Lingua xaponesa

lingua
(Redirección desde «Xaponés»)

O xaponés[2] é a lingua falada no Xapón e noutros lugares do mundo onde existen inmigrantes xaponeses e os seus descendentes, como por exemplo o Brasil. O nome xaponés para a lingua é Nihongo (日本語).

Xaponés
'日本語'
Pronuncia:Nihongo
Falado en: Xapón, Hawai e Guam (EUA), inmigrantes no Brasil, Taiwán e outros países
Rexións: Asia
Total de falantes: 127 millóns (primeira ou segunda lingua)
Posición: 9
Familia: Illada
 Xapónico
  Xaponés
Escrita: kanji, hiragana, katakana
Status oficial
Lingua oficial de: Xapón (de facto), illa de Angaur(Palau)
Códigos de lingua
ISO 639-1: ja
ISO 639-2: jpn
Mapa
Status

O xaponés está clasificado como "en estado seguro" polo Libro Vermello das Linguas Ameazadas da UNESCO[1]

O xaponés ten tradicionalmente tres formas de escrita: hiragana, katakana, e kanji, e ademais actualmente utilizase o rōmaji. O rōmaji refírese ao uso do alfabeto latino (para transliteracións). Xa a escrita común xaponesa mestura os tres outros sistemas: o katakana e o hiragana son silabarios, e o kanji é unha adaptación dos logogramas da escrita chinesa.

É unha lingua aglutinante e caracterízase por un sistema complexo de construcións honoríficas, que reflicten a natureza xerárquica da sociedade xaponesa, con formas verbais e vocabularios particulares que varían de acordo co status relativo entre interlocutores. O repertorio de fonemas da lingua xaponesa é relativamente pequeno, e ten diferenciación léxica baseada nun sistema de entoación.

A lingua xaponesa sufriu influencia importante da lingua chinesa por un mínimo de 1.500 anos. Moito do vocabulario importouse da lingua chinesa ou foi creado baseándose en modelos chineses.

Clasificación lingüística

editar

O idioma xaponés agrúpase, xuntamente con outros idiomas minoritarios do Xapón, na familia lingüística das linguas xapónicas. En ámbito máis estendido, é común clasificar o xaponés, xunto coas linguas xapónicas, dentro das linguas altaicas debido a un gran número de analoxías. Non se sabe, con todo, se as semellanzas son por orixe común deses idiomas ou por converxencia.

Distribución xeográfica

editar

Aínda que se fala case que exclusivamente no Xapón, a lingua xaponesa ten sido e aínda é falada noutros países. Cando o Xapón ocupou as Coreas, Taiwán, partes da China e varias illas do Pacífico, os habitantes de lugares deses países foron forzados a aprender a lingua xaponesa. Como resultado, aínda hai moitas persoas neses países que falan a lingua xaponesa, soamente ela ou tamén as linguas locais. Alén diso, emigrantes, a maioría viven no Brasil, onde está a maior comunidade xaponesa fóra do Xapón, en Australia (especialmente Sydney, Brisbane e Melbourne), nos Estados Unidos (notabelmente en California e en Hawai), tamén falan xaponés con frecuencia. Tamén hai unha pequena comunidade en Davao, Filipinas. Os descendentes dos emigrantes (coñecidos como nikkei, 日系, lit. "descendentes de xaponeses"), porén, raramente falan fluentemente a lingua xaponesa. Estímase que cerca dalgúns millóns de non xaponeses estean estudando a lingua.

Status oficial

editar

O xaponés é a lingua oficial do Xapón e soamente neste país ela ten tamén status de lingua oficial de traballo.

Hai dúas formas da lingua consideradas padróns: hyōjungo (標準語) ou xaponés padrón e kyōtsūgo (共通語) ou xaponés común. A política gobernamental do Xapón modernizou a lingua e, con iso, a distinción entre eses dous padróns foise atenuando co tempo.

O xaponés padrón pode tamén ser dividido en bungo (文語), lit. "lingua literaria", e kōgo (口語), "lingua oral", que teñen regras diferentes de gramática e algunha variación canto ao vocabulario. Bungo foi o método principal de escribir xaponés ata fins dos anos 1940 e aínda ten relevancia entre historiadores, académicos e avogados (moitas leis xaponesas que remaneceron despois da segunda guerra mundial aínda están escritas en bungo, aínda que haxa esforzos en modernizalas a escrita). Kōgo é o método predominante de se falar e escribir xaponés nos días actuais, aínda que a gramática e o vocabulario rexido por bungo aínda apareza de vez en cando para efecto poético.

Dialectos

editar

Existen dialectos varios. A profusión é debida ao terreo montañoso do arquipélago e á longa historia de illamento interno e externo do país. Os dialectos, en xeral, difiren en termos de entoación, morfoloxía inflexiva, vocabulario, uso das partículas e pronuncia. Algúns dialectos, aínda que sexa máis raro, varían ata no repertorio de vogais.

Os dialectos das rexións menos centrais, como os dialectos de Tōhoku ou Tsushima, poden ser inintelixíbeis para persoas doutras partes do país. O dialecto usado en Kagoshima, na illa Kyūshū, ao sur, é famosa por ser inintelixíbel non só para falantes do xaponés padrón mais tamén para persoas que viven en rexións de Kyūshū veciñas á Kagoshima. Kansai-ben, un grupo de dialectos da rexión centro-oeste do Xapón, é falado por moitos xaponeses; o dialecto de Osaca, en particular, asóciase co humor, e por iso moitos comediantes usan frases no dialecto de Osaka para dar senso de humor á ocasión.

As linguas ryukyuanas fálanse nas illas Ryukyu. Non son soamente inintelixíbeis a xaponeses, senón que bastante incomprensíbeis entre falantes de diferentes dialectos ryukyuanos. Debido á proximidade entre o ryukyuano e o xaponés, son ás veces considerados só dialectos, aínda que os académicos modernos considéranos linguas separadas.

Recentemente, o xaponés padrón volveuse prevalente en todo o Xapón, non só grazas á televisión e á radio, mais tamén pola mobilidade crecente dentro do país debida aos sistemas viarios, de trens e aeroviario. Os xaponeses novos xeralmente falan o seu dialecto local e a lingua padrón, mais, na maioría das veces, o dialecto local está influenciado polo dialecto padrón, creándose versións rexionais do xaponés "padrón".

Historia dos dialectos

editar

As variantes do idioma foron confirmadas desde o antigo Xapón, a través do Man'yōshū. Coa modernización do xaponés na parte tardía do século XIX, o goberno promoveu o uso do xaponés estándar o cal fixo que este dialecto non só sexa altamente coñecido só no Xapón senón tamén en todo o mundo. O idioma foi cambiando ao fusionarse diversos dialectos e recibir influencia doutras linguas.

Variantes históricas

editar

A historia da lingua xaponesa adóitase dividir en catro períodos diferentes.[3]

  • Prehistoria : Non se sabe nada con certeza do idioma nestas datas (nin sequera se existía), debido á falta de documentación ou testemuño sobre o mesmo.
  • Xaponés antigo: aínda esta indefinida unha data de datación exacta, aínda que o seu final defínese ao redor do século VIII (convencionalmente tómase o ano 794 d. C.), durante este período a escritura chinesa adaptouse para escribir o xaponés antigo a través do man'yōgana e os caracteres chineses.
  • Xaponés medio: que vai desde finais do século VIII a finais do século XVI, e mostra certos cambios fonéticos con respecto ao período anterior, como o cambio fonético /p /> /h, ɸ/. Este posúe dúas etapas:
  • Xaponés medio temperán: desde o 794 d. C. ao 1185. Dentro do máis importante deste período cabe destacar a aparición de dous novos sistemas silábicos de escritura o hiragana e o katakana que derivan directamente do man'yōgana. Dita aparición dá lugar a un auxe nunha nova era de escritura evidenciada por escritos como Genji Monogatari, Taketori Monogatari e Ise Monogatari.
  • Xaponés medio tardío: desde o 1185 até finais do século XVI. Neste período o xaponés sufriu varios cambios lingüísticos que o achegaron á forma que corresponde ao xaponés moderno. Da mesma forma durante este período no Xapón evoluciona dunha sociedade aristócrata de nobres ao Período Heian de natureza feudal onde se deu o auxe dos samuráis. A mediados do século XVI misioneiros portugueses chegan ao Xapón. Mentres introducían conceptos orientais e tecnoloxías compartían a súa lingua, froito disto é que o xaponés tomou algunhas palabras do portugués.
  • Xaponés moderno, do século XVII en diante, caracterizado pola existencia de numerosas palatalizacións das consoantes coronais:
    • /*si, *zi /> /ɕi, ʑi/ (shi, ji) /*sya, *syo, *syu; *zya, *zyo, *zyu /> [ɕa, ɕo, ɕu, ʑa, ʑo, ʑu] (sha, sho, shu; ja, jo, ju).
    • [*ti, *di ]> [t͡ɕi, d͡ʑi] (chi, ji), [*tya, *tyo, *tyu; *dya, *dyo, *dyu ]> [t͡ɕa, t͡ɕo, t͡ɕu; d͡ʑa, d͡ʑo, d͡ʑu] (cha, cho, chu; ja, jo, ju).

Influencias

editar

Algunhas das similitudes léxicas entre as linguas austronesias e o xaponés poderían deberse á influencia adstrato dalgunhas linguas, aínda que a evidencia en favor da devandita influencia prehistórica non é concluínte. A partir do século VII si é notoria a influencia da cultura chinesa no Xapón e a adopción nesta lingua de numerosos préstamos léxicos procedentes do idioma chinés para designar conceptos técnicos e culturais asociados á influencia chinesa. O chinés clásico é ao xaponés, algo similar ao que as raíces de orixe grega son ás linguas europeas: unha fonte de elementos léxicos para formar neoloxismos. O propio sistema de escritura xaponesa é en si mesmo unha mostra da influencia cultural chinesa no xaponés.

A partir do século XVI o xaponés adoptará algúns termos procedentes do portugués, do español, do neerlandés e doutras linguas de colonización europea. E a partir do século XX a influencia do inglés como fonte de novos préstamos ao xaponés é hexemónica.

Descrición lingüística

editar

Fonoloxía

editar
 
Vogais.

Ten cinco vogais e dezaseis consoantes [4] e é moi restritiva na formación de sílabas. O acento é musical, con dous tons diferentes: alto e baixo.

O sistema sistema fonolóxico xaponés consta de cinco vogais, que están escritas con caracteres latinos: a, i, u, e, o, segundo a orde tradicional. Pronúncianse o mesmo que en galego / a, e, i, o / agás o u /ɯ/, que se pronuncia cos beizos estendidos, é dicir, é unha vogal non redondeada. As vogais poden ser normais ou longas, nese caso teñen unha duración dobre do normal e considéranse sílabas separadas.

Os fonemas consonánticos son dezaseis ou quince, segundo se considere ou non que o sokuon corresponde a unha consoante xeminada ou ao arquifonema /Q/, representado na escrita polo símbolo sokuon que adopta o mesmo son consonántico que o segue ou ás veces pronúnciase como oclusión glotal. A conta de sons é moito maior se contamos os alófonos de aparición consistente, representados entre parénteses na táboa seguinte. Tamén se debe considerar que os préstamos tomados doutras linguas do século XX, especialmente o inglés, poden manter os fonemas fóra do inventario tradicional.

Modo de articulación Punto de articulación
Labial Dental Alveolar Post-
alveolar
Palatal Velar Uvular Glotal
Oclusivas p    b t    d k    g
Fricativas [ɸ] s    z [ç] h
Africadas [ts͡]    [dz͡] [tɕ͡]    [dʑ͡]
Nasais m n ɴ
Aproximantes ɺ̠ j ɰ
  • As consoantes /t/, /s/, /d/ e /z/ sofren unha palatalización ante /i/ e /j/, articulándose respectivamente [t͡ɕ], [ɕ], [d͡ʑ] e [ʑ].[4] Por mor diso, usualmente estes sons transcríbense en alfabeto latino como ch, sh e j.
  • As consoantes /t/ e /d/ ante /ɯ/ pronúncianse respectivamente [t͡s] e [d͡z]. Debido a iso, as súas transcricións latinas nesta posición adoitan ser ts e [d]z.
  • Existe un fenómeno chamado yotsugana, polo cal catro sílabas en principio distintas (/zi/, /zɯ/, /di/ e /dɯ/), hoxe poden ser homófonas ou dúas, tres ou catro sílabas diferentes segundo a rexión. Por exemplo, en Toquio soamente son dúas: /zi/ e /dei/ pronúncianse indistintamente [ʑi] ou [d͡ʑi], mentres /zɯ/ e /dɯ/ poden ser [zɯ] ou [d͡zɯ].
  • O fonema /h/ ten tres alófonos: ante /a, e, o/ soaría como [h], mentres que ante /ɯ/ soaría [ɸ] e ante /i/ e /j/ como [ç].
  • O fonema /p/ non ocorre en posición inicial en palabras nativas nin sino-xaponesas,[4] aínda que si en préstamos, neoloxismos e termos miméticos, xa que en xaponés antigo deuse o cambio /p/ > /?/ > /ɸ/ nas palabras nativas.
  • O arquifonema /ɴ/ usualmente soa como [n], pero ante /m/ e /b/ articúlase como [m] e ante /g/ e /k/ vólvese [ŋ], unha consoante nasal velar. Algúns falantes nasalizan as vogais que o preceden.
  • O fonema /ɺ̠/ aseméllase a un erre galego, pero a diferenza desta, tamén existe en posición inicial. Considérase vulgar ou ruda a realización vibrante múltiple, a semellanza do erre do galego.
  • Nalgunhas zonas do Xapón, /g/ é [ŋ] entre vogais, pero a súa aparición pode estar condicionada para algúns falantes polo feito de que se atope dentro dun morfema e non como primeiro elemento do segundo membro dunha palabra composta.

Un fenómeno fonético común no xaponés é o ensordecemento das vogais /ɯ/ e /i/ (alteración da vogal sonora en vogal murmurada debido ao contexto) cando se atopan en posición non acentuada entre consoantes xordas. É o caso de moitas terminacións desu e masu en conxugacións verbais, que se escoitan como dess e mass respectivamente.

Outro fenómeno particular, frecuente e moi complexo é o rendaku, que consiste na sonorización dunha consoante xorda en palabras compostas nativas:

  • 国 (País) /kuni/ máIs 々(repetición do elemento anterior, chamado noma,kuma, kurikaeshi ou 'dō no jiten)

A /k/ xorda do segundo kuni convértese na súa contraparte sonora /g/. Polo tanto, non se pronuncia */kunikuni/, como podería esperarse, senón /kuniguni/ o cal significa «países».

En xaponés existen unidades de tempo ou moras, cada unha da mesma duración,[5] que no xaponés estándar condicionan procesos como a formación de sílabas, de palabras e a acentuación.[5] Unha mora pode estar formada por:

  • Unha vogal, como a
  • Unha consoante e unha vogal, como ki ou ma
  • Unha semiconsoante e unha vogal, como ya
  • Unha consoante, unha semiconsoante e unha vogal, como kya ou nyu
  • N
  • Q

As sílabas soamente poden formarse cunha ou dúas destas moras[5] e tanto N como Q só poden aparecer en final de sílaba, de modo que son posibles sílabas monomoraicas como no, a ou myu e bimoraicas como ī (i.i), on (ou.N), kyū (kyu.u), pero non é posible unha secuencia máis longa; así, unha palabra como o préstamo rain convértese nun bisílabo (ra-i.N) porque non se permite a presenza de catro mours nunha soa sílaba (*ra.i.N).

Gramática

editar
Artigo principal: Gramática xaponesa.

O xaponés é unha lingua de estrutura aglutinante que combina diversos elementos lingüísticos en palabras simples. Cada un destes elementos ten unha significación fixa e apta para existir separadamente. O xaponés é case exclusivamente sufixante, con moi poucos prefixos, por exemplo, os honoríficos o-(お), go- (ご), polo que os únicos procesos para a formación de palabras son a composición e a derivación mediante sufijos.

A gramática do idioma xaponés é moi diferente da do galego. Algunhas das súas características son:

  • A estrutura gramatical é suxeito-obxecto-verbo e úsanse postposicións no canto de preposicións.
  • Non existen artigos, nin xénero gramatical (masculino/feminino), nin número obrigatorio e o caso é indicado por clíticos.
  • Non está moi estendida a noción de pluralidade. En xeral, non se usan plurais senón que a pluralidade do suxeito ou do obxecto dedúcese polo contexto. Con todo, o sufixo -tachi, entre outros, indica a idea de pluralidade (por exemplo, watashi, 私 (わたし?), [wɑ˩tɑɕi˩] = 'eu'; watashi-tachi (私達 (わたしたち?), [wɑ˩tɑɕi tɑ˥tɕ(i)˩] = 'nós'), e en ocasións pode duplicarse unha palabra co mesmo fin (por exemplo, a partir do antigo pronome de primeira persoa ware, 我 [wɑ˥ɾe˩], fórmase por duplicación -mediante o signo chamado kurikaeshi- wareware, 我々 [wɑ˩ɾewɑ˥ɾe˩], outra forma extremadamente formal de dicir 'nós'). A duplicación de kanji obriga nalgúns casos a engadir a marca nigori (濁り「にごり」 [nʲi˩ŋo˥ɾi˩]), por exemplo hito (人 (ひと?) [ɕ(i)˩to˥]) = 'persoa', hitobito (人々 (ひとびと?) [ɕ(i)˩to˥bito˩]) = 'persoas'.
  • Non existe o tempo futuro. Os tempos verbais son o pasado e o presente (este último tamén empregado para accións situadas no futuro). O futuro dedúcese grazas á presenza na oración de palabras como «ashita» (明日 (あした?) [ɑ˥ʃ(i) tɑ˩]) = «o día de mañá».
  • O xaponés carece de auténticos pronomes, xa que as formas chamadas «pronomes» sempre teñen contido léxico.
  • En consonancia coa propiedade anterior, os verbos son basicamente impersonais con formas especiais. Os adxectivos verbais teñen unha soa forma.
  • Desde o punto de vista sintáctico o xaponés carece de categorías funcionais[6]
  • Para expresar cantidades empréganse auxiliares chamados clasificadores numéricos (contadores), mentres que en galego basta con empregar o número cardinal seguido do obxecto que se pretende contar. Así, por exemplo, para contar animais de pequeno tamaño utilízase o contador «-hiki» (匹), para obxectos alargados (por exemplo, un lapis) emprégase o contador «-hon» (本 [ho˥ŋ]), para máquinas (incluíndo dispositivos electrónicos) úsase «-dai» (台 [dɑ˩i]) etc. Estes clasificadores poden alterar a súa pronuncia segundo a cantidade contada (p.ex. 1 animal pequeno = ippiki [ippi˥ki˩], 2 animais pequenos = nihiki [ni˥ɕiki˩], 3 animais pequenos = sanbiki [sɑm˥biki˩] etc.).
  • Existen dous tipos de adxectivos. O primeiro tipo é o dos «ikeiyōshi» (い形容詞?) [i˥keː˩joː˥ʃ(i)˩] ('adxectivos en i') que acaban na vogal i (い), con certas excepcións como «kirei»(奇麗 (きれい?) [ki˥ɾeː˩], 'lindo', 'belo'), «kirai»(嫌い (きらい?) [ki˩ɾɑ˥i˩], 'odioso') e («yūmei» (有名?) [jɯː˩meː˥˩], 'famoso'), que pertencen ao segundo grupo a pesar da súa terminación en «i» A conxugación dos い形容詞 modifica o «i» final por unha desinencia que determina o tempo verbal así como o seu carácter positivo ou negativo. Por exemplo, un adxectivo como («yasui» (安い?) [jɑ˩sɯ˥i˩], 'é barato'), forma a negación coa desinencia -kunai (くない), quedando como: («yasukunai» (安くない?) [jɑ˩s(ɯ)kɯnɑ˥i˩], 'non é barato'). Da mesma maneira, a forma en tempo pasado substitúe a desinencia de «yasui» por «yasukatta» (安かった?) [jɑ˩s(ɯ)˥kɑ˩ttɑ], 'era barato' 'foi barato'. En canto ao negativo da forma en pasado substitúese o i ao final da desinencia kunai por katta, xurdindo kunakattayasukunakatta» (安くなかった?)) [jɑ˩s(ɯ)˥kɯnɑkɑ˩ttɑ], 'non foi barato', 'non era barato'. Créase así un modelo: yasui - yasukatta - yasukunai - yasukunakatta. Observando a formación do tempo pasado negativo destes adxectivos, atópase un trazo do carácter aglutinante do xaponés: a desinencia -kunai, ao terminar en -i, convértese con iso nun novo adxectivo, que pode ser conxugado ao tempo pasado -kunakatta.
  • O outro tipo de adxectivo é o chamado «nakeiyōshi» (な形容詞?) [nɑ˥keː˩joː˥ʃ(i)˩] ('adxectivos en na'). Para achegalos a un substantivo precísase a partícula na (な) (de aí o seu nome), a diferenza dos anteriores que poden ser utilizados sen ningunha partícula xunto a un substantivo. Os «nakeiyōshi» non adoitan rematar en «i» salvo excepcións como as xa mencionadas (kirei, kirai, yūmei, e outras). Ao conxugarse utilízase a terminación que indica se é positivo ou negativo así como a súa temporalidade. Por exemplo («shizuka» (静か?) [ʃi˥zɯkɑ˩], 'tranquilo'), para indicar o seu negativo engadímoslle o «ja arimasen» (じゃありません?) [dʑɑ˩ ɑɾi˥mase˩N] en rexistro informal ou «dewa arimasen» (ではありません?) [de˩wɑ ɑɾi˥mase˩N] en rexistro formal, unha especie de 'non é'.

