Thaliacea

Cadea de sálpidos.
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Tunicata
Clase: Thaliacea
Nielsen, 1995
Orders

Os taliáceos (Thaliacea) son unha clase taxonómica de animais mariños do subfilo dos Tunicata. A diferenza dos seus parentes bentónicos ascidiáceos, os taliáceos son organismos peláxicos que flotan libremente durante toda a súa vida. O grupo inclúe especies con ciclos de vida complexos tanto solitarias coma coloniais. Entre eles están as salpas.

Doliólido.
Colonia de pirosómido.

Características

editar

Todos os taliáceos son animais que se alimentan por filtración. Os doliólidos son animais solitarios, pero as salpas forman colonias que poden ter varios metros de lonxitude. Os do xénero Pyrosoma son animais coloniais, formados por moitos pequenos zooides parecidos a ascidias, dispostos nun cilindro pechado por un extremo e aberto polo outro. Todos os sifóns atriais apuntan cara a dentro, e baléiranse nunha soa cloaca común situada no centro do cilindro. A medida que os zooides exhalan auga, esta sae por unha abertura común, e esta corrente de auga impulsa lentamente ao animal polo mar. Algunhas colonias son de varios metros e outras teñen bioluminescencia.

As salpas e os doliólidos son taliáceos con corpo con forma de barril transparente a través do cal bombean auga, que os propulsa e serve para que obteñan a súa comida. Tamén teñen músculos propulsores, que axudan a expulsar a auga, os cales forman oito ou nove bandas arredor do corpo no caso dos doliólidos, ou bandas circulares incompletas nos sálpidos. A maior porción do corpo consta dunha gran farinxe. A auga entra na farinxe a través do gran sifón bucal no extremo frontal do animal, e é forzada a pasar por varias fendas da parede farínxea ata chegar ao atrio (atrium) que está detrás. Desde alí, a auga é expulsada por un sifón atrial situado no extremo posterior. A farinxe funciona á vez como órgano respiratorio e dixestivo, filtrando as partículas alimenticias que flotan na auga coa axuda dunha rede de mucus, que é empurrado lentamente por cilios ao longo das fendas farínxeas.

Os doliólidos e as salpas alternan entre estadios con reprodución sexual e asexual. Os taliáceos teñen complexos ciclos de vida. Dos ovos dos doliólidos eclosiona no mar unha larva nadadora con cola, que é tamén o estado larvario común nos outros tunicados. Despois perde a cola e transfórmase nun oozoide, que ten un estolón sobre o que se forman xemas, que se transforman en gastrozoides, forozoides e gonozoides, á vez que o individuo materno se transforma perdendo órganos, pero mantendo a musculatura e servindo como unha plataforma para os individuos fillos, que se acaban desprendendo.[1] Os Pyrosoma son ovovivíparos, xa que os seus ovos se desenvolven dentro da "nai" sen pasar polo estado de larva con cola. As salpas son vivíparas, xa que os embrións están ligados á "nai" por unha especie de placenta pola que reciben alimento, e posteriormente desenvólvense orixinando un oozoide, que se reproduce asexualmente por xemación para producir varios blastozoides, os cales forman longas cadeas (ver foto). As longas cadeas de blastozoides flotan arrastrando no seu extremo ao individuo máis vello ou "nai". Os blastozoides individuais reprodúcense despois sexualmente producindo ovos e a seguinte xeración de oozoides.

Os taliáceos desempeñan un importante papel na ecoloxía do mar. Os seus densos pelets fecais afúndense ata o leito oceánico e isto forma unha parte importante do ciclo do carbono a nivel global.[2]

Taxonomía

editar

A clase é relativamente pequena e está dividida en tres ordes:

Clase Thaliacea[3]

  • Orde Pyrosomida
      • Familia Pyrosomatidae
        • Subfamilia Pyrosomatinae
        • Subfamilia Pyrostremmatinae
          • Xénero Pyrostremma
  • Orde Doliolida
    • Suborde Doliolidina
      • Familia Doliolidae
          • Xénero Dolioletta Borgert, 1894
          • Xénero Doliolina Garstang, 1933
          • Xénro Dolioloides Garstang, 1933
          • Xénero Doliolum Quoy & Gaimard, 1834
      • Familia Doliopsoididae
          • Xénero Doliopsoides
    • Suborde Doliopsidina
      • Familia Doliolunidae
          • Xénero Pseudusa
      • Familia Doliopsidae
          • Xénero Doliolula
          • Xénero Doliopsis
      • Familia Paradoliopsidae
          • Xénero Paradoliopsis
  • Orde Salpida
      • Familia Salpidae
        • Subfamilia Cyclosalpinae
          • Xénero Cyclosalpa
          • Xénero Helicosalpa
        • Subfamilia Salpinae
          • Xénero Brooksia
          • Xénero Iasis
          • Xénero Ihlea
          • Xénero Metcalfina
          • Xénero Pegea
          • Xénero Ritteriella
          • Xénero Salpa
          • Xénero Soestia
          • Xénero Thetys
          • Xénero Thalia
          • Xénero Traustedtia
  • Barnes, Robert D. (1982). Invertebrate Zoology. Philadelphia, PA: Holt-Saunders International. pp. 1042–1043. ISBN 0-03-056747-5. 
  • Bone, Quentin (1998). The pelagic Tunicates. Oxford: Oxford University Press. ISBN 0-19-854024-8. 
  1. 1.↑ Zoología de Invertebrados. P. A. Meglitsch. Pirámide. (1986) Páxinas 849850. ISBN 84-368-0316-7.
  2. Thaliaceans and the carbon cycle
  3. [1] World Register of Marine Species. Retrieved 2014-02-13.

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar