Saltar ao contido

Tiresias

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Tiresias aparece ante Odiseo durante o sacrificio (Heinrich Füssli, 1780-85, Graphische Sammlung der Albertina, Viena)

Na mitoloxía grega, Tiresias foi un afamado adiviño cego da cidade de Tebas [1]. Outro sonado adiviño foi Calcas (ou Calcante), de Troia.

Era fillo de Everes e da ninfa Cariclo. Tivo dúas fillas: Manto (adiviña como el [2], e nai do tamén adiviño Mopso) e Dafne.

Tiresias quedou cego desde novo, pero non o era de nacemento. Existen distintas versiones que tratan de explicalo: para uns a súa cegueira foi causada pola deusa Atenea, que o castigou por sorprendela espida mentres se bañaba; para outros foino pola deusa Hera, anoxada pola súa resposta nunha disputa con Zeus sobre o pracer que sentía un home ou unha muller. En ámbolos casos foi compensado co don de ver o futuro.

O baño de Atenea

[editar | editar a fonte]

Pseudo-Apolodoro recolle a versión de Ferécides segundo a cal, cando Tiresias era mozo viu accidentalmente a Atenea cando se bañaba espida na fonte Hipocrene, no Monte Helicón. A deusa, defensora ata a morte da castidade, considerou esta indiscreción como un atentado contra o seu pudor, e deixouno cego.

Cando a nai, Cariclo, lle rogou que lle devolvese a vista, Hera non puido facelo pois non tiña o poder de desfacer o feito, pero limpándolle os ollos fixo que comprendese a linguaxe dos paxaros. Na antigüidade grega pensábase que os paxaros falaban entre si contándose o que ía pasar [3].

"Había entre os tebanos un adiviño, Tiresias, fillo de Everes e da ninfa Cariclo, que estaba privado da visión... Uns afirman que foi cegado polos deuses por revelar ós homes as cousas que eles querían ocultarlles, mentres que Ferécides di que o cegou Atenea, pois ... veu á deusa completamente núa, pero ela tapoulle os ollos coas mans e deixouno cego".
(Pseudo-Apolodoro, III, 6, 7)

As metamorfoses de Tiresias

[editar | editar a fonte]
Gravado que representa a Tiresias mallando nas serpes. Dunha "Metamorfoses" de Ovidio de c. 1690

Ovidio escribe que Tiresias, paseando polo monte Cileno ou polo Citerón, sorprendeu a dúas serpes apareándose. Uns din que matou co bastón á femia; outros, que as feriu; e outros, simplemente que as separou. Pero, en todo caso, viuse convertido en muller. Ó cabo de sete anos volveu ver no mesmo lugar outras dúas serpes na mesma actitude, e volveu a golpealas co seu bastón para separalas [4], uns din que matando nesta ocasión á serpe macho; e ó facelo converteuse novamente en varón. O feito de ser o único ser que dispoñía da experiencia de ser home durante un tempo e muller noutro momento, foi a razón pola que Zeus e Hera acudiran a el como árbitro na discusión que mantiñan sobre quen experimentaba máis pracer durante unha relación sexual, se os homes ou as mulleres. Tiresias concluíu que o varón experimenta unha décima parte do pracer que a muller, pero Hera indignouse por ter revelado o segredo do sexo feminino e castigouno deixándoo cego. Zeus, non obstante, concedeulle como compensación o don da profecía e unha larga vida (aquivalente a sete xeracións humanas) [5].

"Por isto precisamente, unha vez que Zeus e Hera disputaban sobre se correspondía ós homes ou ás mulleres gozar máis no acto sexual, elixírollle como árbitro. Tiresias respondeu que das dez partes de que consta o coito, os homes gozan nunha delas, mentres que as mulleres en nove. E por iso Hera cegouno mentres que Zeus lle concedeu dotes adiviñatorias".
(Pseudo-Apolodoro, III, 6, 7)
"Xúpiter, distendido polo néctar, púxose a chancear con Xuno, tamén relaxada, e díxolle: 'Vós, desde logo, experimentades maior placer no amor que os homes'. Ela negoullo. Decidiron consultar o parecer do sabio Tiresias; coñecía este o placer dun e doutro sexo, pois co seu bastón mallou a golpes a dúas grandes serpes que estaban copulando na verde selva, e convertido, ¡oh, prodixio!, de home en muller, vivira sete outonos como tal. Ó oitavo veu de novo as mesmas serpes e dixo: 'Se as vosas feridas teñen o poder de cambiar o sexo do agresor ó contrario, vou ferirvos agora de novo'. Unha vez breadas as cóbregas, recuperou a súa forma anterior e volveu a súa figura natal. Elixido, xa que logo, como árbitro da cómica disputa, confirma as palabras de Xúpiter. A Saturnia levou un desgusto desproporcionado co caso e condenou a unha noite eterna os ollos do xuíz. Mais o pai todopoderoso, posto que a ningún deus lle está permitido anular a obra doutro deus, en compensación pola perda da vista, concedeulle coñecer o porvir, aliviando o castigo con este honor".
(Ovidio, III, 316-338[6])

Profecías de Tiresias

[editar | editar a fonte]

Tiresias foi quen de profetizar o resultado de diferentes feitos na lenda tebana. Foi el que revelou a Anfitrión, rei de Tebas, que fora Zeus quen se deitara coa súa esposa Alcmena, a noite anterior de que el regresara da guerra [7]. Desa unión de Zeus e Alcmena naceu Heracles.

Tamén soubo descubrir os crimes de Edipo, que matou o pai e casou coa nai, e por esa causa se abateu unha peste sobre Tebas. En ocasión da expedición dos Sete contra Tebas (Polinices e seis xefes aliados) vaticinou que a cidade se salvaría se se sacrificaba a Ares un descendente de Creonte.

"Como os tebanos desconfiaran das súas forzas, o adiviño Tiresias anunciou que se alguén da estirpe do dragón perecía, a cidade superaría o desastre. Cando Meneceo [fillo de Creonte] se deu de conta de que só el podía salvar a cidade, tirouse desde a muralla e os tebanos alcanzaron a vitoria".
(Hixino: Fábulas 68, 4)

Noutra ocasión aconsellou a Penteo non opoñerse á introdución do culto de Dioniso en Beocia, e tamén predixo a morte de Narciso. No regreso de Ulises de Troia, aconsellou ó heroe que non tocara as vacas sagradas de Helios, cousa que ignoraron moitos dos seus compañeiros e morreron por iso. Igualmente, o consello de Tiresias salvou a Ulises de morrer absorbido por Caribdis, un mostro mariño, fillo de Poseidón e Xea, que tragaba enormes cantidades de auga tres veces ó día, e devolvíaas outras tres veces, creando así un remuíño que devoraba a todo aquel que se poñía ó seu alcance.

A súa sona como adiviño, mesmo unha vez morto, era tal que Odiseo descendeu ó Hades para consultarlle. Zeus concedéralle a capacidade de profetizar o futuro tamén despois de morto.

Trala toma de Tebas polos Epígonos, Tiresias acompañou ós tebanos no seu éxodo. Un día, descansando, bebeu auga dunha fonte que, estaba tan fría, que morreu. Pero outra versión di que quedou na cidade xunto á filla e os vencedores o enviaron como prosioneiro a Delfos, pero Tiresias morreu no camiño, pois xa era moi vello.

  1. "Tiresias, famosísimo en tódalas cidades de Aonia, daba respostas irreprochables á xente que ía consultarlle" (Ovidio: Metamorfosis, III, 330-340).
  2. "A filla de Tiresias, Manto, coñecedora do porvir..." (Ovidio: Metamorfosis, VI, 157).
  3. Melampo, fillo de Amitaón, tamén aprendeu a interpretar a linguaxe dos paxaros e, ó entender o que dicían, predicir o porvir dos homes. De feito, a palabra "auspicio" significa o 'prognóstico tirado da observación das aves' (DRAG). Adquiriu este don porque unhas serpes subiron ós seus ombros mentres dormía e limpáronlle os oídos coa lingua. Outros afamados adiviños, como Casandra e Héleno, tamén ganaron o don da adiviñación deste xeito.
  4. Hixino di que actuou así por consello dun oráculo (Hixino: 75, 1).
  5. "Xúpiter fixo que vivira durante sete xeracións e destacara como adiviño entre o resto dos mortais" (Hixino: Fábulas 75, 3.
  6. Ovidio, poeta latino, utiliza as denominacións de Xúpiter por Zeus e Xuno por Hera, á que tamén designa como Saturnia, canto filla de Saturno, Crono para os gregos.
  7. Pseudo-Apolodoro, II, 4, 8.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • GRIMAL, Pierre: Diccionario de mitología griega y romana. Ed. Paidós, 1981, s. v. Tiresias.
  • HESÍODO: Teogonía. Trabajos y días. Escudo. Certamen, Alianza Editorial, 3ª ed., 2013 [a numeración segue a utilizada neste texto].
  • Hixino: Fábulas mitológicas. Tradución, introdución e notas de Francisco Miguel del Rincón Sánchez. Alianza Editorial 2009.
  • OVIDIO: Metamorfosis. Tradución de Antonio Ramírez de Verger. Alianza Editorial 3ª ed. 2015, 2ª reimp. 2017 [a numeración segue a utilizada neste texto].
  • PSEUDO-APOLODORO: Biblioteca mitológica. Tradución e notas de Julia García Moreno. Alianza Editorial 3ª ed. 2016 [a numeración segue a utilizada neste texto].