Aleksei Antonov
Aleksei Innokentievich Antonov, nado en Hrodna o 15 de setembro de 1896 e finado en Moscova o 18 de xullo de 1962, foi un xeneral soviético que participou no desenvolvemento de case todas as operacións significativas do Exército Vermello dende decembro de 1942 no decurso da segunda guerra mundial.[1]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos
[editar | editar a fonte]Seu pai, Innokentii Antonov, fillo de militar, era oficial de artillaría e súa nai era Teresa Antonova. Por parte de pai era tártaro keräşen[2][3] e a súa nai era polaca, filla dun exiliado enviado a Siberia por participar na revolta de xaneiro (1863-1864). Aleksei naceu na cidade belarusa de Hrodna onde seu pai estaba destinado, foi o segundo fillo da familia, tras a súa irmá máis vella, Liudmila. En 1904 a Innokentii destinárono a Ostroh (Ucraína) e Aleksei estudou na escola da cidade. En 1908 morreu seu pai, e a familia viviu da pensión da nai que completaba dando clases preparatorias a estudantes da localidade. En 1914 logo do comezo da primeira guerra mundial a familia estableceuse en Petrogrado, onde a nai tiña familiares. Ao ano seguinte morreulle a nai.
Primeira guerra mundial e Guerra civil
[editar | editar a fonte]En 1916 entrou no exército imperial e en decembro tras recibir un curso de adestramento acelerado graduouse na Escola Militar Pavel[4] con destino como praporshchik no Rexemento de cazadores da Garda. A primeiros de 1917 integrouse no 8º Exército na fronte do suroeste so o mando do xeneral Alexei Kaledin e entrou en combate no verán de 1917 no decurso da ofensiva Kerenskii no sur de Stanislau. Durante a contraofensiva alemá ferírono na cabeza, recuperándose nun hospital en Petrogrado. Polo seu valor recibiu a Orde de Santa Ana de 4º grao[5].
En setembro de 1917 participou na construción de estruturas defensivas nos outeiros de Pulkovo, na periferia de Petrogrado, contra o intento de Golpe de Estado de Kornilov, permaneceu en servizo activo logo da revolución de outubro e en marzo de 1918 pasou á reserva para estudar no Instituto Forestal de Petrogrado e asemade traballar no comité local de alimentos. Mais a Guerra civil e a intervención aliada fixo que Antonov volvese ao servizo activo no Exército Vermello en abril de 1919. Cumpriu funcións de oficial de Estado Maior[6] en diversas unidades en Ucraína.
Entreguerras
[editar | editar a fonte]En 1931 graduouse na Academia Militar M.V. Frunze[7] e destinado como xefe de Estado Maior da 46 División de Infantaría con sede en Korosten (Ucraína). Entre 1932 e 1933 volveu de novo á academia militar, ao recentemente creado departamento de operacións, e logo regresou á súa antiga unidade. Entre outubro de 1934 e agosto de 1935 serviu como xefe de Estado Maior da XII rexión fortificada Mogilev-Iampol e despois no departamento de operacións do distrito militar de Khárkiv.
No curso 1936-1937 foi profesor da reorganizada Academia de Estado Maior do Exército Vermello, onde daban clase a elite dos teóricos da arte militar soviética: Mikhail Alafuso, Dmitrii Karbishev ou Evgenii Shilovskii e tivo como alumnos a recoñecidos militares como Aleksandr Vasilevskii, Leonid Govorov, Ivan Bagramyan ou Nikolai Vatutin. En xullo de 1937 serviu como xefe de Estado Maior do distrito militar de Moscova coa misión de organizar novos escenarios por mor da reorganización da estrutura das divisións de infantaría, coa aparición de divisións de artillaría antitanque e antiaéreas así como un batallón de carros de combate e unha completamente reorganizada forza aérea.
A partir de decembro de 1938 dedicouse á docencia e investigación na Academia M. V. Frunze, en particular estudou a táctica ofensiva do exército alemán e o uso dos carros de combate durante a guerra civil española e foi un dos autores dos manuais tacticos cos que o Exército Vermello vai comezar a guerra[8]. O 4 de xuño de 1940 ascendeu a xeneral maior[9] e en marzo de 1941 asumiu o posto de subdirector de persoal do distrito militar de Kíiv.
Segunda guerra mundial
[editar | editar a fonte]Fronte Sur
[editar | editar a fonte]O 24 de xuño de 1941 ao principiar a operación Barbarossa Antonov asumiu o posto de xefe de persoal do distrito militar especial de Kíiv coa misión de realizar unha rápida mobilización do exército e en operacións de evacuación da primeira liña de combate. En agosto asumiu as funcións de xefe de persoal da Fronte Sur. A finais de agosto e primeiros de setembro o grupo de exércitos "Sur" chegou ao Dnieper nunha ampla fronte dende Khersón ata Kíiv e a finais de setembro as tropas soviéticas loitaban por manter a rexión de Melitopol. O 5 de outubro, Antonov incorporouse ao 9º Exército para asistir o seu comandante, Fiodor Kharitonov, para evitar que as súas tropas quedasen rodeadas polo 1º Exército Panzer. Antonov xeneralizou e sistematizou a experiencia das tropas soviéticas na loita contra do exército alemán dos primeiros meses de guerra. En outubro as súas recomendacións sobre como dirixir o combate, das tácticas de recoñecemento e mais camuflaxe e da interacción entre as diferentes forzas remitíronse os cuarteis xerais das unidades na fronte e na retagarda. Esas recomendacións xogaron un papel clave[10] na contraofensiva sobre Rostov de novembro de 1941 que planificou o propio Antonov, seguindo ordes directas de Timoshenko, organizando as forzas soviéticas involucradas e mantendo ferreamente o segredo dos movementos das tropas[11]. A reconquista de Rostov a noite do 28 de novembro Rostov foi unha primeiras ofensivas exitosas do Exército Vermello na guerra e pola súa decisiva contribución Antonov recibiu a Orde da Bandeira Vermella o 13 de decembro e a promoción a tenente xeneral o 27 de decembro. En xaneiro de 1942 planificou a Ofensiva Barvenkovo-Lozovaya.
O 28 de xullo co inicio da batalla polo Cáucaso as frontes do Sur e do Cáucaso uníronse nunha única fronte do Cáucaso Norte so o mando de Semion Budionnii. Antonov serviu como xefe de Estado Maior da fronte, dividida en dous grupos operativos. Idea súa foi a instalación de lanzadores múltiples de foguetes en dresinas. En novembro de 1942 fíxose cargo da xefatura do Estado Maior da Fronte Transcaucásica creando as condicións para que no decurso da batalla do Cáucaso os soviéticos avanzasen en xaneiro e febreiro de 1943 os alemáns deixasen libre o norte do Cáucaso. Durante o breve período que permaneceu no posto, Antonov creou 19 divisións e 211 batallóns nacionais das diferentes nacionalidades da URSS.
Estado Maior Soviético
[editar | editar a fonte]En decembro de 1942 o xefe do Estado Maior soviético, Aleksandr Vasilevskii, ofreceulle o posto de segundo xefe do Estado Maior soviético e director de operacións. En xaneiro de 1943 supervisou persoalmente a fronte de Briansk, coordinando as forzas da fronte na ofensiva Ostrogozhsk-Rossosh, que rematou o 27 de xaneiro coa vitoria soviética, e mais tamén na operación Voronezh-Kastornoe (24 de xaneiro-17 de febreiro). A finais de marzo volveu a Moscova e ao longo dos meses seguintes reuniuse con Stalin varias veces ao día. A partir da primavera/verán de 1943 participou no desenvolvemento de todas as campañas e operacións estratéxicas importantes das forzas armadas. A primeira foi a operación de Kursk, a súa planificación principiou en abril[12] traballando conxuntamente con Vasilevskii e Zhukov elaboraron un plan xeral para toda a operación, á planificada ofensiva alemá na zona de Kursk opuxeron unha defensa fondamente graduada, desangrando as tropas alemás en batallas defensivas e finalmente as forzas de cinco frontes entraron á ofensiva derrotando os alemás. Na metade dos preparativos Antonov deixou a dirección de operacións para se concentrar no Estado Maior. O 27 de agosto de 1943 ascendeu a xeneral do exército.
En novembro comezaron no Estado Maior os preparativos para a campaña militar de inverno; planificouse unha despregadura de operacións ofensivas non limitadas a unha ou dúas direccións principais, senón nunha ampla fronte dende o Báltico ata o mar Negro co uso de tropas de todas as frontes, con todo tipo de unidades, e na zona costeira, co uso da armada. A atención principal ía estar nos flancos da fronte soviético-alemá: na esquerda estaba previsto liberar a marxe dereita de Ucraína, Crimea e o acceso á fronteira da URSS; na dereita, a ruta do Grupo do Exército "norte", levantar o bloqueo de Leningrado e iniciar a liberación dos estados bálticos.
A ofensiva soviética comezou o 24 de decembro de 1943, denominada ofensiva Dnieper-Cárpatos, con forzas de cinco frontes; 0 14 de xaneiro principiou a ofensiva Leningrado-Novgorod. A campaña durou ata maio de 1944, logrando o mando todos os obxectivos principais. O 26 de marzo as tropas soviéticas dirixíronse á fronteira soviético-romanesa, no tramo de 85 quilómetros do río Prut e avanzaron cara a Europa.
A campaña de verán de 1944 tiña como obxectivo reconquistar todos os territorios da URSS so control alemán. Antonov informou a Stalin sobre a esencia da campaña a finais de abril e o 1 de maio o líder soviético asinou a orde de aprobación. Antonov trazou a dirección do golpe principal, o belaruso, poñendo persoalmente os fundamentos da ofensiva decisiva da campaña, a operación Bragation. Unha das tarefas principais na súa preparación foi a desinformación que chegaba ao inimigo sobre a dirección previa ao ataque principal. A ofensiva durou dous meses, do 24 de xuño ao 29 de agosto e terminou nunha das máis grandes derrotas do exército alemán coa destrución de 28 das 34 divisións do Grupo de Exércitos Centro e o esnaquizamento da súa primeira liña de combate[13].
Conferencia de Ialta
[editar | editar a fonte]Coa apertura o 6 de xuño de 1944 dunha segunda fronte en Europa, xurdiu a necesidade de coordinar os plans estratéxicos dos aliados. Para estes efectos, mediante orde nº 0318, do 23 de setembro de 1944, creouse a Oficina de Relacións Exteriores no seo do Estado Maior baixo a supervisión do maior xeneral Nikolai Slavin. Dende aquela as relacións cos aliados convertéronse nunha das áreas fundamentais da actividade de Antonov ao se facer necesario informar sistematicamente aos aliados sobre a situación na fronte soviético-alemán, coordinar os obxectivos dos bombardeos, determinar o momento das operacións e a dirección dos esforzos das tropa e da frota. Antonov comezou a reunirse frecuentemente cos xefes das misións militares dos Estados Unidos e mais da Gran Bretaña en Moscova para prepararen unha nova conferencia aliada en Ialta para resolver os problemas de coordinación das tropas.
A Conferencia de Ialta inaugurouse o 4 de febreiro de 1945 no palacio de Livadia. Na primeira sesión plenaria Antonov[14] realizou un informe polo miúdo sobre a situación na fronte soviético-alemá e sobre os plans do alto mando soviético e respondeu a varias preguntas dos xefes de delegación. Durante a reunión dos máximos responsables das forzas aliadas, decidiuse confiar a coordinación das tropas co Estado Maior do Exército Vermello e os xefes das misións militares aliadas en Moscova. Tamén se decidiu o momento no que os soviéticos ían declarar a guerra ao Xapón. En Yalta, Antonov e mais os seus axudantes tiveron que calcular e determinar que forzas, onde e en que prazo ían ter que se trasladar ao Extremo Oriente para derrotar o exército nipón; e sobre eses cálculos determinouse un período de entre dous e tres meses logo da derrota de Alemaña.
Xefe do Estado Maior
[editar | editar a fonte]En febreiro de 1945, o mariscal Vasilevskii asumiu a comandancia da 3ª fronte bielorrusa, e Antonov ocupou a xefatura do Estado Maior o 4 de febreiro. Antonov gozaba de grande autoridade con Stalin, no período 1943-1945 Stalin reuniuse con Antonov polo menos 238 veces, máis que calquera outro alto mando do exército soviético e máis que todos os comandantes de todos as frontes [15].
O 1 de abril de 1945 aprobouse o plan da operación Berlín elaborado polo Estado Maior. O 4 de xuño de 1945 "por completar habilmente as tarefas do Alto Mando Supremo na realización de operacións militares a grande escala" o xeneral Antonov logrou a Orde da Vitoria, foi unha recompensa excepcional ao ser o resto dos galardoados como mínimo mariscais.
Nos primeiros días de xuño, Antonov e Vasilevskii dirixiron o desenvolvemento da campaña contra o Xapón. Na Conferencia de Potsdam celebrada do 17 de xullo ao 2 de agosto, Antonov informou da operación aos representantes militares dos Estados Unidos e Gran Bretaña e o 7 de agosto, Stalin asinou unha orde para o comezo das hostilidades contra o Xapón na mañá do 9 de agosto. Ao cabo de tres semanas, os soviéticos derrotaron o exército xaponés en Manchuria, Corea, as illas Kuriles e Sakhalin.
Posguerra
[editar | editar a fonte]Axiña rematada a guerra, a principal misión de Antonov foi a desmobilización do exército. No verán de 1945 o Exército Vermello estaba integrado por 11.365.000 efectivos[16]. Entre finais de 1945 e primeiros de 1946 disolvéronse todas as frontes e numerosos exércitos, corpos e unidades separadas, reducíndose tamén o número de escolas militares. Ata 1948 desmobilizáronse máis de 8 millóns de persoas, formáronse novos distritos militares, e o exército soviético quedou en arredor de 5 millóns de efectivos. Dende marzo de 1946, o xeneral Antonov volveu ser de novo o segundo xefe do Estado Maior soviético.
O 10 de febreiro de 1946 entrou no Soviet das Nacionalidades do Soviet Supremo da Unión Soviética e tamén ingresou no Comité Central do Partido Comunista da República Socialista Soviética de Xeorxia.
O 6 de novembro de 1948 transferírono ao Distrito Militar Transcaucásico, con sede en Tbilisi. Durante ese ano, o xeneral foi o primeiro subcomandante e dende 1950 ata 1954 comandou as formas do distrito. En 1954 regresou a Mosova adxunto ao xefe do Estado Maior, Vasilii Sokolovski e, asemade, asesor do ministerio de Defensa da URSS. Tras o asinamento o 14 de maio de 1955 do Pacto de Varsovia Antonov encabezou dende a capital soviética o cuartel xeneral das forzas combinadas dos países do Pacto de Varsovia. Encargouse do labor principal de establecer o aparello de mando dos diferentes exércitos e de organizar o adestramento de tropas en accións conxuntas, participando persoalmente en moitos exercicios militares das tropas aliadas.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "General Armii Aleksey Antonov", artigo do xeneral S. Shtemenko en militera.ru
- ↑ Os keräşens son tártaros convertidos á ortodoxia entre os séculos XVI e o XIX
- ↑ "Татарның бөек улы — армия генералы Антонов Алексей Иннокентьевич". Arquivado dende o orixinal o 21 de febreiro de 2014. Consultado o 13 de setembro de 2019. // TatarFact
- ↑ Spencer C. Tucker (2016) World War II: The Definitive Encyclopedia and Document Collection. Volume I, Santa Barbara:ABC-Clio, p. 129
- ↑ VV.AA. (2014) Великие полководцы России. Том 18: Полководцы Великой Отечественной, книга 2. Moscova:Komsomolskaya Pravda, p. 4
- ↑ Martin Mccauley (2002) Who's Who in Russia since 1900 Londres:Routledge, p. 20
- ↑ Timothy C. Dowling (2014) Russia at War: From the Mongol Conquest to Afghanistan, Chechnya, and Beyond. Vol. I. Santa Barbara:ABC-CLIO, p. 41
- ↑ David Zabecki (2008) Chief of Staff, Vol. 2: The Principal Officers Behind History's Great Commanders, World War II to Korea and Vietnam. Annapolis:Naval Institute Press, p. 144
- ↑ David M. Glantz (2005) Colossus Reborn: The Red Army at War : 1941-1943 Lawrence:University Press of Kansas, p. 392
- ↑ "Антонов Алексей Иннокентьевич" 100.histrf.ru
- ↑ David M. Glantz (1989) Soviet Military Deception in the Second World War Abingdon: Frank Cass, p. 43
- ↑ David M. Glantz, David e Jonathan M. House (2004) [1999]. The Battle of Kursk. Lawrence: University Press of Kansas, pp. 28-29
- ↑ Alex Buchner (1995) Ostfront 1944: The German Defensive Battles on the Russian Front 1944. Schiffer, p. 212
- ↑ Pierre de Senarclens (1988) Yalta. Oxford:Transaction Publishers, p.49 (ed. orix. 1984 Presses Universitaires de France)
- ↑ "Список руководящего состава вооруженными силами, бывшего на приеме у И. В. Сталина в 1941—1945 гг." militera.lib.ru
- ↑ Richard W. Harrison (2010) Architect of Soviet Victory in World War II: The Life and Theories of G.S. Isserson Jefferson:McFarland, p. 304