo o título de bachelor en matemáticas en 1974[1] no Merton College de Oxford e doutorouse en 1980 como estudante de posgrao no Clare College de Cambridge.[9] Tras unha estadía no Institute for Advanced Study en Princeton, Nova Jersey, en 1981, Wiles converteuse en profesor de matemáticas na Universidade de Princeton. En 1985-86, Wiles foi Guggenheim Fellow no Institut des Hautes Études Scientifiques preto de París e na École Normale Supérieure. De 1988 a 1990, Wiles foi profesor de investigación da Royal Society na Universidade de Oxford e logo regresou a Princeton. De 1994 a 2009, Wiles foi profesor Eugene Higgins en Princeton. Reincorporouse a Oxford en 2011 como profesor de investigación da Royal Society.[10] En maio de 2018 foi nomeado Regius Professor de matemáticas en Oxford, o primeiro na historia da universidade.[4]
A investigación de posgrao de Wiles foi guiada por John Coates a partir do verán de 1975. Xuntos traballaron na aritmética das curvas elípticas con multiplicación complexa polos métodos da teoría de Iwasawa. Tamén traballou con Barry Mazur na principal conxectura da teoría de Iwasawa sobre os números racionais e pouco despois xeneralizou este resultado a campos totalmente reais.[11]
Demostración do Último Teorema de Fermat
[editar | editar a fonte]A partir de 1986, baseándose nos sucesivos avances dos últimos anos de Gerhard Frey, Jean-Pierre Serre e Ken Ribet, quedou claro que a conxectura de Fermat podía demostrarse como un corolario dunha forma limitada do teorema da modularidade (non probado daquela e entón coñecido como "conxectura de Taniyama–Shimura–Weil"). O teorema da modularidade implicaba curvas elípticas, que tamén era a área especializada de Wiles.[12]
A conxectura foi vista polos matemáticos contemporáneos como importante, mais extraordinariamente difícil ou quizais imposible de probar.[13]:203–205, 223, 226 Por exemplo, o que fora supervisor de Wiles, John Coates afirma que parcía "imposible de probar realmente"[13]:226 e Ken Ribet considerábase a si mesmo como "unha da gran maioría das persoas que crían que era completamente inaccesible", engadindo que "Andrew Wiles foi probablemente unha das poucas persoas na terra que tivo o atrevemento de soñar que ti realmente podes ir e demostralo".[13]:223
A pesar diso, Wiles, coa súa fascinación dende o neno pola conxectura de Fermat, decidiu emprender o desafío de demostrala, polo menos na medida necesaria para a curva de Frey.[13]:226 Dedicou todo o seu tempo de investigación a este problema durante máis de seis anos cun segredo case total, encubrindo os seus esforzos liberando traballos previos en pequenos segmentos como artigos separados e confiando só na súa muller.[13]:229–230
En xuño de 1993 presentou a súa proba ao público por primeira vez nunha conferencia en Cambridge. Como dixo o doutor Ribet, no título non había ningunha insinuación de que se falase do Último Teorema de Fermat:
Deu unha conferencia ao día luns, martes e mércores co título "Modular Forms, Elliptic Curves and Galois Representations" ("Formas modulares, curvas elípticas e representacións de Galois"). [...] Finalmente, ao final da súa terceira charla, o doutor Wiles concluíu que demostrara un caso xeral da conxectura de Taniyama. Entón, aparentemente como un pensamento posterior, observou que iso significaba que o último teorema de Fermat era certo. Q.E.D.[14]
En agosto de 1993 descubriuse que a proba contiña un defecto nunha área. Wiles intentou e fallou durante máis dun ano reparar a súa demostración. Segundo Wiles, a idea crucial de burlar, en lugar de pechar, esta área chegou o 19 de setembro de 1994, cando estaba a piques de desistir. Xunto co seu antigo alumno Richard Taylor, publicou un segundo traballo que eludía o problema e completaba así a demostración. Ambos os artigos foron publicados en maio de 1995 nun número de Annals of Mathematics.[15][16]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 Anon (2017). "Wiles, Sir Andrew (John)". Who's Who. ukwhoswho.com (online Oxford University Press ed.). A & C Black, an imprint of Bloomsbury Publishing plc. doi:10.1093/ww/9780199540884.013.39819
- ↑ "The Norwegian Academy of Science and Letters has decided to award the Abel Prize for 2016 to Sir Andrew J. Wiles". Abelprisen.no. Consultado o 23 de agosto de 2018.
- ↑ "Mathematician Sir Andrew Wiles FRS wins the Royal Society's prestigious Copley Medal". The Royal Society. Consultado o 27 de maio de 2017.
- ↑ 4,0 4,1 "Sir Andrew Wiles appointed first Regius Professor of Mathematics at Oxford". News & Events. Universidade de Oxford. 2018-05-31. Consultado o 2018-06-01.
- ↑ "Andrew Wiles". famous-mathematicians.com.
- ↑ "Cambridge-born mathematician awarded top prize for solving centuries-old numerical problem". Cambridge News. Consultado o 16 de marzo de 2016.[Ligazón morta]
- ↑ "Andrew Wiles on Solving Fermat". WGBH. Consultado o 16 de marzo de 2016.
- ↑ Chang, Sooyoung (2011). Academic Genealogy of Mathematicians. p. 207. ISBN 9789814282291.
- ↑ Wiles, Andrew John (1978). Reciprocity laws and the conjecture of birch and swinnerton-dyer. lib.cam.ac.uk (PhD) (Universidade de Cambridge). OCLC 500589130. Modelo:EThOS. Arquivado dende o orixinal o 18 de setembro de 2020. Consultado o 22 de febreiro de 2021.
- ↑ O'Connor, John J.; Robertson, Edmund F. (setembro de 2009). "Wiles Biography". MacTutor History of Mathematics archive. Arquivado dende o orixinal o 12 de setembro de 2019. Consultado o 16 de marzo de 2016.
- ↑ "Andrew Wiles". National Academy of Sciences. Consultado o 16 de marzo de 2016.
- ↑ Brown, Peter (28 de maio de 2015). "How Math's Most Famous Proof Nearly Broke". Nautilus. Arquivado dende o orixinal o 15 de marzo de 2016. Consultado o 16 de marzo de 2016.
- ↑ 13,0 13,1 13,2 13,3 13,4 Simon Singh (1997). Fermat's Last Theorem. ISBN 1-85702-521-0
- ↑ Kolata, Gina (24 de xuño de 1993). "At Last, Shout of 'Eureka!' In Age-Old Math Mystery". The New York Times. Consultado o 21 de xaneiro de 2013.
- ↑ Wiles, Andrew (maio de 1995). "Issue 3". Annals of Mathematics 141: 1–551. JSTOR i310703.
- ↑ "Are mathematicians finally satisfied with Andrew Wiles's proof of Fermat's Last Theorem? Why has this theorem been so difficult to prove?". Scientific American. 21 de outubro de 1999. Consultado o 16 de marzo de 2016.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Andrew Wiles |
A Galipedia ten un portal sobre: Reino Unido |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Profile from Oxford
- Profile from Princeton Arquivado 05 de novembro de 2021 en Wayback Machine.