Rally da Coruña de 1990
Tipo | edición de rally |
---|---|
Parte de | Rally da Coruña e Tempada 1990 do Campionato de Galicia de Rally |
Localización e Datas | |
País | España |
Número de edición | 18 (1990) |
Competición | |
Primeiro posto | Germán Castrillón Permuy |
O Rally da Coruña de 1990 foi a 18ª edición de dito rally e a penúltima proba da tempada 1990 do Campionato de Galicia de Rally. Celebrouse o 17 de novembro de 1990 e o vencedor foi Germán Castrillón, con Estrella Castrillón como copiloto, sobre un Ford Sierra Cosworth.[1] Con esta vitoria proclamáronse campións de Galicia por primeira vez.
Foi o primeiro rally celebrado no concello de Muros e arredores e fíxose posible despois de que a Escudería Centollo lle cedese a Senra Sport os dereitos de uso do nome de "Rally da Coruña". Foi organizado por Senra Sport coa colaboración de Siroco Team Narón e a Escudería La Coruña.[1] Celebrouse uns meses despois do 8º Rally Cidade de Cristal na Coruña, tamén puntuable para o campionato galego.
En 1991 este rally pasou a chamarse Rally Mil Vistas mentres que na Coruña celebrouse o 9º Rally da Coruña, ao obter a Escudería La Coruña os dereitos do nome e rebautizar o rally que viñan celebrando co nome de "Rally Cidade de Cristal".
Itinerario
[editar | editar a fonte]O rally constaba de 78 quilómetros cronometrados (366 contando os enlaces) repartidos en cinco treitos diferentes (Carnota, Muros, O Ézaro, Dumbría e Vimianzo) a dúas pasadas cada un excepto o de Muros que se disputou a tres pasadas.[2] O treito de Carnota constou de 4,9 km, comezando a 200 metros da igrexa de San Mamede e rematando en Cubelo. O treito de Muros, de 11 km percorreu a estrada de Muros ás Paxareiras, comezando a dous quilómetros de Muros e rematando a cinco das Paxareiras. O terceiro treito, O Ézaro, tamén de 11 km, foi dende a presa do Ézaro ata O Furiño. O treito D, Dumbría, comezou en Vilar de Colúns e rematou en Olveira sumando 3,5 km. O último treito, Vimianzo, sumou outros 3,5 km, comezando en Pasarela e rematando a 500 metros da estrada de Vimianzo a Baio.[3]
Con todo, a primeira pasada polo treito de Dumbría foi anulada pola ausencia do guindastre.[1]
Resumo
[editar | editar a fonte]Manuel Senra e José Maceiras, a bordo do seu Peugeot 205 GTI foron os primeiros líderes do rally ao gañar no treito inicial de Carnota. O máis rápido no segundo treito foi Germán Castrillón, sacándolle oito segundos a Senra e arrebatándolle a primeira praza. Castrillón sacoulle outros 15 segundos no primeiro treito do Ézaro mentres que na primeira primeira pasada por Vimianzo Senra recortoulle tres segundos. Deste xeito na neutralización de Vimianzo o líder era Castrillón, con 15 segundos sobre Senra, mentres que José Luis Montero e Antonio Garrido loitaban pola terceira praza despois do abandono de Peitos ao romper a carcasa do cambio.[1] Na segunda parte do rally Castrillón volveu sacarlle 16 segundos máis a Senra no Ézaro e mantivo a posición nos treitos restantes, logrando así a súa cuarta vitoria consecutiva[4] e o seu primeiro título de campión de Galicia.[5] Detrás de Senra chegaron os lucenses Montero e José Manuel López Parada despois de que Garrido picase unha roda e caese á quinta posición.[1]
Parada foi tamén o primeiro da Copa Renault mentres que na Citroën Challenge o vencedor foi José María Banga. Na Copa Mabor o gañador foi Amador Vidal cun Peugeot 205 Rallye, e o segundo Juanjo Pérez, que con este resultado proclamouse campión da Copa no ano 1990.[1]
Clasificación
[editar | editar a fonte]Pos | Piloto | Copiloto | Vehículo |
---|---|---|---|
1 | Germán Castrillón | Estrella Castrillón | Ford Sierra Cosworth |
2 | Manuel Senra | José Maceiras | Peugeot 205 GTI |
3 | José Luis Montero | Eladio Anllo | Lancia Delta Integrale |
4 | José M. López Parada | Renault 5 GT Turbo | |
5 | Antonio Garrido | Ford Sierra Cosworth | |
Abandonos | |||
- | Peitos | Citroën AX Sport |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 Arévalo, Fernando (19 de novembro de 1990). "Castrillón aún no se ve campeón gallego de rallies". La Voz de Galicia (en castelán). p. 44.
- ↑ Arévalo, Fernando (5 de novembro de 1990). "Senra Sport organizará el Rally de La Coruña, el próximo día 17". La Voz de Galicia (en castelán). p. 43.
- ↑ "Cincuenta pilotos participarán en el rally que transcurrirá por Dumbría y Vimianzo". La Voz de Galicia (en castelán). 15 de novembro de 1990. p. 52.
- ↑ "Germán Castrillón casi se aseguró el título gallego al ganar también el rally de La Coruña". La Voz de Galicia (en castelán). 18 de novembro de 1990. p. 53.
- ↑ "Mañana se cierra la inscripción para el Rally de Ferrol, último del campeonato gallego". La Voz de Galicia (en castelán). 26 de novembro de 1990. p. 42.
Predecesor: Rally San Froilán |
Campionato de Galicia de Rally Tempada 1990 |
Sucesor: Rally de Ferrol |