Terremoto e tsunami de Sendai de 2011
Este artigo (ou sección) está desactualizado(a). A información fornecida mudou ou é insuficiente. |
As referencias deste artigo non teñen un formato correcto. Podes colaborar editándoas como se indica nesta páxina. Pode axudar a mellorar este artigo e outros en condicións semellantes. |
O terremoto e tsunami de Sendai en 2011(東北地方太平洋沖地震, Terremoto da rexión de Tōhoku e da zona costeira do Océano Pacífico) foi un sismo ocorrido ás 14:46:23 (05:46:23 UTC) do venres 11 de marzo de 2011, que alcanzou unha magnitude provisional de 8,9 na escala sismolóxica de magnitude de momento (MW). O domingo 13 de marzo recalificouse pola axencia sismolóxica xaponesa nun 9 na escala sismolóxica de magnitude de momento (MW), o que o fai o cuarto maior terremoto do que se ten constancia na historia. O epicentro do terremoto situouse no mar, fronte á costa de Honshu, 130 km ao leste de Sendai, na prefectura de Miyagi, Xapón. Nun primeiro momento calculouse a súa magnitude en 7,9 graos MW, que foi posteriormente incrementada a 8,8 e finalmente a 8,9 graos polo Servizo Xeolóxico dos Estados Unidos. A enerxía liberada equivaleu a 200 millóns de toneladas de TNT.[1]
Aínda non se puido establecer unha cifra oficial definitiva de vítimas mortais, pero segundo o Ministerio de Defensa xaponés é moi probable que se supere o milleiro.
Dous días antes, este terremoto fora precedido por outro tremor importante, pero de menor magnitude, ocorrido o mércores 9 de marzo de 2011, ás 02:45:18 UTC na mesma zona da costa oriental de Honshu, Xapón e que tivo unha magnitude de 7,2 graos na escala de Richter, cunha profundidade de 14,1 quilómetros. Tamén ese día as autoridades da Axencia Meteorolóxica do Xapón deron unha alerta de tsunami, pero só local, para a costa leste dese país.
A JAXA solicitou formalmente e ao abeiro da Carta Internacional Espazo e Grandes Desastres[2], a activación do sistema mundial de satélites para grandes desastres unha hora despois do sismo[3], polo que todas as axencias espaciais asinantes están a orientar os satélites na area do Xapón para mellorar no posible a capacidade de resposta ante o desastre.
Ás 20:00 hora galega rexistrouse unha nova réplica de 6,6 graos na escala de Richter na costa noroeste, xusto a oposta á que sufriu o primeiro sismo.
O tsunami
editarTras o sismo xerouse unha alerta de tsunami para a costa pacífica do Xapón e outros países, incluídos Nova Zelandia, Australia, Rusia, Guam, Filipinas, Indonesia, Papúa Nova Guinea, Nauru, Hawai, Illas Marianas do Norte, Estados Unidos, Taiwán, América Central, México e as costas de Suramérica, especialmente o Perú e Chile.
Ás 9:28pm (HAST), o Servizo Meteorolóxico Nacional dos Estados Unidos emitiu unha alerta de tsunami até as 7am para todo Hawai.
Ás 11:33pm (PST), o Servizo Meteorolóxico Nacional emitiu un aviso de tsunami para a costa de Alasca desde a baía de Chignik até a Illa de Attu, e vixilancia de tsunami para toda a costa pacífica do Canadá e Estados Unidos desde a baía de Chignik á fronteira de California con México. Espérase que as primeiras ondas cheguen a Illa Shemya ás 12:13am (AST).
Despois do terremoto, unha das primeiras alertas de tsunami foi para a Illa de Pascua; a onda chegaría ás 17:55 (hora local). Toda a costa de Chile está en alerta.
O presidente Correa de Ecuador recomendou a evacuación de todas as costas do país, emitiu un estado de excepción para as illas Galápagos, para as cales recomendou á poboación ir a terras altas, de polo menos 50m de altura.
O tsunami atinxiu as costas de Hawai ás 3.30am hora local, onde as autoridades ordenaran a evacuación de todas as zonas costeiras 90 minutos antes, mais con escaso impacto. Está declarada a alerta no estados de California e Oregón e na provincia canadense da Columbia Británica[4]
Tamén se atopan en diferentes graos de estado de alarma diversos países centroamericanos coma Guatemala, Costa Rica, O Salvador e Nicaragua. As autoridades panameñas, aínda que non declararon oficialmente ningún estado de alerta, si ordenaron a suspensión das actividades escolares na costa pacífica do país. Agárdase que o tsunami chegue ao istmo centroamericano contra as 16:00 hora local (23:00 hora galega).[5]
Localización de persoas
editarGoogle puxo a disposición do público en xeral unha web para localización de persoas na área do sismo.[6]
Crise nuclear
editar- Véxase tamén: Accidentes nucleares de Fukushima I.
Xapón posúe 17 centrais nucleares con 55 reactores de múltiples modelos. 11 reactores pecharon a súa actividade polo terremoto. Destes 11 os situados na centrais de Fukushima I (con 6 reactores de vapor de auga, unha tecnoloxía dos anos 70) e Fukushima II (da mesma tecnoloxía e con outros 4 reactores), situados a uns 80 quilómetros do epicentro recibiron numerosos danos na súa estrutura. Na central Fukushima I perderon o sistema de refrixeración de emerxencia do primeiro reactor (pola chegada do Tsunami unha hora despois do tremor) e comenzou a fusionarse o núcleo (emitindo cesio), estoupando a cúpula exterior do reactor o sábado 12 de marzo de 2011 ás 6 da tarde (hora local do Xapón). O goberno xaponés ordenou bombear auga de mar para evitar a fusión total do núcleo. Outro reactor da mesma central tamén esta a fallar, e témese outra fusión do núcleo deste reactor. O fallo cualificouse pola Axencia internacional da Enerxía Atómica como de nivel 4. Existe un perímetro de emerxencia de 20 quilómetros na central Fukushima I e outro de 10 quilómetros na central Fukushima II.[7]
Así mesmo, o primeiro ministro xaponés Naoto Kan reclamou o 6 de maio de 2011 o peche da central nuclear xaponesa de Hamaoka, pois está situada nunha zona onde converxen varias placas sísmicas e conta con risco de sufrir un sismo de 8 graos[8], polo que a empresa eléctrica que a xestiona aceptou tal petición.
Notas
editar- ↑ "Xornal de Galicia". Arquivado dende o orixinal o 17 de marzo de 2011. Consultado o 11 de marzo de 2011.
- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 11 de setembro de 2014. Consultado o 11 de marzo de 2011.
- ↑ http://www.elpais.com/articulo/sociedad/Activado/sistema/mundial/agencias/espaciales/grandes/desastres/elpepusoc/20110311elpepusoc_8/Tes
- ↑ "Xornal de Galicia". Arquivado dende o orixinal o 14 de marzo de 2011. Consultado o 11 de marzo de 2011.
- ↑ "Xornal de Galicia". Arquivado dende o orixinal o 17 de marzo de 2011. Consultado o 11 de marzo de 2011.
- ↑ "Buscador en inglés, xaponés e outros idiomas". Arquivado dende o orixinal o 12 de marzo de 2011. Consultado o 11 de marzo de 2011.
- ↑ http://www.world-nuclear-news.org/RS_Battle_to_stabilise_earthquake_reactors_1203111.html
- ↑ http://www.abc.es/20110509/internacional/rc-planta-nuclear-hamaoka-suspendera-201105090956.html
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Terremoto e tsunami de Sendai de 2011 |