Saltar ao contido

Abelleiro europeo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Abelleiro europeo
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Falconiformes
Familia: Accipitridae
Xénero: Pernis
Especie: P. apivorus
Nome binomial
'Pernis apivorus'
(Linnaeus, 1758)
Laranxa: Verán Azul: Inverno
Laranxa: Verán
Azul: Inverno

Laranxa: Verán
Azul: Inverno

O abelleiro europeo[2] ou miñato abelleiro[3] (Pernis apivorus) é unha ave de rapina especializada na captura de insectos, en especial avésporas e abellas.

Descrición

[editar | editar a fonte]

É un miñato de entre 55 e 60 cm. de lonxitude e cunha envergadura de ás de ata 150 cm. Pesan entre 500 e 1000 g. Teñen a cola longa, o bico moito máis débil ca outras especies de falconiformes e ollos amarelos. A coloración das plumas é moi variable. A parte superior é en xeral castaña e a inferior máis clara. Os machos adultos adoitan ter a cabeza gris. En voo recoñécense polo corpo delgado e a cabeza relativamente pequena, que levan estricada ó xeito das pombas cando voan, e pola cola longa, que amosa dúas barras escuras e outra barra distal máis ancha tamén escura.

O abelleiro europeo vive en áreas preto das lindes dos bosques, claros de bosque, preto de campos cultivados ou de prados, en bosques pechados ou en asentamentos humanos nos que abunden os parques e zonas arboradas.

Fan os niños en árbores altas, preferentemente en áreas de bosque mesto, sempre preto de áreas despexadas.

Son aves migratorias, que aparecen en case toda Europa (agás o extremo norte) e no oeste de Asia entre abril e setembro. Teñen os seus cuarteis de inverno na África tropical. Ó seren migradores de longa distancia dependen da orientación magnética para atopar a ruta correcta cara ó sur, pero axúdanse tamén coa memoria visual dos accidentes xeográficos máis destacados, coma ríos e montañas. Seguen rutas migratorias moi precisas, para evitar no posible cruzar grandes extensións acuáticas, sobre as que non poderían atopar as correntes de aire que lles facilitan o voo. Deste xeito, cruzan o Mediterráneo polos estreitos de Xibraltar, e o Bósforo, ou cruzan sobre Israel.

Alimentación

[editar | editar a fonte]

A súa dieta componse principalmente de avespas e das súas larvas, o que lle é facilitado polas plumas duras da cabeza que o protexen contra as aguilloadas. Malia o seu nome, a importancia das abellas para a súa nutrición é menor. Comen tamén saltóns, anfibios e ás veces paxaros e mamíferos pequenos. A finais do verán as froitas forman tamén parte da súa alimentación.

Agás na primavera, cando as exhibicións dos machos durante o cortexo a fan máis visible, é unha ave reservada. Os machos reprodutores son moi territoriais, é habitual velos planeando aproveitando as correntes térmicas, coas ás estiradas e as puntas horizontais ou algo apuntadas cara a abaixo. Cando se moven en áreas de bosque, voan baixo e póusanse co corpo relativamente horizontal, coa cola caída.

A miúdo móvese inquedo na súa percha, dende a que busca posibles localizacións de alimento. Tamén saltan de pola en pola, axitando as ás durante o salto.

Reprodución

[editar | editar a fonte]
Pernis apivorus

Regresan ás áreas de cría entre finais de abril e maio. A época reprodutora vai de maio a xullo. Os dous membros da parella constrúen o niño arbóreo nun punto alto, que cobren con follas verdes. Poñen entre un e tres ovos, en xeral dous, que chocan unhas cinco semanas. Os pitos poden voar cando teñen uns 45 días.

Ameazas e protección

[editar | editar a fonte]

É unha especie protexida segundo as Normativas de protección de aves de 1979 da Unión Europea. Nalgúns países do sur de Europa e de Asia son cazados ilegalmente durante a viaxe migratoria.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Gensbøl, Benny (1989). Collins guide to the Birds of Prey of Britain and Europe North Africa and the Middle East. William Collins Sons and Co Ltd. ISBN 0-00-219176-8.