Moctezuma II
Moctezuma Xocoyotzin, nado c. 1466 e finado en Tenochtitlán o 29 de xuño de 1520, cuxo nome inclúe as variantes de escrita Motecuhzomatzin, Montezuma, Moteuczoma, Motecuhzoma, Motēuczōmah, Muteczuma, e coñecido retrospectivamente polas fontes europeas como Moctezuma II, foi o noveno tlatoani de Tenochtitlán e o sexto Huey Tlatoani ou emperador do Imperio Azteca, que reinou dende o ano 1502 ou 1503 até o 1520. O primeiro contacto entre as civilizacións indíxenas de Mesoamérica e os europeos produciuse durante o seu reinado, e foi asasinado polos españois durante as fases iniciais da conquista española do Imperio Azteca, cando o conquistador Hernán Cortés e os seus homes loitaron para tomar a capital azteca, Tenochtitlán. Durante o seu reinado, o Imperio Azteca acadou a súa máxima expansión. A través da guerra, Moctezuma expandiu o territorio polo sur ata Xoconosco en Chiapas e o istmo de Tehuantepec, e incorporou aos pobos zapoteca e yopi dentro do seu imperio.[1] Cambiou o sistema previo e meritocrático da xerarquía social e ampliou a división entre os pipiltin (nobres) e os macehualtin (xente do común) prohibindo á xente común traballar nos palacios reais.[1]
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1466 Tenochtitlán |
Morte | 29 de xuño de 1520 (Gregoriano) (53/54 anos) Tenochtitlán |
Huey Tlatoani | |
14 de abril de 1502 – 1520 | |
Datos persoais | |
Relixión | Relixión azteca e mitoloxía azteca |
Actividade | |
Ocupación | político |
Familia | |
Cónxuxe | Teotlalco Tlapalizquixochtzin |
Fillos | Xipaguazin Moctezuma () Tlaltecatzin () Chimalpopoca () Isabel Moctezuma () Teotlalco Pedro Moctezuma () |
Pais | Axayácatl e Axcatlxochitl-Xochiquetzal |
Irmáns | Cuitláhuac Tezozomoctli Acolnahuacatl Xocotzin |
Descrito pola fonte | Appletons' Cyclopædia of American Biography Pequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron |
Malia que o goberno de Moctezuma II foi sucedido por outros dous líderes aztecas logo da súa morte, os seus reinados foron moi breves e o imperio colapsou rapidamente con eles. As representacións históricas de Moctezuma caracterizáronse por amosar o seu papel como gobernante dunha nación derrotada, e moitas fontes describírono como débil, supersticioso e indeciso.[2] A súa historia segue sendo unha das narrativas de conquista máis coñecidas da historia do contacto europeo cos nativos americanos, e foi mencionada ou retratada en numerosas obras de ficción histórica e cultura popular.
Nome
editarA pronunciación do seu nome en lingua náhuatl é [motekʷˈsoːma]. É unha palabra composta dun substantivo, tecuhtli, que quere dicir "señor" e un verbo, que quere dicir "engurrar o ceño con rabia", e por iso o seu nome interprétase como "é quen engurra o ceño como un señor"[3] ou "aquel que se anoxa á maneira dos nobres."[4] O seu nome en glifo, que se amosa na esquina superior esquerda da imaxe do Codex Mendoza, componse dun diadema (xiuhuitzolli) sobre o cabelo liso cunha dilatación de orellas, un nasal separado e un rolo que denota a fala.[5]
Número real
editarOs aztecas non usaban números reais; foron dados retroactivamente polos historiadores para distinguilo máis facilmente do primeiro Moctezuma, referido como Moctezuma I.[2] As crónicas aztecas chámano Motecuhzoma Xocoyotzin, mentres que Moctezuma I era coñecido como Motecuhzoma Ilhuicamina ou Huehuemotecuhzoma ("Vello Moctezuma"). Xocoyotzin ([ʃokoˈjotsin]) quere dicir "o mozo honrado" (a partir de "xocoyotl" [fillo máis novo] sufixo "-tzin" engadido a substantivos ou nomes persoais cando se fala deles con deferencia).
Coroación
editarO ano no que Moctezuma foi coroado é incerto. A maioría dos historiadores suxiren que o ano máis probable é 1502, aínda que outros postúlanse a prol do ano 1503. Unha obra conservada no Art Institute of Chicago coñecida como a Pedra dos Cinco Soles é unha inscrición escrita en pedra que representa os Cinco Soles e unha data no calendario azteca, 1 crocodilo 11 cana, que é o equivalente ao 15 de xullo de 1503 no calendario gregoriano. Algúns historiadores cren que esta é a data exacta na que tivo lugar a coroación.[6] Porén, a maioría dos documentos din que a coroación de Moctezuma ocorreu no ano 1502 e, polo tanto, a maioría dos historiadores cren que esta foi a data real.[7]
Antecedentes
editarMoctezuma II, herdeiro de Aoitzotl, era o gobernante da cidade de Tenochtitlán. A súa personalidade era máis a dun literato (en nahaitl, tlatimine) cá dun guerreiro. Era un sacerdote e xefe da Calmecac, a escola das clases superiores.
En 1502, despois de asumir o poder, el destituíu a maioría das autoridades e substituíunas por exalumnos seus. Para se distanciar das persoas comúns creou un elaborado ritual, que intriga os estudosos. Creou un templo especial, dedicado aos deuses das cidades conquistadas, no interior do templo de Hoitcilopochtli. Durante o seu reinado aumentou o poder da cidade de Tenochtitlán para, posteriormente, dominar as cidades irmás de Texcoco e Tlatelolco.
Contacto cos españois
editar- Véxase tamén: Hernán Cortés e Conquista do Imperio Azteca.
Di unha lenda que xurdiron oito sinais, nos dez anos anteriores á chegada dos conquistadores españois, que indicabanque o imperio azteca entraría en colapso:
- Un cometa apareceu no ceo durante o día.
- Unha columna de lume (posibelmente o cometa) apareceu no ceo nocturno.
- O templo de Hoitcilopochtli foi destruído polo lume.
- Un raio atinxiu o templo de Tzonmolco.
- Tenochtitlan sufriu unha inundación.
- Víronse estrañas persoas con varias cabezas e un só corpo camiñando na cidade.
- Viuse unha muller laiándose dos aztecas.
- Capturouse un estraño paxaro e, cando Moctezuma mirou os seus ollos, que funcionaban como espellos, viu estraños homes chegando á costa.
Na primavera de 1519, recibiu as primeiras noticias de estraños chegando á costa do seu imperio. Moctezuma enviou un embaixador con dúas roupas, unha do deus Tlaloc e outra do deus Quetzalcoatl. Cada un destes deuses aztecas tiña os seus atributos: Tlaloc tiña unha máscara que facía parecer que usase lentes; xa Quezalcoatl tiña unha máscara cunha barba. O embaixador azteca, ao ver o español Hernán Cortés, pensou que o conquistador tiña os atributos de Quezalcoatl e vestiuno como o deus. En seguida, informou a Moctezuma ao respecto. Cortés decidiu marchar ata Tenochtitlán. Moctezuma tentou evitar a súa aproximación mandando máis presentes; porén a miraxe do ouro era irresistíbel para os españois. Moctezuma tamén enviou meigos, sacerdotes e mesmo un dos seus embaixadores, Tcihuacpopoca, que finxiu ser o emperador. Moctezuma enviou aínda máis presentes cando Cortés se aproximou de Tenochtitlán.
O 8 de novembro de 1519, Moctezuma encontrouse con Hernán Cortés, a quen consideraba ser o deus Quetzalcoatl. Cando Cortés chegou en Tenochtitlán, Moctezuma regaloulle flores do seu propio xardín, que era a máis alta honra que podería ofrecer. Cortés ordenoulle que suspendese todos os sacrificios humanos: Moctezuma concordou; o sangue do templo foi lavado e as imaxes dos deuses aztecas foron substituídas por iconas do cristianismo. Moctezuma mesmo concordou en ser bautizado e declarouse un súbdito do rei Carlos I de España. Moctezuma recebiu a Cortés no palacio de Axayacatl con todos os seus homes e 3.000 indíxenas aliados.
Xusta indignación
editarRelátase que despois de se someter aos españois, Montezuma estudaba coidadosamente a relixión cristiá posibelmente co fin de incluír a súa figura maior, Cristo, no panteón de deuses que adoraba.
Ao ser informado sobre a cerimonia da eucaristía explotou indignado diante de Cortés :
- Mais quen es ti, vil criatura humana coma min, que te permites comer a carne de Deus e beber o seu sangue ?!
Pódese comprender a indignación do emperador xa que, ao contrario dos cristiáns, os aztecas ofrecían o seu sangue e o seu corazón aos seus deuses, tomando Cortés como un monstro que se permitía devorar o seu deus.
Aínda que houbese moita boa vontade por parte de Montezuma para aceptar a relixión que se lle impuña, había unha enorme dificultade para a comprender, aínda que, como home moi relixioso, desexaba sinceramente convencerse. Noutra ocasión, cóntase, tería verbalizado a seguinte confusión :
- Se os homes da súa tribo sacrificaron a Cristo para o seu deus, por que o adoran, vítima sacrificial, e non ao propio deus?
Despois da morte de Moctezuma
editarOs sacerdotes de Montezuma previron a chegada de Cortés, en 1519, como a volta do lendario deus-rei Quetzalcóatl, vido do leste. Isto causou unha certa dúbida e indecisión pola súa parte, explorada por Cortés, que o fixo refén e forzouno a negociar co seu pobo. Debido á a súa proposta de instituír o pagamento de tributos a España, foi deposto en 1521 e atacado polos españois. Foi ferido e morreu tres días despois. Foi sucedido por Cuauhtemoc.
Coitláhuac morreu pouco tempo despois de varíola e foi substituído por un adolecente, Cuauhtémoc. No ano seguinte, o imperio azteca xa sucumbira totalmente ao control español. Durante o período da conquista, a filla de Moctezuma, Techichpotcin, resultou a herdeira da riqueza do rei e recibiu o nome cristán de "Isabel". Posteriormente casou con varios españois.
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 Hassig, Ross (1988). Aztec warfare: imperial expansion and political control. Civilization of the American Indian series, no. 188 (Norman: University of Oklahoma Press). p. 231. ISBN 0-8061-2121-1. OCLC 17106411.
- ↑ 2,0 2,1 Williamson, Edwin (1992). The Penguin history of Latin America. Nova York: Penguin Books. p. 18. ISBN 0-14-012559-0. OCLC 29998568.
- ↑ Andrews, J. Richard (2003) [1975]. Introduction to Classical Nahuatl. Revised Edition. Norman: University of Oklahoma Press. p. 599.
- ↑ Brinton, Daniel G. (1890). Ancient Nahuatl Poetry.
- ↑ British Museum Exhibition Guide for Moctezuma: Aztec Ruler (2009)
- ↑ "Coronation Stone of Motecuhzoma II". Art Institute of Chicago. Arquivado dende o orixinal o 7 de decembro de 2020. Consultado o 29 de decembro de 2020.
- ↑ "Moctezuma II Xocoyotl". Real Academia de la Historia (en castelán). Consultado o 29 de decembro de 2020.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Moctezuma II |
Bibliografía
editar- Bueno Bravo,Isabel (2006). "Moctezuma Xocoyotzin y Hernán Cortés: dos visiones de una misma realidad" (PDF). Revista Española de Antropología Americana (en castelán) 36 (2): 17–37. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 2012-07-01.
- Chipman, Donald E. (2005). Moctezuma's Children: Aztec Royalty Under Spanish rule, 1520-1700. University of Texas Press. ISBN 978-0-292-72597-3.
- Cohen, Sara E. "How the Aztecs Appraised Montezuma." History Teacher (1972): 21-30. online
- González-Obregón, Luis (1992). Las Calles de México (1st ed.). Cidade de México, DF: Editorial Porrúa. ISBN 968-452-299-1.
- Graulich, Michel (1994). Montezuma ou l'apogée et la chute de l'empire aztèque (en francés). París: Fayard.
- Hajovsky, Patrick Thomas. On the Lips of Others: Moteuczoma's Fame in Aztec Monuments and Rituals. Austin: University of Texas Press 2015.
- Lockhart, James (ed. e trad.) (1993);We People Here: Nahuatl Accounts of the Conquest of Mexico. Berkeley: University of California Press.
- Martínez, Jose Luis (1980). "Gerónimo de Mendieta". Estudios de Cultura Nahuatl, UNAM, México 14: 131–197.
- McEwan Colin e Leonardo López Luján (eds) (2009). Moctezuma Aztec Ruler. Londres: The British Museum Press.
- Phelan, John Leddy (1970) [1956]. The Millennial Kingdom of the Franciscans in the New World: A Study of the Writings of Gerónimo de Mendieta (1525–1604) (2nd edition, revised ed.). Berkeley: University of California Press. ISBN 0-520-01404-9. OCLC 88926.
- Sanchez, Gonzalo M. (2015). "Did Emperor Moctezuma II's head injury and subsequent death hasten the fall of the Aztec nation?.". Neurosurgical Focus 39 (1): E2. PMID 26126401. doi:10.3171/2015.4.FOCUS1593.
- Thomas, Hugh (2013) [1993]. Conquest, Montezuma, Cortes, and the Fall of Old Mexico. Touchstone; Simon and Schuster. ISBN 9781439127254.
- Townsend, Richard F. (2000). The Aztecs (2nd edition, revised ed.). Londres: Thames & Hudson. ISBN 0-500-28132-7. OCLC 43337963.
- Tsouras, Peter. Montezuma: Warlord of the Aztecs (Potomac Books, 2005). excerpt
- Vazquez Chamorro, Germán (1981). "Las reformas socio-económicas de Motecuhzoma II". Revista española de antropología americana (en castelán) 11: 207–218. ISSN 0556-6533.
- Vazquez Chamorro, Germán (2006). Moctezuma (en castelán). EDAF. ISBN 978-84-96107-53-3.
- Weaver, Muriel Porter (1993). The Aztecs, Maya, and Their Predecessors: Archaeology of Mesoamerica (3rd ed.). San Diego, CA: Academic Press. ISBN 0-12-739065-0. OCLC 25832740.