Quiste (microbioloxía)

En bioloxía e microbioloxía, un quiste é un estadio en repouso ou dormente dun microorganismo, xeralmente unha bacteria ou protista e tamén algúns animais invertebrados, que axuda a ese organismo a sobrevivir en condicións ambientais desfavorables. Pode considerarse como un estadio de animación suspendida, no cal os procesos metabólicos da célula quedan ralentizados e a célula cesa todas as actividades como a alimentación e locomoción. O enquistamento tamén axuda aos microbios a dispersarse doadamente desde un hóspede a outro ou a un ambiente máis favorable. Cando os microbios enquistados chega a un ambiente favorable para o seu crecemento e supervivencia, a parede do quiste rompe por un proceso chamado exquistación ou desenquistación.

Estadio de quiste de Entamoeba histolytica.
Quiste de Artemia salina.

As condicións ambientais desfavorables como a falta de nutrientes ou oxíxeno, as temperaturas extremas, a falta de humidade e a presenza de compostos químicos tóxicos, que non contribúen ao crecemento do microbio[1] desencadean a formación do quiste.

Formación de quistes en distintos grupos

editar

En bacterias

editar

En bacterias (por exemplo, Azotobacter sp.), o enquistamento ocorre por cambios na parede celular; o citoplasma contráese e a parede celular engrosa. Os quistes bacterianos difiren das endósporas na maneira en que se forman e tamén o grao de resistencia a condicións desfavorables, que é moito maior nas endósporas.

En protistas

editar

Os protistas, especialmente os protozoos parasitos, son a miúdo expostos a condicións moi duras en varios estadios do seu ciclo vital. Por exemplo, Entamoeba histolytica, un parasito intestinal común que causa disentería, ten que resistir o ambiente moi ácido do estómago antes de que alcance o intestino, e soportar varias condicións impredicibles como o desecamento e a falta de nutrientes mentres está fóra do seu hóspede.[2] Unha forma enquistada é moi axeitada para sobrevivir a esas condicións extremas, aínda que os quistes de protozoos son menos resistentes ás coindicións adversas comparados cos quistes bacterianos.[1] Adeemais da supervivencia, a composición química de certas paredes de quistes de protozoos pode xogar un papel na súa dispersión. Os grupos sialilo presentes na parede do quiste de Entamoeba histolytica confírenlle unha carga negativa neta ao quiste, que impide a súa adherencia á parede intestinal[3] causando a súa eliminación nas feces. Outros protozoos parasitos intestinais como Giardia lamblia e Cryptosporidium tamén producen quistes como parte dos seus ciclos vitais (ver ooquiste). Nalgúns protozoos, o organismo unicelular multiplícase durante ou despois do enquistamento e libera múltiples trofozoítos por desenquistación (exquistación).[2]

En invertebrados

editar

Algúns vermes nematodos parasitos de plantas que habitan no solo, como o nematodo dos quistes da soia (Heterodera glycines) ou o nematodo dos quistes da pataca (Globodera) forman quistes como parte do seu ciclo vital.

Outros invertebrados que forman quistes en estados larvarios son, por exemplo, platihelmintos como as tenias ou a fasciola hepática ou o nematodo Trichinella spiralis.

O crustáceo Artemia salina pode formar ovos normais ou ovos de resistencia, que son quistes que poden durar varios anos permanecendo en estado dormente ata que as condicións sexan as axeitadas.

Composición da parede do quiste

editar

A composición da parede do quiste é variable en diferentes organismos. As paredes dos quistes de bacterias fórmanse por engrosamento da parede celular normal con capas adicionais de peptidoglicano, mentres que as paredes de quistes de protozoos están feitas xeralmente de quitina,[3] un tipo de glicopolímero. Os quistes de nematodos teñen paredes compostas de quitina e reforzadas con coláxeno.

  1. 1,0 1,1 Eugene W. Nester, Denise G. Anderson, C. Evans Roberts Jr., Nancy N. Pearsall, Martha T. Nester; Microbiology: A Human Perspective, 2004, Fourth Edition, ISBN 0-07-291924-8
  2. 2,0 2,1 Samuel Baron MD, Rhonda C. Peake, Deborah A. James, Mardelle Susman, Carol Ann Kennedy, Mary Jo Durson Singleton, Steve Schuenke; Medical Microbiology; Fourth Edition, ISBN 0-9631172-1-1 (hardcover)1996
  3. 3,0 3,1 Anuradha Guha-Niyogi, Deborah R. Sullivan and Salvatore J. Turco; Glycoconjugate structures of parasitic protozoa; Glycobiology, 2001, Vol. 11, No. 4 45R-59R

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar