Pedreiro do deserto

Pedreiro do deserto

Macho adulto en verán, en Mongolia

Macho adulto en inverno, en Maharashtra, India
Macho adulto en inverno, en Maharashtra, India

Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Passeriformes
Familia: Muscicapidae
Xénero: Oenanthe
Especie: Oenanthe deserti
(Temminck, 1829)

O pedreiro do deserto[2][3] (Oenanthe deserti) é un pequeno paseriforme que anteriormente estaba clasificado na familia dos túrdidos, pero que agora xeralmente é considerado un muscicápido. É unha ave migratoria insectívora, de 14,5 a 15 cm de lonxitude. Tanto as formas do oeste coma do leste deste pedreiro son aves errantes raras en Europa occidental, incluída Galicia, onde é unha especie accidental.[3] A raza do oeste reprodúcese no Sáhara e no norte da península Arábiga. A raza do leste encóntrase na Asia central semidesértica e en inverno en Paquistán e nordeste de África.

Femia

A plumaxe das partes superiores do macho en verán é beixe. As partes inferiores son brancas cun ton beixe no peito. A cor negra da face e gorxa esténdese aos ombreiros, e hai unha clara liña supercicliar branca. A femia é máis gris por riba e beixe por debaixo e a gorxa non é negra, e na plumaxe invernal a parte negra da gorxa do macho esváese parcialmente por causa dos extremos brancos das plumas. Unha caracterísitca moi aparente en ambos os sexos e en todas as idades, é que toda a cola é negra ata o nivel das cobertoiras da part superior da cola.

Aliméntase principalmente de insectos que captura no chan. Reprodúcese en primavera e pon catro ovos azuis claros con algunhas pintas nun niño ben agochado feito de herbas, musgos e taliños.

Taxonomía e etimoloxía

editar

O nome do xénero, Oenanthe, deriva do grego antigo oenos (οίνος), 'viño' e anthos (ανθός), 'flor'. Fai referencia a que o pedreiro cincento volvía a Grecia na primavera xusto cando florecían as viñas. O nome específico deserti, 'deserto' en latín, fai referencia a un dos seus hábitats preferidos.[4]

Recoñécense catro subespecies: Oenanthe deserti deserti, que se encontra no Levante (Oriente Próximo); Oenanthe deserti atrogularis, que se encontra en Transcaucasia, Irán, Afganistán e Mongolia; Oenanthe deserti homochroa, encóntrase desde o Sáhara Occidental ao oeste de Exipto; Oenanthe deserti oreophila, que se encontra na China Oriental, Caxemira, Tíbet e Paquistán e o noroeste de África.[5]

Descrición

editar
 
Machos en inverno

A cabeza e caluga do macho adulto son de cor gris area claro cos extremos das plumas grises. O manto, escapulares e dorso son de cor similar pero algo máis intensa. A mitra e cobertoiras da parte superior da cola son beixes claras. O terzo basal das plumas da cola é branco e o resto negro con extremo beixe claro. Teñen unha liña curva sobre o ollo beixe que se estende cara a atrás. As plumas do queixo, gorxa, loros e cobertoiras dos oídos son negras con puntas brancas. O peito e flancos son de cor beixe area e a bariga e cobertoiras da parte subcaudal son de cor crema con tons beixes. As axilares e cobertoiras da parte inferior da á son negras e teñen puntas brancas. As primarias teñen láminas externas negras, con extremos e beiras brancas e as internas marróns claras con beiras brancas. As secundarias son similares, pero teñen beiras brancas máis anchas en ambas as láminas.[6] A súa lonxitude é duns 15 cm e pesa entre 15 e 34 g.[7]

A femia ten unha plumaxe similar pero a mitra e parte superior das cobertoiras da cola son máis de cor marrón area, os loros, queixo e gorxa son beixes claros e as partes escuras da cola son negras amarronadas. Os xoves son similares ás femias adultas, pero as plumas das partes superiores do corpo teñen as partes centrais claras e puntas marróns, que lle dan á ave a aparencia de ter pintas. Teñen unha soa muda anual a finais do verán e na primavera seguinte as plumas están bastante gastadas, e as puntas brancas tenden a desgastarse e desaparecer, deixando a ave cunha coloración bastante máis intensa. O bico, patas e pés son negros e os iris dos ollos son marróns escuros.[6]

Distribución e hábitat

editar

A raza do leste reprodúcese nunha gran franxa de Asia que se estende desde o Oriente Próximo e Arabia Saudita a través de Irán, Baluchistán, Afganistán, o sur do Cáucaso, Turquestán, as Montañas Tarbagatai, as montaña do Altai e o noroeste de Mongolia. As aves desta rexión migran ao sur para pasar o inverno no noroeste de África, a península Arábiga, Iraq e Paquistán. A raza do oeste reprodúcese no norte de África desde Marrocos e o Río de Oro á parte do Exipto ao oeste do Nilo.[6] Esta poboación é en gran parte residente pero en Marrocos, as aves das partes sur e leste migran, mentres que as do suroeste adoitan non facelo.[8]

O hábitat do pedreiro do deserto son campos abertos ermos, estepas, desertos, chairas semiáridas, salinas, leitos de ríos secos e páramos areosos, pedrentos e rochosos. Atópase a altitudes de ata 3 500 m. Durante o inverno pode tamén visitar terras cultivadas cando estas están intercaladas con áreas de campo espidas.[6]

Comportamento

editar
 
Ovo de Oenanthe deserti homochroa MHNT

Adoitan pousarse nun arbusto, matas de herba (tussock) ou outras eminencias e lánzanse disparados ao chan que hai debaixo para capturar insectos ou outros pequenos vertebrados que detectan, aínda que tamén capturar insectos no aire. A dieta xeralmente consiste en formigas, escaravellos, eirugas e moscas e as larvas de varios insectos, incluídas as formigas leóns. Ademais, tamén se atoparon sementes nos seus estómagos. Pode pairar estático durante curtos períodos de tempo e cando encontra un insecto grande posible presa, que quizais non vai poder dominar, ás veces exhíbese perante ela movendo as ás.[8]

Reprodúcese durante os meses de abril e maio na maior parte da súa área. Nidifica en ladeiras rochosas, en estepas, en chairas areosas, en ocos ou gretas de paredes ou nos ocos que hai baixo as rochas. O niño adoita estar oculto detrás de toxos (Ulex europaeus) ou outra vexetación arbustiva e ten forma de copa coidadosamente construída con herbas, musgos e talos, forrado con raíces finas e pelos, e ás veces con pequenas plumas. Pon catro ovos, ocasionalmente cinco, de cor azulada clara con pequenas manchas de cor óxido, que xeralmente forman unha zona diferenciada na parte máis ancha do ovo, e que miden aproximadamente 20,1 x 15 mm. A incubación faina principalmente a femia e ambos os sexos colaboran no coidado das crías.[6]

Status

editar

A especie ten unha ampla área reprodutora, estimada en case 10 millóns de quilómetros cadrados, e a poboación parece ser estable. Por esta razón, a ave considérase pola IUCN co status de "especie pouco preocupante".[1]

  1. 1,0 1,1 "Oenanthe deserti". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 2012. Consultado o 26 de novembro de 2013. 
  2. Conde Teira, M. A. (1999). "Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada" (PDF). Chioglossa (A Coruña) 1: 121–138. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de marzo de 2016. Consultado o 28 de setembro de 2016. 
  3. 3,0 3,1 Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (setembro de 2004). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar (2ª ed.). A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5.
  4. Jobling, James A. (2010). The Helm Dictionary of Scientific Bird Names. Londres, Reino Unido: Christopher Helm. pp. 133, 280. ISBN 978-1-4081-2501-4. 
  5. "Desert wheatear (Oenanthe deserti) (Temminck, 1825)". Avibase. Consultado o 15 de setembro de 2013. 
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 Witherby, H. F., ed. (1943). Handbook of British Birds, Volume 2: Warblers to Owls. H. F. and G. Witherby Ltd. pp. 152–154. 
  7. "Desert Wheatear". ARKive. Arquivado dende o orixinal o 03 de setembro de 2013. Consultado o 9 de setembro de 2013. 
  8. 8,0 8,1 Smith, K. D. (1971). "Notes on Oenanthe Species in Winter in Africa". Bird Study 18 (2): 71–80. doi:10.1080/00063657109476298. 

Véxase tamén

editar