Sobreira

árbore da familia do carballo e da aciñeira

A sobreira[1] (Quercus suber L.) é unha árbore da familia do carballo e a aciñeira (as fagáceas, antes cupulíferas, integrada por 450 especies e con case tódolos seus xéneros boreais), espontánea e cultivada no sur de Europa e norte de África e a partir da cal é o único medio de onde se pode extraer a cortiza. Recibe en galego diferentes nomes comúns, entre os máis difundidos están corticeiro[2] e corticeira[3].

Sobreira

Unha sobreira en Galiza
Estado de conservación

Pouco preocupante
Clasificación científica
Reino: Plantae
Subreino: Tracheobionta
División: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Subclase: Hamamelidae
Orde: Fagales
Familia: Fagaceae
Xénero: Quercus
Subxénero: Quercus
Sección: Cerris
Especie: Q. suber
Nome binomial
Quercus suber
L.

Formas
  • Q. suber f. brevicupulata (Batt. & Trab.) F.M.Vázquez 1998
  • Q. suber f. clavata (Cout.) F.M.Vázquez 1998
  • Q. suber f. dolichocarpa (A.Camus) F.M.Vázquez 1998
  • Q. suber f. longicalyx (A.Camus) F.M.Vázquez 1998
  • Q. suber f. macrocarpa (Willk. & Lange) F.M.Vázquez 1998
  • Q. suber f. microcarpa (Batt. & Trab.) F.M.Vázquez 1998
  • Q. suber f. racemosa (Borzí) F.M.Vázquez 1998
  • Q. suber f. suboccultata (Cout.) F.M.Vázquez 1998

Descrición botánica

editar

Botanicamente é unha árbore monoica, de folla simple (entre 2,5 e 10 cm. de longo e entre 1,2 e 6,5 cm. de ancho), de forma denticular, alterna, perenne, verde escura, con nervación principal algo sinuosa e nerviación secundaria composta por entre 5 e 8 pares de canais, sen pelos e con estípulas caducas. As súas flores son unisexuais:

A polinización é anemófila e os froitos teñen forma de glande (balouta, lande ou landra): cada froito está provisto dunha cúpula escuamiforme ou espiñenta.

Debido á súa casca formada como cortiza, a sobreira cultivouse dende hai tempo para a súa extracción. A operación denomínase tamén pela, e non é mortal para a árbore (e non ten por que ser prexudicial se se realiza correctamente, inda que a árbore o sofre de xeito metabólico e fisiolóxico). A causa de que saia indemne é que o espécime volve a producir unha nova casca protectora de cortiza a partir da capa inmediatamente interior á extraída (denominada cámbium suberoso, que é en realidade o material vivo da árbore no toro). Cada oito a doce anos reprodúcese o espesor da capa de cortiza, en cada ciclo consecutivo con maior calidade cada vez.

Distribución

editar
 
Vella sobreira descortizada por primeira vez en 1999 no Rial (concello da Arnoia).
 
Sobreira no monte da Peneda (O Viso, Redondela).

Ademais de cultivada, a sobreira é unha especie natural e autóctona da Península Ibérica: inda que é espontánea en moitos puntos de España e Portugal onde formou frondosos bosques en asociación con outras especias de quercíneas (quercetum), por iso mesmo se ten dito moitas veces que é unha árbore de clima mediterráneo. Esta afirmación está apoiada polos seus máximos de distribución mundial (que abrangue o sur de Iberia e tamén Alxeria e Marrocos), pero matizada pola enorme presenza da especie en localizacións ibéricas do interior (continental) e nororientais (atlánticas).

Se ben a influencia mediterránea nos vales interiores de Galicia e ó norte da cidade portuguesa de Porto é incontestable, non cabe tampouco dúbida que o clima galego e do norte de Portugal é eminentemente atlántico. A existencia (e nalgúns casos persistencia) demostrable en moitos puntos de Galicia (río Arnego e encoro de Portodemouros no Deza, sobredas da Arnoia, Castrelo de Miño, Ancares, Courel e a mesma Ribeira Sacra) permiten facer a comparación cos intentos de implantación da especie que foron frustrantes noutros lugares non mediterráneos (por exemplo, nos EEUU). Inda así, é certo que a súa distribución xeográfica chega tamén a puntos coma Tunisia, sur de Francia (montañas Albères -no departamento de Pyrénees-Orientales, "Pireneos orientais"- e montañas Maures, no de Var) e Italia, inda que se atopa naturalizado en certas rexións de clima mediterráneo.

Edafoloxicamente dise que é unha especie calcífuga, inda que máis que dunha distribución preferente deberíase falar dunha exclusión territorial relíctica: a especie non vive mellor nas peores terras, barbeitos, ermos e baldíos, senón que é alí onde resiste porque as mellores terras se destinan a outros cultivos: trigo, maínzo, paínzo, millo, cebada, avea etc. Este proceder é un erro, xa que a sobreira é unha especie coñecida pola súa capacidade de compatibilidade produtiva (sempre que sexa mediante métodos extensivos).

É máis, a súa explotación tradicional está asociada a un sistema produtivo multinivel e sostible e único no mundo pola súa integración social e altísimo rendemento: os sobreirais. A potencia produtiva deste sistema extensivo non ten igual debido á súa diversidade produtiva: touros de lida, porcino de alta calidade, cortiza, cultivos alimentarios e de forraxe, vexetación e fauna salvaxe dabondo para manter unha caza sostible, mantemento ou restauración edáfica, variedade territorial debido á existencia de manchas ou currais (microclimas máis húmidos ou secos dependendo da orientación xeográfica da aba), asociación con outras especies coma o piñeiro real (e a súa produción de piñóns), explotación micolóxica nalgúns casos e apícola máis habitualmente etc.

A enorme variedade produtiva e a adaptación coevolutiva da estrutura social e da distribución territorial da poboación no sur ibérico a esta diversificación fan necesaria a xestión do territorio por parte dun equipo de xestión forestal moi consciente da importancia social, ecolóxica e industrial deste modelo de produción.

 
Sobreira en Portugal.

Localizacións singulares

editar
 
Sobreira descortizada por primeira vez entre Valdemeixeira e Coto Novelle (concello da Arnoia, Ourense).

En Galicia quedan manchas que testemuñan unha expansión maior na antigüidade: os bosquetes coñecidos máis amplos sitúanse nos seguintes puntos:

O normal é que a carón destas zonas teña existido un aproveitamento tradicional, cando menos para confeccionar alvarizas ou colmeas. Moi preto da primeira das localizacións mencionadas, en Ventosela (na estrada entre Ribadavia e o antigo pazo de Otero Pedrayo en Trasalba), hai unha empresa de tratamento de cortizas.

Historicamente a súa distribución foi moito maior e máis densa tal e como demostra a distribución dos topónimos que proceden do latino suber (non debe confundirse con Sobrado, que vén de superatum).

Fóra de Galicia hai varias localidades mundialmente famosas:

 
Cor dunha sobreira que leva uns poucos meses descortizada (Parque Natural de Los Alcornocales, provincia de Cádiz).

A pela é o proceso de descascado da sobreira. Os tipos de cortiza que se extrae clasifícanse cronoloxicamente coma:

  • bornizo
  • primario
  • secundario

A pela faise a unha altura gradualmente crecente, que se establece por unha circunferencia á altura do peito (C.A.P.) ou diámetro gradualmente menor.

Cortiza

editar

Á parte da importancia simbólica que ten que as primeiras células vistas nun microscopio fosen precisamente as de cortiza, a importancia industrial da cortiza é moi clara: é un material cunhas características moi específicas pero que non poden ser imitadas artificialmente por ningún outro composto sintético industrial. A imposibilidade actual de que a industria bioquímica sexa capaz de reproducir cortiza ou materiais coas súas propiedades coloca á industria nun lugar estratéxico único no mundo. Se tódalas rollas das botellas do mundo (das de certa calidade, xa que a calidade do viño ou licor se pode estimar pola calidade da rolla que o tapa) saen das árbores, hai que previr ó sector da sobreexplotación, coidar os recursos actuais, prever un constante aumento do mercado cun constante aumento produtivo en calidade e cantidade e aumentar asemade a superficie forestal destinada a este recurso de momento insubstituíble.

A cortiza utilízase coma illante térmico e sonoro con aplicacións moi diversas, pero o seu uso principal é a produción de rollas para o peche de botellas. A calidade da cortiza é proporcional á dificultade da súa produción e ó seu valor, e os embotelladores escóllena en función da bebida que se debe conservar.

Antropoloxía

editar

No Courel chámase así os alpendres acaroados ás casas.

Nome común

editar

Segundo as zonas a árbore recibe diferentes nomes comúns en galego: alcarnoque, alcornoque, árbol da cortiza, azufireira, azufreira, colcheira, corcheira, corcheiro, cortezo, corticeira, corticeiro, cortixeiro, cortiza, cortizo, curcheiro, curticeira, curticeiro, encina, sebreira, sebreiro, sebreña, segoreira, sobreira, sobreiro, sogureira, subreiro, sufreira, xufreira e zufreiro[4]. Sofreira é a voz corrente na Terra Eo-Navia[5], e no galego de Estremadura denomínase alcornoque ou sobreira [6].

Galería de imaxes

editar

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar