Pangasinan, oficialmente provincia de Pangasinan (pangasinés Luyag na Pangasinan[1]), é unha provincia costeira da rexión de Ilocos en Filipinas, con capital en Lingayen; localízase no oeste da illa de Luzón entre o golfo de Lingayen e o mar da China Meridional. A súa superficie é de 5451,01 km2[2] e a poboación de 3 163 190 en 2020. A lingua pangasinesa é a oficial da provincia canda o tagalo e o inglés.

Modelo:Xeografía políticaPangasinan
Imaxe

Localización
Editar o valor en Wikidata Mapa
 15°55′N 120°20′L / 15.92, 120.33
EstadoFilipinas
RexiónRegião de Ilocos (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
CapitalLingayen (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Contén a división administrativa
Agno (pt) Traducir
Aguilar (pt) Traducir
Alaminos (1903–) Editar o valor en Wikidata../... 48
Poboación
Poboación3.163.190 (2020) Editar o valor en Wikidata (580,29 hab./km²)
Número de fogares776.202 (2020) Editar o valor en Wikidata
Lingua usadaLingua pangasinesa
Língua sambal (pt) Traducir
Língua bolinao (pt) Traducir
Kayapa Kallahan (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Xeografía
Superficie5.451,01 km² Editar o valor en Wikidata
Comparte fronteira con
Zambales (pt) Traducir
La Union (pt) Traducir
Benguet (pt) Traducir
Nova Ecija (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Creación1611 Editar o valor en Wikidata
Organización política
• Governor of Pangasinan (en) Traducir Editar o valor en WikidataAmado Espino III (en) Traducir (2016–) Editar o valor en Wikidata
Identificador descritivo
Código postal2400–2447 Editar o valor en Wikidata
Fuso horario
Prefixo telefónico75 Editar o valor en Wikidata
ISO 3166-2PH-PAN Editar o valor en Wikidata

Sitio webpangasinan.gov.ph Editar o valor en Wikidata

Segundo a tradición o nome do pobo, da lingua e da provincia procede da palabra asin (sal) pola abundancia de rocha de sal séculos atrás.

Historia

editar

Expansión austranesia

editar

O Homo sapiens habita a rexión do arquipélago malaio dende hai 50 000 anos[3], o grupo austronesio chegou dende Taiwán ás costas de Luzón durante o seu período de expansión que se estendeu por todo o sueste de Asia, e en concreto o coñecido como pobo anakbanwa asentouse entre o 5000 e o 2500 a. C. nas beiras do río Agno e no golfo de Lingayen nun territorio que se había de coñecer como Pangasinan mentres o interior recibía o nome de Caboloan, pero que se acabou por se unificar nun só pobo.

Reino de Caboloan

editar

No século XV formouse o reino de Caboloan (Luyag na Caboloana), con capital en Binalatongan, que tivo como derradeiro rei a Ari Kasikis. Os locais levaban roupas típicas doutros grupos étnicos da rexión ademais de seda xaponesa e chinesa. Mesmo a xente do común cubríase con vestiduras de algodón xaponés e chinés. Negrexaban os dentes e moqueábanse dos dentes brancos dos foráneos asimilándoos os dos animais. Usaban vasillas de porcelana típicas dos fogares xaponeses e chineses e tamén se atoparon na rexión armas de fogo de estilo xaponés en batallas navais na rexión[4]. Esta influencia xaponesa na rexión fixo que os españois chamaran a Pangasinan o "Porto do Xapón".

Dominio español

editar
 
Parella pangasinesa do golfo de Lingayen (1590)

Os españois chegaran a Filipinas en 1565 co desembarco do conquistador Miguel López de Legazpi con 500 soldados que esbaleceron un asentamento e principiaron a conquista do arquipélago e o 24 de maio de 1570 derrotaron ás forzas encabezadas por Rajah Sulayman e declararon Manila como a nova capital das indias españolas orientais; tras asegurar Manila os españois continuaron a conquista da illa de Luzón e chegaron a Pangasinan en 1571 cunha forza dirixida por Martín de Goiti que procedía de Manila vía Pampanga e un ano despois outro conquistador, Juan de Salcedo, desembarcou preto da foz do río Agno. En 1574 piratas chineses baixo o liderado de Lim Hong atacaron sen éxito Manila e logo dirixiuse ata Pangasinan onde construíu un forte e prendeu varios xefes locais obrigando os habitantes da zona a fornecelo de produtos de primeira necesidade[5] pero non foi quen de establecer unha colonia alí ao derrotalo, tras sete meses de asedio, unha forza comandada por Juan de Salcedo en marzo de 1575[6].