Nota: じゃありません(Ja arimasen) e ではありません(dewa arimasen) poden pronunciarse じゃありまへん(Ja arimahen) e ではありまへん(Dewa arimahen) respectivamente.

Exemplos de adxectivos ikeiyōshi e nakeiyōshi:

Positivo

今日は暑日です。
きょうはあつひです。
Kyō wa atsui hi desu.
'Hoxe é un día caloroso'.


みさえさんはきれい人です。
みさえさんはきれいひとです。
Misae-san wa kireina hito desu.
'A señora Misae é unha bela persoa'.


Negativo

この本はそんなに高くないです。
このほんはそんなにたかくないです。
Kono hon wa sonna ni takakunai desu.
'Este libro non é tan caro'.

Nota: Se se quere soar informal です desu (verbo ser ou estar) debe cambiarse por (da).

Escritura

editar
Véxase tamén: Escritura xaponesa.

A escritura xaponesa está baseada en dous sistemas de ortografía:

  • O primeiro está composto polos ideogramas chineses, ou kanji, introducidos no Xapón ao redor do século IV. Estes utilízanse como ideogramas e fonogramas. Cada kanji ten diversas lecturas, tanto nativas como de raíz chinesa (ás veces só ten un tipo de lectura como tamén algúns kanjis teñen múltiples lecturas de cada tipo). Xeralmente a lectura chinesa úsase cando se forman palabras compostas (dous ou máis kanjis xuntos) e a lectura nativa úsase en kanjis 'solitarios'. A lectura chinesa denomínase 音読み(On-yomi) e a lectura nativa ou xaponesa 訓読み ou tamén くんよみ(Kun-yomi).

Por exemplo:

O kanji 水('auga') ten dúas lecturas: Lectura Kun みず (mizu) e Lectura On スイ (sui)

O kanji 犬('can') ten dúas lecturas: Lectura Kun いぬ (inu) e Lectura On ケン (ken)

  • O segundo sistema é chamado kana e foi desenvolvido uns 500 anos despois do kanji. Pertencen ao kana dúas formas de escritura que son silabarios propios, o hiragana e o katakana. O primeiro, serve para escribir todas as demais palabras de orixe xaponesa ou a falta de kanji e, cando estes están presentes, emprégase para indicar as desinencias. O segundo, úsase para escribir interxeccións, «onomatopeas» e préstamos de entrada recente á lingua, ten a súa orixe nos inicios da era Heian (平安時代)(794~1185), tendo como primeiro uso o ser unha axuda na lectura dos caracteres dos sutras, os escritos budistas, sendo no seu tempo, máis popular que o Hiragana, non volvéndose estoutro de uso común até despois da guerra.

En xaponés os chamados «sons impuros«(b, d, g, z) fórmanse engadindo unha marca chamada «ten ten» ou nigori (濁り ou pode ser escrito にごり) que consiste en dúas liñas no extremo superior dereito en forma vertical, ao carácter do «son puro» correspondente (en h, t, k, s, respectivamente). Os caracteres en p («son medio impuro») fórmanse engadindo aos caracteres en h unha marca similar a un pequeno círculo, chamado maru.

Exemplos de «ten ten» ou nigori: ぎ, ご, げ, ぐ, が (con nigori: gi, go, ge, gu e ga respectivamente) (sen nigori: ki, ko, ke, ku, ka)

Exemplos de maru: ぴ, ぽ, ぺ, ぷ, ぱ (con maru: pi, pa, pe, pu, po) (sen maru: hi, ho, he, fu, ha)

Debido a razóns fonéticas chamadas rendaku on, algunhas palabras poden cambiar un son puro inicial por un impuro (por exemplo: 買い物袋, «kaimonobukuro» («bolsa de compras» en oposición a kaimono fukuro). Ademais, un «chi» ou «tsu» final pode facer que unha palabra se xunte coa seguinte, dobrando o son consonántico inicial desta. Por exemplo, ichi ka --> ikka. A consoante dobre, na escritura, vén precedida dun pequeno carácter tsu.

  1. Moseley, Christopher e Nicolas, Alexandre. "Atlas of the world's languages in danger". unesdoc.unesco.org. Consultado o 11 de xullo de 2022. 
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para xaponés.
  3. Martin, Samuel E. (1987). The Japanese Language Through Time. Yale University. ISBN 0-300-03729-5. 
  4. 4,0 4,1 4,2 Shibatani, Masayoshi (1990). The languages of Japan. Cambridge University Press. ISBN 0-521-36918-5. 
  5. 5,0 5,1 5,2 Kubozono, Haruo.Mora and Syllable, en The Handbook of Japanese Linguistics editado por Natsuko Tsujimura. Blackwell. ISBN 0-631-20504-7
  6. Fukui, Naoki e Margaret Spears (1986): «Specifiers and projections» MIT working papers in Linguistics, 8, pp. 128-172.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar