Dinastía Amala
Amalos, Amelos ou Amelungos (en alemán: Amaler e, en latín: Amali) foi a denominación dunha dinastía dos godos que, posteriormente, se converteron na casa real dos ostrogodos (tamén chamados grutungos) e fundaron o reino ostrogodo de Italia. O vocábulo deriva de Amalungen ("os incansables" ou os "heroes do traballo"[1]), aínda que segundo outras fontes, significaría "os celestiais".[2]
Orixe xenealóxica
[editar | editar a fonte]A oriixe e historia dos Amalos foi descrita na obra Getica de Xordanes, na que se presenta unha xenealoxía das 19 xeracións de gobernantes desta dinastía, dende o seu fundador Gapt até Vitixes (reinado 536-540), que se uniu en casamento a Matasunta:[3]
Agora o primeiro destes heroes, como eles mesmoss relatan nas súas lendas, era Gaute, que xerou Hulmul. E Hulmul xerou Augis; e Augis xerou a quen foi chamado Amal, de quen provén o nome de Amalos. Ese Amal xerou Hisarnis. Hisarnis, xerou Ostrogoda, e Ostrogoda xerou Hunuil, e Hunuil á súa vez xerou Atal. Atal xerou Aquiulfo e Odulfo. Agora Aquiulfo xerou Ansila e Ediulfo, Vultulfo e Hermenerico. E Vultulfo xerou Valaravano e Valaravano xerou Vinitario. Vinitario, ademais xerou Vandalario; Vandalario xerou Teodomiro e Valamiro e Videmiro; e Teodomiro xerou Teodorico. Teodorico xerou Amalasunta; Amalasunta xerou Atalarico e Matasunta de seu marido Eutarico, cuxa raza foi así unida á dela en parentesco. O supracitado Hermenerico, o fillo de Aquiulfo, xerou Hunimundo, e Hunimundo xerou Torismundo. Agora Torismundo xerou Berimundo, Berimundo xerou Veterico e Veterico, á súa vez, xerou Eutarico, que casou con Amalasunta, e xerou Atalarico e Matasunta. Atalarico morreu nos anos da sús infancia, e Matasunta casou con Vitixes, de quen ela non tivo fillo. Ambos foran levados xuntos por Belisario para Constantinopla. Cando Vitixes pasou dos asuntos humanos, Xermano, o patricio, un curmán do emperador Xustiniano, tomou a Matasunta en casamento e a fixo unha patricia ordinaria. E dela el xerou un fillo, tamén chamado Xermano. Após a morte de Xermano, ela decidiu permanecer viúva.
Historia
[editar | editar a fonte]Os Amalos convertéronse, posteriormente, na principal dinastía ostrogoda e crearon o reino ostrodogo de Italia e Panonia.
Segundo a Gética, algún tempo despois da migración dos godos dende Gotiscandza (actual zona sur de Suecia) até Escitia (actual Ucraína) baixo Filimero, os ostrogodos (grutungos) comezaron a ser gobernados polos Amalos, mentres que os visigodos (tervíngos) o foron polos Baltos. Os amalos seguiron sendo unha destacada familia ostrogoda, especialmente durante o reinado de Hermanarico no século IV. Durante este período, os hunos baixo Balamber atacaron os godos e fixeron aos grutungos os seus vasalos. Os Amalos continuaron reinando baixo soberanía huna e participaron na batalla dos Campos Cataláunicos baixo Atila, o huno (434-453).[4]
Trala morte de Atila, os irmáns Teodomiro (reinado 451-474/475), Valamiro (reinado 451-465) e Videmiro (reinado 451-473), rebeláronse contra os hunos, derrotándoos na batalla de Nedao e conseguindo a independencia para a súa xente. Tras iso, foron reasentados en Panonia co consentimento do emperador Marciano (r. 450–457) e fundaron un reino federado na rexión.[5] Teodorico o Grande (reinado 474–526), fillo de Teodomiro, no 493, fundaría o Reino Ostrogodo de Italia,[6] e cara ao 494, uniu a dinastía ostrogótica e visigótica co matrimonio da súa filla Teodegoda con Alarico II (reinado 484–507)[7] do Reino visigodo de Toledo, e desa unión naceu Amalarico (reinado 511–531).[7]
Máis tarde, no 515, uníronse as dúas ramas existentes de Amalos casando a súa outra filla Amalasunta con Eutarico.[3][8]
Reis amalos
[editar | editar a fonte]- Hermanarico, rei dos grutungos, ca 370
- Sixerico, rei dos visigodos, 415
- Valamiro. rei dos ostrogodos, 447–469
- Teodomiro, rei dos ostrogodos, até 474
- Teodorico o Grande, rei dos ostrogodos, 474–526
- Atalarico, rei dos ostrogodos, 526–534
- Amalasunta, raíña dos ostrogodos, 534–535
- Teodato, rei dos ostrogodos, 534–536
- Teudixiselo, rei dos visigodos, 548–549
Presenza na literatura
[editar | editar a fonte]No Nibelungenlied (en galego, Canción dos Nibelungos) e noutros poemas épicos medievais xermánicos, os seguidores de Teodorico de Verona (en alemán, Dietrich von Bern) son coñecidos como amelungos. Noutros casos, son interpretados como o nome dos devanceiros de Teodorico.[9] Nas Kaiserchronik (en galego, Crónicas dos emperadores), tamén se refiren á familia de Teodorico como Amelungos,[10] e nunha carta do bispo Meinardo de Bamberg,[11] así como nos Quedlinburger Annalen (en galego, Anais de Quedlinburg), o propio Teodorico emprega a verba amelungo para se referir a el mesmo.[12]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Pascual (1871), p. 501
- ↑ Luzán (1776), p. 104
- ↑ 3,0 3,1 Jordanes (551), XIV. 79-82.
- ↑ Martindale (1980), p. 1069
- ↑ Wolfram (1990), p. 261
- ↑ Bury (1923), XII. 454-455
- ↑ 7,0 7,1 Cameron & Ward-Perkins & Whitby (2001); p. 112
- ↑ Hodgkins (1891), p. 253
- ↑ McConnell (2013), p. 51-52
- ↑ Massmann (1854), p. 942
- ↑ Kramarz-Bein (1996), p. 245
- ↑ Teodorico de Verona (1953), p. 12
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Cameron, Averil; Ward-Perkins, Bryan; Whitby, Michael (2001). The Cambridge Ancient History, Volume 14 - Late Antiquity: Empire and Successors, A.D. 425-600 (en inglés) (3ª ed.). Cambridge / Nova york: Cambridge University Press. ISBN 978-0521325912.
- Hodgkins, Thomas (1891). Theodoric the Goth: the barbarian champion of civilization (en inglés). Londres / Nova York: G. P. Putnam's sons.
- Kramarz-Bein, Susanne (1996). Hansische Literaturbeziehungen: Das Beispiel der Þhiðreks saga und verwandter Literatur (en alemán). Berlín / Nova York: Walter de Gruyter. ISBN 3-11-015022-0.
- Luzán, Ignacio de (1776). "Disertación sobre el origen y patria de los godos". Memorias de la Real Academia de la Historia (en castelán) I. Madrid: Imprenta de Sancha. pp. 99–140.
- Martindale, J.R. (1980). The prosopography of the later Roman Empire - Volume 2. A. D. 395 - 527 (en inglés). Cambridge / Nova York: Cambridge University Press. ISBN 978-0521201599.
- Massmann, Hans F. (1854). Der Kaiserchronik dritter Theil: 1,4,3 (en alemán). Druck und Verlag von Gottfr.
- Pascual, Agustín (1871). "Palabras españolas de índole germánica". Revista de España (en castelán) (Madrid: Imprenta de José Noguera) XXI: 498–509.
- Teodorico de Verona (1953). Le cycle de Dietrich: morceaux choisis (en francés). París: Aubier-Montaigne.
- Wolfram, Herwig (1990). History of the Goths (en inglés). Berkeley, Os ánxelees / Londres: University of California Press. ISBN 9780520069831.
- Xordanes (551). Gética (De origine actibusque Getarum) (en latín). Constantinopla. Arquivado dende o orixinal o 13 de febreiro de 2008. Consultado o 28 de decembro de 2019.