Coa pacificación da rexión en 1580 Pangasinan transformouse nunha alcaldía mayor de término ou provincia de primeira clase e á fronte estaba un alcalde maior ou gobernador con poderes administrativos e xudiciais e que tiña como capital Lingayen. Así e todo, os seus límites territoriais non se delimitaron ata 1611 e chegou a incluír toda a provincia de Zambales e parte das actuais provincias de Tarlac e La Unión[7]. Durante un breve período durante a etapa revolucionaria San Carlos serviu como capital administrativa temporal e durante a ocupación xaponesa a capital da provincia foi Dagupan.[7]. A partir de finais do século XVI frades de diversas ordes católicas converteron á maior parte dos habitantes ao catolicismo.

Resistencia en Pangasinan

editar

En decembro de 1660 Andres Malong, xefe de Binalatongan, liberou a provincia da autoridade española e proclamouse rei (ari na Pangasinan) e intentou facerse tamén coas provincias veciñas de Pampanga e Ilocos, pero unha coalición de forzas mercenarias e nativas leais aos españois imperedíronllo. En febreiro de 1661 caeu o efémero reino.

O 3 de novembro de 1762, logo de ocuparen os británicos Manila, houbo unha rebelión contra dos españols liderada por Juan de la Cruz Palaris, pero despois do Tratado de París de marzo de 1763 que puña fin á Guerra dos Sete Anos entre o Reino Unido, España e Francia, as forzas coloniais españolas contraatacaron e o 16 de xaneiro de 1763 capturaron a Palaris[8] e puxeron fin á derradeira experiencia de independencia de Pangasinan.

Revolución filipina

editar
 
Monumento a Daniel Maramba en Santa Bárbara

O 7 de xullo de 1892 formouse o Katipunan, unha sociedade secreta nacionalista que procuraba a independencia de Filipinas por medio da revolución, que estalou o 26 de agosto de 1896 dirixida polo seu líder Andrés Bonifacio. O 18 de novembro de 1897 formouse un comité do Katipunan en Pangasinan dirixido por Román Manalang como presidente generalísimo e Mauro Ortiz como xeneral. Daniel Maramba dirixiu a liberación da cidade de Santa Barbara o 7 de marzo de 1898 cun ataque simultáneo con Makabulos. As forzas españolas acantonadas en Dagupan tentaron sen éxito reconquistar a cidade e decidiron concentrar as súas forzas en Lingayen para protexer a capital provincial, o que lle permitiu a Maramba tomar as localidades de Malasiqui, Urdaneta, Mapandan e Mangaldan. Mentres ao oeste de Lingayen os rebeldes comandados por Prado e Quesada atacaban varias poboacións entón na provincia de Zambales e que agora constitúen o oeste de Pangasinan e facíanse con Sual, Labrador e Salasa. Tamén baixo o control dos revolucionarios filipinos estaban Alaminos, Agno, Anda, Alos, Bani, Balincaguin, Bolinao, Dasol, Eguia e Potot. Nunha asemblea que se celebrou o 17 de abril o xeneral Makabulos nomeou a Prado como o gobernador civil e militar de Pangasinan con Quesada como o seu segundo.

Tras proclamar a independencia o xeneral Emilio Aguinaldo o 12 de xuño de 1898, as forzas do Katipunan, ao mando do xeneral Francisco Makabulos marcharon cara a Dagupan, o principal centro comercial de Pangasinan e o 30 de xuño os españois decidiron evacuar todas as súas forzas, incluídos os volutarios nativos, para esa cidade nunha última tentativa de resistencia fronte os revolucionairos. O 18 de xullo as forzas de Maramba, procedentes do leste, e as de Prado, do oeste, converxeron en Dagupan e comezou o sitio da cidade, pouco despois chegou Makabulos. A batalla de Dagupan alongouse ata o 23 de xullo e rematou ao se renderen as forzas españolas compostas por 1500 soldados dirixidas polo comandandante Federico J. Ceballos e o gobernador Joaquín de Orengochea, o que supuxo a liberación de Pangasinan dos españois.

Dominio estadounidense

editar
 
Desembarco de Masaharu Homma no golfo de Lingayen

España cedeulles Filipinas aos nortemericanos despois do Tratado de París pechar a guerra hispano-estadounidense. Durante a guerra filipino-estadounidense o tenente coronel José Torres Bugallón da localidade de Salasa loitou, sen éxito, canda o xeneral Antonio Luna para defender a Primeira República contra o control norteamericano do norte de Luzón. En 1901 a Primeira República aboliuse formalmente e cando en 1907 se estableceu por primeira volta a Asemblea de Filipinas contaba con cinco representantes dos distritos de Pangasinan.

Durante a segunda guerra mundial o golfo de Lingayen constituíu un importante punto estratéxico. O exército xaponés baixo o mando do xeneral Masaharu Homma desembarcou en Pangasinan o 22 de decembro de 1941 sen case atopar resistencia [9], poucos días despois dos ataques de Pearl Harbor, e principiou así a ocupación xaponesa da provincia e de Filipinas. As tropas norteamericanas fixéronse co control da provincia ao final da guerra, en 1945.

República Filipina

editar

Pangasinan, histórica e xeograficamente parte da rexión de Luzón Central, converteuse en parte da rexión de Ilocos durante a época de Ferdinand Marcos malia ter unha lingua propia diferenciada.

En febreiro de 1986 o xeneral Fidel V. Ramos, director da policía nacional e natural de Lingayen, converteuse nunha das figuras principais da revolución que derrocou a Ferdinand Marcos. A nova presidenta Corazón Aquino ordenou a todos os cabezas dos executivos locais cesaren nos seus postos. O 11 de maio de 1992 Fidel V. Ramos converteuse no primeiro presidente de Filipinas de Pangasinan.

Xeografía

editar
 
Zona de costa preto de Lingayen

A superficie da provincia é de 5451,01 km2 e sitúase a 170 km ao norte de Manila, 50 ao sur de Baguio, 80 ao norte do aeroporto de Clark. A provincia localízase no centro oeste da illa de Luzón en Filipinas. Limita coas provincias de La Union polo norte, Benguet e Nueva Vizcaya polo nordés, Nueva Ecija polo sueste e Zambales e Tarlac polo sur. No oeste de Pangasinan está o Mar da China Meridional e o golfo de Lingayen. Na costa de Alaminos, o Cento de Illas tornou un importante centro turístico.

O relevo, como parte da planicia do centro de Luzón, é tipicamente chan, raramente por riba dos 130 metros sobre o nivel do mar aínda que existen áreas con maiores ondulacións ou mesmo montañosas, particularente nos concellos do nordés de San Manuel, San Nicolás, Natividad, San Quintín e Umingan ao estaren situados no extremo da Cordillera Central. Os montes Zambales inclúen as localidades occidentais de Labrador, Mabini, Bugallon, Aguilar, Mangatarem, Dasol e Infanta. Así e todo, a maior parte da zona montañosa está deforestada e na zona próxima á costa o ecosistema autóctono é o mangleiral. Existen varios volcáns inactivos na provincia: Amorong, Balungao, Cabaluyan, Cahelietan, Candong e Malabobo mais ningún en activo. Existe un accidente xeográfico con forma de caldeira entre as localidades de Malasiqui e Villasis.

Divisións administrativas

editar

A provincia de Pangasinan subdivídese en 44 concellos (baley en pangasinan), 4 cidades, 1364 barangay.

 
Mapa político de Pangansinan

Cidade independente

editar

Cidades compoñentes

editar

Concellos

editar

Barangays

editar

Con 1 364 barangays é a terceira provincia con maior número só atrás das provincias de Leyte e Iloilo. Bonuan Gueset, en Dagupan, é o de maior poboación con 22 042 habitantes en 2010 e Iton en Bayambang con só 99 persoas en 2010 é o de menor poboación.

Demografía

editar

Poboación

editar

A poboación de Pangasinan no censo de 2020 era de 3 163 190 habitantes cunha densidade de poboación de 580 habitantes por quilómetros cadrados. Constitúe a terceira provincia con máis poboación de Filipinas. Un 47% da poboación forma parte do pobo pangasinés (toto pangasinan), un 44 % son ilocanos que comezaron a se asentar en Pangasinan no século XIX[10]. Os sambais predominan nos concellos occidentais de Bolinao e Anda.

Serie de poboación histórica de Pangasinan
Ano19031918193919481960198020002020
Poboación442 521565 922742 465920 4911 124 1441 1636 0572 434 0863 163 190

Linguas

editar
Etnicidade (2010)[11]
Etnia Poboación
Pangasinan
  
1,358,524
Ilocana
  
1,146,456
Tagala
  
93,100
Outras
  
144,611

A lingua pangasinan é un idioma aglutinante do subgrupo das linguas malaio-polinesias da familia austronesia e constitúe a lingua primaria da provincia de Pangasinan, así como do norte de Tarlac e o suroeste de La Unión; é unha lingua similar ás outras linguas malaio polinesias de Filipinas, así como de Indonesia e Malaisia. Con outras linguas próximas constitúie unha subdivisión das linguas malaio-polinesias occidentais, o grupo pangasinan:

  • Karao
  • Iwaak
  • Keley-I
  • I-Kallahan
  • Ibaloi
  • Tinoc
  • Kayapa

O pangasinan predomina no centro da provincia e é a segunda lingua no resto. O ilocano é prodominante nas zonas máis occidentais e orientais da provincia e é a segunda lingua nas outras zonas. O bolinao, unha lingua sambal impera en Bolinao e mais Anda.

Relixión

editar
 
Catedral de Lingayen

A meirande parte da poboación de Pangasinan é de relixión cristiá. Segundo o censo de 2010[11] había un total 2 388 853 católicos romanos, o que representaba case o 86% da poboación. Historicamente todas as parroquias dependían da arquidiocese de Nueva Segovia. Dende o século XX Pangasinan forma parte da provincia eclesiástica de Lingayen-Dagupan; a diocese de Lingayen erixiuse o 19 de maio de 1928 e abranguía toda a provincia de Pangasinan. En 1954 por mor da destrución e Lingayen durante a segunda guerra mundial, a sé desprazouse a Dagupán polo que a diocese adoptou o nome de Lingayen-Dagupan e en 1963 elevouse a sé metropolitana e constituíu a arquidiocese de Lingayen-Dagupan. En 1985 erixíronse dúas novas dioceses na provincia, en occidente a de Alaminos e no oriente a de Urdaneta. En total hai 98 parroquias na provincia.

 
Templo da Igrexa ni Cristo en Urdaneta

A segunda confesión na provincia é a Igrexa ni Cristo, igrexa cristiá antitrinitaria, que cun total de 94 214 fieis en 2010, o que representaba o 3,4% da poboación. A provincia divídese en cinco distritos eclesiásticos: Alaminos, Lingayen, San Carlos, Santo Tomás e mais Urdaneta. Outras denominacións cristiás salientables na provincia son a Igrexa Filipina Independente, igrexa católica independente que conta na provincia con dúas dioceses: a de Dagupan e a de Pangasinan oriental, ademais en Urdaneta está o Seminario Teolóxico Central Aglipay.

Logo do fin da dominación española en 1898 o protestantismo comezou a instalarse en Filipinas e en 1901 estableceuse a Unión Evanxélica que aglutinaba diferentes igrexas protestantes que estableceron zonas diferenciadas territorialmente para cada confesión. Pangasinan asignouse como zona de misión dos metodistas[12]. As diferentes igrexas, principalmente denominacións protestantes clásicas, que forman o Consello Nacional de Igrexas de Filipinas contaba con 58 647 adherentes mentres as diversas igrexas protestantes evanxélicas agrupadas no Consello Filipino de Igrexas Evanxélicas, tiñan 48 274 fieis na provincia en 2010.

O islam contaba en 2010 con 4736 seguidores na provincia con 19 mesquitas e centros de culto, en especial salienta a comunidade islámica de Dagupan con cinco lugares de culto.

Antes de chegaren os europeos a relixión de Pangasinan era semellante a relixión tradicional que aínda manteñen os igorot da Rexión Administrativa de Cordillera en Luzón. Algúns habitantes de Pangasinan tornaron á relixión tradición, que tiña como principal deidade Ama-Gaolay,[13] mentres entre os sambais tamén se deu o mesmo proceso de volta á relixión dos devanceiros, que tiña como deidade suprema a Malayari.[14]; así e todo, é un fenómeno minoritario e en 2010 na provincia había 6 829 habitantes que afirmaban que seguían unha relixión nativa.

Cultura

editar

A cultura de Pangasinan é unha mestura da orixinal cultura malaio-polinesia e da española, con algunhas influencias hindús e chinesas e un verniz norteamericano. Malia a occidentalización de Pangasinan retén unha forte herdanza austronesia.

Educación

editar
 
Campus principal da Pangasinan State University

A provincia conta con numerosas escolas públicas e privadas tanto para educación primaria como secundaria. Tamén conta con varias universidades, en Dagupan teñen as súas sedes as privadas Colegio de Dagupan (1984), Lyceum-Northwestern University, University of Luzon e mais University of Pangasinan. En Alaminos sitúase o Golden West Colleges e a universidade pública da provincia é a Pangasinan State University, que se fundou en 1979, e que conta con nove campus no que estudan máis de 20 000 alumnos. A Urdaneta City University é unha universidade pública da cidade de Urdaneta.

Sanidade

editar

Pangasinan tiña en 2002 51 hospitais e clínicas e 68 unidades de saúde rural. O goberno provincial administra 12[15]hospitais provinciais e o goberno nacional dispón dun hospital rexional do máximo nivel (3) en Dagupan[16].

Economía

editar
 
Capitolio provincial

Pangasinan conta cun discreto sector industrial, no que destacan as cementeiras, distilerías, industrias alimentarias, mais a principal fonte de emprego está no sector agrícola que produce sobre todo arroz, manga e bambú mais tamén cocos, berenxenas e tabaco. O sector pesqueiro está nun proceso de renovación coa introdución da acuicultura, en especial da especie Chano chano, de ourizos, ostras e camaróns, mentres o turismo tamén se está desenvolvemento. Un dos principais produtores de sal de Filipinas, constitúe tamén unha das súas principais industrias.

Goberno

editar

O gobernador de Pangasinan é dende 2016 Amado Espino III, fillo do antigo gobernador Amado T. Espino, Jr. e o vicegobernador é Mark Ronald Lamibino. O corpo lexislativo provincial é o consello provincial (Sangguniang Panlalawigan) formado por 12 membros elixidos por sufraxio e 3 membros ex officio e presídeo o vicegobernador que só vota para desfacer empates.

  1. Benton, Richard A. (1971). Pangasinan Reference Grammar. Honolulu: University of Hawaii Press. p. 36. ISBN 978-0-8248-7910-5. 
  2. "List of Provinces". PSGC Interactive. National Statistical Coordination Board. Arquivado dende o orixinal o 21 de xaneiro de 2013. Consultado o 11 de febreiro de 2013. 
  3. Mark Donohue; Tim Denham (2010). "Farming and language in Island Southeast Asia: Reframing Austronesian history". Current Anthropology. 51 (2): 223–256.
  4. Scott, William Henry (1994). Barangay. Ateneo de Manila University Press. p. 187. 
  5. Francisco de Sande (1576). "Carta a Felipe II del Gobernador de Filipinas, doctor Sande. Da cuenta de su llegada y accidentes de su viaje; de la falta que hay allí de todo, y habla de Religiosos, minas, de la China, Mindanao, Borneo, etc". Arquivado dende o orixinal o 14 de xaneiro de 2022. Consultado o 14 de xaneiro de 2022. 
  6. Tremml-Werner, Birgit (2021). "Persistent Piracy in Philippine Waters: Metropolitan Discourses about Chinese, Dutch, Japanese, and Moro Coastal Threats, 1570–1800". En Stefan Amirell, Hans Hägerdal e Bruce Buchan. Piracy in World History. Amsterdam: Amsterdam University Press. p. 206. 
  7. 7,0 7,1 "History of Pangasinan". Arquivado dende o orixinal o 5 de setembro de 2014. Consultado o 24 de xuño de 2014. 
  8. Díaz-Trechuelo y López-Spínola, María Lourdes: Filipinas bajo los últimos Borbones en Historia General de España y América, Tomo XI-2, páx 580. ISBN 84-321-2521-0
  9. Morison, Samuel Eliot (1958). The Rising Sun in the Pacific 1931 – April 1942. Castle Books. p. 250. 
  10. Rosario Mendoza Cortes (1990). Pangasinan, 1801–1900: The Beginnings of Modernization. New Day Publishers. 
  11. 11,0 11,1 "Table 10. Household Population by Country of Citizenship and Sex:2010" (PDF). psa.gov.ph. 
  12. Floyd Cunningham (outubro de 2003). "Diversities within Post-War Philippine Protestantism". The Mediator (5): 42–144. 
  13. "The Lowland Cultural Community of Pangasinan". Arquivado dende o orixinal o 18 de xaneiro de 2022. Consultado o 18 de xaneiro de 2022. 
  14. "Sambal Mythology | Pantheon of Deities and Beings • THE ASWANG PROJECT". 29 de xaneiro de 2019. 
  15. "12 Pangasinan public hospitals to get modern equipment". Philippine News Agency. 21 de novembro de 2017. 
  16. "Region I Medical Center". Departament of Health. Arquivado dende o orixinal o 19 de xaneiro de 2022. Consultado o 19 de xaneiro de 2022.