Opinión pública

A opinión pública é a tendencia ou preferencia, real ou estimulada, dunha sociedade cara a feitos sociais que lle reporten interese.

A opinión pública maniféstase de varios xeitos

Historia da Opinión Pública

editar

Antes do século XX, só eran cidadáns as minorías ilustradas das nacións occidentais ou colonias. Co xurdimento da cultura de masas e a expansión técnica, produtiva do modelo fordista e expansión da burocracia, comeza un progresivo ensanche do termo ata que a fins do século XX o cidadán é a poboación mesma. Por iso a Opinión pública antiga estaba restrinxida a marcos reducidos de persoas que influían nas políticas sociais. A súa primeira formulación coincide coa visión dos teóricos da democracia liberal clásica (Rousseau, Locke, Tocqueville). Conceptualizábase daquela como a opinión do pobo.

As mostraxes de opinión pública melloraron cando as organizacións empresariais e educativas comezaron a desenvolver métodos que permitían a selección relativamente imparcial de participantes e a recollida sistemática de datos entre un amplo e variado sector do público, e isto ocorreu entre a década do 30 e o 40 do século XX. Entre os pioneiros neste sector atópase o analista estadounidense George Horace Gallup, inventor da sondaxe que leva o seu nome.

Desde a década dos 50 comezou o criterio estatístico, cuxa maior crítica foi o grao de representatividade, cuestión contida nas teorías de estatística social.

Opinión pública hoxe

editar

Os gobernos e empresas utilizan as sondaxes para coñecer a opinión pública sobre cuestións de interese coma os índices de desemprego, mercado e de criminalidade entre outros indicadores sociais e económicos.

Walter Lippman, no seu libro Opinión Pública (1922) cuestiona que sexa posible unha auténtica democracia na sociedade moderna. Esta crítica fundaméntase na súa noción de estereotipo, da cal é inventor: os esquemas de pensamento que serven de base ós xuízos individuais converten en ilusoria a democracia directa.

O filósofo alemán Jürgen Habermas desenvolveu unha teoría de grande influencia sobre o xurdimento da opinión pública. Habermas concibe esta como un debate público no que se delibera sobre as críticas e propostas de diferentes persoas, grupos e clases sociais.

Para Habermas, logo do seu desenvolvemento no século XVIII, o espazo público onde é posible a opinión pública e que é "controlado pola razón" entra en declive, posto que a publicidade crítica deixará ós poucos o lugar a unha publicidade "de demostración e manipulación", ó servizo de intereses privados. As teses de Habermas foron contrastadas criticamente, no que se refire á evolución da opinión pública, pola historiadora francesa Arlette Farge no libro Dire et mal dire (editorial Seuil, París, 1992) onde a autora pon de manifesto que a opinión pública non emerxe soamente da burguesía ou das elites sociais cultivadas, senón tamén da gran masa da poboación. Esta, que Farge estuda a partir dos informadores colocados en todo París polo Inspector Xeral de Policía, fragua por si mesma os conceptos de "liberdade de opinión" e "soberanía popular".

O sociólogo francés Pierre Bourdieu afirmou, de xeito soado, que "a opinión pública non existe", tomando en conta que a estatística non é garantía de imparcialidade, pois ó ser unha análise social non hai neutralidade valorativa na formulación dos protocolos e cuestionarios. Os medios de comunicación, ademais de tomar postura, difunden as opinións que desexan. Outras críticas residen en temas técnicos tal como o grao de erro mostral, tamaño da mostra, representatividade da poboación etc. Con todo, existe na opinión pública contemporánea un grao alto de confianza nas sondaxes debido en gran parte á influencia dos medios de comunicación.

Véxase tamén

editar