Scórpio

obra literaria de Ricardo Carballo Calero

Scórpio é unha novela de Ricardo Carvalho Calero, publicada en 1987 por Sotelo Blanco Edicións [1]. Nese mesmo ano acadou o Premio da Crítica de narrativa galega.

Scórpio
Na portada da primeira edición amósase a ilustración dun escorpión. Arriba, ilustración de escorpión da Encyclopædia Britannica de 1911.
Título orixinalScórpio
Autor/aRicardo Carvalho Calero
OrixeGalicia
LinguaGalego
Xénero(s)Narrativa
EditorialSotelo Blanco Edicións
Data de pub.1987
ISBN978-84-86021-58-0
Premios
editar datos en Wikidata ]

Características

editar

É unha novela moderna cunha alta dose de ironía literaria que pode lembrar as novelas epistolares do século XVIII e mesmo a literatura galante. Tamén é unha novela histórica que describe a xeración de mozos galeguistas republicanos, unha xeración truncada pola Guerra Civil. Para Ramón Nicolás é unha proposta poliédrica e polifónica.[2]

 
Estatua de Carballo Calero en Santiago

A novela contén numerosos elementos autobiográficos, pois Ricardo Carvalho Calero foi tenente no exército durante durante a Guerra Civil española. O conflito armado entre democracia e fascismo ocupa a segunda parte de Scórpio. Dalgún xeito, anticipa a vaga de literatura da memoria histórica que abundará a narrativa galega no inicio do século XXI[3].

A lectura desta obra serve para aprender máis sobre a cultura, a historia, a lingua e a literatura galegas nunha época moi importante para Galicia xa que está construída como o relato dunha época histórica e dunhas personaxes que a pesar da súa ficcionalidade deixan traspasar o seu historicismo. O contexto da guerra e a presenza de figuras históricas tamén concretan a narración que nunca perde contacto coa perspectiva galega [4].

Para Henrique Rabuñal:[5]

é unha as obras de Carvalho máis celebradas pola crítica literaria, tanto pola súa orixinalidade técnica e polas súas achegas estilísticas como por servir de reflexión e memoria individual e colectiva para o período 1910-1939 nunha interacción premediada entre ficción e memoria e nunha meditación sobre a guerra e as súas consecuencias para a xeración de Carvalho e para os seus ideais... Esa riqueza e pluralidade de voces narradoras, a axilidade do relato, a a contradición entre as luces e as sombras que acompañan o protagonista mudo, a honestidade con que viaxamos ao pasado e a presenza de figuras femininas son elementos moi determinantes.

É unha obra realista segundo o autor[6]:

A novela é fundamentalmente realista... Mas hai unha grande cantidade de imaxinación na obra... Hai cousas que me aconteceron a min e que lle acontecen a Scórpio, pero hai cousas que me aconteceron a min e lle acontecen a Salgueiro, comezando por escreber ou intentar escreber a própia novela ou o própio romance de Scórpio.

O título fai referencia ao protagonista do libro Rafael Martínez Pinheiro, que ten como alcume Scórpio polo día de nacemento no Zodíaco. Son breves capítulos de dúas a catro páxinas, que levan de título o número e mais a personaxe que narra.

Primeira parte

editar
 
Homenaxe a Carvalho Calero e Scórpio na Ponte Boleira de Pontevedra, río dos Gafos, en maio de 2021

Comeza contando Aurélia que a súa veciña Antónia tivo un fillo, Rafael, sen dar o nome do pai porque non o sabe. Morre Antónia e Aurélia e o seu marido, que é escribente de oficina, acollen o rapaz coma un fillo. Despois da guerra, Francisco, o marido de Aurélia, faise rico nos negocios. Os fillos medran e eles xa se relacionan cos mandos da Mariña de Ferrol. Morre Aurélia e a veciña Mercedes ten que axudar a levar a casa. Francisco vai deixar os negocios e vivir de rendas, parte dos fillos xa están casados e ben colocados. Rafael e Cheli, a filla de Mercedes, son adolescentes e quérense ben, os maiores ven con bos ollos un casamento futuro.

A Rafael póñenlle de alcume no colexio Scórpio [7] e a Jorge (que vai ser un dos principais relatores da historia) Sagitário, polo seu signo. Xa en Santiago estudan Filosofía e Letras con Dereito: Scórpio e Sagitário faranse avogados. Son poetas, falan galego, son galeguistas e ingresan no Seminario de Estudos Galegos. Ata teñen tempo para parolar coas mozas nun forno e namorar universitarias. Scórpio é moi bo estudante, leva matrículas de honra e consegue fama como poeta en galego. Cleo lévao a darlle clases e acábao atopando na cama coa irmá. Mentres en Ferrol Cheli segue namorada de Rafael e Merche, a medio noiva de Sagitário, tamén lle ten o ollo medio botado. Din as malas linguas que Rafael mesmo andou con Amalia, a guapa muller do profesor Maluquer.

Fálase da época da Ditadura de Miguel Primo de Rivera, dos desexos da República, do nacemento das Irmandades da Fala, sempre desde o que lle afectan os feitos a Scórpio, non hai descrición interna nin externa, o mesmo acontece co mundo universitario e o seu profesorado. Chegados ao primeiro terzo da novela [8], os dous amigos pasan ao despacho do tío de Sagitário.

Sagitário ten que cumprir as previsións, casar con Merche, gañar moitos cartos de avogado e irse labrando un bo prestixio. Mais a tarde de el casar haberá sorpresas. Logo deste feito todo segue igual: as familias amigas, as relacións. Scórpio non para nada no despacho e vai facer Filosofía e Letras (Clásicas) a Salamanca, onde segue rendendo vontades das mozas: como a escena final nun tren con Luzita e Helena. En Salamanca exerce o vello profesor Malaquer e a súa dona, Amalia, tamén caerá nos brazos do conquistador.

Scórpio é todo un "Don Juan", en opinión de Sagitário[9]:

O êxito de sempre, que el obtém decote sem esforço. Por qué? Sem dúvida o que de Scórpia atrai às mulheres, à parte da sua prestância física em que jogan papel importante a sua alta estatura e a cor azul dos seus olhos, assi como a sua mesta cabeleira mais lois do que se sói ver por aqui... o que de Scórpio atrai às mulheres é sem dúvida o seu ar semiausente de sonâmbulo suavemente indiferente à opiniom alheia.

Cheli segue a escribirlle cartas diarias e Scórpio e el a tratala coma un irmán. El remata a segunda carreira e volve a Ferrol, comezará a dar clases nun colexio de frades e prepara as oposicións. Pronto casa con Cleli e ela queda embarazada axiña. Salgueiro segue en Ourense moi metido na política e dentro do mundo galeguista. Scórpio fala galego, escribe poesía en galego pero sen se meter en política.

O protagonismo nos feitos lévao a trama amorosa de Scórpio, os feitos históricos e políticos só están de fondo, esa é a intención segundo Salgueiro.

Segunda parte

editar

Agora Scórpio está en Madrid a facer as oposicións a catedrático de instituto e xorden novos narradores: Casado (compañeiro de oposicións e de Salamanca) e Barreiro (opositor pontevedrés). O protagonismo lévano os sucesos históricos anteriores á guerra: Manuel Azaña, Manuel Portela Valladares, os asasinatos do tenente Castillo e José Calvo Sotelo, o ambiente xeral.

Nace a filla de Scórpio e el está en Madrid. Prodúcese a sublevación de Francisco Franco en África, empeza a guerra (ata fai de narrador un contra-mestre). Ao estar el en Madrid e a familia na zona “nacional” en Galicia Scórpio non vai poder comunicarse cos seus. Casado conta da situación excepcional en Madrid: “chekas”, excesos, mobilizacións. Varios narradores (que parecen querer ser imparciais) contan os feitos en Ferrol: consellos de guerra, represalias... morte de varios mariñeiros da familia de Scórpio.

Os fascistas atacan Madrid. Scórpio, Casado e Barreiro intégranse no batallón das FETE e loitan defendendo a capital. Scórpio xa non é agora o protagonista da acción, é Casado coa súa visión da guerra, as súas dúbidas e medos, as súas accións. Cando á guerra é o tema principal Scórpio queda de lado.

Casado e Scópio van a Valencia para se faceren tenentes do exército, alí hai máis posibilidades de espectáculo e diversión. Cóntase a historia da morte do comandante do seu batallón. Salgueiro foxe por Portugal grazas á axuda do seu primo falanxista Miguel. Chega a Valencia e ve a Scórpio e logo irá á oficina do Presidente da República.

Scórpio volve á fronte sur a loitar e anda por Úbeda como oficial de Estado Maior. A través dun oficial sabe o lector de pormenores illados da guerra. Rafael atoparase con Cleo que é a muller dun oficial máis vello ca ela, adorada por toda a xente. Mais Rafael pide de repente traslado a Barcelona. Alí está Salgueiro nas oficinas da Presidencia e vai retomar o fío da narración. Rafael desaparece nun bombardeo, estaba nos cascallos do seu hotel con Cleo. Salgueiro vai comunicar as novas a Ferrol a través do profesor Maluquer.

Socorro conta a situación familiar en Ferrol. Francisco irá esmorecendo ata a súa morte. Rosa (a moza santiaguesa dos parrafeos) casou e está sempre doente. Salgueiro, que uns capítulos antes xa falara de deixar a novela por falta de tempo e ganas, cruza a fronteira francesa no séquito de Azaña que vai cara ao exílio e bota unha última ollada sobre a situación do mundo[10]:

Se sobrevivo, tenho sossego para isso, talvez retome aquel projecto que outrora alimentei de escrever a tua história. De inventá-la, pois foste sempre um mistério para min. Mas, quem pensa em escrever a história de um home agora que agoniza todo um mundo?

Estrutura

editar

A novela está estruturada en dúas partes, a primeira con 77 capítulos e a segunda con 59.

Narración

editar

Todos os capítulos comezan co nome dunha das personaxes que funciona de narrador en primeira persoa, intradiexético. Son múltiples as voces que van contando a historia de Scórpio pois el nunca aparece directamente, son os demais os que contan, polo que hai diferentes puntos de vista de xeito que o romance ten unha gran riqueza temática e técnica.

En total son 50 narradores diferentes, 31 na primeira parte (7 homes e 14 mulleres) e 19 na segunda (14 homes e 5 mulleres). Na primeira o narrador principal é Sagitário, na segunda Casado[11].

A multiplicidade de narradores vai conformando a personalidade de Rafael, o protagonista silencioso da acción[12]. O seu silencio preséntase como unha forma da lóxica estrutural e reforza o carácter enigmático que o envolve, a atmosfera de ser máxico, sobrehumano; e tamén acentúa a súa ambigüidade en canto a unha sensualidade de intención inxenua ou maliciosa. O mesmo autor reflexionou sobre ese silencio[13]:

E isto está relacionado con esa sombra, con ese mistério que rodea á personaxe -que, por suposto, non é resultado das dificultades que supón esta técnica, senón que é algo querido tamén- porque non só Scórpio, senón ti e eu, somos seres misteriosos. Todo ser humano é misterioso, temos unhas grandes zonas de sombra.

Na novela o autor reflexiona sobre a narración usando a voz dos personaxes. Así Salgueiro fai reflexións sobre a literatura e mesmo sinala as características de Scórpio: a importancia do misterio e a innovadora técnica empregada. Ademais, na novela tamén se reflexiona sobre a distinción entre ficción e realidade.

A primeira parte comeza co nacemento de Rafael e remata cando este viaxa a Madrid a facer as oposicións para catedrático de instituto pouco antes do comezo da Guerra Civil. A segunda parte narra os tres anos de Guerra Civil e coa fin da República remata a novela. O tempo desenvólvese de forma lineal, sen cambios bruscos, no período que vai de 1910 ao 18 de marzo de 1938, os anos da vida de Rafael ou Scórpio. Salgueiro remata a narración pouco máis tarde:

Às seis da manhá, 5 de fevereiro de 1939, o Presidente da República e os seus acompanhantes saíramos de La Vajol... Fim da República... Scórpio, morto cabo de Cleo polas bombas da aviaçom fascista, nom sei se invejar a tua sorte[14]:.

Espazo

editar

O espazo é moi concreto. Na primeira parte destacan Ferrol, Santiago e Salamanca; na segunda Madrid, Valencia, Andalucía e Barcelona.

Personaxes

editar

As personaxes femininas serven para describir o mundo familiar de Scórpio: Aurélia, Mercedes, Chéli...; o éxito coas mulleres: Cleo, Merche, Amália, Helena... que reflicten os diferentes sentimentos que provoca nelas Rafael. Cleo (Júlia), a única que é relevante nas dúas partes do romance, serve de continuidade entre os anos en Santiago de Compostela e a guerra en Barcelona.

Os personaxes masculinos protagonizan os acontecementos históricos e políticos. Mostran unha maior evolución. Sagitário, Salgueiro e Scórpio pertencen á xeración do Seminario de Estudos Galegos. Participan nas actividades do Seminario, en asembleas de estudantes, folgas, recitais de poesía, na FUE, conferencias, na asemblea fundacional do Partido Galeguista. Reúnense con Alexandre Bóveda, Castelao, Otero Pedrayo ou Suárez Picallo[11].

Lingua

editar

A obra está escrita en normativa reintegracionista ou lusista. As referencias á situación da lingua son abundantes e retratan a situación sociolingüística desa época. Vese como o galego se asocia ás clases populares e a importancia da concienciación como paso para a súa dignificación e recuperación.

Edicións

editar

Reeditouse en 1989 (2ª), 1990 (3ª), 1993 (4ª).

A AS-PG fixo unha reedición en 1997 (Vigo).

En 2017 Através Editora publicou unha nova edición do romance[15], cun epílogo de Arturo Casas no que repasa a recepción crítica da obra e "abre novas liñas de pescuda". En 2019 fixo unha segunda edición.

A tradución ao castelán, como Escorpio, de 2022, é de Cielo Eléctrico Narrativa. Tradución e prólogo de Carmen Blanco, abrangue 352 páxs e ten o ISBN 978-84-12-51911-2.

  1. Carvalho Calero, Ricardo (1987). Scórpio. Sotelo Blanco Edicións. ISBN 978-84-86021-58-0
  2. "«Scórpio», novela polifónica e poliédrica". La Voz de Galicia (en castelán). 2020-10-30. Consultado o 2020-10-30. 
  3. "A memoria de “Scórpio” trinta anos despois. Daniel Salgado". Sermos Galiza. Arquivado dende o orixinal o 20/02/2018. Consultado o 19/02/2018. 
  4. Villamayor, Sindo (1996). Historia da Literatura Galega. 33. O silencio interior (1940-1950). Ed. A Nosa Terra. p. 1050. ISBN 84-89679-05-3. 
  5. Rabuñal, Henrique (2020). Ricardo Carvalho Calero. O anxo da terra. Galaxia. p. 143, 144. ISBN 978-84-9151-436-7. 
  6. Salinas Portugal, Francisco (1991). Voz e siléncio (entrevista con R. Carvalho Calero). Edicións do Cumio. p. 74-75. 
  7. Carvalho Calero 1987, p. 26.
  8. Carvalho Calero 1987, p. 130.
  9. Carvalho Calero 1987, p. 132.
  10. Carvalho Calero 1987, p. 389.
  11. 11,0 11,1 "Unha lectura de Scórpio, de Ricardo Carvalho Calero. Mónica Pazos Martínez". Terra e Tempo. Arquivado dende o orixinal o 18/10/2021. Consultado o 19/02/2018. 
  12. Villamayor 1996, p. 1051.
  13. Salinas Portugal 1991, p. 71-105.
  14. Carvalho Calero 1987, p. 388-389.
  15. Carvalho Calero, Ricardo (2017). Scórpio. Através Editora. ISBN 978-84-16545-12-4

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar