Paganismo nórdico

tradicións relixiosas xermánicas dos países nórdicos

O paganismo nórdico ou escandinavo é un termo empregado para describir as tradicións relixiosas comúns entre as tribos xermánicas que habitaban nos países nórdicos antes e durante a cristianización da Europa do norte. O paganismo nórdico é un subconxunto do paganismo xermánico, practicado nas terras deshabitadas polas tribos xermánicas en case toda Europa central e setentrional, durante a era viquinga. O coñecemento actual sobre o paganismo nórdico foi inferido polos resultados arqueolóxicos, etimolóxicos e polos materiais escritos da época.

Mapa que amosa as diferenzas rexionais do culto (arredor do 900), determinadas a través de datos arqueolóxicos e toponímicos. En azul, as áreas onde os deuses Vanir eran máis venerados; o vermello indica o culto a Thor, Odín e outros Æsir, e o violeta, amosa as áreas onde ambos cultos coexistían.

Algúns expertos como Georges Dumézil, suxiren que diversos elementos estruturais e temáticos dentro das certificadas ideas relixiosas escandinavas, sitúan ó paganismo escandinavo dentro da estrutura básica da expresión pan-Indo-europea das ideas espirituais coma un todo.

Terminoloxía

editar

A relixión escandinava foi un fenómeno cultural, e, como a maioría das crenzas folclóricas anteriores á alfabetización, os seus practicantes, probablemente non tiñan un nome para a súa relixión, ata que entraron en contacto con forasteiros ou competidores. Polo tanto, os únicos títulos que eran dados eran aqueles utilizados para describir a relixión dun xeito competitivo, usualmente nun contexto moi antagónico. Algúns destes termos foron hedendom (nórdico antigo), heidentum (alemán), heathenry (inglés) ou pagan (latín). Un nome interpretado máis romanticamente para a relixión nórdica é o termo islandés medieval forn siðr ("vello costume")

Fontes

editar

O que se coñece respecto ó paganismo escandinavo foi reunido e compilado a partir dos descubrimentos arqueolóxicos e da literatura producida despois da cristianización.[1]

Fontes literarias

editar
 
Copia do século XVIII da Edda prosaica, unha das principais fontes literarias para a mitoloxía escandinava.

As fontes literarias escritas sobre o paganismo escandinavo veñen despois da decadencia da relixión, cando o cristianismo xa estaba establecido.[2] A inmensa maioría disto veu da Islandia do século XIII, onde o cristianismo se demorou máis para gañar aceptación, debido á súa illada localización.[2] Os principais textos para o estudo do paganismo nórdico son: a Edda prosaica, de Snorri Sturluson, a Gesta Danorum de Saxo Grammaticus, e a Edda poetica de autor descoñecido. Por ter sido escritos xa en contexto cristián, os deuses nórdicos non son tratados nestas fontes como tales, senón como heroes históricos.

Fontes arqueolóxicas

editar

Moitos lugares arqueolóxicos en Escandinavia renden información valiosa sobre a antiga cultura escandinava. Un dos exemplos culturais máis antigos existentes é o petróglifo, ou helleristninger,[3] que acostuman estar divididos en dúas categorías segundo a súa idade: "glifos de caza" e "glifos de agricultura". Os glifos de caza son os máis antigos ( 9500 - 6000 antes de Cristo) e son atopados frecuentemente no norte de Escandinavia (Jämtland, Nord - Trøndelag e Nordland). Estes descubrimentos parecen indicar unha existencia baseada primordialmente na cacería e a pesca; estes motivos foron gradualmente subsumidos en glifos con temas máis zoomórficos, ou se cadra, relixiosos.

Os glifos da rexión de Bohuslän foron posteriormente complementados con "glifos de agricultura" máis recentes (2300 - 500 antes de Cristo), que parecen retratar unha existencia baseada máis na agricultura. Estes motivos consisten polo xeral, en retratar navíos, temas solares e lunares, espirais xeométricas e seres antropomorfos, que parecen indicar de xeito ideográfico, o comezo da relixión escandinava.

Outros descubrimentos arqueolóxicos destacados que poden retratar a relixión nórdica arcaica, son os corpos do pantano, tales como o Home de Tollund, quen puido ter sido ritualmente sacrificado nun aparente contexto relixioso.

Posteriormente, durante a era viquinga e o período que o antecede, existen evidencias materiais que parecen indicar unha crecente sofisticación na relixión nórdica, como artefactos retratando motivos de gripdjur ("monstros que agarran"), arte e xoiería entrelazada, colgantes Mjolnir e diversas armas e artefactos con caracteres rúnicos inscritos ou acoplados.

Moitos outros motivos ideográficos e iconográficos que parecen retratar as crenzas relixiosas dos viquingos nórdicos (e pre-viquingos) son vistos nas pedras rúnicas, que acostumaban ser erixidas como marcos ou pedras memoriais. Estas pedras memoriais contiñan epitafios, escritos en runas, en memoria dun parente morto, pero non eran colocadas xunto ó cadáver. Esta práctica sobreviviu por moito tempo logo do proceso de cristianización. Como a maioría dos pobos antigos e medievais, a sociedade escandinava estaba divida en diversas clases, e os antigos nórdicos practicaban a escravitude en calquera cerimonia. A maioría dos enterros realizados no período pagán parecen ter sido realizados polas clases altas, aínda que moitas escavacións recentes nos patios das igrexas medievais proporcionaron unha visión máis ampla da vida das clases populares.

Rituais nórdicos

editar
 
Gamla Uppsala ("Vella Uppsala"), centro de culto en Suecia, destruído a finais do século XI.
Artigo principal: Rituais nórdicos.

Sacrificios humanos

editar

Os sacrificios abranguían a humanos, animais e obxectos simbólicos. Entre os escandinavos, habían dous tipos de sacrificios humanos; aqueles realizados para os deuses nos festivais relixiosos, e os sacrificios de serventes, realizados nos funerais. Un testemuño de tal sacrificio, sobrevive na descrición dun enterro dun barco funerario, dada polo autor árabe Ahmad ibn Fadlan, construído polos Rus' (antergos dos rusos), no cal unha escrava ofreceuse a acompañar ó seu señor ó outro mundo. Relatos de sacrificios relixiosos entre os xermánicos foron dados por diversas fontes, como Tácito, Saxo Grammaticus e Adán de Bremen.

O Heimskringla narra sobre o rei sueco Aun, quen sacrificou nove dos seus fillos, nun intento de alongar a súa vida, ata que os seus súbditos lle impediron matar ó seu derradeiro fillo Egil (Ongenþeow). Segundo Adán de Bremen, os reis suecos sacrificaban escravos (homes) cada nove anos, durante os sacrificios do Yule, no Templo de Uppsala. Os suecos non só tiñan o dereito para elixir ós seus reis, tamén podían depoñelos, e tanto o rei Domalde como o rei Olof Trätälja, foron sacrificados tras anos de fames.

Odín, principal deus da mitoloxía nórdica, era asociado coa morte na forca, e unha posible práctica de sacrificios de Odín por estrangulamento, ten apoio arqueolóxico nos cadáveres perfectamente preservados grazas ós ácidos dos pantanos de turba de Xutlandia, no cal estas vítimas foran guindadas logo de seren executadas. Un dos máis notables exemplos é o Home de Tollund da Idade de Bronce. Porén, non existen escritos que interpreten de maneira explícita a causa destes estrangulamentos, que ben puideron ter outras explicacións, como unha forma de pena capital.

Influencia

editar

Pegadas e influencias do paganismo escandinavo aínda se poden atopar na cultura e as tradicións dos actuais países nórdicos: Dinamarca, Suecia, Noruega, Illas Feroe, Illas Åland, Islandia e Groenlandia; así como en tódolos países que recibiron inmigrantes destas nacións nórdicas.

Días da semana

editar

Os nomes dos días da semana nas linguas xermánicas están baseados nos nomes dos deuses nórdico.

Día Orixe
Mánadagr Día de Mona
Týsdagr Día de Tyr
Óðinsdagr Día de Odín
Þórsdagr Día de Thor
Frjádagr Día de Freia
Laugardagr "Día do lavado" (non é un deus, senón unha actividade cotiá)
Sunnudagr Día do Sol

Festivais

editar

Diversas celebracións modernas realizadas nos países nórdicos teñen as súas orixes en tradicións que xurdiron nas festas dos antigos pagáns. Para a celebración cristiá do Nadal, tal como se practicaba nos países escandinavos e noutros lugares, aínda se recorren a diversas prácticas pagás, como o tronco de Yule, o acivro, o muérdago e o intercambio de agasallos. A celebración do solsticio de verán, é unha práctica escandinava aínda celebrada en Dinamarca e Suecia, e ata certo punto, en Noruega.

Neopaganismo

editar

O paganismo escandinavo foi a inspiración detrás da relixión neopagás de Ásatrú ou Odinismo, que xurdiu no século XX. Ambos termos son subconxuntos do neopaganismo xermánico, o cal ten influencias nas crenzas dos pobos xermánicos.

  1. DuBois, Thomas A. (1999). University of Pennsylvania Press, ed. Nordic Religions in the Viking Age. Philadelphia, PA. pp. x. ISBN 0812217144. 
  2. 2,0 2,1 Auerbach, Loren (1999). The Encyclopedia of World Mythology. Parragon. ISBN 0-7525-8444-8. 
  3. http://www.arild-hauge.com/helleristningbild-se.htm HELLERISTNINGER ROCK CARVING (halristinger)

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar