Ajuria Enea
Ajuria Enea | |
---|---|
Fachada principal | |
Coordenadas | 42°50′27″N 2°40′44″O / 42.8408, -2.67889 |
[ editar datos en Wikidata ] |
Ajuria Enea é un palacio da cidade vasca de Vitoria que constitúe a residencia oficial do lehendakari da comunidade autónoma do País Vasco. O seu nome provén da separación en dúas palabras de "Ajuriaenea", denominación en éuscaro que está composta polo apelido da familia que construíu o pazo, os Ajuria, declinado en éuscaro na forma do xenitivo, vindo a significar "de Ajuria".
A decisión de converter o Pazo de Ajuria Enea en residencia oficial do lehendakari tomouse baseándose nos valores arquitectónicos do edificio, acorde á función política á que ía destinado. Foi o 13 de outubro de 1980 cando o Goberno Vasco formalizou a adquisición dos terreos á súa antiga propietaria, a Deputación Foral de Áraba. Ese mesmo ano, Carlos Garaikoetxea, primeiro presidente do País Vasco da democracia, ocupou oficialmente o edificio.
Historia
[editar | editar a fonte]Tras converterse en 1920 na residencia da familia Ajuria, o edificio foi traspasado en 1966 á orde relixiosa das Nais Escolapias, as cales a transformaron nun centro de ensino. Seis anos despois, en 1972, foi adquirido pola Deputación Foral de Áraba para convertelo no museo de arte vasca.
O centro abriu as súas portas ao público en 1978 e durante os dous anos seguintes, miles de persoas percorreron as súas estanzas contemplando as xoias pictóricas que colgaban das súas paredes.
Aínda que a Deputación Foral de Biscaia ofreceu o Pazo de Artaza como residencia do Lehendakari (xunto co antigo seminario de Derio como edificio para o Goberno Vasco e o Deposito Franco de Bilbao para o Parlamento Vasco), a primeira lei do Parlamento fixou Vitoria como a sede das institucións vascas.
Unha vez tomada a decisión de convertelo definitivamente na residencia oficial do lendakari, acometeuse unha remodelación interna do edificio consistente na transformación da última planta en vivenda e a adecuación do resto do pazo ás funcións dun presidente de Goberno. A titularidade definitiva do Pazo de Ajuria Enea pasou ás mans da comunidade autónoma o 14 de marzo de 1989.
Arquitectura
[editar | editar a fonte]Situado no paseo Fray Francisco do barrio de Mendizorrotza, en Vitoria, o Pazo de Ajuria Enea foi construído en 1920 polo arquitecto suízo Alfredo Baeschlin e o contratista Hilarión San Vicente, a instancias dun industrial vitoriano chamado Serafín Ajuria Urigoitia, que fixo fortuna coas súas fábricas en Araia e Vitoria, unha das zonas residenciais máis notables da cidade.
O seu aspecto exterior presenta todos os elementos arquitectónicos da arte neovasco: dobre arcada na planta baixa, tres ventanais centrais unificados con ocos balconados e elementos heráldicos no primeiro piso, ventás de arco de medio punto xunto aos esquinais cilíndricos coroados en arcobotantes da planta superior, e un amplo aleiro rematado en belos pináculos alzados cara ao ceo na cuberta.