Valencia
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
Valencia (en valenciano e oficialmente: València, pronunciado [vaˈlensia]) é unha cidade española situada na costa do mar Mediterráneo, capital da Comunidade Valenciana, da provincia de Valencia e da comarca homónima. Ten 807.200 habitantes, sendo a terceira cidade máis poboada de España por detrás de Barcelona e Madrid, que aumentan até 1.738.690 coa área metropolitana, chamada L'Horta de València. A cidade tamén é coñecida como Cap i Casal ou Capital do Turia.
València (ca) | |||||
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Estado | España | ||||
Comunidade autónoma | Comunidade Valenciana | ||||
Provincia | provincia de Valencia | ||||
Comarca da Comunidade Valenciana | Comarca de València | ||||
Capital de | |||||
Capital | Valencia | ||||
Contén a división administrativa | |||||
Poboación | |||||
Poboación | 807.693 (2023) (5.998,46 hab./km²) | ||||
Lingua oficial | lingua catalá (lingua predominante) lingua castelá | ||||
Xeografía | |||||
Parte de | |||||
Superficie | 134,65 km² | ||||
Bañado por | Mar Mediterráneo e Río Turia | ||||
Altitude | 15 m | ||||
Comparte fronteira con | Albal Paiporta Paterna Picanya Museros Mislata Montcada Meliana Quart de Poblet Sedaví Tavernes Blanques Rocafort Sueca Silla Sollana Vinalesa Massanassa Massalfassar Alfafar Alfara del Patriarca Almàssera Albuixec Albalat dels Sorells Alboraia Massamagrell Benetússer Bonrepòs i Mirambell Godella Bétera Foios Burjassot Catarroja Xirivella | ||||
Datos históricos | |||||
Precedido por | |||||
Creación | 138 a. C. | ||||
Santo padrón | Vicenzo de Huesca | ||||
Organización política | |||||
• Alcaldesa | María José Catalá (en) (2023–) | ||||
Identificador descritivo | |||||
Código postal | 46000 | ||||
Fuso horario | |||||
Prefixo telefónico | 96 | ||||
Código INE | 46250 | ||||
Código ARGOS de concellos | 46250 | ||||
Outro | |||||
Irmandado con | |||||
Sitio web | valencia.es |
É unha cidade industrial e portuaria. Aínda que foi fundada a certa distancia do mar, hoxe atópase unida e ten un dos portos máis importantes do Mediterráneo occidental, xunto cos de Barcelona, Marsella e Xénova. A súa economía baséase nas súas funcións administrativas e de servizos, e en ser centro loxístico (porto, feira de mostras, aeroporto de Manises) para a industria rexional (moble, madeira, téxtil, construción etc.). Durante estes últimos anos está a destacar como un importante destino turístico, grazas á recuperación parcial da Ciutat Vella (Cidade Vella), a construción da Ciutat de les Arts i de les Ciències (Cidade das Artes e as Ciencias) e a celebración da America's Cup.
Historia
editarA cidade fundouse no ano 138 a.C. sobre un antigo asentamento ibérico, como asentamento de soldados licenciados. No 75 a.C. a cidade vai ser destruída no decurso dos enfrontamentos entre Pompeio e Sertorio e durante cincuenta anos vai permanecer deshabitada. No 711, á caída do califato de Córdoba, Valencia vaise converter en capital de taifa. En 1094 o Cid vaina conquistar para os casteláns ata que en 1102 os almorábides reconquistan a cidade. O 9 de outubro de 1238 o Xaime I de Aragón entra na cidade e pon fin a cinco séculos de dominio musulmán. No século XV, Valencia, convértese nunha das cidades máis prósperas do mediterráneo.
Roma
editarA Cidade de Valencia foi fundada no 138 a.C. co nome de Valentia Edetanorum polo cónsul romano Décimo Xunio Bruto Galaico. A cidade emprázase sobre unha das illas que formaba o río Turia na súa pantanosa desembocadura, nunha gran chaira aluvial, nos extremos da cal atopábanse os principais asentamentos prerromanos (ibéricos): Arse ou Saguntum (Sagunt) ao nordeste, Edeta (Llíria) ao noroeste e Saetabis (Xàtiva) ao sur. Todos eles emprazábanse sobre un tozal defensivo, mentres que Valentia fúndase no medio da chaira.
As posibilidades de aproveitamento desta plana deberon condicionar a elección deste lar. Nesta época da Roma republicana a cidade de Valencia non era a principal cidade do actual País Valenciano (Saguntum e Illici eran, sen dúbida, máis importantes), mais si que era un núcleo agrario notábel, que chega a canalizar as augas para o rego, e que chega a encuñar unha moeda propia, onde o emblema da cidade xa era a cornucopia ou corno da abundancia.
No ano 75 a.C. foi destruída na guerra entre Pompeio e Sertorio, e foi abandonada durante uns 50 anos. No século I a Cidade de Valencia xa recuperara a poboación, e comezáronse a construír grandes obras de infraestrutura. No século III principia outra época de decadencia coma o resto do Imperio Romano. Coa súa caída, a cidade foi ocupada polos visigodos formando parte dos reinos peninsulares.
O islam
editarA etapa inmediatamente posterior á conquista musulmá do ano 711 constitúe un período escuro, do cal no temos demasiadas referencias. A cidade debía estar moi despoboada; de feito, a parte de Balansiya, a cidade recibiu durante uns séculos o nome de Medina al-Turab, o que ven a ser cidade das lamas ou do po, polo estado de abandono na que se atopaba. Durante o emirato de Córdoba Abd allah al-Balansi exerceu unha especie de goberno autónomo sobre a área valenciana, mais máis aló dos feitos políticos, o verdadeiramente transcendente é a entrada na órbita do islam da cidade, que en pouco tempo troca de lingua, relixión e costumes.
O meirande auxe da cidade comeza cos reinos de taifas (s.XI), un dos cales é o de Balansiya. A cidade medra, e en tempos de Abd al-Aziz eríxese unha nova muralla (s.XI), da cal inda se conservan restos por toda a Ciutat Vella (Cidade Vella). A finais do século XI o Cid, un mercenario de fortuna, entra en Valencia, a cal estará en mans das tropas cristiás de 1094 a 1102. Á súa marcha, os almorábides ocupan a cidade e restauran o culto musulmán e un gobernador á fronte. Pouco despois da súa morte, os almorábides recuperaran a cidade. No 1171 Valencia pasa a ser de dominación almohade.
Conquista e Século de Ouro
editarA entrada á Cidade de Valencia do rei catalano-aragonés Jaume I, o 9 d'octubre (9 de outubro) de 1238, pon fin a cinco séculos de cultura musulmá, mais esta deixa unha sólida pegada na cidade e no territorio valenciano.
Logo da vitoria cristiá, a poboación musulmá foi expulsada e a cidade repartida entre aqueles que participaran na conquista. Jaume I outorga á cidade unhas novas leis, os Furs de València, que anos despois foi extensivo a todo o Reino de Valencia. Comeza así unha nova etapa, da man dunha nova sociedade e dunha nova lingua, que establece as bases do pobo valenciano tal coma o coñecemos hoxe.
Durante o século XIV a cidade padece a peste negra (1348), a guerra da Unió (revolta cidadá contra os excesos da monarquía) e a guerra contra Castela, que obriga a alzar moi ás presas unha nova muralla para conter, por dúas veces (1363 e 1364) o ataque castelán. A convivencia entre as tres comunidades, cristiá, xudía e musulmá, que ocupaban a cidade, foi conflitiva ao longo de toda a Idade Media. A xudaría foi asaltada no 1391 e a moraría no 1456.
A finais do século XIV, a morte sen descendentes de Martí l'Humà (Martiño I), desemboca no Compromiso de Casp (compromiso para elixir un novo Rei) e a entronización dos Trastàmara na Coroa de Aragón. No ditame xogaron un destacado papel os irmáns Ferrer: Bonifaci e Vicent.
No século XV Valencia vive unha etapa de gran desenvolvemento económico e de grande influencia política. Créase a Taula de Canvis i Depòsits (Mesa de Trocos e Depósitos), unha banca municipal en apoio das operacións comerciais e a industria local, na que destacaban os téxtiles, acada un gran desenvolvemento, tornándose a cidade nun emporio comercial ao cal acoden mercadores de tódolos recunchos de Europa. A finais do século constrúese a Llotja de la Seda (Lonxa da Seda, hoxe Patrimonio da Humanidade), un centro de transaccións e verdadeiro templo do comercio.
Este auxe económico reflíctese tamén no plano artístico e cultural. Eríxense agora algúns dos edificios máis emblemáticos da cidade, coma as Torres de Serrans (1392), a Lonxa (1482), o Micalet ou a capela dos Reis do convento de Sant Doménec. Na pintura e escultura déixanse sentir as correntes flamengas e italianas en artistas coma Lluís Dalmau, Gonçal Peris o Damià Forment. En literatura, baixo a protección de Afonso III de Valencia florecen autores coma Ausiàs March, Roïç de Corella, Isabel de Villena ou Joanot Martorell, que escribe a prestixiosa novela Tirant lo Blanc. Este foi en definitiva o segle d'or (século de ouro) da literatura valenciana e por extensión da catalá.
Con respecto á influencia política, chegou até o punto que as dúas únicas veces que un bispo hispánico chegou a papa foi con dous bispos de Valencia, con Calisto III e o seu sobriño Alexandre VI.
O Imperio Español
editarA raíz do descubrimento de América, a economía europea comezou a bascularse cara ao Atlántico, en detrimento do Mediterráneo. A pesar da unión dinástica con Castela, a conquista e explotación de América era unha tarefa exclusiva de Castela, e os valencianos, ao igual que os cataláns, aragoneses e mallorquinos, tiñan vedada a participación. Por mor desta situación, Valencia entrou nunha aguda crise económica, que se manifestou pronto coa revolta das Germanies (semellantes ás revoltas irmandiñas galegas) entre 1519 e 1522, un movemento dos gremios e do pobo común contra a oligarquía urbana, e de campesiños de clase baixa contra os terratenentes e os seus súbditos mouriscos. Esta revolta rematou cunha cruel represión para os caudillos irmandados por parte da Vicerraíña Xermana de Foix e supuxo a aceleración do proceso centralizador autoritario monárquico de Carlos V.
A crise acentuouse durante o século XVII coa expulsión dos mouriscos no 1609, os cales supuñan case un terzo de toda a poboación do reino. A decadencia tocou fondo coa Guerra de Sucesión Española de entre 1702 e 1709 que significou o fin da independencia política e xurídica do Reino de Valencia, ao derrogar Filipe V os Furs de València (Foros de Valencia). En 2007 cumpríronse os 300 anos da decisiva derrota na batalla de Almansa, o 25 de abril de 1707. Na lembranza desta data cada 25 de abril celébrase oficialmente o día das liberdades nacionais valencianas.
Os Borbóns
editarCos decretos de Nova Planta, é dicir, a abolición dos Foros Valencianos e o acomodo do reino e da súa capital ás leis e costumes de Castela, os cargos do goberno municipal deixaron de ser electivos para pasar a ser de designación directa do monarca, ocupados a miúdo por aristócratas foráneos. Valencia acostúmase a ser unha cidade ocupada, coa presenza de tropas acuarteladas na Ciutadella, xunto ao convento de Sant Doménec, mais tamén noutros edificios, por exemplo a mesma Lonxa da Seda foi cuartel até 1762.
No ámbito económico, o século XVIII foi de recuperación grazas a manufactura de tecidos de seda e outras actividades industriais, coma a taulelleria (fabricación de azulexos).
O XVIII foi o século das ideas e da ilustración, que atopou en Valencia unha resonancia en personaxes coma Gregori Maians ou Pérez Bayer, que mantiñan correspondencia cos destacados pensadores franceses ou alemáns do momento. Neste ambiente de exaltación das ideas naceu no 1776 a Societat Econòmica d'Amics del País (Sociedade Económica de Amigos do País), introdutora de numerosas melloras na agricultura e a industria e promotora de varias institucións económicas, cívicas e culturais.
O século XIX comeza coa invasión napoleónica, contra a cal o pobo valenciano levantouse en armas o 23 de maio de 1808, impulsada por personaxes coma por exemplo o Palleter, amotinándose na Ciutadella e repelendo o ataque do Xeneral napoleónico Moncey o 28 de xuño. Máis tarde o Xeneral Suchet repetiu o asedio, acadando o seu obxectivo o 9 de xaneiro de 1812 tras intensos bombardeos. Con todo, o seu control sobre a cidade foi breve, xa que en xullo do ano seguinte ten de abandonala por mor da retirada do exército francés.
Durante esta invasión os valencianos enviaron os seus representantes ás Cortes de Cádiz, onde se redactou unha constitución de carácter liberal e antiseñorial. Porén en maio de 1814 Fernando VII volveu á península a través de Valencia, e derrogou inmediatamente a constitución de Cádiz instaurando un réxime absolutista.
Comeza unha etapa de conflitos entre os absolutistas e os liberais. No marzo de 1820, durante o Trienio liberal (1820-1823), o xeneral absolutista Elío foi executado. Durante a etapa ultraconservadora denominada Década Ominosa (1823-1833) hai unha represión implacábel antiliberal con cargo ás forzas do Estado e a Inquisición, que executou en Valencia á súa última vítima o ano 1824, Gaietà Ripoll, un mestre acusado de "herexe" e "masón".
Durante a rexencia de María Cristina e o goberno progresista de Espartero liquídase definitivamente o Antigo Réxime. A cidade vive un clima revolucionario, con enfrontamentos entre liberais e republicanos, e coa ameaza das tropas carlistas de Ramón Cabrera. Durante este período convulso créanse as provincias (1833) e púxose en marcha a desamortización de bens da Igrexa (1837), sendo os seus inmobles e terreos adquiridos na súa maior parte pola burguesía local.
O reinado de Isabel II constituíu unha etapa de relativa estabilidade e de crecemento en Valencia, onde melloraron substancialmente as infraestruturas e os servizos de abastecemento de auga, pavimentado, gas e transportes, á vez que foron levados a termo importantes proxectos, por exemplo o do porto. En 1873 proclamouse a Primeira República nun ambiente radicalizado, o que provocou a insurrección cantonalista. O Cantón de Valencia non tivo o carácter revolucionario doutras cidades como Alcoi, mais o goberno de Madrid afogou a rebelión mediante as armas, sometendo á cidade a un intenso bombardeo. Tralo fin da república, Afonso XII chega a Valencia, camiño de Madrid, o 11 de xaneiro de 1875, sendo pouco despois proclamado rei. A restauración borbónica e o equilibrio entre conservadores e liberais non chega a Valencia até a concesión do sufraxio universal masculino en 1890, intre a partir do que o republicanismo, que tiña a Vicente Blasco Ibáñez á fronte, ascendeu considerablemente até converterse na forza máis votada da cidade.
Durante a segunda metade do século XIX a burguesía, especialmente a agraria, enriquecida pola introdución do cultivo da laranxa, mais tamén da expansión da viña e outros cultivos, impulsou o desenvolvemento da cidade. Este auxe económico correspondeu cun leve renacemento das tradicións e da lingua propia dos valencianos, que estivera ferozmente desterrada dende tempos de Filipe V. Todo isto levou a que en 1870 comezase o período coñecido como a Renaixença, un movemento comprometido coa lingua e as tradicións.
A partir do último cuarto de século Valencia comezou a medrar de xeito remarcable. Isto levou ao derrube das murallas en 1868, a apertura as grandes vías e á urbanización do Eixample de València (ensanche de Valencia). Catorce municipios periféricos anexionáronse á cidade: Patraix, Beniferri, Russafa, Benimaclet, Orriols, Benimàmet, Borbotó, Mauella, Campanar, Poble Nou de la Mar, Vilanova del Grau, Carpesa, Massarrojos e Benifaraig.
Século XX
editarA comezos do século XX Valencia era unha cidade industrializada. A seda desaparecera, pero había produción de peles e coiros, madeira, metalurxia e alimentación, este último cunha vertente exportadora, en particular de viños e cítricos. Predominaba a pequena empresa, pero cada día máis inseríase máis a mecanización e as grandes empresas. A mellor expresión desta dinámica eran as exposicións rexionais, en particular a de 1909, emprazada xunto á Albereda (Alameda), onde se mostraban os avances da agricultura e da industria. Entre os edificios máis importantes da época fai falla destacar os de estilo modernista, coma por exemplo a Estació del Nord (Estación do Norte) e os mercados Central e de Colom.
Os obreiros, en número crecente pola industrialización, comezaron a organizarse en demanda de mellores condicións de vida. O partido republicano de Blasco Ibáñez recolleu os froitos destas reivindicacións e obtivo un enorme apoio popular, gobernando ao concello entre 1901 e 1923.
A primeira guerra mundial afectou moito á economía valenciana ao colapsar as exportacións de cítricos. A instauración da ditadura de Primo de Rivera no ano 1923 freou durante algúns anos a conflitividade social, pero non apagou a crecente radicalización política. O movemento obreiro foi consolidando a súa organización sindical, mentres os sectores conservadores aglutinábanse ao redor da Dreta Regional Valenciana (Dereita Rexional Valenciana).
A república (1931-1939) abriu as vías democráticas de participación e incrementou a polititzación dos cidadáns, especialmente co ascenso da fronte conservadora ao poder no 1933. Este clima marcou as eleccións de 1936, gañadas pola Fronte Popular, o cal propicia o fervor das clases populares. O alzamento militar do 18 de xullo non triunfou en Valencia. Durante uns meses houbo un ambiente revolucionario, gradualmente neutralizado dende o goberno. A marcha da contenda bélica aconsellou trasladar a capital da República a Valencia en novembro de 1937: o goberno instalouse no pazo de Benicarló, e os ministerios ocuparon varios pazos. A cidade foi intensamente bombardeada por aire e por mar, o cal trouxo á construción de máis de douscentos refuxios para protexer a poboación. O 30 de marzo de 1939 Valencia rendese e as tropas nacionais fan a súa entrada.
Coa ditadura prohibíronse os partidos políticos e iniciouse unha severa represión ideolóxica, encabezada pola igrexa. A autarquía económica provocou unha profunda crise e o desabastecemento dos mercados: os racionamentos e o estraperlo impuxéronse durante máis dunha década. Os franquistas silenciaron as catastróficas consecuencias da riada de 1949, con decenas de mortes, pero non se puido facer o mesmo coa aínda máis tráxica gran riada de Valencia, no 1957, cando o río Túria desbordouse, causando a morte de moitos valencianos (81 oficialmente, a cifra real non se sabe). Para evitar novas catástrofes, anos despois o río desviouse por unha nova cunca (Pla Sud). O río vello do Turia abandonouse durante anos. Os alcaldes franquistas propuxeron facer unha autoestrada, opción que finalmente se descartou (grazas á chegada da democracia e ás protestas veciñais), abrindo paso ao seu uso como parque municipal (véxase Xardín do Turia). A comezos dos sesenta comeza a recuperación económica e Valencia vive un espectacular crecemento demográfico debido á inmigración e a execución de importantes obras urbanísticas e de infraestruturas.
Coa chegada da democracia a España, València constituíuse coma a capital do País Valenciano co Consello Preautonómico do 1977 e acadou certo grao de autogoberno. Porén, a noite do 23 de febreiro de 1981 hai unha tentativa golpista que, dende Valencia, encabezou Milans del Bosch, afortunadamente fracasada. A democracia propiciou a recuperación da lingua e a cultura valenciana, aínda que non se pode evitar certa crispación social ao redor dos símbolos (coñecido como a Batalla de Valencia).
O estatuto púxose en marcha no 1982 e en Valencia instalouse a Generalitat Valenciana e todos os órganos de goberno da Comunitat. Durante os primeiros 25 anos de democracia, Valencia cambiou significativamente. Destacan como obras emblemáticas o Xardín do Túria (axardinamento da vella cama do Túria), o Palau da Música ou o de Congressos de València, o Metro, e a nova Ciutat de les Arts i de les Ciències (Cidade das Artes e as Ciencias), de Santiago Calatrava, ao carón do Museu Valencià de la Il·lustració i de la Modernitat (MUVIM) e do Institut Valencià d'Art Modern (IVAM). Grazas a estes fitos e á progresiva rehabilitación da Ciutat Vella cada día a cidade atrae máis e máis turismo
Localización xeográfica e clima
editarA cidade de Valencia atópase a rentes do mar Mediterráneo na Península Ibérica, sobre a gran chaira aluvial que forman os ríos Xúcar e Turia, a beiras do que se sitúa a cidade, lonxe das montañas. O outeiro de El Puig está a uns 12 km ao norte da cidade e uns quilómetros máis adiante cara ao noroeste atópase a Serra Calderona, principal cadea montañosa preto da cidade, sendo ademais o seu pulmón verde.
