Moedas cartaxinesas da illa do Corvo
Coñécese como moedas cartaxinesas da illa do Corvo o tesouro de moedas antigas que foi atopado en 1749, tras unha forte tempestade que revolveu os sedimentos depositados xunto á costa da illa do Corvo, neste arquipélago portugués. Esas moedas foron identificadas por especialistas da época (e máis tarde reconfirmadas) como de orixe cartaxinesa e cirenaica, e datadas entre os anos 300 e 320 a. de C.
Trátase dunha cuestión que suscita un grande interese entre os especialistas, dadas as implicacións de tal achado para a historiografía das navegacións no Atlántico. Ademais das moedas, no Corvo atopouse unha misteriosa estatua ecuestre á que se lle perdeu sen rastro logo de que, por orde real, fose partida e levada para Lisboa.[1][2][3]
Primeiras referencias
editarO artigo de Johann Frans Podolyn
editarA primeira publicación de carácter científico referida a estas moedas débeselle a Johann Frans Podolyn, un numismático sueco de orixe portuguesa que publicou un artigo titulado (en tradución ao galego) "Algunhas anotacións sobre as viaxes dos antigos, derivadas de varias moedas cartaxinesas e cirenaicas que foron atopadas en 1749 nunha das illas Azores":[4][5][6]
“ | O mes de novembro de 1749, tras algúns días de ventos tempestuosos do Oeste que puxeron a descuberto parte dos alicerces dun edificio en ruínas na costa da illa do Corvo, apareceu unha vasilla de barro negro, partida, que contiña un gran número de moedas, as cales, xuntamente coa vasilla, foron levadas a un convento, onde foron repartidas entre persoas curiosas residentes na illa. Algunhas desas moedas foron enviadas para Lisboa e de alí máis tarde remitidas ao Padre Flórez, en Madrid. O número de moedas contidas na vasilla non se coñece, nin cantas foron mandadas de Lisboa, mais a Madrid chegaron nove moedas. […] O Padre Flórez fíxome presente destas moedas cando estiven en Madrid en 1761, e díxome que no conxunto do achado había só moedas destas nove variedades.[7] | ” |
No artigo publicado, acompañado por imaxe das moedas, Podolyn afirma que a súa rareza non radica na tipoloxía das pezas (con excepción das de ouro), senón no lugar da súa aparición, xa que non se coñecía noticia ningunha acerca da presenza de cartaxineses no arquipélago, aínda que pareza posible establecer ligazóns coa presenza da estatua ecuestre e con diversas inscricións atopadas no Corvo na época do seu poboamento.[8]
Análise e estudo de Enrique Flórez
editarConsonte o texto de Podolyn, parte das moedas foille enviada ao afamado historiador e numismático español Enrique Flórez (1701-1773), da Orde de Santo Agostinho, o considerado como a máxima autoridade da Península Ibérica na época en materia numismática. Estas nove moedas correspondíanse con sete de Cartago (dúas de ouro e cinco de bronce) e dúas de Cirene (de bronce). Flórez fixo un estudo e unha descrición das pezas, das que indicou que "representaban todos os tipos atopados no Corvo" e que eran as máis ben conservadas da colección.[9]
Estudos posteriores
editarA partir da noticia de Podolyn e dos deseños publicados, foron diversos os estudosos que se ocuparon do achado e das súas consecuencias para a historiografía da navegación no Atlántico.
Canto á autenticidade das nove moedas coñecidas da illa do Corvo, o xeógrafo alemán Alexander von Humboldt (1769-1859) afirmou non ter dúbidas ao respecto, á vista da comparación dos deseños cos exemplares conservados no gabinete numismático do príncipe de Dinamarca.[8] Este achado implicaría, para Humboldt, a confirmación das tentativas cartaxinesas de viaxar ao Novo Mundo.[10]
No século XIX, esta idea repetiuse na autobiografía de Chateaubriand, en The Lost Atlantis, de Daniel Wilson, e en diversas enciclopedias, entre elas a Encyclopædia Britannica.[11][12] En 1936 A. W. Brøgger apoiouse neste achado, no seu discurso de apertura do segundo Congreso Internacional de Arqueólogos, para afirmar que a Idade de Bronce foi unha etapa de exploracións a longa distancia.[13]
Logo da súa publicación inicial, as imaxes desas moedas foron reproducidas novamente, xa no século XX, na publicación Açoriana, en 1946, e no Boletim do Instituto Histórico da Illa Terceira, en 1947.[14]
Cobraron notoriedade os estudos de Stechow-Münich, Richard Hennig e Jenkins e Lewis, que confirman a alta probabilidade que ten o achado de ser xenuíno, xa que na época da súa aparición non existían coñecementos que permitisen seleccionar un grupo de moedas pertencentes a un período tan curto (ca. 340 a 320 a. de C.).[15]
Todos estes estudos axudaron a conformar a crenza de que as civilizacións antigas puidesen ter chegado ao arquipélago antes que os portugueses.[16][17][18]
Posturas críticas
editarMáis non todas as posturas dos estudosos foron favorables con respecto ás declaracións de Podolyn sobre as orixes do achado: o das illas Azores era un arquipélago practicamente descoñecido para os xeógrafos antigos, e os estudos arqueolóxicos non descubriron evidencia ningunha de visitas de procedencia europea antes da era das exploracións modernas. Algúns deles suxeriron mesmo que o asunto da aparición das moedas podería tratarse dun engano ou de que se terían colocado alí nun momento posterior por mans "árabes, normandas ou españolas", ou polos "primeiros poboadores portugueses".[5]
Patricia e Pierre Bikai formularon a hipótese de que as moedas fosen realmente cuñadas nun asentamento cartaxinés en Portugal, aproveitando a existencia de minas de metal, e engaden que non habería ningunha evidencia de que na antigüidade se teña atravesado o Atlántico, máis alá dun mito propagado polos fenicios, tendo ademais en conta que a tecnoloxía de navegación da época faría intrinsecamente irrealizable tal propósito.[5]
Notas
editar- ↑ Fernandes, Joaquim (2008 e 2011).
- ↑ Fernandez, Joaquim. "O Cavaleiro da Ilha do Corvo. Quem chegou pela primeira vez aos Açores?". En Academia.edu.
- ↑ "Estátua equestre do Corvo". En Enciclopédia Açores XXI.
- ↑ Duane Roller (2006). Through the Pillars of Herakles: Greco-Roman Exploration of the Atlantic. Routledge. Nova York / Londres. Páxinas 49-50. ISBN 978-0415486965
- ↑ 5,0 5,1 5,2 Bikai, Patricia e Pierre (1990).
- ↑ Podolyn, Johan. "Några Anmärkingnar om de Gamles Sjöfart, i anledning af några Carthaginensiska och Cyrenaiska Mynt, fundne år 1749, på en af de Azoriska Öarne". En Det Götheborgska Wetenskaps och Witterhets Samhallets Handlinger Wetenskaps Afdelningen. Först Stycket, 1778. Facsímil da primeira páxina en: Hennig, Richard. Terrae Incognitae: Eine Zusammenstellung und kritische Bewertung der wichtigsten vorkolumbischen Entdeckungsreisen an Hand der darüber vorliegenden Originalberichte. Brill. Leiden. 1944. Páxina 140.
- ↑ Agostinho, José (1946).
- ↑ 8,0 8,1 Babcock, W. H. (1922). Páxinas 167-68.
- ↑ Segundo Bikais e Babcock, iso era o que quedaba do achado, pero para John Murray (Selections from Report on the Scientific Results of the Voyage of H.M.S. Challenger During the Years 1872-76. Arno. Nova York. 1977. Páxina 2. Nota 3. ISBN 0-405-10411-1) Flores seleccionáraos como os mellor conservados.
- ↑ Humboldt, A. (1881). Fasímil de 1981: Vol III. Páxinas 111-112.
- ↑ Wilson, D. The Lost Atlantis and Other Ethnographic Studies. Douglas. Edimburgo. 1892. Páxinas: 9, 36.
- ↑ Murray, John (1893). "The Discovery of America by Columbus: The Influences which led up to that Great Event, and its Effect on the Development of Oceanographical Knowledge". En Scottish Geographical Magazine. 9. Páxina 567. Nota 3.
- ↑ Brøgger, A. W. (1936). "Opdagelsenes nye Århundre". En Norsk Geografisk Tiddskrift. 6. Páxinas 171-203. Citado en Bibby, G. (1956). The Testimony of the Spade. Knopf. Nova York. 1956. Páxinas 262-263.
- ↑ Agostinho, José (1947).
- ↑ Schwabacher, Willy. "Die Azoren und die Seefahrt der Alten (Eine vergessene schwedische numismatische Entdeckung)". En Schweizer Münzblätter / Gazette numismatique suisse / Gazzetta numismatica svizzera. 10-12 (1960-1963). Páxinas 22-26.
- ↑ "Terão sido os Fenícios a descobrir os Açores? Há novas evidências para esta teoria". En Vortex Mag. 23 de xaneiro de 2018.
- ↑ Isserlin, B. S. J. (1984).
- ↑ Rodrigues, A. F.; Martins, N. O. et al. (2015).
Véxase tamén
editarOutros artigos
editarBibliografía
editar- Agostinho, José (1946). "Achados Arqueológicos nos Açores". En Açoreana, 4 (1). Ponta Delgada. Páxinas 101-102.
- Agostinho, José (1947). "As Moedas Cartaginesas do Corvo". En Boletim do Instituto Histórico da Ilha Terceira. Angra do Heroísmo.
- Babcock, W. H. Legendary Islands of the Atlantic: A Study in Medieval Geography. American Geographical Society. Nova York. 1922.
- Bikai, Patricia e Pierre (1990). "Timelines: A Phoenician Fable". En Archaeology. Vol 43. Nº 1. Archeological Institute of America. ISSN 00038113
- Casson, Lionel (1990). "Archaeological Exploration at Corvo". En Archaeology. Maio-xuño. Páxinas 50-55.
- Fernandes, Joaquim (2008). O Cavaleiro da Ilha do Corvo. Temas & Debates / Círculo de Leitores. Lisboa.
- Fernandes, Joaquim (2011). O Cavaleiro da Ilha do Corvo. Bússola. ISBN 9788562969003
- Humboldt, A. (1881). Examen Critique de la Geographie du Nouveau Monde. Edición facsimilar (1981): Arquivo dos Açores. Universidade dos Açores.
- Isserlin, B. S. J. (1984). "Did Carthaginian Mariners reach the Island of Corvo (Azores)?. Report on the results of Joint Field Investigations undertaken on Corvo in June 1983". En Rivista di Studi Fenici. Vol XII. Nº 1. Páxinas 31-46. ISSN 0390-3877
- Rodrigues, A. F.; Martins, N. O. et al. (2015). "Early Atlantic Navigation: Pre-Portuguese Presence in the Azores Islands". En Archaeological Discovery. 3. Páxinas104-113.