Roberto I de Escocia
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xaneiro de 2019.) |
Roberto I Bruce, nado como Robert the Bruce o 11 de xullo de 1274 e finado o 7 de xuño de 1329, foi rei de Escocia de 1306 a 1329.
Traxectoria
editarNobre escocés, era fillo do conde de Carrick, Roberto VII Bruce, tataraneto do rei David I e, polo tanto, pretendente ao trono escocés. A diferenza do seu pai, foi rebelde á política de Eduardo I de Inglaterra de someter o seu país, uníndose ás forzas independentistas de William Wallace contra os ingleses. Á morte do seu pai (1304) asumiu o título de conde de Carrick co nome de Roberto VIII. Traizoado e executado Wallace en 1305, Roberto asumiu o mando das forzas escocesas.
En 1306 autoproclamouse rei de Escocia co nome de Roberto I. Ese mesmo ano as milicias escocesas foron derrotadas polas tropas inglesas, véndose Roberto obrigado a refuxiarse na illa de Rathling (na costa norte de Irlanda). Un ano despois morreu Eduardo I e subiu ao trono o seu feble fillo, Eduardo II. Contando con este factor e co apoio dos habitantes das Highlands de Escocia, Roberto regresou e comezou unha verdadeira guerra de guerrillas contra os destacamentos ingleses, reconquistando en poucos anos case todo o territorio escocés. Finalmente presentou batalla en campo aberto contra o exército inglés de Eduardo II na batalla de Bannockburn en 1314, onde o derrotou.
Puxo punto final ao conflito anglo-escocés mediante a tregua de 1327, sendo recoñecido polos ingleses como rei de maneira formal polo tratado de Northampton de 1328, un ano antes da súa morte, causada pola lepra. Casado en primeiras nupcias con Isabella de Mar tivo unha filla: María, casada con Walter Estuardo, 6º Alto Administrador de Escocia. Ambos foron pais do futuro rei Roberto II de Escocia. Casado en segundas nupcias con Isabel de Burgh, tivo un fillo, o cal sería o seu sucesor: David.
Esta convulsa época da historia escocesa foi a orixe dunha película de gran fama no seu momento, Braveheart.
Predecesor: Ocupación Inglesa (Eduardo I de Inglaterra) |
Rei de Escocia 1306 - 1329 |
Sucesor: David II |