Produto xénico
Un produto xénico é a molécula bioquímica, que pode ser ARN ou proteína, que é o resultado final da expresión dun xene. Un xene exprésase inicialmente transcribíndose a ARN; despois este ARN pode traducirse a proteínas ou non, segundo os casos. Ás veces utilízase a medida da cantidade de produto xénico para estimar o grao de actividade dun xene. As cantidades anormais de produto xénico poden correlacionarse coa aparición de doenzas causadas por alelos alterados ou anormais, como os que producen a sobreactividade dos oncoxenes que causan o cancro.[1][2] O xene defínese como "unha unidade hereditaria de ADN que é necesaria para producir un produto funcional".[3] Entre os elementos regulatorios dos xenes están os seguintes: rexión promotora, caixa TATA, secuencias de poliadenilación e amplificadores ou enhancers. Estes elementos funcionan en combinación cun marco aberto de lectura para crear un produto funcional. Este produto pode ser transcrito e ser un ARN directamente funcional, ou ser un ARNm que será traducido nos ribosomas para orixinar unha proteína funcional.
Produtos de ARN
editarAs moléculas de ARN que codifican proteínas son os ARNm. As moléculas de ARN que non codifican proteínas teñen tamén funcións na célula, xa que poden realizar as seguintes funcións:
- Colaborar na síntese de proteínas. Son o ARNt que transporta os aminoácidos ao ribosoma, e o ARNr que forma parte integrante do ribosoma.[4]
- Catalizar reaccións. Son os ARNs con capacidade riboenzimática.
- Regular varios procesos.[4] Un exemplo de ARN regulatorio son os microARN (miRNA), que reprimen a tradución.[5] Estes microARNs funcionan uníndose a unha secuencia de ARNm diana complementaria impedindo que ese ARNm se traduza.[4][6] Outro exemplo son os ARNs interferentes pequenos (siRNA), que funcionan realizando unha regulación negativa da trancrición, ao formaren parte do complexo silenciador inducido por ARN (RISC) durante a interferencia de ARN e unírense a unha secuencia diana do ADN impedindo a transcrición dun ARNm específico.[6]
Produtos proteicos
editarAs proteínas son os produtos dun xene que se forman pola tradución dunha molécula de ARNm maduro. O ARNm determina a estrutura primaria da proteína, e esta despois prégase en sucesivas estruturas, adquirindo a súa forma ou conformación final funcional.[7][7] Varias cadeas polipeptídicas poden pregarse xuntas formando unha proteína máis grande con estrutura cuaternaria.[7] Os produtos proteicos poden ser modificados engadíndolles ou retirándolles grupos químicos ou por rotura da cadea polipeptídica.[8]
As proteínas exercen as máis diversas funcións na célula. Os encimas son proteínas que catalizan unha reacción química.[7][8] As chaperonas estabilizan o pregamento doutras proteínas.[9] As proteínas motoras moven moléculas cara determinados lugares da célula.[8] Moitas proteínas son estruturais ou axudan a darlle forma á célula.[7] Outras proteínas atópanse nas membranas e denomínase proteínas de membrana, e controlan o paso de substancias ou a transdución de sinais.[7][8][8] Outras proteínas son regulatorias (factores de transcrición, hormonas polipeptídicas).[10]
Notas
editar- ↑ Fearon ER, Vogelstein B (June 1990). "A genetic model for colorectal tumorigenesis". Cell 61 (5): 759–67. PMID 2188735. doi:10.1016/0092-8674(90)90186-I.
- ↑ Croce CM (January 2008). "Oncogenes and cancer". The New England Journal of Medicine 358 (5): 502–11. PMID 18234754. doi:10.1056/NEJMra072367. Arquivado dende o orixinal o 12 de febreiro de 2010. Consultado o 15 de xuño de 2016.
- ↑ Nussbaum, Robert L.; McInnes, Roderick R.; Willard, Huntington (2016). Thompson & Thompson Genetics in Medicine (8 ed.). Philadelphia: Elsevier.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 Clancy, Suzanne (2008). "RNA Functions". Nature Education 1 (1): 102.
- ↑ He, Lin; Hannon, Gregory J. (2004). "MicroRNAs: small RNAs with a big role in gene regulation" (PDF). Nature Reviews Genetics 5: 522–531. PMID 15211354. doi:10.1038/nrg1379.
- ↑ 6,0 6,1 Carrington, James C.; Ambros, Victor (2003). "Role of microRNAs in plant and animal development". Science 301 (5631): 336–338. PMID 12869753. doi:10.1126/science.1085242.
- ↑ 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 7,5 "Contents of Essentials of Cell Biology | Learn Science at Scitable". www.nature.com. Consultado o 2015-11-08.
- ↑ 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 Alberts, B; Johnson, A; Lewis, J; et al. (2002). Molecular Biology of the Cell (4 ed.). New York: Garland Science.
- ↑ Hartl, F. Ulrich; Bracher, Andreas; Hayer-Hartl, Manajit (2011). "Molecular chaperones in protein folding and proteostasis". Nature 475: 324–332. doi:10.1038/nature10317.
- ↑ "General Transcription Factor / Transcription Factor | Learn Science at Scitable". www.nature.com. Consultado o 2015-11-09.