Un millón de vacas
Un millón de vacas é unha obra narrativa do escritor, xornalista e académico galego Manuel Rivas. Publicada no ano 1989, foi galardoada co Premio da Crítica de Narrativa Galega dese mesmo ano e considérase a primeira grande achega en prosa do autor. Consta de 17 relatos breves independentes entre si e mais un adicional engadido na reedición de 2007. Foi traducido ao castelán a principios dos 90. En 2019 chegou á súa 14ª edición.
Un millón de vacas | |
---|---|
Título orixinal | Un millón de vacas |
Autor/a | Manuel Rivas |
Orixe | Galicia |
Lingua | galego |
Xénero(s) | narrativa |
Editorial | Edicións Xerais de Galicia |
Data de pub. | 1989 |
Formato | rústica, tapa branda |
Páxinas | 120 |
Premios | |
[ editar datos en Wikidata ] |
En 2023 Xerais publicou unha nova edición, 104 páxs. ISBN 978-84-1110-440-1
Sinopse
editar"Primeiro amor"
Narrado en primeira persoa, o protagonista retorna á súa aldea natal, Aita, para volver atoparse coa que, semella, fora o seu primeiro amor. Os dous manteñen unha conversa casual e ela amosa sutilmente seu pesar.
"Meu curmán, o robot xigante"
Un raparigo narra en primeira persoa as súas pescudas para descubrir se o seu curmán Dombodán é en realidade dun robot. Dombodán, fillo da tía do protagonista, Gala, podería se cadra sufrir algún tipo de deficiencia mental. Finalmente revélase que Dombodán e a tía Gala manteñen unha relación incestuosa.
"O navegante solitario"
Tras unha forte tormenta, un estraño de pelo louro chega a un bar da costa e senta a tomar algo. O dono do bar intenta manter unha conversa con el mais o acabado de chegar asemella mudo. A vida cotiá do lugar vai transcorrendo con normalidade ata que aparece na televisión a noticia de que o cabaleiro de pelo louro morrera na tormenta. O dono do bar pregúntalle ao estraño se ese era el e se estaba morto: el responde que si. O dono do bar tómao con tranquilidade.
"Unha partida co irlandés"
Un rapaz enrólase no buque británico Lady Mary, onde moito sofre debido ao seu medo ao mar. O único consolo que atopa é a imaxe dunha vaca que lle recorda o seu fogar. Tras unha noite de xogo contra outros mariñeiros do barco, perde todas as súas posesións e só as recupera tras apostar tamén a súa prezada foto da vaca. Tras iso, perde o medo ao mar.
"A estrada do cabalo coxo"
Un condutor vese na obriga de parar o coche ante unha recua de cabalos que bloquean a estrada. O condutor espera ata que por fin os cabalos comezan a moverse unha vez chegou o líder, que está coxo. Máis tarde o mesmo home repite a mesma situación, mais desta vez coa procesión dun enterro da zona. Tras falar co que semella ser o xefe dos veciños da aldea, descobre que están indo de camiño a soterrar un rapaz que se suicidara recentemente; o cura da súa parroquia de nacemento negárase a oficiar as exequias xa que, segundo el, o rapaz morrera en pecado. Despois de trasladar o defunto á parroquia veciña, o condutor leva o xefe dos veciños no coche para ir buscar o cura, que por fin leva a cabo a cerimonia de sepultura de forma brusca e maleducada. O condutor sinálalle os malos modos do cura ao xefe dos veciños, pero semella non importarlle e volve á súa casa coxeando.
"Un deses tipos que vén de lonxe"
Marga, unha moza universitaria, acode a unha noite de troula con seus amigos e acompañada de quen parece ser o seu noivo, un rapaz moi alto, aparentemente mudo e que todo o mundo toma por parvo chamado Dombodán. Os amigos de Marga pasan a noite mofándose de Dombodán, que aguanta as burlas toda a festa ata que, xusto ao final, Raúl -un dos amigos de Marga- propón ao grupo xogar á ruleta rusa, pero trucando o resultado para facer crer a Dombodán que ía morrer. Ao se decatar do engano o amable xigante abre por primeira vez os beizos só para dicir ao grupo o mala xente que son.
"O inglés"
Un mozo pobre dunha aldea galega marcha cara a Inglaterra co obxectivo de facerse rico. No estranxeiro consegue unha pequena cantidade de cartos e retorna á súa terra. Alí, cun carácter máis mesurado e maduro, comeza a investir en mellorar o pobo. Gañará máis cartos e hase converter no home máis rico da súa terra.
"Que non quede nada"
Un home ecoloxista e pacifista fala cun amigo sobre o que supuxo para el ter un fillo. Cando volve para casa decide comprarlle un paraugas ao seu neno, mais ao momento de entregarllo, o fillo cólleo a xeito de rifle e xoga a disparar a seu pai, para o desagrado deste.
"Os ollos da cabra non teñen bágoas"
Luís, un empregado de hotel, deixa o seu traballo tras recibir a noticia de que a casa de súa nai ía ser vendida e tras ser dado de lado polo último familiar que apreciaba. Sumido nunha profunda depresión, dedícase a vagar polas estradas ata que decide ir á porta da casa de súa nai, e ponse a mexar alí.
"Unha visita ó mercado"
Un político discute con seu asesor e mostra as dúbidas que sente pola reacción que a xente común mostra para o seu programa electoral.
"Un millón de vacas"
Un home diríxese cara a Vigo cando é detido por unha autostopista anciá. Os dous manteñen unha conversa sobre as experiencias da muller cando vivira en Madrid. Ela pídelle ao home que a leve ao hospital para atender unha cita. Xa en Vigo, a muller recoñece que se dirixe cara a unha discoteca.
"Os fillos de Luc & Fer"
Dous músicos son enrolados -por erro do seu promotor- nun concerto de estilo musical distinto á súa especialidade. O público enfádase e só se calman cando os músicos tocan a súa canción máis animada usando como instrumento unha choca.
"O muíño"
Un profesor de universidade mostra interese en comprar un vello muíño, mais tras falar coa inmobiliaria responsable insiste en coñecer os propietarios. Coa escusa de manter a privacidade destes, o profesor vese na obriga de pagar un sinal antes de coñecelos, máis todo resulta ser un calote.
"O artista de provincias"
Un pintor galego de recente éxito decide mudarse a Madrid para dar o salto definitivo á fama. Unha vez aló vese incapaz de seguir os cambios das tendencias artísticas e acaba tolo, pintando un cadro dunha vaca co seu propio sangue.
"O amigo Tom"
Un pai comparte unha tarde de xogos co seu fillo e a súa filla. Ela ten un amigo imaxinario chamado Tom. Tras xogaren a ir de pesca coa imaxinación, a nena ponse a chorar berrando que Tom quedara abandonado no medio do mar imaxinario.
"Campos de algodón"
O encargado da central telefónica do cuartel de infantaría da 3ª División responde a chamada dunha muller que pide desesperadamente un permiso para que o seu fillo José puidese volver para axudalos a recoller o algodón, pero sen especificar de que José en concreto está a falar. O encargado intenta calmala e explicarlle a situación cando, de repente, se ve obrigado a colgar o aparato á señora e deixala coa incerteza unicamente para que o seu Coronel poida facer unha chamada.
"O domingo"
Un grupo de amigos reúnese nunha feira un domingo. Manteñen unha conversa casual sobre temas varios, como a tarde de pesca dun deles, o próximo recrutamento doutro ou o feito de que o irmán dun terceiro botase moza.
Temática
editarAdemais dos que se relacionan co núcleo de cada trama, os diferentes relatos que compoñen esta obra van abordando, aínda que sexa de forma puntual, temáticas moi variadas: os prexuízos reaccionarios contra as nais solteiras (en “Meu curmán, o robot xigante” a figura da tía Gala é tratada con vergoña e desprezo pola opinión pública e familiar), a posesión de armas (“Que non quede nada”), a visión dun mar temible e cruel (“Unha partida co irlandés”) ou a emigración (“O inglés”). Con todo, o que está presente ao longo de toda a obra é o choque entre a Galicia tradicional e a moderna, a incomprensión mutua entre ambos os mundos; trátase dunha das claves das dificultades de adaptación que padecen varias personaxes. Dúas se fan especialmente presentes: a vaca e o neno; a primeira, en calidade de símbolo totémico que serve de ancoraxe nos momentos de desesperación ou incomodidade. Representa a Galicia tradicionalista e pechada. A inocencia da segunda personaxe máis visible, a do neno, serve como nexo entre ambos os dous mundos, unha visión pura e allea aos males sociais. Cómpre tamén aludir ao importante papel de Dombodán, home de clase baixa, sen voz, que vive no campo e é desprezado como inferior. Moi sensible, cala porque sabe, parece parvo porque non é cínico. Alto e forte, sofre algunha minusvalía mais ten o potencial de cambiar o curso das historias nas que se insire. Nos dous relatos nos que aparece (“Meu curmán o robot xigante” e “Un deses tipos que ven de lonxe”) ten un rol protagonista. En todo momento mantén unha actitude pasiva e inocente pero -ao contrario dos menores- el si comprende a situación na que se atopa e os males que o rodean.
Estilo e significación
editarA obra narrativa de Manuel Rivas evidencia o oficio periodístico dun autor que se ten definido a si mesmo, sobre todo, como poeta. O estilo literario d´Un millón de Vacas é unha prosa sinxela e de xorne espontáneo, moi vinculada co rexistro oral e coas diversas formas populares da lingua. Ao fondo, tanto os argumentos coma as personaxes están marcados por un profundo e reflexivo lirismo. Esa síntese será característica de toda súa obra narrativa, coma tamén o forte choque de rexistros e de visións entre a Galicia tradicional e a moderna. Afastado do retoricismo, a emoción e o orgullo ante a nosa vida cotiá, servidos con boas doses de amable ironía son a marca que permanece ao longo do libro todo.
Traducións
editar- Ao asturiano por Pablo Antón Marín Estrada co título de Un millón de vaques publicado en 1993 por Editora del Norte.[1]
- Ao castelán por Basilio Losada Castro co título de Un millón de vacas publicado en 1999 por Alfaguara.[2]
- Ao húngaro por Éva Bánki e Lóránt Kertész co título de Egymillió tehén publicado en 2002 por Palimpszeszt Kult.[3]
- Ao portugués por Maria do Carmo Abreu co título de Un milhão de vacas publicado en 2003 por Dom Quixote.[4]
- Ao serbio por Ivana Jovanović co título de Million krava publicado en 2003.[5]
- Ao italiano por Danilo Manera publicado en 2005 por Feltrinelli.[6]
Recoñecementos
editarVéxase tamén
editarBibliografía
editar- A emigración cara a Europa na Literatura Galega, Dolores Vilavedra
- Campos, Débora (2015). "Entrevista con el pedagogo y editor Manuel Bragado: Manuel Rivas y la visibilización de la literatura gallega". Olivar: revista de literatura y cultura españolas 16 (24): 9. ISSN 1515-1115.
- La obra literaria de Manuel Rivas: notas para una lectura macrotextual, Dolores Vilavedra
- La radiografía del mundo marinero gallego en la narrativa de Manuel Rivas Arquivado 19 de setembro de 2019 en Wayback Machine., Marta Kobiela-Kwaśniewska
- El lenguaje ecológico de Manuel Rivas: retranca, resiliencia y reexistencia, Isabel Castro-Vázquez
- La perspectiva humorística en la literatura gallega como expresión del Volksgeist gallego sobre el ejemplo de la narrativa de Manuel Rivas Arquivado 13 de maio de 2019 en Wayback Machine., Marta Kobiela-Kwaśniewska
- ↑ "Un millón de vaques". bibliotraducion.uvigo.es. Arquivado dende o orixinal o 12 de setembro de 2019. Consultado o 2019-08-06.
- ↑ "Un millón de vacas". bibliotraducion.uvigo.es. Arquivado dende o orixinal o 19 de setembro de 2019. Consultado o 2019-08-06.
- ↑ "Egymillió tehén". bibliotraducion.uvigo.es. Arquivado dende o orixinal o 12 de setembro de 2019. Consultado o 2019-08-06.
- ↑ "Un milhão de vacas". bibliotraducion.uvigo.es. Arquivado dende o orixinal o 12 de setembro de 2019. Consultado o 2019-08-06.
- ↑ "Million krava". bibliotraducion.uvigo.es. Arquivado dende o orixinal o 12 de setembro de 2019. Consultado o 2019-08-06.
- ↑ "[Un millón de vacas]". bibliotraducion.uvigo.es. Arquivado dende o orixinal o 12 de setembro de 2019. Consultado o 2019-08-06.