Rugby

deporte de equipo con balón

O rugby[1] é un deporte de contacto orixinario de Inglaterra no cal se enfrontan dous equipos nun terreo de xogo rectangular co obxectivo de anotar puntos cun balón ovalado. Os puntos poden acadarse pousando o balón coas mans na zona de ensaio rival ou pasando o balón co pé entre dous paus. Existen varias modalidades de rugby que se diferencian principalmente pola cantidade de xogadores que compoñen cada equipo, chamándoselle rugby en Galicia ó rugby union por ser a única disciplina que conta con practicantes, equipos, competicións e federación na comunidade autónoma. Esta é a modalidade máis estendida no mundo, e a súa característica principal é que os equipos contan con quince xogadores cada un.

O deporte do rugby toma o seu nome da cidade inglesa na que naceu, sendo a súa orixe as primitivas regras do fútbol escritas no Rugby School no século XIX. Nos tempos actuais a súa práctica está moi estendida nas Illas Británicas, en países con pasado colonial británico como Australia, Suráfrica e Nova Zelandia, e noutros países como Francia, Italia e a Arxentina. Outros países como Estados Unidos, Canadá, Xapón, Samoa, Fidxi, Tonga, Uruguai, Namibia, Xeorxia ou Romanía tamén participan frecuentemente en torneos internacionais de primeiro nivel como a Copa do Mundo de Rugby, que se disputa cada catro anos. Outros torneos de grande importancia a nivel de seleccións nacionais son o Seis Nacións e o Rugby Championship que se disputan cada ano. A nivel de clubs os torneos máis salientables son o Super Rugby e a Champions Cup.

A entidade reguladora do rugby a nivel mundial e a World Rugby, fundada en 1886, e cuxa sede está en Dublín (Irlanda).

Historia

editar
 
The Rugby School

A súa invención atribúese miticamente [2] a William Webb Ellis, estudante de teoloxía da inglesa escola de Rugby, de onde toma o seu nome, en 1823, tras tomar a pelota coas mans nun partido de fútbol e cargar contra os adversarios.

Porén, os seus antecedentes remotos están nos innumerables xogos de pelota que se practicaban en todas as épocas e por todo o mundo. Así, existen xa no antigo Exipto, na Grecia clásica (pheninde, épiscyre e aporrhaxis), algún nomeado n´A Ilíada. O haspartum foi practicado polos lexionarios romanos. Durante a época medieval atopamos rastro do xogo na soule ó oeste de Francia e do barette ó sur. O calcio xógase en Italia, e nas Illas Británicas practicábanse xogos como o hurling en Cornualla e Irlanda, o camp ball de East Anglia, o knappam en País de Gales e o ba' game dos Borders escoceses. Estes xogos carecían de regras aparentes e non era raro que durante a súa celebración, que se prolongaba durante días, houbese algún morto.

 
Cuberta orixinal das primeiras regras de rugby, so a denominación xenérica de football

O primeiro club de rugby é o Guy's Hospital e foi fundado en Inglaterra no ano 1843. As primeiras regras escritas datan de 1845; e a primeira federación, a inglesa (Rugby Football Union), constitúese o 26 de xaneiro de 1871. O primeiro partido internacional dispútase ese mesmo ano entre Inglaterra e Escocia en Edimburgo. En 1877 o número de xogadores redúcese de 20 a 15. Exemplo da influencia británica no rugby atopámolo co torneo con máis carisma no mundo do rugby, o Torneo das Seis Nacións é o herdeiro directo do 4 nacións que enfrontaba ás 4 seleccións británicas. A partir de Inglaterra, o rugby popularizouse rapidamente no País de Gales, Escocia, Irlanda e Francia. Estes países difundírono polas súas colonias e outros países, enraizando especialmente en Suráfrica, Australia, Nova Zelandia, Arxentina, Uruguai e as Illas do Pacífico Sur. É aceptado que entre os aborixes de Oceanía, o rugby substituíu as guerras tribais. Os maorís neozelandeses son un pobo especialmente dotado para o rugby, estando a selección de Nova Zelandia (os míticos "All Blacks") chea de xogadores desta ascendencia. En homenaxe a eles, esta selección empeza os seus partidos coa representación dunha danza tribal de guerra denominada "haka".

As regras do xogo

editar
 
Xogador a punto de ser placado
 
Dimensións dun campo de rugby

No rugby enfróntanse dous equipos dentro dun campo rectangular en cuxos extremos atópanse instaladas dúas porterías coa forma de "H". O obxectivo fundamental consiste en apoiar un balón ovalado no chan coas mans sobre ou trala liña de ensaio. Isto denomínase ensaio (try en inglés) e ten un valor de 5 puntos. Tralo ensaio, o equipo anotador ten o dereito de patear o balón cara á portería adversaria, e se consegue pasalo (transformación) entre os dous paus verticais e por enriba do traveseiro, anota 2 puntos máis. Orixinalmente os ensaios eran para dar opción a tirar aos paus (transformación) valendo máis os tiros aos paus que os ensaios. Tamén poden conseguirse puntos tirando aos paus tras un golpe de castigo ou penalty ou mediante un bote-pronto ou drop, consistente en tirar aos paus durante o xogo aberto deixando previamente botar o balón no chan. En ámbolos casos o seu valor é de 3 puntos.

Para lograr tal obxectivo o equipo atacante pode:

  • correr evadindo ou resistindo as placaxes do equipo defensor (enténdase por placaxe calquera agarre que realice o xogador defensor cos brazos a calquera parte do corpo do atacante dende os ombreiros cara a abaixo - prohibido placar a cabeza ou o pescozo),
  • dar pases cara a atrás ou ó costado (o pase cara a adiante está prohibido); ou
  • mediante patadas cara ó territorio rival.

A forma de poñer o balón en xogo no rugby é moi característica. Cando o balón sae fóra do campo ponse en xogo mediante un saque lateral (touche en francés ou line out en inglés) onde a cantidade de xogadores é definida polo equipo que ingresa a pelota e pode variar dende dous xogadores até os catorce xogadores, sen contar o xogador que introduce a pelota (xeralmente o hooker ou talonador), e tras unha falta menor (un pase adiantado, por exemplo) ou para reiniciar o xogo logo dunha formación onde a pelota non saíu para ningún dos dous equipos mediante unha melé (scrum en inglés).

 
A melé
 
Touche

En ambos os casos, do que se trata é de que o contrario tamén teña opción de obter o balón. Outra cousa son as infraccións maiores, que se penalizan cun golpe de castigo (penalty en inglés), no que o balón xógao directamente o equipo non infractor coa man ou pateándoo, e pode dar lugar a tiro aos paus para conseguir 3 puntos ou patear cara ó touch (despexar) desexando gañar terreo, xa que o reinicio, un line, realizaríao o mesmo equipo que pateou.

Durante o desenvolvemento do xogo, e como consecuencia das técnicas de contacto, prodúcense agrupacións espontáneas dos xogadores co obxectivo de conservar ou recuperar o balón. Son as melés abertas ou rucks (co balón no chan) e os moles (co balón na man), ambas coas súas regras particulares.

Modalidades de rugby

editar
 
Bóla de rugby da selección italiana

Rugby 15 ou rugby union

editar

A versión deste deporte máis coñecida é a do rugby xogado por equipos de quince xogadores, aínda que non é a única. É o que se coñece no mundo anglosaxón como rugby union, en referencia á "Federación" (Union) de clubs que se rexen por unhas mesmas normas e que, tradicionalmente, foron universitarios ou afeccionados.

Primeira liña:

  • 1 - Loose head Prop - Pilier esquerdo
  • 2 - Hooker - Talonador
  • 3 - Tight head Prop - Pilier dereito

Segunda liña: xeralmente os xogadores máis altos do equipo, tamén encargados de gañar o balón en saques dende o lateral (touche, line-out)

  • 4 - Lock (2nd row) - Segunda liña
  • 5 - Lock (2nd row) - Segunda liña

Terceira liña:

  • 6 - Flanker - Terceira liña ou terceira á
  • 7 - Flanker - Terceira liña ou terceira á
  • 8 - Number 8 - Terceira centro ou número 8

Liña de 3/4 ou "backs": Nos distintos países estes xogadores reciben diferentes nomes de acordo coa súa propia tradición. Así, nos países do hemisferio sur, o apertura (nº 10) e o primeiro centro (nº 12) denomínanse respectivamente first e second five eights.