A cidade vella está á beira do río, a uns catro quilómetros do mar, onde antigamente só había el Grau de Valencia, que agora atópase unido á cidade e forma parte do distrito coñecido coma Poblats Marítims (Poboados Marítimos). A razón pola que a cidade foi fundada lonxe da costa é porque en tempos dos romanos inda era unha seca, cunha costa baixa e areosa, como case todo o Golfo de Valencia. Ao Sur da cidade está a Albufeira de Valencia, un lago de auga doce á beira do mar e separado deste por unha restinga, que se nutre de numerosos acuíferos e das achegas do cantil de Xiva. Hoxe en día é un Parque Natural.
Clima
editarValencia posúe un clima tipicamente mediterráneo. Caracterízase por ser suave, cunha temperatura media anual superior aos 18 °C. Os veráns son cálidos e os invernos moi moderados. Durante os meses invernais a temperatura non adoita estar por baixo dos 10 °C. A temperatura máxima rexistrada na cidade foi de 43,0 °C, rexistrada o 27 de agosto de 2010, mentres que a mínima absoluta rexistrada na cidade está nos -7,2 °C, rexistrada o 11 de febreiro de 1956. As precipitacións son discretas e presentan o clásico mínimo estival mediterráneo, con dous máximos, un no outono e outro ao remate do inverno e comezo da primavera. As precipitacións son de 475 mm ao ano, mais adoitan ser de grande intensidade e concentradas no outono (gota fría), rexistrándose 262,6 l/m² o 17 de novembro de 1956, sendo a maior precipitación rexistrada nun só día. O maior refacho de vento rexistrouse na cidade o 25 de febreiro de 1989, cando a velocidade do vento alcanzou os 117 km/h.
Datos climáticos para Valencia, 1981–2010 | |||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Mes | Xan | Feb | Mar | Abr | Mai | Xuñ | Xul | Ago | Set | Out | Nov | Dec | Anual |
Temperatura máxima en °C | 25,8 | 29,0 | 33,2 | 33,5 | 42,0 | 38,2 | 41,8 | 43,0 | 38,4 | 35,6 | 32,0 | 25,2 | 43,0 |
Media máxima en °C | 16,4 | 17,1 | 19,3 | 20,8 | 23,4 | 27,1 | 29,7 | 30,2 | 27,9 | 24,3 | 19,8 | 17,0 | 22,8 |
Media diaria en °C | 11,9 | 12,7 | 14,6 | 16,2 | 19,0 | 22,9 | 25,6 | 26,1 | 23,5 | 19,7 | 15,3 | 12,6 | 18,3 |
Media mínima en °C | 7,1 | 7,8 | 9,7 | 11,5 | 14,6 | 18,6 | 21,5 | 21,9 | 19,1 | 15,2 | 10,8 | 8,1 | 13,8 |
Temperatura mínima en °C | −2,6 | −1,2 | 1,2 | 3,0 | 6,0 | 10,6 | 16,0 | 16,2 | 11,6 | 6,3 | 1,6 | −0,3 | −2,6 |
Precipitación media mm | 37 | 36 | 33 | 38 | 39 | 22 | 8 | 20 | 70 | 77 | 47 | 48 | 475 |
Media de días con precipitacións (≥ 1 mm) | 4,4 | 3,9 | 3,6 | 4,8 | 4,3 | 2,6 | 1,1 | 2,4 | 5,0 | 5,0 | 4,3 | 4,8 | 46,3 |
Humidade relativa media (%) | 63 | 61 | 61 | 60 | 65 | 65 | 66 | 68 | 67 | 66 | 65 | 65 | 65 |
Media de horas de sol mensuais | 171 | 171 | 215 | 234 | 259 | 276 | 315 | 288 | 235 | 202 | 167 | 155 | 2 696 |
Fonte: Agencia Estatal de Meteorología[1] |
Administración
editarAlcaldes post-constitución
- Fernando Martínez Castellano/Ricard Pérez Casado 1979-1983 PSPV
- Ricard Pérez Casado 1983-1987 PSPV
- Ricard Pérez Casado/Clementina Ródenas 1987-1991 PSPV
- Rita Barberá Nolla 1991-2015 PP
- Joan Ribó i Canut 2015- Compromís
Poboación
editar- Véxase tamén: Área metropolitana de Valencia.
A cidade de Valencia contaba no 2008 cun total de 807.200 habitantes, segundo datos do INE, e é o centro dunha extensa área metropolitana que acolle a preto de dous millóns de habitantes. Esta área urbana representa arredor do 35% da poboación valenciana.
Ao longo do século XX a cidade multiplicou por tres e medio a súa poboación inicial, sendo os períodos de máximo crecemento demográfico os anos 1930-1940 e a década dos sesenta. Os anos noventa foron anos de estabilidade demográfica por efecto da caída dos movementos migratorios, que foran o factor fundamental de crecemento dos anos anteriores, e pola redución da natalidade. Nos últimos anos as fortes correntes migratorias exteriores están provocando de novo unha dinámica demográfica positiva.
O progresivo aumento da esperanza de vida e a redución da fecundidade reflíctese nunha pirámide de idades que se estreita na súa base e se ensancha na parte superior, cun peso crecente das xeracións de máis idade. Porén, a poboación da cidade continúa sendo relativamente moza, cun 25% dos seus efectivos nas xeracións de 15 a 29 anos e un 29% nas de 30 a 49 anos.
Distribución da poboación de Valencia por distritos e barrios
editarDatos de 2007 do Ajuntament de València [2]
- Ciutat Vella: 25.368 habitantes.
- la Seu: 2.789.
- la Xerea: 3.839.
- el Carme: 6.074.
- el Pilar: 3.912.
- el Mercat: 3.266.
- Sant Francesc: 5.488.
- L'Eixample: 44.127 habitantes.
- Russafa: 24.937.
- el Pla del Remei: 7.071.
- Gran Via: 12.119.
- Extramurs: 50.076 habitantes.
- el Botànic: 6.499.
- la Roqueta: 4.668.
- la Petxina: 15.479.
- Arrancapins: 23.430.
- Campanar: 34.763 habitantes.
- Campanar: 12.149.
- Tendetes: 5.600.
- el Calvari: 5.174.
- Sant Pau: 11.840.
- La Saïdia: 49.320 habitantes.
- Marxalenes: 11.423.
- Morvedre: 10.535.
- Trinitat: 8.256.
- Tormos: 8.960.
- Sant Antoni: 10.146.
- Pla del Real: 31.369 habitantes.
- Exposició: 6.945.
- Mestalla: 14.917.
- Jaume Roig: 7.832
- Ciutat Universitària: 2.675.
- L'Olivereta: 50.177 habitantes.
- Nou Moles: 26.874.
- Soternes: 5.132.
- Tres Forques: 9.331.
- la Fontsanta: 3.669.
- la Llum: 5.171.
- Patraix: 58.401 habitantes.
- Patraix: 25.429.
- Sant Isidre: 10.002.
- Vara de Quart: 10.916.
- Safranar: 8.641.
- Favara: 3.413.
- Jesús: 53.693 habitantes.
- Raiosa: 15.718.
- Hort de Senabre: 17.662.
- Creu Coberta: 6.485.
- Sant Marcel·lí: 10.274.
- Camí Real: 3.554.
- Quatre Carreres: 74.556 habitantes.
- Montolivet: 19.969.
- En Corts: 12.229.
- Malilla: 22.762.
- la Font de Sant Lluís: 3.086.
- Na Rovella: 8.825.
- la Punta: 2.123.
- Ciutat de les Arts i les Ciències: 5.562.
- Poblats Marítims: 58.859 habitantes.
- el Grau: 9.396.
- el Cabanyal i el Canyamelar: 20.515.
- la Malva-rosa: 14.044.
- Beteró: 8.430.
- Natzaret: 6.474.
- Camins al Grau: 63.367 habitantes.
- Aiora: 25.863.
- Albors: 9.001.
- Creu del Grau: 15.019.
- Camí Fondo: 4.608.
- Penya-roja: 9.145.
- Algirós: 40.803 habitantes.
- Illa Perduda: 9.553.
- Ciutat Jardí: 13.433.
- l'Amistat: 8.017.
- la Vega Baixa: 6.226.
- la Carrasca: 3.574.
- Benimaclet: 30.448 habitantes.
- Benimaclet: 24.673.
- Camí de Vera: 5.775.
- Rascanya: 51.933 habitantes.
- els Orriols: 17.528.
- Torrefiel: 26.103.
- Sant Llorenç: 8.302.
- Benicalap: 42.843 habitantes.
- Benicalap: 36.317.
- Ciutat Fallera: 6.526.
- Pobles del Nord: 6.271 habitantes.
- Benifaraig: 964.
- Poble Nou: 1.027.
- Carpesa: 1.268.
- Cases de Bàrcena: 397.
- Mauella: 60
- Massarrojos: 1.787.
- Borbotó: 768.
- Pobles de l'Oest: 13.905 habitantes.
- Benimàmet: 13.113.
- Beniferri: 792.
- Pobles del Sud: 20.387 habitantes.
- el Forn d'Alcedo: 1.330.
- el Castellar i l'Oliveral: 7.046.
- Pinedo: 2.515.
- el Saler: 1.637.
- el Palmar: 786.
- el Perellonet: 1.613.
- la Torre: 5.051.
- Faitanar: 409.
Total Valencia cidade: 800.666 habitantes.
Actividades económicas
editarOs romanos fundárona nun pantano durante o século II a. C. e desecaron parte das súas terras e puxéronas en regadío, traballo que continuaron os árabes a partir do século VIII e os cristiáns logo da conquista de Xaime I, no século XIII. Até o século XIV foi un centro basicamente agrario e de troco de produtos agrícolas, sendo a súa horta famosa pola súa alta produtividade. A partir do século XIV e sobre todo XV comezou a destacar poderosamente a industria sedeira de Valencia, da que foi a máis importante á cidade até o século XIX e que deu nome a un dos seus barrios: o de Velluters.
Na actualidade a cidade de Valencia é, fundamentalmente, unha área de servizos, a influencia da cal está moito mes aló dos límites do seu termo municipal. Actualmente a poboación ocupada no sector servizos é o 73,2% do total, cun gran peso das actividades de demanda final, do comercio de agasallo e almacenista, dos servizos especializados a empresas e de actividades profesionais. Porén a cidade mantén unha base industrial importante, cunha porcentaxe de poboación ocupada do 14,2%, formada por pequenas e medianas empreses entre as cales destacan os sectores de papel e artes gráficas, de madeira e moble, de produtos metálicos e de calzado e confección.
A Economía da cidade tivo durante os últimos anos unha dinámica positiva que se ve reflectida nas cifras de desocupación rexistrada, de matriculación de vehículos ou de licenzas de construción. O seu dinamismo coma centro económico e como lugar de referencia para múltiples actividades económicas reflíctese tamén na puxanza de institucións claves para o desenvolvemento económico como a Fira de Valencia, a Bolsa, o Palau de Congressos de València, as súas Universidades, tanto a de Valencia, como a Politècnica e, sobre todo o porto.
Fai falla destacar o papel do porto para a economía da cidade. A principios do 2006 era o primeiro porto do estado en tráfico de colectores e atópase entre os 10 primeiros de Europa en canto a tráfico de mercadorías[3]. O Porto de Valencia alberga tamén a Valencia Superyacht Marina, a Mariña Reial Xoán Carlos I e o Porto America's Cup. Ademais o porto mantén un tráfico regular de pasaxeiros entre Valencia, as Illas Baleares e Italia e un emerxente tráfico de cruceiros que en 2005 gravou 110 escaleiras e 106.502 pasaxeiros. Por apoiar a este nivel de actividade o porto de Valencia dispón de instalacións con equipamento competitivo nunha superficie dunhas 600 hectáreas con máis de 12.000 metros lineais de peirao dos cales 4.000 teñen calados iguais ou superiores aos 14 metros. É por todo isto que o porto de Valencia xoga un papel relevante na economía local: estímase que xera directa ou indirectamente máis de 15.000 postos de traballo e actividade por máis de 1.100 millóns de euros.
Valencia conta tamén con importantes institucións culturais que teñen unha importancia crecente no seu desenvolvemento: o IVAM, o Palau de la Música de València ou a Ciutat de les Arts i de les Ciències achegan un innegable valor engadido á cidade e ao seu contorno metropolitano como centro cultural e de lecer. Por outra porte as actividades agrarias, aínda que teñan unha importancia relativamente menor, sobreviven no termo municipal, cun total de 3.973 ha., ocupadas na súa meirande parte por cultivos de regadío.
Transporte
editarMetro
editar- Artigo principal: MetroValencia.
A actual rede de Ferrocarrils de la Generalitat Valenciana en Valencia é herdeira da antiga rede de ferrocarrís suburbanos de Valencia, coñecida popularmente como o Trenet de Valencia, que unía a capital coas poboacións próximas. Devandita rede de vía estreita fora construída no seu maior parte durante o final do século XIX, e foi xestionada sucesivamente pola Sociedade Valenciana de Tranvías.
A modernización da antiga rede, durante os anos 80 do século XX, e a súa ampliación e conversión nun moderno ferrocarril metropolitano, deron orixe á rede de MetroValencia que na actualidade (2009) dispón de tres liñas de metro e dous de tranvía en superficie. A rede comunica a capital coa Área Metropolitana de Valencia. As liñas de MetroValencia son:
Este artigo (ou sección) está desactualizado(a). A información fornecida mudou ou é insuficiente. |
METRO | |||
Liña | Terminais | Lonxitude | Estacións |
---|---|---|---|
Llíria/Bétera - Torrent Avinguda/Vva. de Castellón |
98,159 km | 59 | |
Museus - Natzaret (en construción) |
7,500 km | 12 | |
Rafelbunyol - Aeroport | 24,691 km | 26 | |
Mas del Rosari/Fira - Dr. Lluch/Lloma Llarga/Terramelar | 15,921 km | 33 | |
Marítim Serrería - Aeroport/Torrent Avinguda | 26,502 km | 30 | |
Tossal del Rei - Marítim Serrería | 10,067 km | 21 | |
Total (liñas de Metro e Tranvía) | 175,34 km[4] | 169 |
Ferrocarril
editar- Artigo principal: Estación Norte.
Valencia conta cun núcleo propio de proximidade, este núcleo está composto por seis liñas que unen Valencia con Gandia, Moixent, Utiel, Xirivella, Caudiel e con Castelló de la Plana ademais ten catro estacións de ferrocarril no seu termo municipal que son: València-Nord, València-Font de San Lluís, València-Cabanyal e València-Sant Isidre. Ademais catro das liñas teñen continuación como liñas de media e longa distancia enlazando Valencia con capitais como Madrid, Barcelona, Albacete, Zaragoza etc.
Autobuses
editarValencia conta cunha rede de autobuses urbanos e de periferia. A Empresa Municipal de Transportes encárgase de toda a cidade, chegando a cada recuncho da capital, ten un servizo desde as 5:30 da mañá até as 23:00, tras iso, comeza o servizo nocturno que termina sobre as 2:30, o servizo da periferia realízao un consorcio formado por diversas empresas de transportes agrupadas baixo o nome de Metrobús, unindo a capital coas poboacións de ao redor.
Taxi
editarA Consellería de Infraestruturas e Transporte a través da Entidade de Transporte Metropolitano ten en marcha desde o exercicio 2005 un programa de axudas para a adquisición de vehículos eléctricos destinados ao servizo de taxi. Na actualidade, existen xa 69 vehículos híbridos eléctricos prestando o servizo de taxi no Área de Valencia.
Transporte aéreo
editar- Artigo principal: Aeroporto de Valencia.
En setembro de 2008 presentouse a segunda ampliación do Aeroporto de Valencia, que se atopa a 8 km do centro cidade de Valencia, comunicado por autobús, taxi e metro. Os destinos con maior tráfico son Madrid, que acapara preto da metade do tráfico, Palma, Barcelona, Sevilla e Eivissa. No ámbito internacional París, Milán, Londres, Múnic e Nova York son os destinos máis importantes. Ten conexión con Santiago de Compostela.
Festas, tradicións e gastronomía
editarValencia é famosa polas Fallas (Les Falles), as festas locais do 15 ao 19 de marzo, na honra do seu patrón, Sant Josep, aínda que son unhas festas de tradición pagá. Dentro das festas relixiosas, tamén se celebran con devoción as festas de Sant Vicent Mártir, tamén patrón da vila, en xaneiro, e as de Sant Vicent Ferrer, patrón do País Valenciano. Nesta última festividade represéntanse en moitos lugares da cidade os supostos milagres de Sant Vicent, xeralmente representados por nenos.
Outra festividade grande na cidade é o 9 de outubro, data que rememora a entrada de Jaume I á cidade. Ese día celébrase na cidade Sant Donís ou, máis popularmente, a "Mocaorà", cando os homes regalan ás súas parellas (e ás veces tamén ás nais) un pano que envolve uns doces de mazapán de diferentes formas e cores que representan as froitas e tamén dúas figuras máis grandes: a piuleta e o tronador, que representan unha antiga prohibición de lanzar foguetes o día 9 de outubro por tal de celebrar a entrada de Jaume I. Para moitos valencianos, o 9 de outubro é considerado o día dos namorados.
Tamén o nove de outubro ten lugar a popular procesión cívica, na cal unha comitiva, conformada polas altas esferas políticas e sociais valencianas, acompaña a Senyera Coronada polo centro antigo da cidade, visitando lugares como a catedral de Valencia e o pazo da Generalitat. Cada ano desígnase a unha personalidade que será encargada de traer a senyera durante todo o percorrido. Unha das peculiaridades deste acto é que a senyera tense de baixar (e volver subir, ao acabar a procesión) do balcón do concello en posición completamente vertical, mantendo a tradición do Centenar de la Ploma, segundo a cal a Real Senyera Coronada non se pode inclinar ante ninguén.
Outras festas populares son a Semana Santa do Cabanyal, a nit de Sant Joan na praia da Malva-rosa, os carnestoltes (entroido), sendo, por exemplo, os de Benimaclet moi famosos, e moitas outras actividades relacionadas coas festas falleiras. Xunto á Estaciò del Nord está o Trinquet de Pelayo, tamén denominado a Catedral de l'Escala i corda, unha das modalidades do deporte autóctono, a pilota valenciana.
Dentro da gastronomía, a cidade fixo propios os pratos máis coñecidos da comarca de l'Horta: a paella valenciana, orixinaria da zona da Albufera, os bunyols con chocolate, o all i pebre (allo e pementa), e a orchata, orixinaria da Horta Nord.
Museos e monumentos
editarPorta de Serrans | Porta de Quart | Portal de la Valldigna |
Mercat de Colom | Mercat Central | Plaça del Mercat |
Llotja de la Seda | Ciutat de les Arts i de les Ciències | Estació del Nord |
Ajuntament de València | Plaça de l'Ajuntament | Falla da festa das Fallas |
Seu de València (Cimbori) | El Micalet, torre de La Seu | Plaça de la Mare de Déu |
Interior de La Seu | Seu de València (Porta de l'Almoina) | Seu de València (Porta dels Apòstols) |
Palau de Benicarló | Palau de la Generalitat Valenciana | Palau de Justícia de València |
Centre Arqueològic de l'Almoina | Banys de l'Almirall | Universitat de València |
IVAM | MUVIM | Teatre Principal de València |
Església de Santa Caterina | Església de Sant Joan de l'Hospital | Església del Patriarca |
Claustre del Convent del Carme | Convent de Sant Doménec | Pati de l'Ambaixador Vich |
Basílica de la Mare de Déu | Sant Joan del Mercat | Centre Cultural la Beneficència |
Museu de Belles Arts | Museu de Ceràmica | Palau de la Música |
Estadi de Mestalla | Estadi Ciutat de València | Trinquet de Pelai |
Cidades irmandadas
editarNotas
editar- ↑ "Valores climatológicos normales". Agencia Estatal de Meteorología (en castelán). Consultado o 29 de xullo de 2021.
- ↑ "Datos do Ajuntament de València. Inclúe pequenas vilas de arredores coma Pobles del Nord, de l'Oest i del Sud" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 11 de marzo de 2016. Consultado o 07 de decembro de 2008.
- ↑ "Datos do porto de Valencia, Ministerio de Fomento". Arquivado dende o orixinal o 04 de agosto de 2007. Consultado o 07 de decembro de 2008.
- ↑ Non inclúe a liña 2, en construción
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Valencia |
Outros artigos
editarLigazóns externas
editar- Web oficial da cidade
- Universitat de València Arquivado 04 de decembro de 2008 en Wayback Machine.
- Universitat Politècnica de València
- Empresa Municipal de Transportes (EMT) Arquivado 12 de novembro de 2021 en Wayback Machine.
- MetroValencia (FGV) Arquivado 09 de novembro de 2000 en Wayback Machine.
- TurisValencia (Web Oficial)Arquivado 17 de agosto de 2016 en Wayback Machine.
- Fallas de Valencia