Roxelio II de Sicilia
Roxerio II de Hauteville, nado o 22 de decembro de 1095 en Mileto (Calabria) e finado o 26 de febreiro de 1154 en Palermo, foi conde de Sicilia (1105-1130), duque de Puglia (1127-1130) e príncipe de Taranto (1128-1132), así como rei de Sicilia desde 1130 até a súa morte.
Fillo de Roxerio I, sucedeu ao seu irmán Simón sendo menor de idade. Comezou a gobernar en 1112, e no seu dilatado reinado converteu as posesións normandas do sur de Italia nun territorio unificado elevado á categoría de Reino, cun goberno persoal e centralizado.
Traxectoria
editarRoxerio era o segundo fillo de Roxerio I, conde de Sicilia, e Adelaida del Vasto. Sucedeu ao seu irmán máis vello Simón no condado de Sicilia en 1105, estando baixo a rexencia da súa nai até 1112. Desde ese ano até a morte do seu primo Guillerme II de Apulia en 1127, Roxerio tratou de aumentar o seu prestixio mediante o seu matrimonio cunha infanta castelá, filla de Afonso VI de León, e grazas á axuda do seu primo Roxerio Borsa, que lle cedeu a metade dos seus territorios de Mesina, Palermo e Calabria que recibira nas divisións das conquistas sicilianas moitos anos antes.
Á morte de Guillerme, fillo de Borsa, Roxerio recibiu o ducado de Puglia e uniu todas as posesións normandas en Italia, a excepción do principado de Capua, que estaba en mans da familia Drengot. Parece que inmediatamente tivo a idea de cinguir unha coroa real, recordando que os gobernantes da Sicilia da Antigüidade, como Agatocles, foran reis. Os tres anos seguintes á recepción do ducado ocupounos intentando recibir unha coroa do papa.
En 1130, Roxerio foi coroado rei de Sicilia polo antipapa Anacleto II, a cambio do seu apoio para ocupar a cadeira de san Pedro. Roxerio fíxose feudatario do papa, o que provocaría un problema político cando a dinastía Hohenstaufen tomou o poder no reino de Sicilia.
Como rei, Roxerio dedicouse a fortalecer o seu poder na península. Os baróns de Puglia non quixeron someterse e a década de 1130 estivo repleta de conflitos entre diversos rebeldes e o poder central da coroa.
Bari rebelouse, liderada por Grimoaldo Alferanites. Capua levantose en armas para manter a independencia da familia Drengot. O ducado independente de Nápoles axudou os rebeldes até 1137, cando o emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico Lotario II e o papa Inocencio II viaxaron á zona e estableceron a Ranulfo de Alife como duque de Puglia, en oposición a Roxerio.
Á volta das forzas imperiais a Alemaña, Roxerio, agora aliado con Serxio VII de Nápoles, atacou a Ranulfo, sendo vencido (e Serxio morto) na batalla de Rignano. Por espazo de dous anos, Roxerio combateu a insurrección e o exército papal na península. En 1139, Ranulfo morreu e, sen outros opoñentes, Roxerio foi recoñecido como único duque.
Polo tratado de Mignano o papa Inocencio II recoñeceu a Roxerio como rex Siciliae ducatus Apuliae et principatus Capuae, chegando por fin a paz ao sur de Italia.
En 1140, Roxerio promulgou unha serie de leis, os Assises de Ariano, co obxecto de centralizar a autoridade en mans do rei e diminuír o poder dos señores feudais. Isto sentou a norma de lexislación en Sicilia durante os séculos seguintes.
Amante da cultura árabe, en data descoñecida invitou ao xeógrafo e cartógrafo almorábide Muhammad al-Idrisí, nacido en Ceuta, que, á súa demanda, en 1154, confeccionou un gran mapamundi orientado en sentido inverso ao utilizado actualmente (o norte abaixo e o sur arriba), coñecido como a Tabula Rogeriana, acompañado por un libro, denominado Xeografía. O rei siciliano deu a estas obras o nome conxunto de Nuzhat al-Mushtak, aínda que na obra de Al-Idrisí aparecen mencionadas como Kitab Ruyar ("Libro de Roxerio").
No resto do seu reinado, a atención de Roxerio centrouse fóra da illa e a penísula, buscando estender os seus dominios por África e Grecia. Creou unha gran frota no Mediterráneo central (cuxo almirante máis destacado foi Xurxo de Antioquía). En 1135 conquistou as costas de Tunisia e Trípoli, creando o Reino de África (un protectorado do seu Reino de Sicilia).
Mentres Roxerio permanecía no palacio da súa nova capital, Palermo, os seus xenerais e almirantes dirixiron os seus exércitos e mariñas ás costas africanas e ás illas gregas. Atenas foi saqueada e a propia Constantinopla ameazada.
Roxerio morreu en Palermo o 26 de febreiro en 1154, sendo sucedido polo seu cuarto fillo Guillerme.
Matrimonios e fillos
editarRoxerio casou en primeiras nupcias en 1117 con Elvira, filla do finado rei de León, Afonso VI. Tiveron seis fillos.
- Roxerio (1118-1148), duque de Puglia e —posibelmente— conde de Lecce (desde 1135).
- Tancredo (1119-1138), príncipe de Bari (desde 1135).
- Afonso (1120/1-1144), príncipe de Capua e duque de Nápoles (desde 1135).
- Adelisa (c. 1126 - despois de 1184), condesa de Florencia. Casada en primeiras nupcias con Xoscelino, conde de Loreto, e en segundas con Roberto, conde de Loritello e de Conversano.
- Guillerme (1131-1166), duque de Puglia (desde 1148), e rei de Sicilia como Guillerme I (desde 1150).
- Henrique (1135-1145).
Casou en segundas nupcias en 1149 con Sibila de Borgoña, filla do duque Hugo II de Borgoña. Tiveron dous fillos:
Casou en terceiras nupcias en 1151 con Beatriz de Rethel, sobriña neta do rei de Xerusalén Balduíno II. Tiveron unha filla:
- Costanza (1154-1198). Casou co emperador Henrique VI do Sacro Imperio Romano-Xermánico. Herdaría o trono siciliano tras a morte de Guillerme III en 1194.
Tamén tivo varios fillos fóra do matrimonio:
- Mariña. Casou co almirante Margaritone de Brindisi.
- Simón, príncipe de Taranto.
Na posteridade
editarO compositor polaco Karol Szymanowski, que fixo varias viaxes a Sicilia, dedicoulle unha ópera ao primeiro rei normando de Sicilia, titulada "Re Ruggero". Estreouse en Varsovia en 1926 e foi representaa en tres ocasións en Palermo, dúas veces no "Teatro Massimo Vittorio Emanuele" (1949 e 2005) e unha vez no "Teatro Politeama" (1992).
Predecesor: Simón |
Conde de Sicilia 1105 - 1130 |
Sucesor: El mesmo (convértese en rei de Sicilia) |
Predecesor: Guillerme II |
Duque de Puglia 1127 - 1130 |
Sucesor: Roxerio III (1134) |
Predecesor: El mesmo (como conde de Sicilia) |
Rei de Sicilia 1130 - 1154 |
Sucesor: Guillerme I |
Predecesor: Bohemundo II de Antioquía |
Príncipe de Taranto 1128 - 1132 |
Sucesor: Tancredo |
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Roxelio II de Sicilia |
Bibliografía
editar- Aubé, Pierre (2001): Roger II de SicilieArquivado 25 de agosto de 2016 en Wayback Machine.. París: Payot & Rivages. ISBN 2-2288-9414-1.
- Chalandon, Ferdinand (1907): Histoire de la domination normande en Italie et en Sicile. París: Librairie Alphose Picard et Fils.
- Houben, Hubert (2002): Roger II of Sicily. Cambridge (UK): Cambridge University Press. ISBN 0-5216-5573-0.
- Norwich, John Julius (1967): The Normans in the South (1016-1130). Londres: Longmans. ISBN 0-9073-8700-4.
- Norwich, John Julius (1970): The Kingdom in the Sun (1130-1194). Londres: Longmans. ISBN 0-5821-2735-1.
Outros artigos
editarLigazóns externas
editar- Roger II de Sicilia en MedLands (en inglés).
- Coronation Mantle of Roger II of Sicily (Manto da coroación de Roxerio II de Sicilia), en Historical Needlework Resources (en inglés).