Saltar ao contido

Álbum de la Caridad

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Album de la Caridad»)

Álbum de la Caridad
Album de la Caridad. Juegos Florales de La Coruña en 1861
Título orixinalÁlbum de la Caridad
Lingualingua galega e lingua castelá
Xénero(s)poesía
Data de pub.1862
EditorAntonio María de la Iglesia
Na rede
Galiciana: 5195
editar datos en Wikidata ]

O Álbum de la Caridad é un volume publicado en 1862 no que se recollen, xunto con outros textos, as composicións poéticas presentadas nos xogos florais da Coruña do 1861. A escolma, con poemas en galego e castelán, realizouna o poeta Antonio María de la Iglesia e a edición custeouna José Pascual López Cortón. Un consistorio de sete mantedores e cen adxuntos fixeron realidade este certame, organizado en diversas categorías segundo as temáticas propostas. O Álbum comeza cunha dedicatoria de López Cortón á Asociación de Beneficiarios da Coruña; a seguir enuméranse os mantedores e adxuntos, as actas do certame, as bases e descrición dos xogos, o discurso do presidente do Consistorio, a memoria do secretario, as composicións premiadas e un discurso de José Villa-amil y Castro. Como remate do volume, o Mosaico poético dos poetas contemporáneos galegos.

Composicións

[editar | editar a fonte]

Esta antoloxía representa a máis antiga e valiosa mostra dos poetas galegos da época, onde xa aparecen figuras do Rexurdimento pleno como Rosalía de Castro ou Eduardo Pondal. Entre as poesías recollidas hai composicións de Francisco Fernández Anciles, Vicente Turnes, Alberto Camino, Luís Aguirre del Río e Antonio María de la Iglesia entre outros.

En verso, establécense os apartados "A Galicia", "A la religión", "A la caridad", "A María Pita" e "Al enamorado Macías", dos que só o primeiro ten que ser necesariamente en galego, deixando liberdade de lingua para o resto. En prosa, os discursos versarán sobre a "Necesidad de escribir la historia filosófica de Galicia desde los tiempos más remotos hasta nuestros días y su utilidad para el porvenir" ou a "Situación del monte Medulio y sus incidencias históricas".

Todas as composicións participantes recóllense baixo o título de Álbum de la Caridad. Juegos florales de la Coruña en 1861 seguido de un mosaico poético de nuestros vates gallegos contemporáneos, que ve a luz en 1862 e conta cunha edición facsimilar de 1989.

O Álbum de la Caridad vai encabezado cunha "Dedicatoria" a Juana de Vega, presidenta da Asociación de Beneficiencia da Coruña, texto que López Cortón aproveita para xustificar a convocatoria do certame. A seguir, as bases que rexen o concurso, a lista de mantedores e a "Acta de la solemnidad" (recollendo o fallo do xurado) dan paso ós discursos lidos no acto de entrega, a un poema anónimo en homenaxe ós Xogos Florais e ós textos galardoados nas diferentes categorías, entre os que destaca a única composición en galego: o poema "A Galicia" de Francisco Añón que acada un polémico accésit. Así pois, o máis interesante deste volume, tanto pola súa extensión como a nivel literario, é o "Mosaico poético de nuestros vates gallegos contemporáneos", unha recolecta onde o propio compilador, Antonio de la Iglesia, desculpa a orde dos poetas, a elección dos textos e a ausencia de certas voces, salientadas nunha lista final, a quen se pedira colaboración sen éxito.

Escolla lingüística

[editar | editar a fonte]

Os textos recollidos no "Mosaico" divídense entre galego e castelán, contrastando así cos galardoados nos xogos florais onde só un -o poema de Añón- figura en galego. A presenza nel de voces tan importantes como as de Xoán Manuel Pintos, Alberto Camino, Vicente Turnes, Francisco María de la Iglesia, Marcial Valladares ou Manuel Murguía levou a Ricardo Carballo Calero a ver "Mosaico" o primeiro repertorio antolóxico do Rexurdimento da literatura galega, pois pecha xa a etapa dos precursores malia apareceren nel aínda Rosalía e Pondal, unha opinión común á meirande parte das historias da literatura posteriores. Por veces, algúns autores alternan na escolla lingüística e así atopamos no "Mosaico" composicións en castelán de Murguía, Rosalía, Antonio de la Iglesia, Nicomedes Pastor Díaz ou do propio López Cortón. Nas súas páxinas figuran algúns textos sobresaíntes na literatura galega entre os que se atopan A gaita gallega ou Cantares gallegos.

Temática

[editar | editar a fonte]

Destaca un amplo grupo de poemas de circunstancias adicados a celebrar distintos acontecementos da vida real. Non faltan tampouco textos vinculados á entronización eclesiástica nin poemas costumistas. Nunha dimensión máis intimista destacan dúas liñas temáticas primordiais: a vinculada ás mostras de pesar, onde se inclúen os poemas plenos de patetismo de Alberto Camino: "O desconsolo", "Nai chorosa" ou "As malas novas", coa morte dos seres máis queridos como motivo de aflición. Por outra banda, tamén está presente o sentimento de saudade dos que están lonxe da terra, "A campana d'Anllóns" de Eduardo Pondal, "A miña aldea" e "Suidades" de Marcial Valladares, "Léjos d-éla" de Alberto Camino e "Muiñeira da despedida" de Antonio de la Iglesia. Neles, a emigración e o exilio desenvólvense desde varios puntos de vista.

A influencia da literatura pastoril e das églogas faise patente en "Recordos da infancia" de Francisco Añón, "Desdichas do meu amor" de Ramón Barros Sibelo e "Para min non hay consolo" de Francisco Fernández Anciles, composicións que comparten como voz lírica a de varios pastores chorando desconsolados polo amor perdido. Nesta liña están tamén o mal de amores que sofre a nena de "En el álbum de Elina Avendaño" de Murguía, o canto das coitas na oliveira en "O rogo do namorado" de Domingo Camino, a petición da morte como solución única á dor da soidade en "¡Os lamentos!" de Domingo Camino, o desengano do namorado que rolda de noite a fiestra da moza sen que esta esperte en "¡Dorme!" de Alberto Camino, ou os lamentos da "Coitadiña" de José López de la Vega.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]