Estado socialista

(Redirección desde «República socialista»)

Denomínase Estado socialista (ou república socialista) a aquel que se proclama pertencente ao socialismo, como sistema económico e social, incluíndo a propiedade estatal ou cooperativa dos medios de produción e do chan, aínda que existiron grandes diferenzas de concepto entre estados caracterizados por si mesmos como socialistas, os cales, por razóns xeopolíticas (ou no caso da Unión Soviética de loitas polo poder), terminaron por adoptar na súa gran maioría o sistema coñecido como socialismo nun só país, segundo as ideas e prácticas políticas defendidas por Stalin e outros seguidores. Adóitase falar de estados nominalmente socialistas en referencia ás chamadas democracias populares que teñen ao marxismo-leninismo ou algunha das súas interpretacións como ideoloxía oficial, e nunca de países capitalistas gobernados por partidos socialdemócratas, aínda que estes en moitos casos se autodenominen socialistas.

Foron así mesmo cualificados co nome de socialismo real ou socialismo realmente existente co fin de diferencialos das construcións teóricas e xustificar as diferenzas con estas e con partidos ou grupos que puidesen considerarse socialistas pero opostos a este tipo de réximes. Outras denominacións que tamén se empregaron para referirse a eles a tal fin, en especial en círculos trotskistas, comunistas e libertarios, son as de Estado obreiro con deformacións burocráticas e, en termos máis estritamente económicos, capitalismo de Estado. Tampouco é raro velos englobados dentro conceptos como o de stalinismo ou maoísmo.

Ás veces tamén se emprega o nome Estado comunista, usado pola prensa capitalista durante a guerra fría en referencia ao sistema de partido único e o goberno do Partido Comunista. Esta denominación é en realidade un oxímoro, posto que a teoría marxista expón ao socialismo como fase seguinte ao capitalismo e previa ao comunismo, en que o Estado deixaría de existir. Case todos estes estados destacaron o seu carácter socialista no seu nome oficial e catro do cinco que hoxe existen ségueno facendo. Así é que moitos destes estados conteñen os adxectivos popular, socialista e democrático na súa denominación. Existen tamén estados que conteñen estes termos no seu nome aínda que non adopten ese sistema, como a República Democrática Socialista de Sri Lanka ou a República Democrática Popular de Alxeria.

Estados socialistas históricos

editar
 
Estados socialistas no século XX.
Bandeira País Sistema inicio final
 
Angola República Popular 1975 1992
 
Albania República Popular 1945 1991
 
Alemaña do Leste República Democrática 1949 1990
 
Bulgaria República Popular 1944 1989
 
Camboxa República Popular 1975 1991
 
Checoslovaquia República Socialista Federal 1948 1989
 
Etiopía República Democrática Popular 1975 1991
 
Hungría República Popular 1945 1989
 
Iemen do Sur República Popular Democrática 1974 1990
 
Iugoslavia República Socialista Federal 1945 1992
 
Mongolia República Popular 1922 1990
 
Mozambique República Popular 1975 1990
 
Polonia República Popular 1947 1989
 
Romanía República Popular (desde 1965 República Socialista) 1947 1989
 
Somalia República Popular 1969 1990
 
Unión Soviética Federación de Repúblicas Socialistas 1922 1991

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar