Toledo
Toledo é unha cidade que se atopa na España central, e é a capital da provincia de Toledo e da comunidade autónoma de Castela-A Mancha.
Localización | |||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|
| |||||||
Estado | España | ||||||
Comunidade autónoma | Castela-A Mancha | ||||||
Provincia | provincia de Toledo | ||||||
Capital de | |||||||
Capital | Toledo | ||||||
Contén a división administrativa | |||||||
Poboación | |||||||
Poboación | 86.070 (2023) (370,83 hab./km²) | ||||||
Xeografía | |||||||
Parte de | |||||||
Superficie | 232,1 km² | ||||||
Bañado por | Río Texo | ||||||
Altitude | 523 m | ||||||
Comparte fronteira con | Albarreal de Tajo (pt) Polán (pt) Olías del Rey (pt) Almonacid de Toledo (pt) Argés (pt) Rielves (pt) Nambroca (pt) Guadamur (pt) Bargas (pt) Mocejón (pt) Burguillos de Toledo (pt) Cobisa (pt) Aranjuez | ||||||
Datos históricos | |||||||
Evento clave
| |||||||
Santo padrón | Ildefonso de Toledo | ||||||
Organización política | |||||||
• Alcaldesa | Milagros Tolón (2015–) | ||||||
Membro de | |||||||
Identificador descritivo | |||||||
Código postal | 45001–45009 | ||||||
Fuso horario | |||||||
Código INE | 45168 | ||||||
Outro | |||||||
Irmandado con | Melilla Santiago del Estero Toledo Moyobamba Teggiano (pt) Empoli (pt) Nara Safed (pt) Damasco Heraklion Agen Corpus Christi A Habana Guanajuato (1978–) Veliko Tarnovo (en) (1983–) Veliko Tarnovo (1983–) Aquisgrán (1985–) | ||||||
Sitio web | toledo.es | ||||||
Toledo é coñecida como «A cidade Imperial» por ser a sede principal da corte de Carlos I e tamén como «a cidade das tres culturas», por ter sido habitada durante séculos por cristiáns, xudeus e musulmáns.
A cidade está situada na marxe dereita do Texo, nun outeiro de cen metros de altura sobre o río, o cal cínguea pola súa base, formando un pronunciado meandro coñecido como Torno do Texo. Ten unha configuración dispersa con barrios moi separados do núcleo principal: o de Azucaica, na beira dereita do río e que ten a súa orixe nunha antiga pedanía da cidade, dista uns 7 km do centro da cidade, mentres que o de Santa María de Benquerencia, situado practicamente enfronte do anterior na marxe esquerda do Texo, sitúa o seu centro a uns 8 km do da cidade.
Historia
editarO primeiro asentamento fixo que se coñece na cidade é unha serie de castros, sobre os que despois se levantou a cidade celtibérica amurallada, un dos máis importantes centros dos carpetanos. Un destes primeiros asentamentos sitúase no «Cerro del Bú», do que se obtiveron numerosos restos en escavacións realizadas, e que se poden observar no actual Museo de Santa Cruz, en Toledo.
No ano 192 a.C., e tras unha gran resistencia, Marco Fulvio Nobilior conquistou a cidade. Os romanos reconstruírona e denominárona Toletum, na provincia Cartaxinense. A cidade desenvolveu unha importante industria do ferro que a levou a cuñar moeda. A zona onde se asentaba a cidade sufriu un profundo proceso de romanización, como testemuñan os numerosos restos de vilas romanas, especialmente na ribeira do Texo. Os romanos deixaron numerosos vestixios na face toledá, entre eles un impoñente acueduto, destruído na súa totalidade actualmente.
Tras as primeiras incursións bárbaras reedificáronse a antigas murallas con obxectivos defensivos; a pesar diso no ano 411 foi conquistada polos alanos, quen foron á súa vez derrotados polos visigodos no ano 418. Unha vez vencido o seu rival Akhila, Atanaxildo estableceu a súa corte na cidade e, posteriormente, con Leovixildo, converteuse en capital do reino hispanogodo e en arcebispado, co que adquiriu grande importancia civil e relixiosa (como proban os Concilios de Toledo).
No ano 711 foi conquistada por Tariq e sometida ao dominio musulmán, perdendo a capitalidade (relación con lenda de A Cava). Os árabes chamárona Ṭulayṭulah (en árabe طليطلة).
O predominio de gran poboación mozárabe converteuna deseguida nun foco de continua preocupación para Córdoba. En 797 (segundo Claudio Sánchez Albornoz en 807), durante o emirato de Al-Hakam I, estoupou unha sublevación contra Córdoba. O emir enviou ao muladí oscense Amrús ben Yusuf (chamado Amorroz nas crónicas cristiás) para someter a cidade. Amrús decimou aos mulades locais mediante unha cruel artimaña. Trátase do suceso coñecido como a xornada do foxo. Amrús organizou un banquete no palacio do gobernador e invitou a comer aos mulades principais da cidade. Ás portas da residencia, fixo apostar uns verdugos e, a medida que ían chegando os invitados, cortábaselles o pescozo, guindando o cadáver a unha gabia (de aquí o nome con que é coñecido o episodio). Deste xeito, o emir conseguiu someter por un tempo o espírito submiso dos toledáns. Así e todo, estes volveron a rebelarse no 811 e no 829, despois da súa morte.
Finalmente, Abd al-Rahman III esmagou a endémica rebelión da cidade en xullo de 932, tras un asedio de dous anos, someténdoa ao califato cordobés. Ao se desintegrar o califato (século XI), Toledo converteuse nun importante reino de taifa, que, non obstante, tivo que pagar parias aos reis de Castela para manter a súa independencia.
O 25 de maio de 1085, Afonso VI de Castela entra en Toledo, mediante un acordo previo co Taifa que a gobernaba. Mediante o acordo de capitulación, o rei castelán somete o reino garantindo aos poboadores musulmáns a seguridade das súas persoas e bens. O rei concedeu foros propios a cada unha das minorías existentes: mozárabes (Toledo era un importante centro mozárabe, con liturxia propia, a hispano-mozárabe, que aínda se conserva), musulmáns e xudeus, posteriormente refundidos por Afonso VII de Castela no Foro de 1118. Tras a conquista da cidade, sobreveu o período de maior esplendor de Toledo, dunha grande intensidade cultural, social e política. A Escola de Tradutores de Toledo, florecente durante os séculos XII e XIII, así as numerosas obras de arte civís e relixiosas, as cales deixaron unha importante pegada na cidade.
Tras a conquista, tolerouse a práctica relixiosa das comunidades xudía e musulmá, mais esta actitude tolerante non durou moito tempo. Os cristiáns construíron a nova catedral sobre a mesquita maior, que á súa vez se levantaba sobre a antiga catedral visigoda.
Durante a guerra civil castelá Toledo loitou ao lado de Pedro I e, tras sufrir un longo asedio, foi tomada en xaneiro de 1369. Ao longo de toda a Idade Media a cidade foi crecendo: no século XIV recibiu privilexio feiral, e no XV converteuse nun dos principais produtores paneiros casteláns, actividade que se sumou ás xa existentes de cuñaxe de moedas, fabricación de armas, industria sedeira etc. Nesta expansión participou de xeito activa a poboación xudía, ata a súa expulsión en 1492. Os Reis Católicos urbanizaron e engrandeceron a cidade, e na catedral toledá proclamouse a Xoana e Filipe o Fermoso como herdeiros da coroa castelá (1502).
Foi unha das primeiras cidades que se uniu á Guerra das Comunidades (1520), con dirixentes comuneiros como Lasso de Vega e Padilla. Trala derrota comuneira en Villalar, os comuneiros toledáns, dirixidos por María Pacheco, a viúva de Padilla, foron os que máis resistencia opuxeron aos designios de Carlos V, ata a súa rendición en 1522. Toledo converteuse nunha das capitais do imperio.
Posteriormente, coa decisión de trasladar a corte a Madrid, adoptada polo seu fillo Filipe II, no ano 1563, a cidade perdeu gran parte do seu peso político e social. O declive da industria téxtil acentuou a decadencia de Toledo, que segue á da propia historia de España.
A constitución da Real Compañía de Comercio e Fábricas, en 1748, no marco de renovacións borbónicas inspiradas pola Ilustración, trouxo un breve rexurdir da cidade, mais a mediados do século XVIII estaba novamente arruinada, e reducida a funcións simplemente administrativas.
Ao estoupar a guerra civil española, a cidade quedou na zona republicana. No Alcázar, sede da Academia de Infantaría, refuxiouse un grupo de sublevados ao mando do Coronel Moscardó, que resistiu desde o 21 de xullo ata a chegada das tropas do xeneral Varela (28 de setembro de 1936). Este episodio, de resonancia mundial, foi amplamente utilizado pola propaganda franquista. O alcázar, case completamente destruído no asedio, foi posteriormente reconstruído na súa totalidade.
Foi elixida capital da Comunidade Autónoma de Castela-A Mancha en 1981.
Demografía
editarFactores como o aumento do prezo da vivenda en Madrid e a mellora das comunicacións, que sitúan a Toledo a tan só trinta minutos da estación de Atocha de Madrid grazas ao tren de Alta Velocidade, provocaron un aumento da poboación toledana de algo máis dun 20% na última década.
Economía
editarA industria metalúrxica foi historicamente a base económica de Toledo, especialmente pola súa produción de aceiro. Conta cunha gran tradición na fabricación de espadas e coitelos e unha importante produción de follas de afeitar, instrumental sanitario e produtos eléctricos. Tamén destacaron as fábricas de xabóns, fariñas, vidro e cerámica. Na actualidade Toledo converteuse nunha cidade na que o sector terciario (servizos) domina a actividade econónomica, como se ve nos datos do Instituto de Estatística de Castela-A Mancha, en 2008 da distribución de afiliados á Seguridade Social por sectores de ocupación: 87,6% da poboación dedicada aos servizos, o 5,3% á construción, o 5,5% á industria e o 1,6% restante á agricultura e gandería.
Nos anos 60 do pasado século XX o Ministerio da Vivenda comeza a urbanización sobre a marxe esquerda do río Texo dunha zona, a uns 8 Km. cara ao leste do centro urbano, para a construción dun polígono industrial-residencial de desconxestionamento de Madrid, que hoxe se converteu na barrio de Santa María de Benquerencia; aínda que nun principio contou coa presenza dalgunhas grandes empresas (como a multinacional estadounidense ITT-Standard Eléctrica, logo comprada pola francesa Alcaltel), as sucesivas crises sufridas ao longo de todos estes anos fixeron desaparecer moitas das grandes empresas que no seu día se instalaron.
Transporte
editarEstradas
editarDesde Toledo parte a N-400, que une esta cidade con Cuenca por Ocaña e Tarancón. Na actualidade está en proceso de transformación na futura A-40 Autovía de Castela-A Mancha, que unirá Ávila con Maqueda (onde enlaza coa Autovía de Estremadura), Toledo, Ocaña (onde se une á Autovía de Andalucía), Tarancón (onde conecta coa Autovía de Levante), Cuenca e Teruel.
A antiga estrada nacional 401 Madrid-Toledo-Cidade Real transformouse a finais da década dos 80 na actual A-42 como resultado do desdobramento daquela e eliminando do trazado as diversas travesías con que contaba (Illescas, Yuncos etc.).
O trazado desdobrado prolóngase ata 7 km ao sur de Toledo, en sentido Cidade Real, desde onde continúa como estrada convencional. Neste punto, na próximidad de Burguillos de Toledo, a A-42 enlaza coa Autovía dos Viñedos que chega ata Tomelloso.
A comezos do século XXI foi construída, co obxectivo de desconxestionar os accesos de Madrid, a autoestrada de peaxe AP-41, que debría ser prolongada cara a Andalucía (Cidade Real e Xaén) como alternativa á A-4; este proxecto atópase conxelado como consecuencia da actual crise.
Outra vía da Rede de Estradas do Estado que parte de Toledo é a N-403, Toledo-Maqueda-Ávila-Adanero. Parte do trazado desta estrada verase substituído polo da xa citada Autovía de Castela A Mancha.
Ademais destas estradas, desde Toledo parten varias de categoría autonómica e provincial que unen a capital coas comarcas dos Montes de Toledo, La Jara ou A Mancha.
Transporte público
editarTras moitos anos de proxectos e ideas, o 17 de maio de 2010 a Xunta de Comunidades de Castela-A Mancha[1] pon en marcha a área Supramunicipal de Transportes (ASTRA) de Toledo. Cun orzamento inicial de 620.000 euros conecta a capital cos municipios lindeiros (Nambroca, Burguillos, Mocejón, Bargas, Olías del Rey, Argés e Cobisa) mediante seis liñas de autobuses; búscase desconxestionar a cidade facendo que accedan a ela menos vehículos particulares.
Ferrocarril
editarA mediados do século XIX Toledo foi unha das primeiras cidades españolas que contou con ferrocarril, quedando unida a Madrid por Aranjuez e sendo inaugurada a liña por Isabel II o 12 de xuño de 1858. A actual estación, de estilo neomudéxar, foi inaugurada o 24 de abril de 1919 e é un edificio de notable beleza, especialmente os artesoados da sala principal da mesma.
Con diferentes altibaixos en canto a dotacións técnicas e servizos esta é a liña que prestou servizo ata principios do século XXI: o 2 de xullo de 2003 circula o último tren convencional entre ambas as capitais e comezan as obras do enlace de alta velocidade, LAV Madrid-Toledo, que entra en servizo o 16 de novembro de 2005, grazas ao cal o tempo de viaxe a Madrid reduciuse a 33 minutos.
Arte e cultura
editarA zona antiga atópase no cume dunha montaña e contén numerosas vistas históricas, incluíndo o Alcázar, a catedral e o Zocodover (o mercado central). Toledo foi coñecida pola súa tolerancia relixiosa durante o período en que formou parte de Al-Andalus e comunidades de xudeus, musulmáns e cristiáns convivían. Isto cambiou despois da reconquista, cando foron expulsados de España os musulmáns e xudeus que se negaron a converterse. Lembranza desa pasada tolerancia Toledo ten importantes monumentos relixiosos como a sinagoga de Santa María la Blanca, a sinagoga de El Tránsito e a mesquita de El Cristo de la Luz.
Toledo acolleu o pintor El Greco durante a última parte da súa vida, e é o tema de varias das súas pinturas máis sonadas, incluíndo O enterro do Conde de Orgaz, exhibido na igrexa de Santo Tomé.
Patrimonio
editarA cidade histórica de Toledo foi declarada Conxunto histórico-artístico en 1940, posteriormente a Unesco concedeulle o título de Patrimonio da Humanidade en 1986.
- Castelo de San Servando. Castelo medieval xunto á ribeira do río Texo e á Academia de Infantaría.
- Catedral de Santa María. De estilo gótico, data do século XIII. No seu interior atópase O Transparente de Narciso Tomé, barroco.
- Mosteiro de San Juan dos Reis. De estilo gótico isabelino, data do século XV.
- Museo-Hospital de Santa Cruz. De estilo renacentista, data do século XVI.
- Museo do Greco. Casa-museo pensada como recreación do domicilio do artista, que se perdeu séculos atrás. Alberga diversas pinturas relevantes.
- Santa María a Branca. En principio foi unha sinagoga e máis tarde pasou a ser unha igrexa cristiá. É de estilo mudéxar e data do século XII.
- Sinagoga do Tránsito. Situada no barrio xudeu, contén o Museo Sefardí.
- Hospital de Tavera-Museo Duque de Lerma. De estilo renacentista, data do século XVI. Influíu no deseño de El Escorial.
- Igrexa de San Ildefonso. De estilo barroco, as súas torres son un dos lugares máis elevados da cidade.
- Igrexa de San Román. De estilo mozárabe mudéxar, hoxe 'Museo dos Concilios e a Cultura Visigoda', con pinturas románicas do s. XIII e unha importante colección, orixinal e réplicas, de orfebrería visigótica, xunto a outros fondos arqueolóxicos datados entre os séculos VI ao VIII.
- Igrexa de Santiago del Arrabal. De estilo mudéxar.
- Igrexa de Santo Tomé. De estilo mudéxar, do século XIV, alberga o famoso O enterro do Conde de Orgaz, de O Greco.
- O Cristo da Luz, pequena mesquita-oratorio feita no ano 999, posteriormente ampliada con ábsida mudéxar para a súa conversión en igrexa.
- Palacio de Galiana data do século XIII de estilo mudéxar.
- Mesquita das Tornerías: Mesquita construída seguindo a tradición califal da Mesquita do Cristo da Luz, realizada durante a segunda metade do século XI sobre cimentos de orixe romana e coa peculiaridade de estar construída en dous pisos.
- Alcázar, é unha fortificación sobre rocas, situada na parte máis alta da cidade, dominando toda a cidade. É dos séculos XVI-XX. Desde xuño de 2010 alberga os fondos do Museo do Exército.
- Porta do Sol. De estilo mudéxar e construída polos Cabaleiros Hospitalarios no século XIV.
- Porta Nova de Bisagra. De Alonso de Covarrubias, do século XVI, sobre base árabe.
- Porta Vella de Bisagra ou Porta de Afonso VI.
- Porta do Cambrón. De orixe musulmá e do século XVI.
- Ermida do Cristo da Veiga. De estilo mudéxar e do século XI, a imaxe que preside o altar foi popularizada na obra A buen juez, mejor testigo de José Zorrilla.
- Ponte de Alcántara.
- Ponte de San Martín.
- Posada de la Hermandad.
- Porta do Vado.
- Palacio de Fuensalida
- Teatro Vermellas.
- Praza de Zocodover.
- Convento de Santo Domingo o Antigo.
- Circo romano.
- Casa do Temple.
- Casa do Nuncio.
- Torre da Almofala.
- Convento da Nai de Deus.
- Palacio de Amusco.
- Palacio Arzobispal de Toledo.
- Convento de San Pedro Mártir.
- Real Academia de Belas Artes e Ciencias Históricas.
Con motivo do Cuarto Centenario da publicación da primeira parte do Quixote (O enxeñoso fidalgo Don Quixote da Mancha), a Xunta de Comunidades de Castela-A Mancha deseñou unha serie de rutas a través da rexión percorrendo os diversos puntos que cítanse na novela. É a coñecida como Ruta de Don Quixote e dous dos traxectos deseñados, tramos 1 e 8, teñen a súa orixe a cidade de Toledo: os que unen á cidade castelá coa Mancha e os Montes de Toledo aproveitando a ruta natural que atravesa os Cigarrales e encamíñase a Cobisa, Burguillos de Toledo e Nambroca onde toma o Camiño Real de Sevilla para pronto virar en dirección a Almonacid de Toledo e Mascaraque, penetrando nas súas inmediacións, preto de Mora, na Mancha.
Este tramo Mascaraque-Toledo da Ruta de Don Quixote foi recentemente incluído de modo oficial no Camiño de Santiago no seu ramal levantino con orixes en Cartaxena, Alacante e Valencia, polo que ambas rutas declaradas Itinerario Cultural Europeo comparten percorrido neste tramo.
Arquitectura contemporánea
editarA finais do século XX e principios do XXI, a cidade de Toledo ábrese ás novas tendencias arquitectónicas. A isto contribúen novas edificacións e proxectos deseñados por algúns dos máis importantes arquitectos a nivel internacional como Jean Nouvel e Álvaro Siza (ambos Premio Pritzker) ou outros nacionais como Burgos
Festas
editar- Virgen del Valle, romaría que se celebra o 1 de maio.
- Semana Santa, declarada de Interese Turístico Nacional.
- Corpus Christi, declarada de Interese Turístico Internacional.
- Virgen del Sagrario, o 15 de agosto.
Cidades irmandadas
editarNotas
editar- ↑ "Área Supramunicipal de Transportes de Toledo (ASTRA)". Arquivado dende o orixinal o 25 de agosto de 2010. Consultado o 23 de agosto de 2010.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Toledo |
Ligazóns externas
editar- Sitio oficial do concello (en castelán)
- Turismo en Toledo Arquivado 08 de febreiro de 2012 en Wayback Machine. (en castelán)
- Páxina Oficial de Turismo en España: Turismo en Toledo (en castelán)