A terceira cruzada (1187-1191), tamén coñecida como a Cruzada dos Reis, foi un intento dos líderes europeos para reconquistar a Terra Santa de mans de Salah ad-Din Yusuf ibn Ayyub, coñecido en galego como Saladino. Foi un éxito parcial, pero non chegou ó seu obxectivo último: a conquista de Xerusalén.

Tralo fracaso da segunda cruzada, a dinastía Zenxida controlou unha Siria unida e comprometida nun conflito cos gobernantes fatimís de Exipto, que finalmente deu lugar á unificación das forzas exipcias e sirias baixo o mando de Saladino, que os empregou para reducir a presenza cristiá en Terra Santa e recuperar Xerusalén en 1187. Estimulado polo celo relixioso, Henrique II de Inglaterra e Filipe II de Francia puxeron fin ó seu conflito para levar unha nova cruzada, aínda que a morte de Henrique en 1189 deixou ós ingleses baixo o goberno de Ricardo Corazón de León no seu lugar. O emperador do Sacro Imperio Romano Germánico Frederico Barbarroxa respondeu á chamada ás armas e dirixiu un exército poderoso a través de Anatolia, pero afogou antes de chegar a Terra Santa. Moitos dos seus soldados desanimados volveron ás súas casas.

Despois de expulsar ós musulmáns de Acre, o sucesor de Frederico, Leopoldo V "o Virtuoso", e Filipe saíron de Terra Santa en agosto de 1191. Saladino non puido derrotar a Ricardo en ningún enfrontamento militar, que asegurou varias cidades costeiras máis importantes. Porén, o 2 de setembro de 1192, Ricardo asinou un tratado con Saladino polo cal Xerusalén permanecería baixo control musulmán, pero tamén se permitiría ós peregrinos cristiáns visitar a cidade. Ricardo saíu de Terra Santa o 9 de outubro. Os éxitos da terceira cruzada permitirían ós cruzados manter un reino considerable coa súa sede en Chipre e a costa de Siria. Porén, a súa incapacidade para recuperar Xerusalén daría lugar á petición dunha cuarta cruzada seis anos máis tarde.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar