Émile Borel
Félix Édouard Justin Émile Borel, nado en Saint-Affrique (Aveyron) o 7 de xaneiro de 1871 e finado en París o 3 de febreiro de 1956 foi un matemático[1] e político francés.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Borel naceu en Saint-Affrique, Aveyron, fillo dun pastor protestante.[2] Estudou no Collège Sainte-Barbe e no Lycée Louis-le-Grand antes de matricularse na École normale supérieure e na École Polytechnique. Aínda que puido entrar nas dúas, escolleu asistir á normal en 1889. Ese ano gañou o “concours général”, competición anual de matemáticas. Tras graduarse en 1892, quedou primeiro na "agrégation", exame de servizo civil que daba acceso ao posto de “professeur agrégé”. A súa tese, publicada en 1893, titulouse Sur quelques points de la théorie des fonctions ("Sobre varios puntos da teoría das funcións").
Ese mesmo ano Borel comezou un traballo de catro anos como profesor na Universidade de Lille, tempo durante o que publicou vinte e dous artigos. Volveu á École normale en 1897, e foi proposto para a cátedra de teoría de funcións, que mantivo ata 1941.[3]
En 1901 casou con Marguerite, de dezasete anos, filla do seu colega Paul Émile Appel; ela máis tarde escribiu máis de trinta novelas baixo o pseudónimo Camille Marbo. Émile Borel faleceu en París o 3 de febreiro de 1956.[3]
Obra
[editar | editar a fonte]Xunto con René-Louis Baire e Henri Lebesgue, Émile Borel foi un dos pioneiros da teoría da medida e a súa aplicación á teoría da probabilidade. O concepto de conxunto de Borel recibe este nome na súa honra. Un dos seus libros recolle o divertimento que entrou na cultura popular co nome de teorema do mono infinito. Tamén publicou unha serie de artigos (1921-27) que definiron por vez primeira os xogos de estratexia.[4]
En 1913 e 1914 fixo o salto entre a xeometría hiperbólica e a relatividade especial.
Carreira política
[editar | editar a fonte]Nas décadas de 1920, 1930 e 1940 Borel foi activo na política. En 1922 fundou o Instituto de Estatística de París e entre 1924 e 1936 foi membro da Asemblea Nacional de Francia. En 1925 foi Ministro de Mariña no goberno do tamén matemático Paul Painlevé. Durante a segunda guerra mundial foi membro da Resistencia francesa.
Honores
[editar | editar a fonte]Ademais do Centre Émile Borel no Institut Henri Poincaré en Parés e do cráter da Lúa, levan o nome de Borel os seguintes conceptos matemáticos: álxebra de Borel, lema de Borel, lei dos grandes números de Borel, medida de Borel, paradoxo de Borel–Kolmogorov, lema de Borel–Cantelli, teorema de Borel–Carathéodory, teorema de Heine–Borel, suma de Borel, distribución de Borel.
Artigos
[editar | editar a fonte]- "La science est-elle responsable de la crise mondiale?", Scientia : rivista internazionale di sintesi scientifica, 51, 1932, pp. 99–106.
- "La science dans une société socialiste", Scientia : rivista internazionale di sintesi scientifica, 31, 1922, pp. 223–228.
- "Le continu mathématique et le continu physique", Rivista di scienza, 6, 1909, pp. 21–35.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Biografía". Arquivado dende o orixinal o 08 de febreiro de 2006. Consultado o 29 de xuño de 2015.
- ↑ McElroy, Tucker (2009). A to Z of Mathematicians. Infobase Publishing. p. 46. ISBN 978-1-4381-0921-3.
- ↑ 3,0 3,1 Chang, Sooyoung (2011). Academic Genealogy of Mathematicians. World Scientific. p. 107. ISBN 978-981-4282-29-1.
- ↑ "Émile Borel," Encyclopædia Britannica