Ouriolo europeo
O ouriolo europeo[2] (Oriolus oriolus), comunmente coñecido como ouriolo, milleiro, nicolao, vichelocrego e papafigo,[3] é o único membro da familia dos ouriolos que vive nas zonas tépedas do hemisferio norte. Especie migratoria, vese en verán en Europa e nas rexións occidentais de Asia, mentres que o inverno o bota nos trópicos.
Ouriolo europeo | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Macho adulto | |||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||
Pouco preocupante[1] | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||
Oriolus oriolus (Linnaeus, 1758) | |||||||||||||||
Verán Inverno
|
Distribución e características
editarHabita en árbores grandes de folla caduca en bosques, soutos, carballeiras e parques, a miúdo nas ribeiras dos ríos. Fai un niño moi limpiño e estábel durante anos na gallada das pólas, adoito en amieiros, e contén entre tres e seis ovos. A femia do ouriolo europeo comeza tarde a facer no niño e a incubación dura uns quince días.
A súa alimentación baséase en insectos e froita, especialmente figos e cereixas, de aí que nalgunhas partes se lle chame galo cereixeiro. En tamaño é coma o merlo, ou incluso lixeiramente maior (24 cm e 72 g de media).
O macho ten un colorido moi particular que o fai inconfundíbel con calquera outra ave ou paxaro galego. Ten o corpo dun amarelo brillante e as ás e parte da cauda negra. A femia, pola contra, é verde e gris, e resulta moi discreta nos nosos bosques. Os ouriolos europeos son tímidos e espantadizos de xeito que é moi complexo albiscalos malia a dourada plumaxe dos machos.
O seu nome procede do canto, unha longa frase (uilauiuuuu) que imita a palabra vichelocrego. Unha das variantes en galego, tamén moi estendida, é oureol, que fai referencia á cor dourada dos machos.
No voo imita os tordos, cun trazado moi directo e veloz, sen apenas oscilacións en distancias medias.
O ouriolo europeo na cultura popular
editarO ouriolo europeo aparece mencionado nunha sentenza de Confucio, que di:
- No Clásico da Poesía lese que "O vichelocrego pousa no ladiño do outeiro". E dixo o Mestre: "Pousa, e ben sabe onde. E por que non ha facer o home como ese paxariño?" (Lunyu, 3,2)
Aparece no escudo e na bandeira do concello lugués de Ourol.
Outros nomes galegos
editarBota o millo, bota o millo —Popular[4]
|
Téñense rexistrado en distintas fontes moitos nomes galegos para esta mesma ave, algúns populares e outros máis literarios.
- aropendra, maripéndola, milpéndola, milpéndora, milpréndega, milpréndiga, ouripenlo
- aureol, oriolo, oureal, oureol, ouriol, ourol
- avión (en Xunqueira de Ambía)
- bagullo
- barazán (o nome procede do feito de facer o niño con anacos de corda, trapos etc., é dicir, con barazas)
- bicho do crego, crego, crego amarelo, pica crega
- cereixeiro (porque disque gusta moito das cereixas e dos figos, de aí tamén o nome de papafigos)
- domingo lirón
- gaimarelo, gaio real, gaio bravo, gaio cereixeiro, gaio de braña, papagaio
- lapafigos, papafigo, papafigos, figomarelo
- manga amarela / marela
- mariarrosa, maría-viou (din os rapaces: Maria Viou, ¿teu pai mellorou?, e a ave responde: Mellorou, mellorou)
- mareleiro
- merlo gaiolo, merlo marelo, merlo rei
- millán garrido, millarou, milleiro, vilau garrido
- mingulirón
- nicolao
- oubión
- pedro-pequeno
- pitioghó (citado por Pérez Patiño)
- reboleirón, regoleirón
- riádigo, viádigo
- rodrigo, rodrigo liro, ringuileirón, rodrigavión, rogavión, figorrodrigo
- tiroliro
Notas
editar- ↑ BirdLife International (2012). "Oriolus oriolus". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 26 November 2013.
- ↑ "Denominación das aves". Real Academia Galega. Consultado o 2024-12-05.
- ↑ "Dicionario". Real Academia Galega. Consultado o 2024-12-05.
- ↑ Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (1980). Guía das aves de Galicia. Ficha do ouriolo. Ilustrado por Calros Silvar. Vigo: Editorial Galaxia. p. 111. ISBN 84-7154-379-6.