Os dous de sempre

obra literaria de Castelao

Os dous de sempre é a única novela de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Foi publicada en 1934 pola Editorial Nós, de Santiago. En 1967 Editorial Galaxia tirou do prelo unha segunda edición, con numerosas reimpresións.

Os dous de sempre
Narracións e outras prosas na Biblioteca Básica da Cultura Galega. Inclúe: Un ollo de vidro, Retrincos, Os dous de sempre, Alba de gloria e outras prosas.
Título orixinalOs dous de sempre
Autor/aCastelao
OrixeGalicia Galicia
LinguaGalego
Xénero(s)Novela
EditorialEditorial Nós
Data de pub.1934
editar datos en Wikidata ]
 
Parque do Camiño Real do Casal (en San Xoán de Poio, Pontevedra)

Rañolas e Pedriño son dous rapaces que se coñecen desde cativos. Pedriño é o maior dunha familia con moitos irmáns, e vai vivir coa tía Ádega para estudar para crego. Rañolas é un rapaz moi activo, pero que fica orfo e marcha da vila co seu burro.

Pedriño é moi preguizoso, e ten como única preocupación comer. Abandona os estudos por culpa do latín, e malia que o cacique da vila lle consegue un emprego no concello, é expulsado por lambón. Porén, despois conséguelle un posto na administración de Facenda, a cambio de 100 pesos que lle dá a tía. No novo posto, nunha cidade, non se sente cómodo, sendo branco das burlas dos compañeiros e do xefe. Con todo, coñece unha rapaza costureira coa que casa e ten un fillo. Non se leva ben coa sogra, e para evitar andar pola casa vai comer por tabernas cun compañeiro do choio, hábito que abandona ao se decatar de que deixa moitos cartos. Nunha ocasión pensa en ser infiel cunha amiga da muller, pero unha persoa anónima ameázao con avisar á sogra e éntralle o medo. Despois ten unha filla. Co paso do tempo, morren a tía Ádega e mais o cacique don Andrés.
Logo de comezar a roubar pólizas, gastando os cartos en merendolas. Tras ser descuberto, marcha a Arxentina, indo traballar á Pampa cun curmán seu. Logo de fracasar como tendeiro e como pastor de ovellas, regresa á cidade. Alí abandónase á vida descoidada, até que un día, logo dun soño no que se lle presenta o diaño, intenta asasinar a súa sogra cun coitelo. Desde ese momento dona Filomena comeza a respectalo, e conséguelle un traballo cómodo no concello.

Rañolas marcha como esmolante, e logo de practicar a picaresca polas feiras cunha parella, e de cruzar os Pireneos cun afiador ourensán, chega a Lourdes. Alí pasa un tempo aforrando cartos, e logo de pasar unha noite en Baiona, chega a París. Logo duns días vagueando e coñecendo a cidade, comeza a vender prensa. Logo dun encontro co afiador, éntralle morriña, e pensa en regresar a Galiza para traballar de reloxeiro.
Cos cartos aforrados, vai a un cirurxián para que lle corte as pernas e lle instale unhas próteses. Despois monta a reloxería, e comeza a frecuentar a burguesía da vila. Porén, logo de ler A conquista do pan de Kropotkin e Les Ruines de Volney, devén en anarquista. Incómodo coa que entende como a súa escravitude en mans do capital, decide suicidarse, facendo estourar unha bomba na súa casa, deixando escrito na parede a palabra ¡PROTESTO!.

Narración

editar

A obra ten unha estrutura marcada polo paralelismo e unha técnica semellante a Cousas. Presenta unha concepción determinista do ser humano, na cal as condicións sociais e a familia determinan a psicoloxía e o devir futuro dos protagonistas.

Está dividida en 44 capítulos, acompañados de cadansúa ilustración do propio autor.

Personaxes

editar

Está centrada na vida de dous protagonistas dende a infancia ata a madurez, con dúas personalidades contrapostas; dúas historias paralelas que seguen camiños diferentes. Os protagonistas presentan dúas perspectivas da condición humana:

  • Rañolas é un idealista. Malia ser eivado das pernas, sen pai e cunha nai borracha, é agudo, activo e emprendedor, e loita por unha vida mellor e por superar os seus problemas.
  • Pedriño é un conformista. O fillo máis vello dunha familia pobre, vive cunha tía que o protexe de máis. Lacazán, comellán, ve pasar a vida sen ningún obxectivo.
  • A tía Ádega.
  • O cacique, don Andrés.
  • Dona Filomena, a sogra de Pedriño. Manda no xenro e goberna na casa.

Espazo

editar

A acción comeza nunha pequena vila mariñeira. A comezos do século XX, aínda era visible o ambiente rural nas pequenas poboacións urbanas. Con todo, o ambiente máis descrito é o París urbano de mans da viaxe de Rañolas. Tamén aparece reflectida a Pampa arxentina, e a cidade onde marcha Pedro e máis tarde vai traballar Rañolas.

Historia

editar

Segundo Ramón Piñeiro[1], Castelao empregou na redacción desta novela o seguinte protocolo:

  • En primeiro lugar creou o esquema xeral da obra, unha visión do que ía ser. Este deseño global permitiulle prever a evolución dos personaxes.
  • A seguir, escribiu un breve esquema de cada capítulo, unha ficha do que ía conter.
  • Finalmente, desenvolveu cada capítulo tendo en conta a continuidade cos anteriores e seguintes.

Como queira que levaba consigo o paquete das fichas cos capítulos previstos, Castelao podía traballar independentemente con calquera deles segundo a inspiración de cada momento.

Tres relatos publicados en 1927 El Pueblo Gallego como "Cousas de Castelao" serviron de base para cadanseu capítulo d' Os dous de sempre:

  • Na lonxanía batida polo sol, publicado o 30 de xaneiro, serviu de base para o cap. XXVIII da novela.
  • Casouse Farruco, publicado o 20 de marzo, serviu de base para o cap. II.
  • O gran camanduleiro, publicado o 24 de abril serviu de base para o cap. VII.

Ningún destes tres relatos pasaron a publicarse nos libros de Cousas.

Traducións

editar
  • Ao éuscaro por Ramón Etxezarreta co título de Betiko Biak publicado en 1984 por Ed. Susa, Col. Erreferentziak[3].
  1. Citado por Siro, 40.
  2. "Los dos de siempre". bibliotraducion.uvigo.es. Arquivado dende o orixinal o 16 de marzo de 2018. Consultado o 2019-07-06. 
  3. "Betiko Biak". bibliotraducion.uvigo.es. Arquivado dende o orixinal o 16 de marzo de 2018. Consultado o 2019-07-06. 

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Dónega, M. (2015). A resignación e maila rebeldía na novela de Castelao Os dous de sempre. A Coruña: Real Academia Galega.Dónega, M.&rft.btitle=A resignación e maila rebeld�a na novela de Castelao Os dous de sempre&rft.date=2015&rft.genre=book&rft.place=A Coruña&rft.pub=Real Academia Galega&rft_id=https://publicacions.academia.gal/index.php/rag/catalog/book/290&rft_val_fmt=info:ofi/fmt:kev:mtx:book" class="Z3988"> 

Ligazóns externas

editar
  • Os dous de sempre Arquivado 26 de marzo de 2014 en Wayback Machine.
  • Iglesias, Xabier (20/3/2015). "Os dous de sempre". OslibrosdeAnxelCasal.blogspot.com.Iglesias&rft.chron=20/3/2015&rft.genre=unknown&rft.jtitle=OslibrosdeAnxelCasal.blogspot.com&rft_id=https://oslibrosdeanxelcasal.blogspot.com/2015/03/os-dous-de-sempre.html&rft_val_fmt=info:ofi/fmt:kev:mtx:journal" class="Z3988">