Havelda
Havelda Clangula hyemalis | |||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Macho | |||||||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||||||
Vulnerable[1] | |||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||
Clangula hyemalis (Linnaeus, 1758) | |||||||||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||||||||
|
A havelda[2], que na produción lexicográfica galega tamén recibiu os nomes de pato rabeiro,[3] e parrulo rabudo,[4] Clangula hyemalis, é unha especie de ave da orde das anseriformes, familia dos anátidos e subfamilia dos merxinos (patos mariños).
É a única especie viva do xénero Clangula.
Propia das rexións frías de Eurasia e Norteamérica, en Galicia aparece como invernante esporádico.[4]
É unha das especies ás que se lle aplica o Acordo para a conservación das aves acuáticas migratorias africano-eurasiáticas (AEWA).
Taxonomía
editarDescrición
editarA especie describiuna cientificamente Carl von Linné en 1758 na décima edición da súa obra Systema naturae, co nome de Anas hyemalis.[5][6][7]
Posteriormente foi trasladada a un xénero propio, Clangula, creado por William Elford Leach en 1819.[8]
Non se reconocen subespecies diferenciadas.[9]
Etimoloxía
editarA etimoloxía do nome do seu xénero procede do verbo latino clangere, 'resoar' ao que se lle engade a partícula diminutiva -ula, orixinando este termo neolatino, clangula, que fai referencia á súa voz.[10]
O seu nome específico é unha forma alternativa de escribir a palabra hiemālis, que en latín significa 'invernal'.[11]
Sinónimos
editarAdemais de polo seu nome actualmente válido, a especie coñeceuse tamén polos sinónimos:[6][7]
- Anas glacialis
- Anas hyemalis Linnaeus, 1758 (protónimo)
- Clangula glaucion
- Clangula hiemalis
- Fuligula glacialis
- Nyroca hyemalis (Linnaeus, 1758)
Características
editarOs adultos miden entre 41 e 60 cm de lonxitude, cunha envergadura alar de 72 a 80 cm, e un peso entre 450 e 1030 g. A plumaxe dos adultos varía bastante ao longo do ano, a causa dun complexo proceso de muda, mantendo constante unicamente o branco das partes inferiores do corpo.
O macho ten unha cola longa, estreita e en punta, de 10 a 15 cm de lonxitude e un bico gris anegrado cruzado por unha banda rosa. En inverno, ten un padrón de plumaxe branco e negro, pero é branco na súa maioría con excepción das ás, dorso, cola e unha gran mancha arredondada da meixela. En verán a cabeza e pescozo vólvenselle negros, mantendo o branco só na face; e as súas partes superiores fanse de tons pardos escuros. En outono poden observarse cun padrón intermedio cunha mancha branca na parte posterior do píleo. A femia ten plumaxe de tons pardos nas partes superiores e a cola relativamente curta e en punta. En inverno gran parte da cabeza e pescozo son brancos, agás a meixela e o píleo, que son de cor parda escura. En verán a cabeza vólvese parda case na súa totalidade. En outono mantén os laterais da cabeza e pescozo brancos e a súa meixela faise máis clara. Os xuvenís de ambos os sexos teñen unha plumaxe similar ás femias en verán.
Especie fósil
editarCoñécese unha especie fósil deste xénero do Mioceno medio (de hai 12 ou 13 millóns de anos), encontrada en Hungría.[12]
Distribucíón e hábitat
editarO seu hábitat de cría son os pantanos e pozas da tundra, mais tamén toda a costa ártica e os lagos grandes de montaña, estendéndose desde Alasca, ao longo do norte do Canadá, e o norte de Europa ata Siberia.
É unha ave migratoria que pasa o inverno nas costas nororientais e noroccidentais de Norteamérica, a rexión dos Grandes Lagos, as costas de Groenlandia e do norte de Europa e Asia, incluídas algunhas illas árticas como as Svalbard ou Nova Zembla. A área de invernada máis importante é o mar Báltico, onde chegan a concentrarse preto de 4,5 millóns destes patos. Tamén pasan o inverno arredor das illas Británicas, os Alpes e algúns chegan mesmo ata o mar Negro e en menor cantidade ao Mediterráneo. En Galicia é un invernante esporádico.[4]
Comportamento
editarÉ unha ave gregaria que forma grandes bandadas en inverno e durante a migración. Voa rapidamente e durante a súa migración pode alcanzar ata os 100 km/h.
Fai o seu niño en terra preto da auga, ao abeiro da vexetación e constrúeo usando herba e talos, e forrado interiormente con follas e penuxe da femia.
Alimentación
editarAliméntase mergullándose en busca de moluscos, crustáceos e algúns pequenos peixes, xeralmente en zonas próximas á superficie ou a profunddades entre os 10 e 15 m, aínda que pode chegar a profundidades de ata 60 m.
Notas
editar- ↑ BirdLife International (2012). "Clangula hyemalis". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2014.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 23 de febreiro de 2015.
- ↑ "Denominación das aves". Real Academia Galega. Consultado o 2024-12-05.
- ↑ Conde Teira, M. A. (1999): "Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada". Chioglossa (1): 121-138.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (2004): Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar (2ª ed.). A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5.
- ↑ Caroli Linnæi. Systema naturæ per regna tria naturæ, secundum classses, ordines, genera, species, cum characteribus, differentiis, synonymis, locis. Editio decima reformata 1758, Holmiæ, Impensis direct. Laurentii Salvii, p. 126.
- ↑ 6,0 6,1 Clangula hyemalis (Linnaeus, 1758) no GBIF. Consultado o 17 de nopvembro de 2022.
- ↑ 7,0 7,1 Clangula hyemalis (Linnaeus, 1758) na BioLib. Consultada o 17 de novembro de 2022.
- ↑ Peterson, A. P. Zoonomen. Zoological Nomenclature Resource - Anseriformes
- ↑ Frank Gill & David Donsker. Screamers, ducks, geese & swans. IOC World Bird List versión 5.1.
- ↑ Janet Kear (2005): Ducks, Geese and Swans: Species accounts (Cairina to Mergus). Oxford University Press, volumen 2. ISBN 0-1986-1009-2, p. 723.
- ↑ Hiemālis en An Elementary Latin Dictionary de Charlton T. Lewis.
- ↑ Gál, Erika; Hír, János; Kessler, Eugén y Kókay, József (1998-99): Középsõ-miocén õsmaradványok, a Mátraszõlõs, Rákóczi-kápolna alatti útbevágásból. I. A Mátraszõlõs 1. lelõhely [Middle Miocene fossils from the sections at the Rákóczi chapel at Mátraszolos. Locality Mátraszõlõs I.]. Folia Histórico Naturalia Musei Matraensis 23: 33-78. [en húngaro con resumo en inglés] Texto completo en PDF Arquivado 21 de xullo de 2011 en Wayback Machine.
Véxase tamén
editarWikispecies posúe unha páxina sobre: Havelda |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Havelda |
Bibliografía
editar- Carboneras, Carles; del Hoyo, Josep; Elliot, Andrew & Sargatal, Jordi (1992): "Family Anatidae (Ducks, Geese and Swans)" en Handbook of the Birds of the World. Volume 1. Barcelona: Lynx Edicions. ISBN 84-8733-410-5.
- Lars Svensson e Peter J. Grant (1998): Collins Bird Guide. Londres: HarperCollins. ISBN 978-0-0072-6814-6. p. 64.
- Chris Kightley e Steve Madge (2002): Pocket Guide to the Birds of Britain and North-West Europe. Eastbourne, Reino Unido: Gardners Books. ISBN 978-0-7136-6444-7.
Outros artigos
editarLigazóns externas
editar- Vídeos Arquivado 01 de febreiro de 2011 en Wayback Machine. en the Internet Bird Collection