Paganismo xermánico

O paganismo xermánico fai referencia ás diversas prácticas relixiosas dos pobos xermánicos dende a Idade de Ferro até a cristianización durante a Idade Media. As prácticas relixiosas representaban un elemento esencial da primeira cultura xermánica. Tanto a partir de restos arqueolóxicos como de fontes literarias, é posíbel rastrexar unha serie de crenzas comúns entre os pobos xermánicos até a Idade Media, cando se cristianizaron os últimos redutos de Escandinavia. Con raíces na relixión protoindoeuropea, a relixión protoxermánica espallouse durante as invasións bárbaras, que deu lugar á relixión nórdica antiga entre os pobos xermánicos do norte, a mitoloxía xermánica continental e o paganismo anglosaxón entre os pobos que continuaban falando o inglés antigo. A relixión xermánica púidose documentar máis amplamente a partir dos textos dos séculos X e XI procedentes de Escandinavia e Islandia.

Representación de Emil Doepler do segundo encantamento de Merseburg, 1905. Con encantamentos, os deuses da mitoloxía xermánica continental curan un cabalo.

Dispersión xeográfica

editar
 
Mapa do Imperio Romano e a Xermania Magna, c. 120 CE

Xermania era o termo romano para a zona leste do Rin e o norte do Danubio até as illas do mar Báltico [1] O seu homónimo provén de Xulio César, que o utilizou no seu tratado sobre as guerras galas, A guerra da Galia. O núcleo xermánico, Magna Germania, atopábase nas terras baixas do norte de Europa, que inclúe a actual Alemaña, os Países Baixos, Dinamarca e a península Escandinava.[2] Non obstante, os límites de Germania non estaban definidos claramente, xa que grandes poboacións xermánicas vivían dentro das fronteiras do Imperio Romano, e a influencia romana chegaba até a "Xermania libre" a través da fronteira de Limes.[3] En Europa central, a cultura celta xa era dominante a as primeiras prácticas relixiosas xermánicas estaban influídas polos pobos celtas. Máis tarde, elementos da cultura romana acabaron por mesturarse coa cultura xermánica, como demostran as probas arqueolóxiqcas de deuses romanos, estatuas e minaría de ouro. Os pobos xermánicos nunca constituíron un grupo uniforme cunha cultura común ou omnipresente, mais algúns sistemas xerais de crenza básicos xa se coñecían en textos medievais. Eran o resultado dunha fusión de diversas crenzas a través da extensión das tribos xermánicas por toda Europa central. Entre os pobos xermánicos orientais, pódense distinguir trazas de paganismo gótico a partir de escasos artefactos. Segundo o historiador John Thor Ewing, a relixión xermánica consistía en "adoracións individuais, tradicións familiares e cultos rexionais dentro dun marco xeralmente coherente".[4]

Fontes

editar
 
As obras do historiador islandés do século XIII Snorri Sturluson son fontes inestimábeis sobre o paganismo xermánico.

Existen poucas fontes escritas sobre o paganismo xermánico, e poucas das que hai foron escritas polos participantes desta relixión. A literatura oral tradicional asociada á relixión precristiá perdeuse a medida que as institucións cristiás se fixeron dominantes en Alemaña, Inglaterra e Escandinavia durante a Idade Media.[5] Porén, as descricións das primeiras prácticas relixiosas xermánicas atópanse en obras de escritores romanos como Tácito na súa obra Xermania do século I.[6]

Só na Islandia medieval se escribiu unha gran cantidade de material en lingua xermánica sobre o tema das tradicións pagás, sobre todo os poemas mitolóxicos da Edda poética, a Edda prosaica e o verso escáldico.[7] Estas obras teñen unha enorme importancia para a comprensión das antigas tradicións relixiosas. Non obstante, estas fontes consérvanse despois da época na que o cristianismo xa era dominante en Islandia por parte de escritores que eran cristiáns.[8] Algúns restos da relixión xermánica consérvanse noutras obras de cristiáns medievais como o libro en alemán antigo Canción dos Nibelungos e o Beowulf escrito en inglés antigo.[9]

O folclore medieval e postmedieval tamén se usou como fonte para crenzas máis antigas. Tamén estaba influído polo cristianismo, que o fixo evolucionar.[10]

As historias poden viaxar á présa e cambiar facilmente co paso do tempo, facendo que os textos tardíos sexan evidencias pouco fiábeis da primeira cultura xermánica. Porén, co método comparativo, é posíbel comparar palabras en linguas relacionadas e reconstruír racionalmente o que debían ser as súas formas anteriores perdidas e, até certo punto, o que deberon significar. Isto permite reconstruír os nomes dalgúns deuses, seres sobrenaturais e prácticas rituais. Por exemplo, todas as linguas xermánicas utilizan un nome neutro similar para designar deuses pagáns: en gótico guþ, god en inglés antigo, en alemán antigo got e guð nórdico antigo. Polo tanto, o protoxermánico tiña unha paraula similar cun significa semellante.[11]

  1. Heather 2005, pp. 49–53.
  2. Manco 2013, p. 207.
  3. Heather 2012, pp. 5–8.
  4. Ewing 2010, p. 9.
  5. Frassetto 2003, p. 180.
  6. Eliade 1984, pp. 143, 475fn.
  7. Eliade 1984, pp. 168, 470fn.
  8. Eliade 1984, p. 154.
  9. Eliade 1984, p. 170.
  10. Heide & Bek-Pedersen 2014, pp. 11–16.
  11. Green 1998, pp. 14–16.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar