Ștefania Mărăcineanu
(1913) | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 18 de xuño de 1882 (Xuliano) Bucarest (Reino de Romanía) |
Morte | 15 de agosto de 1944 (62 anos) Bucarest (Reino de Romanía) |
Lugar de sepultura | Cemitério Bellu (pt) |
Educación | Universidade de Bucarest (1907–) Sorbona Central School in Bucharest (en) |
Director de tese | Marie Curie |
Actividade | |
Campo de traballo | Radiactividade |
Ocupación | física, química, mestra |
Empregador | Observatório de Paris (pt) (–1929) Instituto Curie (–1926) Universidade de Bucarest |
Membro de | |
Sitio web | stefania-maracineanu.ro |
Ștefania Mărăcineanu nada en Bucarest, 18 de xuño de 1882 e finada no mesmo lugar o 15 de agosto de 1944 foi unha física romanesa recoñecida pola súa labor na investigación sobre a radiación, en concreto, sobre métodos para medir a desintegración alfa. Traballou no Instituto do Radio de París con Marie Curie.[1]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Ştefania tivo unha infancia complicada, da que non lle gustaba falar, un asunto que se converteu nunha especie de selo ao longo de toda a súa existencia. En 1910 obtivo a licenciatura en física e química, e pronto converteuse en mestra no Centro Escolar para nenas de Bucarest.[2]
Despois da Primeira guerra mundial, foi a París para conseguir unha especialización, en concreto ó Instituto do Radio, onde traballou baixo as ordes de Marie Curie. É probable que estivese en París dende o ano 1920, na escola romanesa fundada por Nicolae Iorga. Máis tarde, ao rematar o seu doutoramento en compañía de Marie Curie, iría ao Observatorio Astronómico de Meudon, baixo a supervisión de Henri Deslandres.[3]
Publicou unha gran cantidade de artigos para revistas científicas de prestixio durante os anos comprendidos entre 1919 e 1930. En 1925 foi nomeada asistenta na Facultade de Ciencias de Bucarest, onde organizou o primeiro laboratorio de radioactividade de Romanía; alí realizaría os seus traballos orixinais neste campo.[4]
Tivo experiencias interesantes como a obtención de choiva artificial tanto no seu país de residencia como no estranxeiro, o uso de sales radioactivas e a obtención dalgúns resultados (como en Bărăgan ou o Deserto do Sáhara). Publicou valiosos traballos sobre a relación entre os terremotos e a choiva, e foi a primeira en informar de que, en vésperas dun terremoto, hai un aumento significativo da radioactividade no epicentro, debido ás emisións de radon radioactivo (un gas producido pola descomposición do radio). Esta hipótese tivo unha grande importancia práctica e confirmouse anos máis tarde.[3]
Mentres traballaba na súa tese sobre a constante do polonio en 1924, Ştefania deuse conta dun fenómeno: o chumbo metálico que soporta dispositivos é influenciado pola radioactividade do polonio, comezando a emitir unha radiación cando o polonio actúa, pero que persiste despois de que este deixe de actuar. [4][5]Conseguiu o seu doutoramento en 1924 coa tese Recherches sur la constante du polonium et sur la pénétration des substances radioactives dans les métaux.[1][6][5]
Unha década despois deste descubrimento, Frederic e Irène Joliot-Curie obtiveron radioactividade artificial bombardeando o aluminio con partículas alfa, o que produciu unha desintegración do metal tras retirar a fonte de radiación alfa. Este descubrimento outorgoulles o Premio Nobel de Química en 1935, polos seus traballos na síntese de novos elementos radioactivos. Entre a comunidade científica considérase que Ştefania merecía ser asociada a este Premio Nobel debido a que foi a primeira en identificar o fenómeno. De feito, nunha entrevista a Irene Joliot-Curie para o "Neues Wiener Journal", en 1934 aparece o seguinte: "Foi unha romanesa, Miss Mărăcineanu, quen nuns poucos anos antes foi probablemente a primeira persoa en observar que os elementos non radioactivos podrían crear elementos radioactivos baixo certas condicións, o que significa que emiten una radiación similar ao tipo que, até agora, foi observado soamente para os poucos elementos radioactivos".[a][7][4][5] Este foi o único recoñecemento que tivo por parte das persoas premiadas polo descubrimento[Cómpre referencia]
Maracineanu tamén realizou observacións novas sobre a radioactividade artificial, o fenómeno en que un material radioactivo é capaz de crear outro material radioactivo. En 1928, xa baixo a tutela de Henri Deslandres, publicou xunto con el un extenso desenvolvemento sobre a súa investigación desta transmutación química. Este traballo foi admirado pola raíña María de Edimburgo, e Ştefania recibiu un premio en memoria do recentemente falecido rei Fernando, de mans da fundación do mesmo nome.[3]
Obras
[editar | editar a fonte]Redactou unha serie de publicacións sobre as súas investigacións: a radioactividade artifical inducida por bombardeo alfa, a transmutación de chumbo en mercurio e ouro, o descubrimento da choiva artificial, e a suposta relación entre os terremotos e a radioactividade.[3]
- Stéphanie., Maracineanu, (1924). Recherches sur la constante du polonium et sur la pénétration des substances radioactives dans les métaux, par Mlle Stéphanie Maracineanu. (Tese). Les Presses universitaires de France. OCLC 458029460.
- Maricinneanu, S (1929). L'effet du rayonnement solaire dans les phénomènes de radioactivité et de transmutation. (en French). Bucarest: Imp. de l'etat. OCLC 32586175.
- Maracineanu, Stéfania (1930). Remarques sur la note de MM. Fabry et Dureuil, intitulée : sur une prétendue transformation du plomb. Remarques sur les notes de MM. Smits,Boutaric et Lepape. Remarques sur les notes de MM. Smits,Boutaric et Lepape (en French). Bucarest: Cultura nationala. OCLC 946613433.
Premios e recoñecementos
[editar | editar a fonte]- Entre a comunidade científica, considérase que o Premio Nobel concedido a Frederick e Irene Joliot-Curie merecía estar asociado a Stefania, xa que foi a primeira en identificar o fenómeno que levou a esta parella a acadar tal premio.[4]Ademais, obtivo o recoñecemento por parte de Marie Curie, que, preguntada pola científica romanesa, declaraba o seguinte: "Miss Mărăcineanu traballou moitos anos no meu laboratorio e recentemente obtivo o seu doutoramento en Física. Aprecio particularmente o seu traballo científico".[4]
- Tamén recibiría un premio en memoria do recentemente falecido rei Ferdinand, das mans da fundación do mesmo nome grazas ao seu traballo sobre a transmutación química.[3]
- O 24 de xuño de 1936, Stefania pediu oficialmente á Academia de Ciencias de Romanía que apoiasen e recoñecesen a prioridade e importancia do seu traballo. A súa solicitude foi concedida en 1937, cando foi elixida membro da Academia de Ciencias de Romanía, e dous anos máis tarde directora de investigación.[3]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Cita orixinal: Es war eine Rumänin, Frau Marazieanu, die vormehreren Jahren wahrscheinlich als erste die Wahrnehmung machte, daß nicht radioaktive Elemente unter ganz gewissen Voraussetzungen radioaktiv gemacht werden können, das heißt, daß sie ähnliche Strahlen aussenden, wie dies nur bei den wenigen radioaktiven Elementen bisher festgestellt werden konnte.
- Referencias
- ↑ 1,0 1,1 Macho Stadler, Marta (18 de junio de 2017). "Efemérides: Ștefania Mărăcineanu, física". Mujeres con ciencia (en castelán). Consultado o 7 de abril de 2022.
- ↑ Rayner-Canham, Marelene F. (1997). A devotion to their science : pioneer women of radioactivity. Philadelphia, Pa.: Chemical Heritage Foundation. ISBN 978-0-7735-6658-3. OCLC 191818978.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 Fontani, Marco; Orna, Mary Virginia; Costa, Mariagrazia; Vater, Sabine (2017-03-02). "Science is Not a Totally Transparent Structure: Ştefania Mărăcineanu and the Presumed Discovery of Artificial Radioactivity". Substantia (en inglés) 1 (1): 77–96. ISSN 2532-3997. doi:10.13128/Substantia-14.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 "Maracineanu, Stefania (1882 - 1944)". Digital Mechanism and Gear Library. Consultado o 25 de xaneiro de 2019.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 Dinçer, İbrahim (2011). Sustainable energy systems and applications. New York: Springer. p. 235. ISBN 978-0-387-95861-3. OCLC 760305965.
- ↑ "Recherches sur la constante du polonium et sur la pénétration des substances radioactives dans les métaux / Stéphanie Maracineau - Sudoc". Catalogue SUDOC. Consultado o 7 de abril de 2022.
- ↑ "Gespracht mit Irene Curie". Neues Wiener Journal: 6. 5 de xuño de 1934.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Ștefania Mărăcineanu |