Rafael de Vélez
Manuel Anguita Téllez, coñecido como Rafael de Vélez[1], nado en Vélez-Málaga o 15 de outubro de 1777 e finado no mosteiro de Herbón o 3 de agosto de 1850, foi un frade e prelado español, que se distinguiu como un dos máis conspicuos representantes do ideario do absolutismo español do século XIX.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (es) Manuel José Anguita Téllez 15 de outubro de 1777 Vélez-Málaga, España |
Morte | 3 de agosto de 1850 (72 anos) Herbón, España |
Arcebispo de Santiago de Compostela | |
29 de outubro de 1824 – ← Simón Antonio de Rentería y Reyes (pt) – Miguel García Cuesta → | |
Roman Catholic Archbishop of Burgos (en) | |
30 de maio de 1824 – ← Manuel Cid Monroy (en) – Alonso Cañedo y Vigil → | |
Bispo de Ceuta (pt) | |
14 de abril de 1817 – ← Andrés Esteban Gómez (en) – Francisco Javier García Casarrubios y Melgar (en) → Diocese: Diocese de Ceuta (pt) | |
Arcebispo católico | |
Datos persoais | |
Relixión | Igrexa católica |
Actividade | |
Ocupación | sacerdote católico (1800–) |
Orde relixiosa | Orde dos Freires Menores Capuchinos |
Consagración | Luís Maria de Bourbon (pt) |
Traxectoria
editarA súa oposición ao liberalismo manifestouse polos anos da Guerra da Independencia, publicando en 1812 o famosísimo "Preservativo contra la irreligión", no que expuña, en boa medida, os principios do que se ten chamado a "teoloxía da guerra", seguida ao longo da contenda peninsular contra o dominio napoleónico, na que se expuña que os designios revolucionarios franceses buscaban descristianizar os pobos subxugados a eles.
Anos logo da volta do rei Fernando VII, sendo xa bispo de Ceuta desde 1817, Vélez publica a "Apología del Altar y del Trono", en 1818, obra na que expón o ideario dunha monarquía española confesional, tan querido polo absolutismo e a súa secuela, o tradicionalismo, idea que remontaba as súas raíces, polo menos, até o século XV final. Nomeado arcebispo de Santiago de Compostela en 1825. Durante o período subseguinte, Vélez reorganiza o realismo galego en conivencia co Capitán xeneral de Galiza, Nazario Eguía.
A morte do rei Fernando VII, supón a reorganización da Rexencia, para evitar agora a conspiración carlista, nomeándose novo Capitán xeneral de Galiza a Pablo Morillo, conde de Cartagena. Morillo toma medidas adecuadas para evitar un futuro levantamento xeral. Porén, Vélez convertera o cabido santiagués nun dos núcleos finanzadores e amparadores do carlismo galego e español, que fican demostradas en declaracións perante a xustiza. Vélez é nomeado, polo mesmo pretendente don Carlos, presidente da Xunta Carlista Superior Gobernativa de Galiza o 26 de marzo de 1835, mais estaría pouco tempo á cabeza da mesma, pois o 21 de abril do mesmo ano, foi desterrado, xunto co seu secretario Castañeda, para Maó, na illa de Menorca, onde pasaría varias anos (1835 - 1844).
Vélez creou en Santiago o Seminario Conciliar Diocesano (1829), que localizou no colexio de San Clemente. Faleceu no convento de Santo Antonio de Herbón, preto de Santiago, en 1850.
Xoán Manuel Pintos dedicoulle os versos: "Á entrada do Señor Arsibispo cando viña do seu desterro de Mahón" (1844).
Predecesor: Simón Antonio de Rentería |
Arcebispo de Santiago de Compostela 1825 - 1850 |
Sucesor: Miguel García Cuesta |
Notas
editar- ↑ Rafael de Vélez foi o nome que adoptou Manuel Anguita Téllez ao ingresar nos capuchinos. A razón do seu nome vén dada pola súa nacenza en Vélez, Málaga.
A Galifontes posúe textos orixinais acerca de: Rafael de Vélez |