Saltar ao contido

Alfredo Deaño

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Alfredo Deaño Gamallo»)
Modelo:BiografíaAlfredo Deaño

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento6 de marzo de 1944 Editar o valor en Wikidata
Ribadeo, España Editar o valor en Wikidata
Morte24 de xaneiro de 1978 Editar o valor en Wikidata (33 anos)
Madrid, España Editar o valor en Wikidata
EducaciónUniversidade Complutense de Madrid Editar o valor en Wikidata
Actividade
OcupaciónProfesor universitario, escritor e tradutor
EmpregadorUniversidade Autónoma de Madrid Editar o valor en Wikidata
Obra
DoutorandoEulalia Pérez Sedeño Editar o valor en Wikidata
Familia
CónxuxeMercedes Cabrera Calvo-Sotelo Editar o valor en Wikidata
FillosAlfredo Deaño Cabrera Editar o valor en Wikidata

BNE: XX897659 Dialnet: 43316 WikiTree: Deaño-18

Alfredo Deaño Gamallo, nado en Ribadeo o 6 de marzo de 1944 e finado en Madrid o 24 de xaneiro de 1978, foi un filósofo e lóxico galego que se dedicou maiormente ao estudo da lóxica, aínda que profesou interese por outras disciplinas. Foi tamén profesor de filosofía na Universidade Autónoma de Madrid, onde residiu máis da metade da súa vida, e onde redactou, editou e publicou a maior parte da súa produción escrita.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Era fillo de Marita Gamallo Fierros, irmá do literario, e tamén ribadense Dionisio Gamallo Fierros, quen lle dá nome ó instituto público de Ribadeo, o IES de Ribadeo Dionisio Gamallo; e de Alfredo Deaño Viso, o seu pai, técnico do corpo de aduanas, primeiramente destinado á aduana de Ribadeo, e máis tarde a outros varios destinos, o que causa que a familia se teña que mudar con relativa frecuencia. Alfredo Deaño é tamén un de cinco irmáns: María del Carmen, Antonio, Matilde e Carlos.

En 1973, casou con Mercedes Cabrera Calvo-Sotelo, política, historiadora, exministra e sobriña do expresidente do goberno Leopoldo Calvo Sotelo, coa que tivo un fillo pouco antes da súa morte.

Primeiros anos

[editar | editar a fonte]

Durante os seus primeiros anos, ata o ano 1949, estudou no Colexio de Doña María, en Ribadeo. Pasou un ano en Ourense e volveu á súa cidade natal, onde continuou os estudos no mesmo centro que os seus irmáns ata 1953. Ao ano seguinte, trasladouse a Ferrol, onde residiu ata 1956, e onde cursou os primeiros anos de bacharelato no instituto ferrolán de ensinanza media. Finalmente rematou a súa formación básica en Xixón, no Instituto Jovellanos, no ano 1961, onde acadou ademais a matrícula de honra preuniversitaria, tras ser examinado en Oviedo.

Formación académica e vida laboral

[editar | editar a fonte]

Estuda os dous primeiros ano de carreira en Oviedo, concretamente cursando as chamadas “materias comúns”. Nesta etapa gaña varios premios ao participar en varios concursos literarios de poesía e teatro, xéneros polos que sempre amosa especial interese.

En 1964 trasládase a Madrid co obxectivo de se especializar en Filosofía, no Colexio Maior Antonio de Nebrija. Finaliza esta formación en 1966, logrando acadar en total 24 matrículas de honra e 6 sobresaíntes entre as materias cursadas.

Ao rematar a carreira, traballou un ano coma profesor axudante de clases prácticas en Madrid, baixo a cátedra de Leopoldo Eulogio Palacios. Durante este período impartiu clases de Fundamentos de Filosofía na Facultade de Ciencias Políticas, Económicas e Sociais, ao mesmo tempo que traballou na Revista de Occidente, onde chegou a dirixir algún número sobre lóxica. Tamén traballou no xornal El País e en editoriais como Taurus.

Tras presentar a súa tese doutoral en 1968, titulada Lógica simbólica y lógica del lenguaje ordinario, trasládase a Universidade Autónoma de Madrid (creada nese mesmo ano), onde imparte clases de Lóxica Matemática, no departamento de Carlos París. No ano 1975 logra acadar a praza de adxunto.

Ideoloxía

[editar | editar a fonte]

A ideoloxía de Alfredo Deaño, a pesar de considerarse pola época na que vive o autor como marxista, non se adscribe necesariamente a esta denominación. De feito o propio Deaño chegou a amosar unha actitude crítica con respecto esta corrente. Actualmente, encadraríase probablemente como social-demócrata, axustándose nas órbitas do PSOE da súa época.

Esta adscrición política fai que no seu contexto sexa considerado como “rojo”, o que provoca o distanciamento de Deaño co seu superior Leopoldo Eulogio Palacios, de ideoloxía moito máis tradicional e dereitista.

Publicacións

[editar | editar a fonte]

Publicacións de carácter filosófico

[editar | editar a fonte]

A primeira publicación formal de Alfredo Deaño é a súa tese de licenciatura en 1970, a cal céntrase na análise de El Sofista de Platón. No ano 1974 publicou Introducción a la lógica formal: lógica de enunciados y lógica de predicados.

Traballa durante un tempo no departamento de Carlos París. Nesta época comeza a interesarse polo Tractatus logico-philosophicus do filósofo Wittgenstein. Non obsante, non logra publicar nada sobre dito interese.

Con carácter póstumo, Javier Muguerza, amigo e filósofo de Deaño, edita dúas obras do ribadense. En 1980 publícase Las concepciones de la lógia, memoria en torno as oposicións de Deaño, preparada por el mesmo antes da súa morte. En 1984, publícase El resto no es silencio. Escritos filosóficos, un compendio de textos de carácter filosófico que preparaba para a publicación. Como curiosidade, o título nace da última oración de Hamlet, personaxe da obra literaria Hamlet, de William Shakespeare, “el resto es silencio”. Con el faise referencia a que o non publicado en vida por Deaño será publicado.

Outras publicacións

[editar | editar a fonte]

En 1972 Deaño realiza unha serie de traducións do inglés ao castelán. Traduce enteiramente e redacta unha introdución da obra de Lewis Carroll, El juego de la lógica. Por último, traduce xunto a Juan Deval o título Estudios sobre lógica y psicología.

Por último, sábese que escribe canto menos dous relatos non publicados, así coma unha grande variedade de poemas, estes si enviados a concursos literarios, premiados en varias ocasións. Estes escritos, antepostos ao seu traballo puramente filosófico, son concibidos para Deaño como pasatempo e como práctica para mellorar o coidado do seu estilo e calidade lingüística.

Estas obras, tan afastadas do ambiente puramente académico que moitas veces caracteriza á filosofía, non fan máis que amosar outras facianas de Deaño que quizais menos recoñecidas, pero non por iso menos importantes.

Últimos anos

[editar | editar a fonte]

Nos seus últimos anos de vida, Deaño rodéase de diversos proxectos, entre eles a preparación para as oposicións a catedrático, ás que non ten oportunidade de se presentar, así coma tamén as diversas traducións mencionadas no apartado anterior e a publicación dalgunhas das súas obras, nas que se inclúe a súa tese de licenciatura e Introducción a la lógica formal: lógica de enunciados y lógica de predicados.

No relativo ao persoal, en 1973 casa con Mercedes Cabrera, exministra de educación durante o goberno de Zapatero e catedrática na Facultade de Ciencias Políticas de Madrid. Con ela, un ano antes da súa morte, ten un fillo, en 1977.

Alfredo Deaño morre en Madrid, o 2 de xaneiro de 1978, por mor dun arresto cardíaco.

Filosofía

[editar | editar a fonte]

Influencias

[editar | editar a fonte]

Entre as influencias que modelaron o seu pensamento podemos atopar ao recoñecido filósofo Gustavo Bueno, con quen entra en contacto a partiren dunhas clases maxistrais que Bueno imparte en Oviedo no ano 1961, e de quen será un destacado alumno durante dous anos.

Tamén ao catedrático Leopoldo Eulogio Palacios, estrito profesor baixo o que, porén, Deaño é quen de aflorar e mesmo acada a matrícula de honra, converténdose ademais con posterioridade no seu axudante. Porén, con el ten disputas tanto ideolóxicas como metodolóxicas, que fixeron que ambos se distancien o un do outro; por exemplo, no seus tempos de profesor axudante na materia de Lóxica Matemática, Deaño tiña que preparar dúas clases para que, cando asistise o catedrático, facer coma se levase todo o tempo impartindo lóxica aristotélica, pois esta era a única que o seu superior tiña intencións de impartir.

Outra importante influencia, neste caso esencialmente mutua e debida máis ben á apreciación que se profesan entre si que aos contidos das súas obras, é a do seu fiel amigo Javier Mugerza, quen con posterioridade á morte de Deaño será quen revise, edite e publique algunhas das súas obras. De Josep Ferrater Mora, catedrático de ética na Universidade Complutense de Madrid, de quen é ávido e intenso lector, tamén recibiu moita influencia, pero nesta ocasión derivada unicamente do estudo das súas obras.

Outra influencia puramente intelectual coa que chega a conectar fondamente, especialmente nos seus últimos anos, é a de Ludwig Wittgenstein e o seu Tractatus logico-philosophicus, fundamental tanto no estudo da lóxica como da filosofía da linguaxe, dous campos esenciais no pensamento de Deaño.

Por último, xa fora do ámbito dunha filosofía puramente académica, Deaño mostra interese polas novelas de Lewis Carrol, Alicia no país das marabillas e Alicia do outro lado do espello, tanto polo xeito que estas teñen de desartellar os elementos máis convencionais da realidade ata reducilos ata o absurdo, como polo emprego que fai Carrol da linguaxe, a cal Deaño atopa de especial interese.

Contribucións á lóxica e influencia na posterioridade

[editar | editar a fonte]

Os manuais de Deaño son amplamente empregados tanto dentro coma fóra de España, e as súas contribucións abriron innumerables camiños para o posterior desenvolvemento da lóxica matemática, converténdose así en imprescindibles para calquera que teña o obxectivo de se introducir na lóxica moderna española.

Contribuíu á fama das súas obras non só o seu importante contido, se non tamén a gran claridade expositiva ca que están redactadas. Considéranse polo xeral manuais especialmente didácticos nos que a facilidade sintáctica é unha cortesía que Deaño decidiu aplicar mesturando a súa faciana máis filosófica ca dun lector devoto, distinguíndose así doutros escritos filosóficos abstrusos e escuros que distancian as posibilidades da súa aprendizaxe de ámbitos e persoas menos especializadas. En isto influíu probablemente o seu interese privado de escribir noutros ámbitos literarios ben variados, e de desenvolver as súas capacidades narrativas en todos eles.

As súas publicacións, incluíndo tanto obras propias como traducións, amosan a un pensador preocupado pola súa época, a un debedor de toda unha tradición filosófica clásica, e a un estudoso que ben comprendía os cambios aos que estaba abocado o seu tempo.

Todas estas características, xunto cunha fina ironía e un gran sentido do humor achegaron ao seu rigor intelectual e á súa forte capacidade de traballo e dedicación os elementos necesarios para permitir que a súa escrita se manteña hoxe con tal nivel de forza e contundencia.

Obra: Introducción a la lógica formal: lógica formal de enunciados y lógica de predicados

[editar | editar a fonte]

O manual Introducción a la lógica formal: lógica formal de enunciados y lógica de predicados é con toda probabilidade a obra central que abarca a produción de Deaño. A obra permite achegarse aos rudimentos da lóxica, aos seus esquemas básicos de razoamento, e ás posibilidades que esta nos achega para coñecer o mundo e noso o pensamento actual.

Obras en vida

[editar | editar a fonte]

Obras póstumas

[editar | editar a fonte]

Traducións

[editar | editar a fonte]
  • Piaget, J. (1972), Estudios de lógica y psicología (A. Deaño, J. Deval, Trad.). Alianza. (Obra orixinal publicada en 1953)
  • Carrol, L. (1972), El juego de la lógica y otros escritos (A. Deaño, Trad.). Alianza. (Obra orixinal publicada en 1887)
  1. Deaño Gamallo, Alfredo (1972). "Lógica simbólica y lógica del lenguaje ordinario". Madrid: Facultad de Filosofía y Letras. 
  2. Deaño, Alfredo (1970). "Eros y formalización: Marcuse y la filosofía analítica". Revista de Occidente (84): 292–308. ISSN 0034-8635. 
  3. Deaño, Alfredo (1971). "Sobre el concepto de filosofía". Revista de Occidente (101): 267–278. ISSN 0034-8635. 
  4. Deaño, Alfredo (1974). "Análisis y dialéctica: la razón de unas páginas". Revista de Occidente (138): 129–152. ISSN 0034-8635. 
  5. Deaño, Alfredo (1976). "La lógica formal hoy". Revista de Occidente (7): 89–96. ISSN 0034-8635. 
  6. Deaño, Alfredo (1977). "Ciencias formales y revoluciones científicas: el caso de la lógica". Cuadernos económicos de ICE (3): 46–71. ISSN 0210-2633. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]