Tecido cartilaxinoso

O tecido cartilaxinoso é unha variante especializada do tecido conxuntivo, caracterizado por posuír unha matriz intercelular sólida elástica, constituída por fibras de coláxeno, grazas ás que adquire certa rixidez. Non está vascularizado nin posúe innervación. Nos mamíferos constitúe a maior parte do esqueleto fetal e, no estado adulto, permanece en certos órganos e nas superficies articulares. As pezas constituídas por tecido cartilaxinoso denomínanse cartilaxes.

Localización do tecido cartilaxinoso no corpo humano

O elemento condr-, de orixe grega, chóndros, forma parte de termos técnicos relativos ás cartilaxes (condrite, inflamación; condroma, tumor; condrectormía, extirpación). Por veces adopta a forma condro- (condrodistrofia, raquitismo fetal; condromalacía, rebrandecemento patolóxico).

O tecido cartilaxinoso cumpre a función de protexer e dar estrutura a certos órganos (como a larinxe ou a traquea) ou reducen o rozamento entre as superficies articulares e amortece os traumatismos sobre estas. Noutros casos dan forma a certas estruturas, coma o nariz ou o pavillón auricular.

Estrutura

editar

As células cartilaxinosas denomínanse condrocitos e condroblastos, e ocupan os espazos ou lagoas abertas dentro da matriz de coláxeno, que poden conter unha ou máis células. Como a cartilaxe non posúe vasos sanguíneos, a nutrición destas células prodúcese por difusión desde os vasos capilares que irrigan o pericondrio (a membrana fibrosa que cobre a superficie das cartilaxes).

O coláxeno é unha proteína animal con función estrutural. Esta proteína é rica nalgúns aminoácidos, coma a glicina, a alanina, a prolina ou a hidroxiprolina, pero non contén outros, coma o triptófano. Outra proteína presente no tecido cartilaxinoso é a condrina.

Tipos de tecido cartilaxinoso

editar
 
Articulación sinovial cun menisco

Existen tres variedades de tecido cartilaxinoso segundo o seu contido en fibras e as características destas:

  • Hialino: de aspecto abrancazado ou azulento. Presenta pericondrio e os condrocitos reunidos en grupos. O coláxeno é de tipo II. É o máis abundante e atópase na larinxe, na traquea, nos bronquios, nas costelas ou nos extremos articulares dos ósos longos.
  • Elástico: máis elástico e flexible có hialino, e de cor amarelenta. Posúe fibras de coláxeno tipo II e pericondrio. Está presenta na epiglote, na larinxe, nas paredes do conduto auditivo externo e na trompa de Falopio.
  • Fibroso (ou fibrocartilaxe): unha forma de transición entre o tecido conxuntivo denso e o tecido cartilaxinoso hialino, con fibras de coláxeno tipo I. Está presente nos discos intervertebrais, bordos das articulacións, meniscos, puntos de inserción de ligamentos e tendóns ou na sínfise da pube. Carece de pericondrio.

Algunhas pezas cartilaxinosas recoñécense cun nome propio:

Na linguaxe popular, as cartilaxes denomínanse cadrelo, óso maimiño ou óso molar [1]. Estas últimas formas, xunto coa de óso rilladeiro, designan tamén as pezas cartilaxinosas que poden acompaña-la carne, entendida como comida.

  1. Coas variantes mamiño, memo e mol.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • SANTAMARINA, Antón (ed. e dir.): Diccionario de diccionarios. Fundación Pedro Barrié de la Maza, Instituto da Lingua Galega, 3ª ed. 2003.
  • VARIOS: Diccionario galego de termos médicos. Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Santiago de Compostela, 2002.