Os trinovantes ou trinobantes foron unha das tribos celtas que habitaron a Britania durante o período anterior á invasión romana. O seu territorio estendíase pola zona norte do río Támese, polas rexións de Essex e Suffolk, e incluía territorios que na actualidade localízanse no distrito de Gran Londres. O seu nome deriva dos prefixos celtras tri e novio, que nun sentido amplo, fai referencia ao vigor da tribo, polo que viría significar O pobo máis vigoroso. A súa capital foi a cidade de Camulodunum (a moderna Colchester), unha das localizacións propostas como a situación da lendaria cidade de Camelot.

Mapa dos pobos celtas.

Pouco antes da invasión da Britania por parte do exército romano dirixido polo xeneral Caio Xulio César (55 a. C. - 54 a. C.), os trinovantes eran considerados entre os pobos da Britania como a tribo máis poderosa da illa. Nesa época a capital desta tribo localizábase en Braughing (a moderna rexión de Hertfordshire). En moitos manuscritos que datan da época da guerra das Galias o seu rei menciónase co nome de Imanuentio, aínda que noutros omítese o nome. Nalgún momento antes de que se iniciase a segunda invasión de César á illa, este rei foi substituído por Casivellauno, que asumiu o mando da tribo dos catuvellaunos. O seu fillo, Mandubracio, fuxiu cara á protección que lle conferiría César na Galia. Durante esta segunda invasión, César derrotou a Casivellauno e restaurou a Mandubracio no trono. Casivellauno decidiu non volver oporse ao reinado de Mandubracio e permaneceu na sombra. O novo rei dos trinovantes aceptou a imposición de tributos.

O próximo rei dos trinovantes do que se teñen rexistros grazas aos xacementos numismáticos da rexión foi Adedomaro. Este rei gobernou os trinovantes entre os anos 20 e 15 a. C., e a súa acción máis importante foi o traslado da capital a Camulodunum. Por un breve período, aproximadamente no ano 10 a. C., Tasciovano, rei dos catuvellaunos, acuñou moedas desde a capital trinovantiana, o que suxire que este pobo fora conquistado polos catuvellaunos, pero que non tardarían en expulsalos, quizais grazas á axuda de Roma. A inscrición Rex eliminouse das moedas e Adedomaro foi restaurado no trono. Á súa morte, Adedomaro foi sucedido polo seu fillo Dumnovellauno (10-5 a. C., mais uns poucos anos máis tarde a tribo foi conquistada de novo, esta vez polo fillo de Tasciovano, Cunobelino. Mandubracio, Adedomaro e Dumnovellauno aparecen en diversas ocasións nas lendas medievais britanas.

Os trinovantes volven aparecer na historia tras uns anos na escuridade cando participaron na Rebelión da Raíña Boudica contra o Imperio romano en 60, participando ao lado insurxente na batalla de Watling Street que finalizou a rebelión. O seu nome é mencionado como unha das civitates da provincia romana da Britania, con capital en Caesaromagus (moderna Chelmsford, Essex).

O seu nome sobreviviu na lenda medieval británica como Trinovantum, o suposto nome orixinal de Londres, na obra de Godofredo de Monmouth Historia Regum Britanniae e noutras. Godofredo alega que o nome procede de Troi-novantum ou "Nova Troia", establecendo a relación coa lenda de que Britania foi fundada por Bruto de Inglaterra e outros refuxiados da guerra de Troia.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Ligazóns externas

editar