Ceres (planeta anano)
Ceres | |||||||
Descubrimento | |||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|
Descuberto por | Giuseppe Piazzi | ||||||
Descuberto o | 1 de xaneiro de 1801 | ||||||
Características orbitais | |||||||
Semieixo maior | 2,76636 UA | ||||||
Excentricidade | 0,07934 | ||||||
Período orbital (sideral) | 1680,59236 días | ||||||
Período orbital (sinódico) | 366,7 días | ||||||
Velocidade orbital media | 17,882 km/s | ||||||
Inclinación orbital | 10,58554 ° | ||||||
Número de satélites | 0 | ||||||
Características físicas | |||||||
Diámetro ecuatorial | 952,4 km | ||||||
Área superficial | 2.800.000 km2 | ||||||
Masa | 9,5 × 1020 kg | ||||||
Densidade media | 2,08 g/cm3 | ||||||
Gravidade superficial | 0,27 m/s2 | ||||||
Período de rotación | 9,075 Horas | ||||||
Albedo | 0,09 | ||||||
Velocidade de escape | 0,51 km/s | ||||||
Temperatura superficial |
|
Ceres o 1 Ceres (símbolo: )[1] é un planeta anano do Sistema Solar, descuberto o 1 de xaneiro de 1801 por Giuseppe Piazzi mentres traballaba na compilación dun catálogo estelar. Foi primeiro considerado un planeta, despois un asteroide e desde o 24 de agosto de 2006 está considerado como un planeta anano. Conta cun diámetro de 959,2±4,8 × 932,6±9,0 km e unha superficie de 1 800 000 km², e é o máis grande asteroide do tradicional cinto de asteroides. É con moito o asteroide de maior masa no cinto de asteroides, cun 32% da masa total. Observacións recentes mostraron que é esférico, a diferenza das formas irregulares de corpos máis pequenos (e menor gravidade). A súa superficie probabelmente está feita dunha mestura de xeo de auga e varios minerais hidratados como os carbonatos e arxilas. Ceres semella estar diferenciado nun núcleo rochoso e nun manto de xeo. Podería abeirar mesmo un océano de auga líquida baixo a súa superficie, se así for, converteríao nun albo potencial na busca de vida extraterrestre.
Orixinalmente foi denominado Ceres Ferdinandea pola figura mitolóxica de Ceres (a deusa das plantas a medrar, a colleita e o amor maternal) e en honor ao rei Fernando III de Sicilia.
A magnitude aparente de Ceres abrangue desde 6,7 até 9,3, mesmo no seu máximo brillo é aínda tenue demais para velo co ollo nu. O 27 de setembro de 2007, a NASA enviou a sonda espacial Dawn ("abrente") para explorar 4 Vesta (2011-2012) e mais Ceres (2015)[2].
Descubrimento
[editar | editar a fonte]A idea de que un planeta descoñecido puider existir entre as órbitas de Marte e Xúpiter foi unha suxestión feita por primeira vez en 1768 por Johann Elert Bode. El baseaba isto na chamada (hoxe) Lei de Titius-Bode, unha teoría abandonada actualmente proposta por Johann Daniel Titius en 1766. Concorde a esta lei o semieixo maior do planeta debería ficar próximo ás 2,8 UA (unidades astronómicas). O descubrimento de Urano por William Herschel en 1781, acreditou a devandita lei, e en 1800, até vinte e catro experientes astrónomos traballaban conxuntamente nunha busca metódica do proposto planeta. O grupo estaba encabezado por Franz Xavier von Zach, editor do Monatliche Correspondenz. Aínda que non descubriron Ceres, despois acharon moitos grandes asteroides.
Ceres descubriuse o 1 de xaneiro de 1801 por Giuseppe Piazzi, quen estaba a buscar unha estrela listada por Francis Wollaston como Mayer 87 xa que non estaba no catálogo zodiacal de Mayer na posición dada. En vez dunha estrela, Piazzi atopou un obxecto parecido a unha estrela, en movemento, e pensou que o obxecto era un cometa[3]. Piazzi observou Ceres un total de 24 veces, a última en 11 de febreiro, cando unha doenza interrompeu as súas observacións. Anunciou o seu descubrimento o 24 de xaneiro de 1801, en cartas a compañeiros astrónomos[4], entre eles o seu compatriota Barnaba Oriani de Milán. Relatouno como un cometa mais "sendo o seu movemento tan devagar e case uniforme, ocorréuseme moitas veces que talvez podería ser algo mellor ca un cometa". En abril, Piazzi enviou as súas observacións completas a Oriani, Bode e Jerôme Lalande en París. A información foi publicada no exemplar de setembro de 1801 do Monatliche Correspondenz.
Axiña despois disto, a posición aparente de Ceres mudou (mormente polo propio movemento orbital da Terra). Daquela aparecía preto de máis do resplandor solar, e entón outros astrónomos non puideron confirmar as observacións de Piazzi até o final do ano. Porén, despois de tanto tempo era difícil predicir a súa posición exacta. Para recuperalo, Carl Friedrich Gauss, na altura con 24 anos, desenvolveu un método eficiente de determinación orbital. En só unhas poucas semanas, predixo o seu percorrido, e enviou os seus resultados a von Zach. O 31 de decembro de 1801, von Zach e Heinrich Olbers encontraron Ceres próximo da posición predita.
En 1802 Herschel estimou ter Ceres uns 260 km de diámetro, e en 1811 Johann Hieronymus Schröter estimou que tiña realmente 2.613 km de diámetro[5].
Nome
[editar | editar a fonte]A suxestión orixinal de Piazzi foi chamalo Ceres Ferdinandea (en italiano Cerere Ferdinandea), como honra tanto para a figura mitolóxica da deusa romana Ceres como para o rei Fernando das Dúas Sicilias[3][6]. "Ferdinandea" non foi aceptábel para outras nacións do mundo e foi tirado do nome orixinal. Tamén se lle chamou Hera un breve tempo na Alemaña[6]. En grego é chamado Δήμητρα (Démeter), que é a deusa grega equivalente á romana Ceres. En galego Démeter é o nome doutro asteroide (1108 Démeter). A forma adxectiva de Ceres en galego sería cerereano ou cereriano (do acusativo latino Cererem). O seu símbolo astronómico é a fouce. O elemento Cerio tamén debe o seu nome a Ceres, así como a palabra cereal, mesmo o elemento Paladio foi inicialmente chamado polo planeta anano, mais o descubridor mudou este nome após o descubrimento do Cerio (Paladio vén de Palas, outro asteroide).
Estado
[editar | editar a fonte]A clasificación de Ceres cambiou máis dunha vez e foi asunto de bastante desacordo. Bode acreditaba ser Ceres o "planeta perdido" que propuxera a existir entre Marte e Xúpiter, a 419 millóns de km do Sol. Asignóuselle un símbolo planetario, e permaneceu nas listaxes dos libros e táboas de astronomía como un planeta (xunto con 2 Palas, 3 Xuno e 4 Vesta) case durante a metade dun século até que se descubriran moitos máis asteroides[3][7].
Porén, cando tantos outros obxectos no cinto ían sendo descubertos, foi ficando claro que Ceres era o primeiro dunha clase de moitos corpos similares[8]. Herschel alcumounos en 1802 co termo asteroide ("semellante a unha estrela")[7], escribindo "eles lembran pequenas estrelas tanto que dificilmente se poden diferenciar delas, mesmo con moi bos telescopios"[9]. Como foi o primeiro, déuselle o número 1 Ceres baixo o moderno sistema de numeración de asteroides.
O debate de 2006 arredor de Plutón e a definición de "planeta" fixo que Ceres puidese ser (re)considerado para reclasificalo como un planeta[10][11]. Unha proposta da Unión Astronómica Internacional (IAU, International Astronomical Union) para a definición de planeta era "un corpo celeste que (a) ten masa abonda para a súa auto-gravidade vencer as forzas de corpo ríxido de tal xeito que teña unha forma en equilibrio hidrostático (aproximadamente esférica) e (b) está en órbita dunha estrela, e non é nin outra estrela nin satélite doutro planeta"[12]. De ser esta a resolución aprobada, Ceres tornaría a ser o quinto planeta. Mais non foi aceptada, e a definición aprobada (24 de agosto de 2006) acrecentaba o punto (c): "limpou (desaloxou de corpos de tamaño comparábel) a súa veciñanza nos arredores da súa órbita". Así, Ceres non é un planeta, pois partilla a súa órbita cos milleiros doutros asteroides no cinto principal, e é hoxe clasificado como "planeta anano" (xunto a Plutón, Makemake, Haumea, Eris e outros). O punto de se Ceres continúa a ser un asteroide non foi debatido. Clasificacións duplas como "cometas do cinto principal" existen de feito, e ser un planeta anano non excluíu ter outras designacións.
A misión Dawn da NASA determinou no ano 2017 que a superficie de Ceres está formada por unha mestura de rochas, xeo, sal e clatratos, e contén restos dun océano xeado de hidratos de clatrato, unha gaiola de moléculas de auga que rodean unha molécula de gas, esta configuración é de cen a mil veces máis forte que o xeo de auga, pero ten a mesma densidade.[13] A misión Dawn foi estendida indefinidamente pola NASA situando a sonda nunha órbita estable arredor de Ceres, polo que continuará orbitando a Ceres aínda que quede sen combustible.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ JPL/NASA (2015-04-22). "What is a Dwarf Planet?". Jet Propulsion Laboratory. Consultado o 2022-01-19.
- ↑ "NASA Spacecraft Becomes First to Orbit a Dwarf Planet". NASA/JPL. Consultado o 2018-07-02.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 Forbes, Eric G. (1971). "Gauss and the Discovery of Ceres". Journal for the History of Astronomy (en inglés) 2: 195–199.
- ↑ Cunningham, Clifford J. (2001). The first asteroid: Ceres, 1801-2001 (en inglés). Star Lab Press. ISBN 978-0-9708162-1-4.
- ↑ Hilton, James L. "Asteroid Masses and Densities" (PDF). U.S. Naval Observatory (en inglés). Consultado o 02-07-2018.
- ↑ 6,0 6,1 Foderà Serio, G.; Manara, A.; Sicoli, P. (2002). "Giuseppe Piazzi and the Discovery of Ceres". Asteroids III (PDF) (en inglés). University of Arizona Press. pp. 17–24. Consultado o 03/07/2018.
- ↑ 7,0 7,1 "When did the asteroids become minor planets?". aa.usno.navy.mil (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 18 de xaneiro de 2010. Consultado o 2018-07-03.
- ↑ "OAPa INAF Osservatorio Astronomico – "Giuseppe Salvatore Vaiana"". www.astropa.unipa.it (en italiano). Arquivado dende o orixinal o 22 de maio de 2011. Consultado o 2018-07-03.
- ↑ "Observations on the Two Lately Discovered Celestial Bodies on JSTOR" (en inglés). Consultado o 2018-07-03.
- ↑ "Planet debate: Proposed new definitions". New Scientist (en inglés). Consultado o 2018-07-03.
- ↑ "NZ Herald Homepage - New Zealand's latest news, business, sport and entertainment". NZ Herald (en inglés). Consultado o 2018-07-03.
- ↑ Gingerich, Owen. "The IAU draft definition of "Planet" and "Plutons"" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 05/10/2011. Consultado o 03/07/2018.
- ↑ "Dawn Finds Possible Ancient Ocean Remnants at Ceres". dawn.jpl.nasa.gov. Consultado o 29/12/2017.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Ceres |