Mini e Mero
Mini e Mero foi un dúo de cantautores chairegos, formado por Xosé Luís Rivas Cruz (Mini) e Baldomero Iglesias Dobarrio (Mero), músicos, poetas, mestres e investigadores do folclore e a cultura tradicionais galegos, membros históricos de Fuxan os Ventos e actuais compoñentes de A Quenlla. Actuaron xuntos durante 46 anos, ata confirmaren a súa separación en novembro de 2018.[1]
Traxectoria
editarAdemais da súa produción discográfica cos devanditos grupos, participaron por separado ou conxuntamente noutros discos de música galega, como o Quiquiriqui producido no ano 2006 pola Asociación de Gaiteiros Galegos e en obras teatrais como Pan, catro propostas arredor da malla (creación e adaptación musical súa) e publicado diversos libros.
É salientable o seu labor de recompilación de contos, lendas, refráns, ditos ou poemas, principalmente na súa Terra Chá natal e nas zonas onde exerceron o seu traballo de mestres: Mesía (Mero) e Boimorto (Mini).
O arquivo sonoro froito deste labor, e composto por milleiros de cintas magnetofónicas, foi cedido ao Museo do Pobo Galego para a súa dixitalización e incorporación ao Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade, que ha estar dispoñible no web do museo. No campo educativo son autores de diversos libros de texto de ciencias sociais, naturais e lingua galega para o ensino infantil e primario.
En abril de 2009 foilles concedido por unanimidade o Pedrón de Ouro como recoñecemento á súa traxectoria de corenta anos de investigación musical, galardón que recibiron o 24 de maio de 2009.
En setembro de 2011 concedéselles o X Premio Ramón Piñeiro López - Facer País organizado pola asociación cultural Val de Láncara.
Un ano antes da súa separación, feita pública a finais do ano 2018, recibiran unha homenaxe en Vilalba[2].
Obras
editarOs seus libros conxuntos inclúen, entroutros:
- Contos de vellos para nenos (1995)
- Somos lenda viva (1996)
A súa discografía conxunta inclúe:
- Nadal en Galego (1999)
- Coplas cantos e Romances de cego
Recoñecementos
editar- VII Edición Premios San Martiño de normalización lingüística (1997), no Concello da Estrada.
- Foille adicado un Hectómetro literario no Paseo dos Soños vilalbés, en 2017.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Mini e Mero |
- ↑ Jaureguizar (28/11/2018). "Mero: "Separámonos Mini e eu tras 56 anos de amizade"". Consultado o 28/11/2018.
- ↑ Suso pena (18/11/2017). "Homenaxe a Mini e Mero en Vilalba". Consultado o 28/11/2918.