Pomba seixa

(Redirección desde «Pombo pequeno»)

A pomba seixa[2] (Columba oenas) é unha especie de ave da familia Columbidae.[3]

Ovo de Columba oenas

Descrición

editar

O xénero Columba é o maior da familia Columbidae, e ten a máis ampla distribución. Os seus membros son de cor gris clara ou marrón, a miúdo con cabeza branca ou marcas no pescozo ou manchas púrpuras ou verdes iridescentes en pescozo e peito. As plumas do pescozo poden estar ríxidas e aliñadas formando canles, pero esta característica está ausente nesta especie. A pomba seixa é menos gris que outras pombas europeas.

As tres pombas do xénero Columba do oeste de Europa, aínda que son bastante parecidas, teñen características distintivas doadas de ver. O pombo torcaz ou torcaza (Columba palumbus) pode distinguirse facilmente polo seu tamaño grande e pola cor branca do pescozo (nos adultos) e ás. A pomba das rochas (Columba livia) e a pomba seixa son máis parecidas en tamaño e plumaxe, pero os espécimes silvestres da primeira teñen unha mitra branca e dúas barras ben marcadas escuras nas ás, mentres que a mitra da pomba seixa é gris e as barras das ás tenas incompletas. A Columba livia domestica (a mesma especie que a torcaza) é moi variable, e ás veces algúns espécimes grises marcados indistintamente sen mitra branca poden parecerse moito ás pombas seixas.

A pomba seixa é sociable e gregaria, a miúdo mestúrase con torcazas, aínda que isto podería ser simplemente pola presenza de abundante alimento.

A chamada curta, profunda e afogada (Ooo-uu-ooh) da pomba seixa é bastante distinta das notas de arrolo moduladas das torcazas.

Ecoloxía

editar

A pomba seixa é a máis escasa das pombas europeas, aínda que segue sendo común nos seus hábitats ideais. En parte da súa área en Europa e oeste de Asia é unha ave migratoria. Experimentou un forte descenso en Francia (−57% en 1976), onde invernan de 100 000 a 200 000 individuos.[4]. Aínda que a especie non se considera ameazada en Europa, está clasificada na cláusula 2 da Directriz de Aves e no anexo III da Convención de Berna.[5]

Fai o niño xeralmente nunha árbore vella. Antes da deforestación en moitas zonas de Europa, a pomba seixa era a pomba máis frecuente, e nidificaba principalmente en carballos e piñeiros, pero normalmente só se atopaba en bosques vellos, xa que necesitaba que as árbores tivesen cavidades. Nas plantacións forestais non hai moitos ocos nas árbores para facer o niño, polo que alí é máis escasa. Ademais, como cría dúas veces ao ano, require dous buratos para criar. Observouse que nidifica en tobos de coellos, ruínas, vellos setos de chopos, gretas de penedos ou paredes de cantís, en hedra e nos crecementos grosos arredor dos troncos de tilleiros. Tamén utiliza caixas de nidación. A cavidade debe ser de 75 centímetros de profundidade e o burato tan grande como un puño. Aínda que raramente utiliza material para o niño, os pichóns deixan o burato moi aceitoso. As pombas seixa prefiren nidificar xuntas. Fóra da estación reprodutora poden tamén descansar pousadas en cavidades.

O hábitat desta especie é xeralmente o campo aberto. Aínda que faga o niño nas árbores non prefire as áreas densamente boscosas. É tamén común nas costas onde hai moitos buratos nos cantís.

O seu voo é rápido, con batidos regulares e algunha sacudida brusca ocasional das ás, unha característica xeral nas pombas. Na súa exhibición de cortexo camiña ao longo dunha rama horizontal co pescozo inchado, as ás baixas e a cola en abano. Durante os voos de primavera en círculo fai un ruído coas ás como o dun látego.

A maioría do seu alimento é vexetal; prefire comer brotes novos e plantiñas e come tamén sementes e insectos e caracois. Nalgunhas áreas aliméntase principalmente de sementes de piñeiros. A súa dieta pode incluír diversos alimentos: bagas como as de loureiro e estripeiro, figos, sementes de cereais, feixóns, chícharos e pequenos invertebrados que captura mentres camiña polo chan. Durante a migración de outono en outubro, fan paradas en sitios con abundancia de landras, suplementando a súa dieta con brotes e follas.

Etimoloxía e taxonomía

editar

O nome do xénero, Columba, é a palabra latina para "pombo, pomba",[6] que á súa vez procede do antigo grego κόλυμβος (kolumbos), 'un mergullador', de κολυμβάω (kolumbao), 'mergullarse, tirarse de cabeza á auga, nadar'.[7] Aristófanes (As aves, 304) e outros usan a palabra κολυμβίς (kolumbis), 'mergullador', como nome da ave, debido o seu movemento parecido ao natatorio no aire. O epíteto da especie, oenas procede do grego oinas, 'pombo'.[6]

Foi descrita cientificamente por Carl Linnaeus en 1758 como especie tipo do xénero Columba na 10ª edición da súa obra Systema naturæ,[8] e co seu nome científico actual.[9] Recoñécense dúas subespecies:[8][10]

  • Columba oenas oenas Linnaeus, 1758 - a subespecie nominal que se encontra no Paleártico occidental;
  • Columba oenas yarkandensis Buturlin, 1908 - presente en Kazakhstán, Uzbekistán e a China occidental.
  1. "Columba oenas". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 2012. Consultado o 26 de novembro de 2013. 
  2. "Denominación das aves". Real Academia Galega. Consultado o 2024-12-07. 
  3. Gibbs, David; Eustace Barnes; John Cox. Pigeons and Doves: A Guide to the Pigeons and Doves of the World. United Kingdom: Pica Press. p. 624. ISBN 1-873403-60-7. 
  4. Yeatman-Berthelot, 1991, Enquête Atlas
  5. "État de santé des populations d'oiseaux nicheurs en France de 1989 a 2001. (état zéro du programme STOC).". Arquivado dende o orixinal o 13 de setembro de 2019. Consultado o 30 de xullo de 2019. 
  6. 6,0 6,1 Jobling, James A (2010). The Helm Dictionary of Scientific Bird Names. Londres: Christopher Helm. pp. 114, 280. ISBN 978-1-4081-2501-4. 
  7. Liddell, Henry George & Robert Scott (1980). A Greek-English Lexicon (Abridged Edition). United Kingdom: Oxford University Press. ISBN 0-19-910207-4. 
  8. 8,0 8,1 Zoonomen. "Taxonomía de Columbiformes." (en inglés). Consultado o 13 de abril de 2015. 
  9. Caroli Linnæi. Systema naturæ per regna tria naturæ, secundum classses, ordines, genera, species, cum characteribus, differentiis, synonymis, locis Editio decima reformata 1758, Holmiæ, Impensis direct. Laurentii Salvii (Salvius publ.) p. 162.
  10. Frank Gill y David Donsker. Pigeons. IOC World Bird List versión 5.1.

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar