Adenoma
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos. Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico. |
Un adenoma (do grego antigo αδένας, adeno, 'glándula' -ώμα, oma, 'tumor') é un tumor benigno de tecido epitelial de orixe glandular, características glandulares ou ambas. Os adenomas poden crecer a partir de moitos órganos glandulares, como as glándulas adrenais, glándula pituitaria, tiroide, próstata e outras. Algúns adenomas crecen a partir de tecido epitelial en áreas non glandulares pero expresan estruturas de tecido glandular (como ocorre na polipose de colon familiar). Aínda que os adenoma son en principio benignos, co tempo poden transformarse en malignos, e nese caso denomínanse adenocarcinomas. A maioría dos adenomas non se transforman, pero incluso cando son benignos poden ser a causa de complicacións da saúde graves ao comprimiren outras estruturas e ao producir grandes cantidades de hormonas de foma non regulada, de maneira non dependente de retroalimentación (causando síndromes paraneoplásticos). Algúns adenomas son demasiado pequenos para poder verse macroscopicamente pero aínda así poden causar síntomas clínicos.
Histopatoloxía
[editar | editar a fonte]Un adenoma é un tumor benigno dun tecido glandular, como a mucosa do estómago, intestino delgado e colon, no cal as células tumorais forman glándulas ou estruturas de tipo glandular. En órganos ocos (como o tracto dixestivo), o adenoma crece no lume, formando pólipos adenomatosos ou adenomas polipoides. Dependendo do tipo de base de inserción, o adenoma pode ser pedunculado (con cabeza lobular e un talo longo delgado) ou sésil (de base larga).
A proliferación adenomatosa está caracterizada por diversos graos de displasia celular (atipia ou perda da diferenciación normal do epitelio), células irregulares con núcleos hipercromáticos, núcleos (pseudo)estratificados, nucléolos anormais, diminución da mucosecreción e mitose. A arquitectura pode ser tubular, vilosa ou tubulo-vilosa. A membrana basal e a mucularis mucosae están intactas.
Localizacións
[editar | editar a fonte]Colon
[editar | editar a fonte]Os adenomas de colon, tamén chamados pólipos adenomatosos, son bastante comúns. Encóntranse normalmente por medio de colonoscopias. Son extirpados debido á súa tendencia a converterse en malignos e orixinar cancro de colon.
Renal
[editar | editar a fonte]É un tumor que xeralmente é pequeno e asintomático, e deriva dos túbulos renais. Pode ser unha lesión precursora dun carcinoma renal.
Adrenal
[editar | editar a fonte]Os adenomas adrenais son comúns, e encóntranse a miúdo no abdome, xeralmente non son o foco de investigacións; xeralmente se descobren accidentalmente. Aproximadamente só 1 de cada 10 000 son malignos. Así, xeralmente non se realiza unha biopsia, especialmente se a lesión é homoxénea e menor de 3 centímetros. A toma de sucesivas imaxes durante de tres a seis meses pode confirmar a estabilidade do crecemento.
Aínda que algúns adenomas adrenais non segregan hormonas, algúns segregan cortisol, causando a síndrome de Cushing, ou aldosterona, causando a síndrome de Conn, ou andróxenos, causando hiperandroxenismo.
Tiroide
[editar | editar a fonte]Aproximadamente en 1 de cada 10 persoas encóntranse nódulos solitarios de tiroide. Deben de ser examinados porque unha pequena porcentaxe deles son malignos. Xeralmente a biopsia confirma que ese crecemento é un adenoma, pero por veces é necesaria a extirpación cirúrxica, especialmente cando a biopsia indica que son de tipo folicular.
Pituitaria
[editar | editar a fonte]Os adenomas de glándula pituitaria obsérvanse no 10% dos pacientes neurolóxicos, pero unha gran parte deles quedan sen diagnosticar. O tratamento é xeralmente cirúrxico, ao cal normalmente os pacientes responden ben. O subtipo máis común é o prolactinoma, máis frecuente en mulleres, e é diagnosticado frecuentemente durante o embarazo a medida que a hormona proxesterona incrementa o seu crecemento. A terapia médica con cabergolina ou bromocriptina xeralmente suprime os prolactinomas; a terapia con antagonistas da proxesterona non demostrou que fose eficaz.
Paratiroide
[editar | editar a fonte]Un adenoma dunha glándula paratiroide pode segregar cantidades inapropriadamente altas de hormona paratiroide e así causar hiperparatiroidismo primario.
Fígado
[editar | editar a fonte]Ver adenoma hepatocelular. Os adenomas hepáticos son un tumor raro e benigno do fígado, que pode presentarse con hepatomegalia e outros síntomas.
Mama
[editar | editar a fonte]Os adenomas de mama denomínanse fibroadenomas. Xeralmente son moi pequenos e difíciles de detectar. A miúdo non presentan síntomas. Os tratamentos poden incluír biopsia con agullas e/ou extirpación.
Apéndice
[editar | editar a fonte]Os adenomas poden aparecer tamén no apendice, pero son extremadamente raros. A versión máis común é o cistadenoma. Xeralmente descóbrense no curso dun exame dos tecidos extirpados nunha apendicectomía. Se o apéndice rompeu e estaba presente un tumor, isto pode presentar moitos problemas, especialmente se células malignas se espallaron polo abdome.
Bronquial
[editar | editar a fonte]Os adenomas bronquiais son adenomas localizados nos bronquios. Poden causar síndrome carcinoide, un tipo de síndrome paraneoplástico.[1]
Sebáceo
[editar | editar a fonte]Un adenoma sebáceo é unha condición cutánea caracterizada por un lento crecemento do tumor que xeralmente presenta un nódulo ou pápula de cor carne, rosa ou amarelo.
Glándulas salivares
[editar | editar a fonte]A maioría dos tumores nas glándulas salivares son benignos e case nunca supoñen unha ameaza para a vida. Hai moitos tipos destes tumores benignos, denominados adenomas, oncocitomas, tumores de Warthin, e tumores mixtos benignos (tamén chamados adenomas pleomórficos). Os tumores benignos son case sempre curados por cirurxía. Moi raramente chegan a converterse en cancerosos se se deixan sen tratar durante un longo tempo ou se non son completamente extirpados e volven crecer. Non está claro como os tumores benignos se converten en cancerosos. Hai moitos tipos de cancros salivares. As glándulas salivares normais están feitas de varios tipos de células e os tumores poden empezar en cada un deses tipos. Os cancros de glándulas salivares denomínanse segundo cal é o tipo de célula ao que máis se parecen visto ao microscopio.[2]
Próstata
[editar | editar a fonte]O adenoma de próstata desenvóvlese a partir das glándulas periuretais nos lobos lateral ou medio.
Tratamento
[editar | editar a fonte]Un exemplo común de tratamento é o recomendado polas organizacións médicas despois da extirpación de pólipos adenomatosos. No caso común de extirpación dun ou dous destes pólipos do colon dun paciente que non ten especiais factores de risco para o cancro, a mellor práctica é volver facer un exame colonoscópico de 5 a 10 anos despois en vez de repetilo máis frecuentemente que as recomendacións estándar.[3][4][5]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Table 6-5 in: Mitchell, Richard Sheppard; Kumar, Vinay; Abbas, Abul K.; Fausto, Nelson (1997). Robbins Basic Pathology. Philadelphia: Saunders. ISBN 1-4160-2973-7. 8th edition.
- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 07 de xaneiro de 2017. Consultado o 03 de xaneiro de 2018.
- ↑ American Gastroenterological Association. "Five Things Physicians and Patients Should Question" (PDF). Choosing Wisely: an initiative of the ABIM Foundation. American Gastroenterological Association. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 09 de agosto de 2012. Consultado o August 17, 2012.
- ↑ Winawer, S.; Fletcher, R.; Rex, D.; Bond, J.; Burt, R.; Ferrucci, J.; Ganiats, T.; Levin, T.; Woolf, S.; Johnson, D.; Kirk, L.; Litin, S.; Simmang, C.; Gastrointestinal Consortium, P. (2003). "Colorectal cancer screening and surveillance: Clinical guidelines and rationale—Update based on new evidence". Gastroenterology 124 (2): 544–560. PMID 12557158. doi:10.1053/gast.2003.50044.
- ↑ Jarbol, D. E.; Kragstrup, J.; Stovring, H.; Havelund, T.; Schaffalitzky De Muckadell, O. B.; Deal, S. E.; Hoffman, B.; Jacobson, B. C.; Mergener, K.; Petersen, B. T.; Safdi, M. A.; Faigel, D. O.; Pike, I. M.; ASGE/ACG Taskforce on Quality in Endoscopy (2006). "Proton Pump Inhibitor or Testing for Helicobacter pylori as the First Step for Patients Presenting with Dyspepsia? A Cluster-Randomized Trial". The American Journal of Gastroenterology 101 (6): 1200–1208. PMID 16635231. doi:10.1111/j.1572-0241.2006.00673.x.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Adenoma |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Fotos de adenoma de colon en Atlas of Pathology