Real Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación

institución galega

A Real Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación (RAGXL) é unha institución, inicialmente como Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación que se xestou por iniciativa do Ilustre Colexio Provincial de Avogados da Coruña sendo seu decano Manuel Iglesias Corral. A súa función é a investigación e a práctica do Dereito e das súas ciencias auxiliares en xeral, con especial dedicación ao Dereito foral galego.[1]

Real Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación
Logo
Tipoacademia
Data de fundación23 de xullo de 1966
Presidente/aDomingo Bello Janeiro (2020-) Editar o valor en Wikidata
PremiosMedalla Castelao
SedeCasa do Consulado
EnA Coruña
PaísGalicia
Na rede
https://ragjyl.gal/gl/
editar datos en Wikidata ]

Recibiu o título de Real o 7 de xullo de 2011 pola Credencial nº 229/2011 do Xefe da Casa de S. M. O Rei, comunicando que S. M. o Rei, accedendo á petición que lle fora formulada, tivo a ben conceder este título.[2]

Historia

editar

Por Orde do Ministerio de Educación e Ciencia do 23 de xullo de 1966 aprobáronse os Estatutos da Academia, con sede na cidade da Coruña e autorizando o uso da denominación "Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación", así como a utilización por parte dos seus membros do título de Académico.

O Ilustre Colexio Provincial de Avogados da Coruña impulsou de forma decisiva a creación da Academia e o seu posterior funcionamento, tanto cando as súas dependencias se encontraban no Palacio de Xustiza, en cuxos locais se desenvolveron desde o seu comezo os actos corporativos da Institución, como despois, cando se trasladou á sede actual na Casa do Consulado, na praza do Pintor Sotomayor, 1, da Coruña.[3]

Obxectivos

editar

Os seus obxectivos, sinalados estatutariamente, están constituídos pola actividade xurídica galega en xeral, cursos, conferencias, seminarios, coloquios, concursos, revistas e publicacións, biblioteca, informes, ditames e consultas, propostas de reformas xurídicas, celebración de congresos, relacións externas coa Real Academia de Jurisprudencia y Legislación, do Instituto de España, institucións afíns, universidades e colexios profesionais; en suma, o amplo ciclo da actividade xurídica e xurisprudencial.

O tratamento dos asuntos científicos foi encadrado en cinco seccións:

  1. Dereito Administrativo, Urbanístico e Agrario;
  2. Dereito Civil, Mercantil e Canónico;
  3. Dereito Fiscal e Laboral;
  4. Dereito Penal e Procesual;
  5. Dereito Foral Galego;
  6. Estudos xurídicos en xeral.

O traxe académico consiste en toga forense con vuelillos brancos nos puños sobre fondo vermello, barrete negro con pompón vermello e luvas brancas. Baixo a toga os académicos levarán pantalón negro e gravata de lazo tamén negra, con pescozo alto.

O 27 de marzo de 1967, en acto celebrado no Ilustre Colexio Oficial de Avogados da Coruña, constituíuse, integrou e puxo en funcionamento a Academia, sendo nomeado Presidente fundador Manuel Iglesias Corral.

Académicos

editar

A Academia compóñena corenta académicos de número, académicos de honra e membros correspondentes.

Académicos de número fundadores

editar

(Por orde do número da medalla corporativa)

  1. Manuel Iglesias Corral
  2. Paulino Pedret Casado
  3. Federico Castejón y Martínez de Arizala
  4. Evaristo Mouzo Vázquez
  5. Pío Cabanillas Gallas
  6. Raimundo Vidal Pazos
  7. Gerardo Abad-Conde y Sevilla
  8. Carlos Martínez-Barbeito y Morás
  9. Servando Núñez Macías
  10. José Puentes González
  11. Pedro González López
  12. José Samuel Roberes García
  13. José Manuel Liaño Flores
  14. Isidoro Millán Mariño
  15. Antonio Vázquez Mouzo
  16. Joaquín Otero Goyanes
  17. Manuel Taboada Roca
  18. Arsenio Cristóbal y Fernández-Portal
  19. Antonio Pedrosa Latas
  20. Manuel Lojo Tato
  21. Florentino Vidal Fuentes
  22. Juan Fernández García
  23. José Pérez Ardá y López Valdivieso
  24. Marcelino Cabanas Rodríguez
  25. Carlos Gómez Carreras
  26. Juan Morros Sardá
  27. Santiago Nogueira Romero
  28. Antonio Rosón Pérez
  29. Antolín Sánchez Vieites
  30. Benigno Varela Fernández
  31. José Samuel Roberes Álvarez
  32. Sebastián Martínez Risco y Macías
  33. Ernesto Baltar Santaló
  34. Camilo Suárez Fernández
  35. Rafael Areses Pérez
  36. Dimas Hernández Corchero
  37. José Pérez Ávila
  38. Manuel Ojea Otero
  39. José Luis López Mosteiro
  40. Francisco Jiménez de Llano

Primeiras actividades

editar

No acto de constitución deuse lectura aos Estatutos da Academia, que foran aprobados pola Orde Ministerial do 23 de xullo de 1966, e designáronse os membros da Xunta de Goberno, que quedo constituída do seguinte modo:

  • Presidente, Manuel Iglesias Corral
  • Vicepresidente, Pedro González López
  • Secretario, José Puentes González
  • Bibliotecario, Arsenio Cristóbal y Fernández-Portal
  • Tesoureiro, Juan Fernández García
  • Vogal 1º, Raimundo Vidal Pazos
  • Vogal 2º Florentino Vidal Fuentes.

O Regulamento da Academia foi aprobado en sesión plenaria celebrada o 23 de xullo de 1967, onde acordouse celebrar a Sesión Solemne de apertura, na que pronunciaría o seu discurso de ingreso o Presidente da mesma, que tivo lugar o 10 de agosto de 1967 no Salón capitular do Concello da Coruña. Neste acto foi lido o primeiro discurso de ingreso, que versou sobre "Os Grandes Xurisconsultos Galegos, Bernardo o Compostelán o Mozo". Foi contestado polo Subsecretario do Ministerio de Educación e Presidente de Honra da Academia Luis Legaz Lacambra, que fora, durante moitos anos, reitor da Universidade de Santiago de Compostela.

En 1989 faleceu o primeiro Presidente e fundador da Academia, Manuel Iglesias Corral. Sucedérono José Antonio García Caridad, Santiago Nogueira Romero e Domingo Bello Janeiro, Presidente desde 2020.[1]

Algúns feitos posteriores destacados

editar

A Academia e a Xunta de Galicia

editar

A Xunta de Galicia concedeu á Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación, en atención aos méritos que nela concorren a Medalla Castelao, por Decreto nº 130/1991 do 25 de abril de 1991.

O 1 de xullo de 2010 quedou integrada como academia asociada ao Instituto de España.

O 7 de xullo de 2011 recibiuse a Credencial nº 229/2011 do Xefe da Casa de S. M. O Rei, comunicando que S. M. o Rei, accedendo á petición que lle fora formulada, tivo a ben conceder o título de Real á Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación.

En aplicación do disposto no artigo 27.19 do Estatuto de autonomía de Galicia e do artigo 3 da Lei orgánica nº 16/1995, do 27 de decembro, de transferencias de competencias á Comunidade Autónoma de Galicia, a Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación foi adscrita á Consellería de Xustiza e Interior segundo o Decreto nº 373/2003, do 16 de outubro, sobre asunción por parte da Comunidade Autónoma de Galicia das funcións en materia de Academias e a súa asignación a diversos departamentos da Xunta de Galicia.

Primeira muller académica

editar

A Real Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación acolleu, o 13 de xullo de 2012, nunha sesión pública na que, por primeira vez na súa historia, tomou posesión da súa praza como académica de número unha muller, a catedrática de Filosofía do dereito da Universidade de Santiago de Compostela Milagros María Otero Parga. A nova académica, a quen acompañarán como padriños o avogado e coronel auditor do Corpo Xurídico Militar Padilla Carballada e o catedrático Domingo Bello Janeiro, disertou sobre "Os valores no Dereito". O acto, dirixido polo presidente da Real Academia, o maxistrado José Antonio García Caridad, comezou coa lectura do acordo de nomeamento da nova académica de número. En nome da Real Academia, a súa intervención foi contestada polo tamén catedrático da USC e académico numerario Francisco Puy Muñoz.[4]

Reivindicación do dereito foral galego

editar

O presidente da Real Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación, José Antonio García Caridad, sostén que o dereito consuetudinario continúa funcionando en Galicia e seguirá facéndoo no futuro, e por iso considera que o Parlamento de Galicia «terá que ter sensibilidade para recoñecelo".[3]

Ingreso do presidente do Consello de Estado

editar

A Academia acolleu o 27 de marzo de 2015 a sesión solemne na que leu o seu discurso de ingreso o presidente do Consello de Estado de España, Xosé Manuel Romay Beccaría, que ocupou o posto vacante deixado polo expresidente galego Manuel Fraga.[3]

Apertura do curso académico 2020-2021

editar

A Real Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación abriu o curso académico 2020-2021, cun discurso inaugural a cargo do catedrático de Filosofía do dereito da USC Francisco Puy Muñoz. Nunha apertura virtual do novo curso, o profesor Puy chamou a recuperar o respecto polo Dereito. «Os xuristas non nos podemos desentender porque quizais sexa este o momento de reflexionar, sen rendernos, sobre o tipo de sociedade que queremos...sobre aquilo ao que podemos renunciar, porque é secundario, e sobre aquilo outro que, pola contra, debemos manter porque é imprescindible». Respecto diso, aludiu, como dato, a que «de seis millóns de sentenzas declarativas pronunciadas só se executan, xudicialmente, ao redor de mil», afirmou, ao aludir a que a actual organización xudicial dificulta a administración de xustiza.[5]

  1. 1,0 1,1 Real Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación en: Consello da Cultura Galega. Consultado o 22 de marzo de 2021.
  2. Real Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación. Historia. Consultada o 23 de marzo de 2021.
  3. 3,0 3,1 3,2 Axencia EFE (7 de marzo de 2015). "El presidente de la Real Academia Gallega reivindica la costumbre como base del Derecho regional". Arquivado dende o orixinal o 24 de marzo de 2021. Consultado o 22 de marzo de 2021. 
  4. "Milagros Otero, primera mujer miembro de la Real Academia Gallega de Jurisprudencia". El Correo Gallego. 13 de xullo de 2012. Consultado o 22 de marzo de 2021. 
  5. P., E. (27 de novembro de 2020). "A Real Academia Galega de Xurisprudencia pide recuperar "o respecto" polo Dereito". Galicia Confidencial. Consultado o 22 de marzo de 2021. 

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar