Rinlo, Ribadeo
San Pedro de Rinlo é unha parroquia do concello lugués de Ribadeo. A freguesía pertence ó arciprestado de Ribadeo. Segundo o IGE en 2010 tiña 233 habitantes.
San Pedro de Rinlo | |
---|---|
Vista da vila | |
Concello | Ribadeo[1] |
Provincia | Lugo |
Coordenadas | 43°33′24″N 7°06′15″O / 43.55654323, -7.10429584 |
Área | 1,13 km² |
Poboación | 222 hab. (2020) |
Densidade | 196,46 hab./km² |
Entidades de poboación | 7[1] |
[ editar datos en Wikidata ] |
Conta cos lugares do Campo de María Méndez, O Campo de San Pedro, O Campo do Cristo, O Cantal, O Cotarelo e A Virxe Branca. Limita ao sur coa parroquia da Devesa, ao leste con Vilaframil, ao oeste con Reinante (do concello de Barreiros) e ao norte co mar Cantábrico. Está atravesada polo regato de San Xulián ou San Xián.
Xentilicio
editarO seu xentilicio é rinlego.[2]
Toponimia
editarO topónimo podería derivar do nome do pequeno río que desemboca no seu porto: Rivillus, palabra composta de rivius, (río) e a posposición diminutiva illus (río pequeno, regato). Perdido o v ante o i, fenómeno frecuente na formación das linguas romances, queda Riillus. O hiato formado polos dous ii fai desaparecer un deles, quedando Rillus, que acaba en Rilo, perdendo un l por redución fonética. O n que logo aparece é un fenómeno de nasalización secundaria, como esquecer / esquencer. Na Idade Media estaba documentado como Riilo.[3]
Historia
editarVila mariñeira de longa tradición, aparece referenciada no tombo do mosteiro de San Salvador de Lourenzá, nun documento de 1268 que menta o 'Porto de Rielo de Meirengos', base das primeiras cabanas de pescadores.[4] Deu acubillo a tres cetarias, hoxe abandonadas. As súas actividades principais na actualidade son a extracción de percebes e o turismo.
A parroquia foi creada en 1896, segregándose os seus lugares da Devesa.[5] No ano 2009 iníciase o proceso para constituír un BIC, aínda sen rematar en 2022.
Patrimonio
editarA igrexa parroquial de San Pedro está sita á saída do núcleo urbano. Ten algún edificio curioso, como a Casa de Don Inocencio, unha casa de indianos cunha pasarela no tellado, amais de edificacións como a antiga escola, doazón dun indiano orixinario da zona. As casas da fachada cara ó porto zona teñen un colorido diverso.
Na actualidade un paseo costeiro recorre toda fronte da rasa ó pé do Cantábrico, incluída a zona de Rinlo, e facilita a visita ás tres cetarias, que forman parte da historia rinlega.
Festas e lecer
editarAs festas patronais de San Pedro celébranse o 29 de xuño, cunha procesión ata o peirao. O 16 de xullo, como en case tódalas vilas mariñeiras, hónrase á Virxe do Carme, cunha misa que se celebra no porto. Recentemente recuperouse a festa do percebe, que se vén celebrando contra o 25 de xullo.
O porto ten gran tradición mariñeira, e conta ademais cun depósito e traída de augas.
Rinlo na cultura popular
editar- Pra facer ben a costeira,
- mariñeiriños rinlegos,
- pra botar contas, no porto,
- mariñeiriños focegos.
Galería de imaxes
editar-
Zona interior do porto rinlego. Esteiro do rego Xulián.
-
Rinlo.
-
Peirao do porto, coa celebración da xornada do percebe.
-
Peirado de Rinlo.
-
Antiga cetaria de Rinlo.
-
Antiga escola, doazón de R. Murias
Lugares e parroquias
editarLugares de Rinlo
editarLugares da parroquia de Rinlo no concello de Ribadeo (Lugo) | |
---|---|
O Campo de María Méndez | O Campo de San Pedro | O Campo do Cristo | O Cantal | O Cotarelo | Rinlo | A Virxe Branca |
Parroquias de Ribadeo
editarNotas
editar- ↑ 1,0 1,1 Decreto 6/2000, do 7 de xaneiro, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia de Lugo.
- ↑ Costas González, X.-H. "Os xentilicios de Galicia e dos outros territorios de lingua galega" (PDF). Universidade de Vigo. p. 22. ISBN 978-84-8158-706-7.
- ↑ Rodríguez Díaz, José María (2007). Estudio sobre la toponimia de Ribadeo.
- ↑ Moncho Mariño (1 de maio de 2022): «Carlota Eiros, arquitecta: “os documentos atestiguaban a existencia do porto de Rinlo xa no século XIII” Arquivado 01 de maio de 2022 en Wayback Machine.». Xornal da Mariña.
- ↑ "Rinlo, San Pedro". Diocese de Mondoñedo-Ferrol (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 06 de marzo de 2021. Consultado o 12 de decembro de 2020.