Taragoña, Rianxo

parroquia civil do concello de Rianxo

Divino Salvador de Taragoña é unha parroquia situada ao norte do concello de Rianxo, na comarca da Barbanza. Linda ó norte co concello de Boiro e a parroquia de Araño, ó oeste co concello de Boiro, ó leste coas parroquias de Asados e Rianxo e ó sur coa ría de Arousa. Segundo o padrón municipal (INE 2013) ten 2.252 habitantes (1.174 mulleres e 1.078 homes) distribuídos en 30 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 2.673 habitantes.

Taragoña
Campanario en Taragoña.
ConcelloRianxo[1]
ProvinciaA Coruña
Coordenadas42°40′25″N 8°49′42″O / 42.67361111, -8.82833333
Poboación2.115 hab. (2019)
Entidades de poboación30[1]
editar datos en Wikidata ]

O alcume que reciben as xentes de Taragoña é o de "Cangrexeiros". Este sobrenome é orixinario dunha peculiar historia dun veciño da parroquia chamado Felipe "O Delgado" que vivía no Burato, unha persoa de familia adiñeirada, que foi vendendo todo o seu capital e gastando os cartos ata que quedou sen un real, logo o home ía comer ás casas dos veciños e borralleiras. Asemade nos días de marea ía á ribeira á praia da Torre para mariscar e botar algo á boca, sendo naquela época moi abondosos os cangrexos na zona do río, e fixo unha empanada botándolle masa por riba dos crustáceos aínda vivos, escapando estes coa masa ó lombo cando lles chegou a quentura do lume

.

Infraestruturas

editar

A parroquia de Taragoña está comunicada principalmente pola estrada comarcal AC-305 Padrón-Ribeira (antiga C-550), existindo outra estrada que comunica Rianxo con Taragoña, que recibe o nome de AC-7203, e que percorre Taragoña dende Poste ata Té. Tamén está comunicada a través do corredor galego AG-11 (Padrón- Ribeira), con dúas saídas na parroquia, unha no lugar de Té e outra no lugar da Igrexa. Hai que citar tamén o enguedellado sistema viario interno da parroquia, formado por distintas pistas tanto alcatranadas coma de terra que serven ós veciños de Taragoña para desprazarse.

Ademais das infraestruturas de carácter terrestre existe na parroquia o peirao de Taragoña, que posúe rampla de varadoiro, un pequeno dique e un espigón de protección que proporciona abrigo e atraque á frota de embarcacións de Taragoña.

Xeografía

editar

A parroquia de Taragoña, atópase situada no fondo da ría de Arousa, na súa parte setentrional, na zona coñecida como Enseada de Beluso. Orograficamente está constituída por unha zona de transición entre a serra da Barbanza, o val de Quintáns e o esteiro do río Ulla. A parroquia presenta unha xeomorfoloxía cun relevo de formas suaves e arredondadas, pero con cotas de certa importancia, sendo a cota máis representativa, o cumio do Castro Barbudo con 330 msnmm, que se ergue cunha singular estampa de cumio achatado. As terras da parroquia, parte en zonas de montaña e outra parte en zonas pouco accidentadas, é en xeral de boa calidade.

O val en que se atopa a parroquia desenvolveuse en dous principais bloques separados, que corren en dirección de sueste a noroeste, un na zona limítrofe con Boiro e Lousame, e o outro no interior do concello de Rianxo, de alturas máis limitadas. O espazo entre os pregos deu lugar a un val ó xeito dun triángulo, amplo e prolongado, percorrido polo río Té, no cal se asenta Taragoña. O terreo presenta moi variadas estruturas, nos vales e zonas baixas hai terras fértiles e moi produtivas, e nas abas das faixas montañosas existen grandes superficies de arboredo, que forman bosques máis ou menos densos. As partes máis elevadas acostuman ser de constitución rochosa, núa ou case espida de vexetación (Castro Barbudo). As rochas graníticas hercinianas son moi comúns como material básico constitutivo dos solos da parroquia, pero tamén existe a presenza de xistos e paraneises. Os solos da parroquia, na súa meirande parte están constituídos por "umbrisoles húmicos" (tanto de orixe de granito coma de xistos), "leptosoles umbricos" e "líticos"; e dun xeito menor por "fluvisoles" e "regosoles antrópicos".

En canto á rede hidrográfica da parroquia, o principal leito fluvial que percorre a parroquia é o río Té ou da Torre, que nace no cumio do monte Muralla (674 msnm) e percorrendo o fondo da depresión tectónica que forma o val, desembocando na punta da praia da Torre. Os outros cursos de auga presentes na parroquia son afluentes do río Té, como o rego do Floxo ou de Fóra, e o rego dos Muíños; a excepción do rego do Perito que nace na fonte da Senra e desemboca na praia da Torre.

A vexetación está marcada pola proximidade do mar. Nas zonas preto da ría hai especies como o fiúncho de mar, a herba de namorar, a xunca e o feno gris. Nas desembocaduras dos ríos e regatos atopámonos con caneiros e xunqueiras. Nas beiras dos ríos e regatos atopámonos co bosque de galería, con especies como o ameneiro, salgueiro, freixo, loureiro, carballo, sanguiño, sabugueiro etc. Cara ao interior da parroquia dánse con certa abundancia as carqueixas, toxos e xestas; asemade de existir numerosos bosques de especies alóctonas coma piñeiros e eucaliptos, e diversas sebes de arbóreas autóctonas como carballeiras, soutos e fragas.

Nesta parroquia atópase, entre a desembocadura do río Té e a punta da Posta ou Iñobre, a praia da Torre ou Salgueiriña. Este areal recibe o nome de praia da Torre, por mor da presenza dos xacementos medievais do castelo da Lúa que se atopa na parroquia veciña de Santa Comba de Rianxo. A praia é a máis longa do concello (1.200 metros de lonxitude). Asemade, existen pequenos areais espallados polos 5 quilómetros de costa que posúe a parroquia, delimitados por regatos, pedras, sebes ou cantís. Estes recunchos reciben distintos nomes: Os lados, O Pozo, Pedra do Abrigo, O Caixón, Susolmos, A Posta, Porto de Vigo, Sos Muíños, Currucho de Vella, As Caldas, Porto dos Carros, Pedra Rubia, praia do Porto e Sarillo.

Historia

editar

En relación ás culturas prehistóricas, existen diversos achados en cantidade e calidade e a teor das diferentes etapas consideradas, ata o punto de que algunhas das mesmas non apareceron restos. Ben é así no caso do Paleolítico e do Mesolítico, épocas prehistóricas que chegan ata o 4000 a. C. O Neolítico (4000 a. C. ao 2000 a.C.) marca o paso dunha economía depredatoria e recolledora a unha economía produtora, e está caracterizado pola chamada cultura megalítica, construtora de enormes monumentos de perda de índole funeraria e de diferentes tipos, e que en Galiza acostuman chamarse "pedras fitas" para o caso de menhires e mámoas tratándose de sepulcros. Existe unha mámoa que no seu momento foi escavada en parte e posteriormente destruída polo trazado da Vía de Automóbiles da Barbanza VG-1.1.

Ó apagarse progresivamente a finais do terceiro milenio a.C. a cultura megalítica, comeza a metalurxia en Galiza, que se define Idade de Bronce, baseada na aliaxe de diferentes metais (cobre, estaño e chumbo); iníciase a partir do 1800 a. C. e esténdese ata o século VI a. C. en que xorde con forza a Cultura castrexa, apoiada no emprego do ferro. Esta idade acostuma dividirse en tres etapas: Bronce inicial ata os anos 1500 a. C., co predominio do cobre; Bronce medio, entre os anos 1500 e 1100 a. C., cun forte emprego do estaño e gran riqueza artística; e Bronce final, a derradeira, cunha metalurxia ternaria de cobre, estaño e chumbo.

Durante a Idade de Ferro desenvolveuse en Galiza a Cultura castrexa, da cal a manifestación máis peculiar é un tipo especial de asentamento denominado Castro, de carácter defensivo. A súa cronoloxía podería situarse dende o século VI a.C. ata o século VI d.C.; o período máis significativo é o que se estende ata a chegada dos romanos. En Taragoña, hai dous castros, o do Castriño, sobre o que se asentou parte da aldea que leva o mesmo nome, e que aparece por tal circunstancia moi desfigurado; e o do Castro Barbudo, no lugar de Ourille, que é un dos maiores da zona, dificilmente recoñecíbel como tal polo seu avanzado estado de deterioración.

A conquista da Gallaecia polos romanos durou máis dun século e realizouse por medio de diferentes loitas que se desenvolveron ó longo do século I a. C.; a romanización foi nesta rexión máis prolongada ca no resto da península, centrándose a crise e caída no século IV d.C.; a cristianización galega iniciouse no século III d.C. Está suficientemente probada a presenza dos romanos en Taragoña. A vía per loca marítima, que unía Caldas de Reis con Betanzos, desenvolvía parte do seu percorrido polo territorio taragoñés, accedendo á parroquia polas aldeas de Té e o Burato, abandonando logo a costa e saíndo da parroquia. En Taragoña, fixan moitos a situación de Claudiomerium ou Grandimiro[Cómpre referencia] do Itinerario de Antonino, no lugar de Cartomil, punto de enlace doutras vías que partían da calzada "per loca marítima".

A partir do século III, o imperio romano perde estabilidade política e social, deterioración que se acentúa nos séculos posteriores, ata principios do século V os seus territorios comezan a ser invadidos polos pobos de orixe xermánica e doutras procedencias. Do paso dos suevos, visigodos e musulmáns polo territorio de Taragoña non se coñecen probas documentadas. Tampouco hai referencias en relación coa etapa de formación do feudalismo, desenvolvida en Galiza nos séculos IX e X. A presión Normanda, posta de manifesto nas numerosas incursións ás costas galegas nos séculos IX, X e XI, debeu deixar sentir os seus efectos na zona de Taragoña, dada a súa proximidade a Compostela e a particular circunstancia da proximidade ó río Ulla, indubidábel vía de penetración das expedicións invasoras cara Iria.

O territorio de Taragoña foi adxudicado ó patrón de Santiago no ano 934, por privilexios do rei Ramiro II, sendo bispo Hermenexildo; posteriormente, no ano 1057, confirmouse polo rei Afonso V e polo papa Anastasio ó arcebispo Pelaio. Tivo o dominio de gran parte do seu territorio pola mitra compostelá, que exercía no cobro de rendas e impostos do mar.

O período comprendido entre os séculos XI e XIII corresponde a un grande apoxeo da era compostelá, as súas influencias deberon deixar acusadas pegadas en Taragoña e as numerosas loitas políticas tiveron que sentirse obrigadamente nestas terras. Taragoña aparece en documentos dos anos 1111 e 1158 cos nomes de Trevonium e Taragonio. Pai Gómez Chariño consta como primeiro señor destas terras, se ben descoñécese se por mercede ou por herdanza. Foi quinto almirante de Castela e tomou parte na conquista de Sevilla mandando naves galegas. Estivo casado con Dona Marina Nuñez Maldonado. As súas composicións poéticas están recollidas nos vellos cancioneiros. Morreu no 1295 a mans do seu sobriño Rui Pérez Tenorio, nunha devesa de Cidade de Rodrigo, cando conversaba cos infantes Xoán e Pedro. Sepultado en San Francisco de Pontevedra, o seu epitafio di: Aquí xace o nobre cabaleiro, Paio Gomez Chariño, o primeiro señor de Rianxo que gañou en Sevilla sendo de mouros, e os privilexios desta vila: ano do 1308. Sucedendo Evaristo Martelo Paumán, derradeiro sucesor. Entre as posesión dos Chariños, atópase unha torre fortaleza, situada na chamada praia da "Torre", en plena desembocadura do río Té que recibe o nome de Castelo da Lúa, e da que hoxe en día só quedan vestixios. As terras de Taragoña estiveron baixo poder dos Chariño ata despois da guerra irmandiña, e tras longos preitos, foi outorgado no 1532 á Mitra Compostelá, por fallo da Chancelería de Valladolid, e á mesma pertenceu ata a extinción no ano 1814.

No ano 1812 as Cortes de Cádiz, que foi o primeiro intento serio de Revolución liberal en España, van ter a súa influencia no goberno da vila e xurisdición de Rianxo. A parroquia de Taragoña, acolléndose á Constitución de 1812, e debido ó seu gran número de veciños, encabeza un movemento que intenta crear máis dun concello; intento frustrado, xa que as autoridades provinciais non autorizaron tal separación.

No 1821 a comarca estaba constituída por 3 concellos (Taragoña, Rianxo e Asados). No 1836, procedeuse á reorganización nunha soa entidade municipal. No ano 1894, realizouse a construción da estrada de Padrón a Ribeira pasando pola parroquia de Taragoña, xa que era daquela un dos núcleos de maior importancia da zona por número de poboación, quedando marxinada a vila de Rianxo. No ano 1948 a guerrilla do Foucellas realizou unha acción armada en Taragoña, co resultado da morte do oficial da mariña mercante, Ramón Mosquera.

No ano 1971, produciuse un intento do pobo de Taragoña de facerse en masa e case repentinamente ó protestantismo, por mor do traslado do seu párroco e a non admisión do novo crego. Este acontecemento tan afamado por mor da época na que aconteceu fixo que este feito saíse en múltiples dominicais e prensa da época, polo que recibe o alcume de "Taragoña, a parroquia rebelde".

O 22 de decembro de 2003, a administración de Taragoña repartiu 60 das 190 series existentes do número agraciado co primeiro premio da Lotería Española de Nadal, o número 42473, algo máis do 30% do total de décimos despachados, o que se correspondeu coa terceira parte dos 360 millóns de euros.

Patrimonio e arquitectura

editar

En Taragoña, o oficio de canteiro, de grande importancia e transcendencia en épocas non distantes, hoxe en día ten menor importancia e na actualidade dedícase fundamentalmente á restauración e arranxo de vellas casas de pedra. Taragoña non obstante conserva aínda numerosas mostras de arquitectura popular galega, de fermoso estilo e sobrio trazo, unhas en aceptábel estado de conservación, outras fortemente deterioradas. Trátase de igrexas, pazos, graneiras ou hórreos, cruceiros e outras mostras de menor entidade como muíños, pombais, fontes, pontes, lavadoiros etc.

A Igrexa de San Salvador de Taragoña é unha igrexa parroquial cunha nave con capela maior, sancristía, dúas capelas laterais e unha torre. Ten por dimensións máximas exteriores 15,75 metros de anchura e 28,00 metros de fondura. A capela de San Xoán Bautista de Vista Real é unha pequena ermida de propiedade particular, que pertenceu ó pazo dos Caamaño. Ten por dimensións máximas exteriores 6,35 metros de anchura e 8,75 metros de fondura.

Dada a fartura de auga na zona, é frecuente a presenza de abondosas fontes moi repartidas por toda a parroquia. Estes pequenos exemplos de arquitectura tradicional, ofrécense en distintos xeitos moi variados, dende as solucións máis sinxelas que recollen directamente a auga do manancial mediante o emprego dun cano, ata realizacións de fermosas obras de cantería de logrado rematado, con pías de recollida de auga e pousadeiras de apoio para as sellas e demais recipientes. É seguro que algunha das fontes da parroquia teña por riba dos douscentos anos. Escollendo só as fontes que presentan un mínimo de identidade, contabilízanse un total de 8 fontes na parroquia.

A parroquia taragoñesa é rica en hórreos ou graneiras. A pesar disto non existe ningún hórreo de pólas entretecidas e son moi poucos e nun estado ruinoso os hórreos de madeira existentes na actualidade, por mor da curta durabilidade destes materiais, que obrigaba a frecuentes reposicións. Hoxe en día, os hórreos dispersos pola parroquia son mixtos (madeira e pedra), con pés e rateiras de pedra e cámaras de albanelería, que orixinalmente foron de madeira. No ano 1987 en Taragoña había localizados un total de 205 hórreos, cunha densidade dun por cada trece habitantes; 2 de madeira, 128 mixtos, 34 de pedra e 41 de albanelería, sendo a parroquia con maior número de hórreos do concello.

En Taragoña, os pombais localizados son de planta circular, con cuberta cónica ou plana de ferradura, de tella ou albanelería. Nalgúns casos a súa antigüidade é moi superior ós cento cincuenta anos. Existe un total de 11 pombais na parroquia, sendo a de maior concentración deste tipo de edificacións do concello.

Os muíños que se atopan na parroquia son instalacións dedicadas á trituración do gran. As edificacións que albergan estes muíños son, na maior parte dos casos, construcións de reducidas dimensións e de estrutura moi elemental, erguida con cachotería de baixa calidade. No soto, chamado inferno do muíño, atópanse as aberturas para o paso da auga e o mecanismo de rotación con tódolos seus compoñentes; na planta, coa súa parte de almacén, localízase o mecanismo de trituración cos seus elementos complementarios. Foi nos séculos XI e XII cando a xeografía da comarca comezou a cubrirse con pequenos muíños deste tipo.

Na parroquia existiron un gran número de muíños hidráulicos. Hoxe, agás raras excepcións, atópanse inactivos, en total situación de ruína ou desaparecidos. Algúns aínda moen dun xeito intermitente. Hai na parroquia un total de 8 muíños, dos cales podemos citar o muíño do Xordo, os muíños de Té, o muíño do Turreiro, o muíño de Beiro, os muíños da Laxe, o muíño do Cocón, e o de Chorente.

No tocante a unha das mostras de arquitectura máis fortemente arraigadas en Galiza como son os cruceiros, na demarcación parroquial existen notábeis e fermosos exemplares, contabilizando un total de 18 cruceiros. Un de especial mención, tanto pola súa antigüidade como fermosura, é o cruceiro de Capeliña da Laxe Pequena. Asemade do anterior cruceiro na parroquia existen outros cruceiros de non menos importancia: da Burata (que posúe un peto de ánimas ó seu carón), de Campos de Pazos, do Cubeliño, de Cartomil, do Adro, das Neves (en Iñobre), da Laxe, Cruceiro das Neves de Ourolo, de Pastoriza, dos Carballiños, das Brañas, das Barreiras, de Ourolo, de Covas de Barro, de Outeiro, o Vía Crucis e finalmente a Cruz de Ourolo.

Música

editar
 
Os Cangrexeiros

A parroquia de Taragoña é coñecida co alcume de "Terra de músicos" polo gran número de persoas que se dedicaron e dedican na actualidade a este xénero artístico. Mención especial dentro do eido das bandas de música a Banda de Taragoña, procedente da primitiva Banda de Bealo, que contou entre os seus directores cunha destacada familia de músicos, os irmáns "Pinchudos": Valentín, Francisco, Manuel e Ramón Lorenzo Otero. Non se pode falar dos "Pinchudos", sen nomear a Xosé Lorenzo González alcumado como "O Pinchudo", fundador da Banda de Música de Bealo, precursora da Banda de Taragoña.

A "Banda Infantil do Centro Cultural de Taragoña" iniciou a súa actuación no ano 1977 e desenvolveu unha actividade ininterrompida, cunha frecuente renovación das súas filas a medida que medraron os rapaces.

Os antecedentes das orquestras de Taragoña atópanse nas "orquestinas", pequenos grupos de músicos que actuaban nos bailes de sábados e domingos. Existiron na parroquia taragoñesa moi boas e afamadas orquestras; algunhas das mesmas formadas cun gran número de compoñentes e empregan importantes medios técnicos sonoros e luminosos. En Taragoña, estaban as orquestras Gran Parada procedente da orquestra Gran Peña, Xente Nova, Nova Moda, Galáctica, África...

Dentro do xénero musical tradicional, hai que destacar a presenza da Banda de Gaitas Buxaina e os grupos de música tradicional Os Cangrexeiros, Os Xerardos e Café ó Tisón.

Tamén dentro doutros xéneros musicais, como o caso do rock, atopámonos con grupos como Sudden Blaze (música en inglés) onde parte dos seus membros son da parroquia ou localidades veciñas e estando localizado o seu local de ensaio na aldea de Paradela.

Festas, romarías, feiras e mercados

editar

No tocante ás festas, en Taragoña celebrábase en marzo ou abril, o luns e martes de Pascua. En xullo, con varios días de festexos, celebrábanse as festas máis importantes de Taragoña, o Carme e San Salvador, sendo a celebración máis importante da parroquia as "Festas do Veran de Taragoña" no 18 de xullo de cada ano. Finalmente no Nadal pechábanse as celebracións da Nosa Señora. No referente á celebración das "Festas do Vrán" que se levan a cabo no campo da Festa coñecido co nome de "Campo Maneiro", tense constancia de que esta celebración ten preto de catrocentos anos de historia, sendo no ano 1934, cando actuou a primeira orquestra, xa que foi o ano en que chegou a corrente eléctrica á parroquia. Finalmente no ano 2005 foi a súa derradeira edición dun xeito oficial, por mor da falla de comisión organizadora, aparecendo ó ano seguinte unha celebración espontánea, dos distintos mozos e mozas das aldeas da parroquia a xeito de romaría.

Tamén hai que destacar a celebración do entroido, coa presenza das carrozas satíricas, argalladas pola xente parroquia e se celebra no lugar de Campos de Pazos.

En Taragoña, ó igual que en toda a rexión galega, as diferenzas existentes entre a feira e o mercado son un tanto inapreciábeis, sendo frecuente o emprego de ámbolos dous termos con significados semellantes. Así e todo, poderiamos dicir que as feiras presentan un maior distanciamento no tempo, case sempre superior a unha semana, e que, pola contra, os mercados acostuman amosar unha periodicidade semanal ou inferior. A parroquia de Taragoña contou cunha feira de certa importancia local; celebrábase os días cinco e dezaoito de cada mes, e as súas operacións eran principalmente transaccións de gando.

Deportes

editar

Existe un polideportivo cuberto e dúas pistas polideportivas, localizadas na área recreativa Campo Maneiro e no CPI Xosé María Brea Segade, que na actualidade resulta escasas e precisan de melloras e ampliacións.

Dentro das asociacións e clubs deportivos da parroquia de Taragoña, atopámonos coa Peña Cicloturista Castro Barbudo, que tódolos anos organiza a proba ciclista Subida ó Castro que discorre polas corredoiras e pistas da comarca, principalmente tramos de monte. Esta proba iniciouse no ano 1999.

Asociacións

editar

Na parroquia de Taragoña xurdiron como resposta das distintas inquedanzas a unhas necesidades socio-culturais e deportivas, un determinado número de asociacións. Con frecuencia desenvolven actividades culturais, recreativas e deportivas conxuntamente, pero tamén son numerosos os casos nos que se definen por dedicarse única e exclusivamente á cultura ou ó deporte, por separado.

A continuación enuméranse as distintas asociacións que se atopan na parroquia de Taragoña:

 
Hórreo.
editar
  • A Nosa Santa Mariña/ de Taragoña/ a Nosa Santa Mariña/ é a copatrona.
  • Eu vin pasa-los romeiros/ baixo os currales de Iñobre/ ían ve-lo San Xohán/ o máis milagreiro de tódolos homes.
  • Non me lembres Taragoña/ terra onde eu nacín,/ lémbrame a fonte do Grolo/ auga que eu dela bebín [2].
  • Para bailar e cantar/ xa Rianxo ten a sona,/ para rapazas bonitas/ vivan as de Taragoña [3].
  • Si o río de Te/ fora de coñá/ máis de catro mozos/ irían alá [4].

Lugares e parroquias

editar

Lugares de Taragoña

editar
Lugares da parroquia de Taragoña no concello de Rianxo (A Coruña)

A Burata | O Burato | O Campo da Feira | Campos de Pazos | Cartomil | O Castriño | Chorente | Corques | A Coviña | O Cruceiro | A Cruz | Cuvide | Dorna | Fachán | Fonte Susán | A Igrexa | Iñobre | A Laxe | O Monte de Dorna | O Moroso | Ourille | Ourolo | Outeiro | Paradela | Pastoriza | As Pedriñas | A Senra |

Parroquias de Rianxo

editar
Galicia | Provincia da Coruña | Parroquias de Rianxo

O Araño (Santa Baia) | Asados (Santa María) | Isorna (Santa María) | Leiro (Santa María) | Rianxo (Santa Comba) | Taragoña (San Salvador)

  1. 1,0 1,1 DECRETO 189/2003, do 6 de febreiro, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia da Coruña.
  2. Fermín Bouza-Brey: "Cantigas populares da Arousa", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 1929, 153-204 [en facsímile II], 201. No texto: de ela.
  3. Fermín Bouza-Brey: "Cantigas populares da Arousa", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 1929, 153-204 [en facsímile II], 172.
  4. O río Te (ou río da Torre) atravesa a parroquia de Taragoña, en Rianxo. Fermín Bouza-Brey: "Cantigas populares da Arousa", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 1929, 153-204 [en facsímile II], 187.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar