Alexandre de Hesse-Darmstadt
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde setembro de 2015.) |
Alexandre de Hesse-Darmstadt, nado en Darmstadt o 15 de xullo de 1823 e finado na mesma cidade o 15 de decembro de 1888, foi un nobre alemán, terceiro dos catro fillos de Lois II de Hesse e do Rin, e de Guillermina de Baden.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]O príncipe Alexandre mantivo a tradición marcial da súa familia e serviu no Exército Ruso, onde foi un distinguido soldado cunha brillante carreira por diante. Mandaba un rexemento de lanceiros e foi premiado coa Cruz de San Xurxo. O feito de que súa irmá María fose a zarevna (princesa herdeira) de Rusia (esposa do futuro tsar Alexandre II de Rusia) non era unha desvantaxe para os seus propósitos.
Esta prometedora carreira foi destruída por un escándalo, pois Alexandre namorouse da condesa Xulia de Hauke, unha camareira de súa irmá María Alexandrovna. A condesa era unha orfa de orixe xermana-polaca, protexida do tsar, e filla do antigo ministro de guerra do tsar. Co tempo, o tsar Nicolao I considerou a Alexandre coma un posíbel marido para a súa sobriña, mais informado do romance prohibiu a maridaxe; era inconcibíbel que unha persoa próxima á familia imperial casase cunha simple condesa. O Almanaque de Gotha, léxico e guía das clases tituladas europeas, era moi claro en asuntos de índole matrimonial.
Alexandre marchou a Inglaterra para cavilar no tocante ao seu futuro, pero acabou regresando a Rusia para fuxir xunta con Xulia até Breslau (hoxe Wroclaw, en Polonia), onde casaron en outubro de 1851.
Volveron a Hesse, onde o irmán máis vello do noivo, o Gran Duque Lois III de Hesse-Darmstadt estaba desgustado polo inferior status dinástico da muller de seu irmán. Nomeouse a Xulia condesa de Battenberg (nome dunha pequena cidade no norte de Hesse onde eles viviron apartados nun primeiro momento), pero os seus fillos ficaron definitivamente excluídos da liña de sucesión. Por fin a condesa foi elevada ao rango de princesa, e a parella puido así volver a Darmstadt.
Ao perderen as súas prerrogativas dinásticas, o príncipe Alexandre e a súa morganática esposa viviron unha vida tranquila. A súa familia vivía principalmente no castelo de Heiligenberg, xunta a Jugenheim, no sur de Hesse.
Descendencia
[editar | editar a fonte]Alexandre de Hesse e Xulia de Battenberg tiveron cinco fillos, que herdaron o título e o apelido de súa nai. Os fillos foron:
- María de Battenberg (1852 - 1923).
- Lois de Battenberg (1854 - 1921).
- Alexandre de Battenberg (1857 - 1893).
- Henrique de Battenberg (1858 - 1896).
- Francisco Xosé de Battenberg (1861 - 1924).
Malia todos os escándalos, a familia de Battenberg conseguiu ser aceptada pola nobreza europea. Entre os seus descendentes destacan:
- Luísa de Battenberg - Raíña de Suecia, consorte de Gustavo VI Adolfo.
- Filipe de Edimburgo, Duque de Edimburgo - Esposo de Isabel II do Reino Unido.