  • 9 - Scrum-half - Medio-melé: é o encargado de dirixir os dianteiros e enlazar coa liña de tres cuartos
  • 10 - Fly-half - Apertura
  • 11 - Left wing - Á esquerdo
  • 12 - Inside center - Primeiro centro
  • 13 - Outside center - Segundo centro
  • 14 - Right wing - Á dereito
  • 15 - Full back - Defensor
Situación dos xogadores de Rugby 15 dentro do campo de xogo
1 Pillier esquerdo 2 Talonador 3 Pillier dereito
4 Segunda liña5 Segunda liña
6 Terceira liña8 Terceira liña centro7 Terceira liña
 
9 Medio melé
10 Medio apertura
12 Primeiro centro
13 Segundo centro
11 Ala esquerdo14 Ala dereito
15 Zagueiro


É famosa a frase de Jean Giraudoux, que describiu un equipo de rugby do seguinte xeito: "Un equipo de rugby está formado por 15 xogadores: oito son fortes e activos, dous lixeiros e astutos, catro altos e rápidos e un que é modelo de flegma e sangue fría. É a proporción ideal entre os homes", onde fai referencia ós oito dianteiros, ós dous medios -de melé e apertura-, ós 4 tres-cuartos (dous centros e dúas ás) e ó defensor respectivamente.

Un partido dura 80 minutos, dividido en dous partes de 40 minutos.

Rugby 13 ou rugby league

editar
Artigo principal: Rugby a 13.

No entanto, é preciso ter en conta que dende o século XIX existe en Inglaterra unha variante cuxas regras difiren en parte e que xogan equipos de trece xogadores; estes foron profesionais practicamente dende a implantación desa modalidade. Ese xogo chamouse rugby league [1], en referencia ó campionato de liga no que se enfrontaban os clubs que remuneraban os seus xogadores. De Inglaterra, pasou para algúns países da esfera cultural e de influencia británica (Australia, Nova Zelandia) así como para Francia.

Rugby 7 ou seven-a-side

editar
Artigo principal: Rugby a 7.

O formato de rugby de sete xógase normalmente en torneos curtos (dun día ou unha fin de semana). Utilízase o mesmo campo que na modalidade de quince homes, pero con só sete xogadores por equipo. O partido divídese en dous tempos que duran entre sete e dez minutos. Actualmente existe un Campionato do Mundo de Rugby a 7 e un circuíto mundial.

O rugby no mundo

editar
 
Arxentina contra Francia

O rugby é o segundo deporte de equipos máis popular no mundo, só superado polo fútbol. Disputado en máis de 120 países, é extremadamente popular nas Illas Británicas, en Australia (Wallabies), en Nova Zelandia (The All Blacks), en Suráfrica (The Springboks) e en Francia (Les Bleus), sendo esas as grandes potencias do deporte. É tamén bastante popular en Italia ('Gli Azzurri) e na Arxentina (Los Pumas). Fóra dos Xogos Olímpicos dende 1928, todo indicaba que o deporte volvería á familia olímpica nos xogos de 2012 (mais aí, talvez, coa súa versión reducida, o rugby de sete xogadores, coñecido como Seven-A-Side), con todo tal expectativa non foi confirmada polo Comité Olímpico Internacional e o rugby non volverá ás Olimpíadas nesa data.

O Mundial de Rugby é o principal evento entre seleccións. Disputada cada catro anos, trátase do terceiro evento deportivo máis visto no planeta (detrás do Mundial de Fútbol e dos Xogos Olímpicos).

Outros importantes torneos son o das Seis Nacións (torneo deportivo entre as seleccións máis antigas do mundo), disputado por Inglaterra, Escocia, País de Gales, Irlanda, Francia e Italia; e o Tres Nacións, disputado por Australia, Nova Zelandia e Suráfrica. Alén deses campionatos, as principais seleccións do mundo disputan anualmente unha serie de amigables, denominados Tests.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para rugby.
  2. DUNNING, Eric e SHEARD, Kenneth Barbarians, gentlemen and players: a sociological study of the development of rugby football. Oxon: Routledge. 2005. pp. 52–53

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar