Polo Sur
O Polo Sur, tamén coñecido como Polo Sur Xeográfico ou Polo Sur Terrestre, é un dos dous puntos nos que o eixe de rotación da Terra cruza a súa superficie. É o punto máis meridional da superficie da Terra e atópase no lado oposto ó Polo Norte.
Tipo | Polo xeográfico | ||||
---|---|---|---|---|---|
Epónimo | sur | ||||
Descubridor ou inventor | Roald Amundsen | ||||
Parte de | Earth's poles (en) | ||||
Localización | |||||
Continente | Antártida | ||||
División administrativa | Zona do Tratado sobre a Antártida (pt) | ||||
| |||||
Medicións | |||||
Clima | Clima glacial (pt) | ||||
Historia | |||||
Data de descuberta ou invención | 1911 | ||||
Está situado no continente da Antártida sendo este é o lugar onde se encontra o estación Amundsen-Scott, que se estableceu en 1956 e que estivo permanentemente habitada dende aquel ano. O polo Sur xeográfico non debe confundirse co polo Sur magnético.
Clima
editarDurante o inverno austral o Polo Sur non recibe luz solar en absoluto, e no verán o sol, polo contrario, está todo o tempo nunha posición baixa no ceo sobre o horizonte. Moita da luz solar que chega á superficie é reflectida pola neve. A falta de calor solar, combinada coa elevada altitude (3200 m), inflúe en que o Polo Sur teña un dos climas máis fríos do planeta. As temperaturas no Polo Sur son moito menores cás do Polo Norte, especialmente porque o Polo Sur se localiza a maior altitude en medio da masa continental, mentres que o Polo Norte está ao nivel do mar na metade do océano, o que á súa vez, actúa como reserva de calor.
A mediados de verán, o Sol logra a súa elevación máxima a aproximadamente 23,5º; as temperaturas no Polo Sur son de arredor de -25 °C. A medida que o "día" de seis meses vai rematando e o Sol baixa, as temperaturas tamén baixan e chegan na posta do Sol (finais de marzo) e a súa saída (finais de setembro) a arredor de -45 °C. A mediados do inverno, a temperatura mantense a arredor de -65 °C. a temperatura máis elevada rexistrada na Base Amundsen-Scott é de -14 °C, e a máis baixa, -83 °C. Non obstante, esta non é a máis baixa rexistrada no planeta, senón que foi a rexistrada nos cumes situados na meseta antártica oriental, entre o Domo A e o Domo F, que chegaron a -93 °C.
O Polo Sur ten un clima desértico, case sen recibir precipitacións. Non obstante, os fortes ventos poden causar nevadas.
- Temperaturas media máxima e mínima, e precipitacións no Polo Sur
Datos climáticos para Polo Sur | |||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Mes | Xan | Feb | Mar | Abr | Mai | Xuñ | Xul | Ago | Set | Out | Nov | Dec | Anual |
Temperatura máxima en °C | −14 | −20 | −26 | −27 | −30 | −31 | −33 | −32 | −29 | −29 | −18 | −13 | −13,6 |
Media máxima en °C | −25,9 | −38,1 | −50,3 | −54,2 | −53,9 | −54,4 | −55,9 | −55,6 | −55,1 | −48,4 | −36,9 | −26,5 | −46,3 |
Media mínima en °C | −29,4 | −42,7 | −57,0 | −61,2 | −61,7 | −61,2 | −62,8 | −62,5 | −62,4 | −53,8 | −40,4 | −29,3 | −52,0 |
Temperatura mínima en °C | −41 | −57 | −71 | −75 | −78 | −82 | −80 | −77 | −79 | −71 | −55 | −38 | −82,8 |
Media de días con neve (≥ 0.1 cm) | 16 | 19 | 22 | 24 | 26 | 27 | 30 | 30 | 27 | 25 | 21 | 17 | 284 |
Media de horas de sol mensuais | 558 | 480 | 217 | 0 | 0 | 0 | 0 | 0 | 60 | 434 | 600 | 589 | 2 938 |
Fonte #1: [1] | |||||||||||||
Fonte #2: Cool Antarctica[2] |
Exploracións
editarOs primeiros homes en chegar ao polo sur xeográfico foron o noruegués Roald Amundsen e o seu grupo, o 14 de decembro de 1911. Amundsen chamou ao seu campamento Polheim, e todo o que rodeaba o polo, Haakon VII's Vidde, en honor ao rei Haakon VII de Noruega. O competidor de Amundsen, o británico Robert Falcon Scott, chegou ao polo un mes despois. Na viaxe de volta, Scott e os seus catro compañeiros morreron de fame e hipotermia. En 1914, o explorador británico Ernest Shackleton coa súa Expedición Imperial Trans-Antártica decidiu emprender a súa aventura de cruzar a Antártida pasando polo Polo Sur, mais o Endurance, o seu barco, quedou atrapado na banquisa e afundiu once meses máis tarde. Shackleton e todo su equipo sobreviviron despois de moitas vicisitudes.
Richard Byrd e o seu primeiro piloto Bernt Balchen convertéronse nas primeiras persoas en sobrevoar o polo sur, o 29 de novembro de 1929. Non obstante, non foi ata o 31 de outubro de 1956 cando outro home pisou o polo outra vez, cando un grupo liderado por George Dufek, da Mariña estadounidense, aterrou no avión de transporte militar R4D Skytrain (Douglas C-47 Skytrain). A Base Amundsen-Scott estadounidense foi establecida arredor de 1956–1957, con motivo do Ano Xeofísico Internacional.
Logo de Amundsen e Scott, os seguintes en chegar ao polo sur por terra foron Edmund Hillary, o (3 de xaneiro de 1958), e Vivian Fuchs, o (19 de xaneiro de 1958), cos seus respectivos grupos, no transcurso da «Expedición Trans-Antártica da Commonwealth». Houbo varias expedicións a continuación por terra, incluíndo a Antero Havola, Crary e Fiennes.
A marcha a pé máis rápida sen apoio ao polo sur xeográfico dende a costa durou 47 días, e foi feita en 1999 por Tim Jarvis e Peter Treseder, que levaron zorras que pesaban 200 kg e que contiñan comida e combustible.
Polo Sur Cerimonial
editarO Polo Sur Cerimonial é unha área da Base Amundsen-Scott que consiste nunha esfera metálica nun pedestal, arrodeado das bandeiras dos firmantes do Tratado Antártico. Localízase a poucos metros do Polo Sur Xeográfico, que está marcado unicamente por un sinal e unha estaca. Debido a que a capa de xeo se move 10 metros por ano, a estaca cámbiase de lugar cada ano en Ano Novo.
Polo Sur Magnético
editarO polo sur magnético é o lugar onde o campo magnético do planeta é perpendicular á superficie, e é un sitio moi próximo ao polo sur xeomagnético e ao polo sur xeográfico, aínda que nun sentido estritamente magnético é un polo norte, cara ao que apunta o polo sur dun compás.
Na Terra localizábase, en 2007, a 64°29′S 137°41′L / -64.483, -137.683; aínda que varía constantemente, chegando a cambiar a súa posición no planeta, circunstancia que se deu en numerosas ocasións como consecuencia das propiedades do campo magnético terrestre.[3]
O 16 de xaneiro de 1909, tres homes, Douglas Mawson, Edgeworth David e Alistair Mackay, dunha expedición dirixida por Sir Ernest Shackleton, aseguraron que atoparan o Polo Sur Magnético.[4] Non obstante, hai dúbidas de se a súa localización foi a correcta.[5]
Polo Sur de Inaccesibilidade
editarO Polo Sur de Inaccesibilidade é o punto do continente antártico que está máis afastado do océano Antártico e o máis complicado de acceder.
Localízase a 85°50′S 65°47′L / -85.833, -65.783 e a súa primeira expedición foi o 14 de decembro de 1958 pola 3.ª Expedición Antártica Soviética, dirixida por Yevgeny Tolstikov. Estableceron unha base temporal, a base Polyus Nedostupnosti. De camiño ao Polo, a expedición estableceu outra estación, Sovetskaya, con coordenadas 78°24′S 87°32′L / -78.400, -87.533, que existiu entre o 16 de febreiro de 1958 e o 3 de xaneiro de 1959.
O Polo Sur de Inaccesibilidade é máis remoto e complicado de acceder que o Polo Sur Xeográfico. O 4 de decembro de 2006, o Team N2i[6] (Equipo N2i), embarcouse para lograr chegar sen asistencia mecánica e o equipo logrou o seu cometido o 20 de xaneiro de 2007.
Notas
editar- ↑ "South Pole, Antarctica". WeatherBase. Arquivado dende o orixinal o 26 de decembro de 2018. Consultado o 7 de outubro de 2009.
- ↑ "Antarctica Climate data and graphs". Arquivado dende o orixinal o 09 de outubro de 2010. Consultado o 10 de abril de 2010.
- ↑ "Nation Geophysical Data Center". Arquivado dende o orixinal o 17 de maio de 2008. Consultado o 03 de xuño de 2016.
- ↑ "Antartica.ac.uk". Arquivado dende o orixinal o 29 de xuño de 2007. Consultado o 03 de xuño de 2016.
- ↑ "Deeptow.whoi.edu sobre o Polo Sur". Arquivado dende o orixinal o 21 de abril de 2016. Consultado o 03 de xuño de 2016.
- ↑ "Team N2i". Arquivado dende o orixinal o 03 de marzo de 2009. Consultado o 15 de febreiro de 2020.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Polo Sur |
Ligazóns externas
editar- Webcam no Polo Sur
- 360° Panoramas do Polo Sur
- Imaxes en Degree Confluence Project
- Galería de fotos
- Os Polos pola Australian Antarctic Division
- The Antarctic Sun – Novas online sobre o programa antártico estadounidense
- Big Dead Place
- UK team makes polar trek history
- Ernest Shackleton describindo a súa expedición de 1908