Miles Davis
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xullo de 2019.) |
Miles Dewey Davis III, nado en Alton (Illinois) o 26 de maio de 1926 e finado en Nova York o 28 de setembro de 1991, foi un dos músicos de jazz máis importantes da última metade do século XX. Trompetista, director e compositor, Davis encabezou case tódalas principais evolucións do jazz dende a segunda guerra mundial ata os 90. Tocou nalgunhas das primeiras gravacións de bebop e gravou o primeiro cool jazz. Foi en parte responsable do desenvolvemento do jazz modal e o jazz fusion xurdiu do seu traballo con outros músicos entre finais dos 60 e principios dos 70. O free jazz foi o único estilo de jazz de despois da guerra que non foi significativamente influenciado por Davis, aínda que algúns músicos das súas bandas interpretaron despois tal estilo. As súas gravacións, xunto coas interpretacións ó vivo das súas moitas bandas, foron vitais para a aceptación do jazz coma unha música de alto valor artístico. Promotor e innovador, Davis fíxose famoso polo seu estilo melódico e lánguido e pola súa personalidade lacónica e, ás veces, conflitiva. Coma músico de jazz cada vez mellor pagado e máis vestido á moda, Davis foi un símbolo do potencial comercial do jazz.
Davis continuou unha liña de trompetistas comezada por Buddy Bolden e evolucionou xunto a Joe "King" Oliver, Louis Armstrong, Roy Eldridge e Dizzy Gillespie. Foi comparado con Duke Ellington coma innovador musical: ámbolos dous foron talentosos intérpretes dos seus instrumentos, mais non considerados tecnicamente virtuosos. O principal potencial de Ellington era coma compositor e líder dunha enorme banda, mentres Davis tivo talento para xuntar a fantásticos músicos en pequenos grupos e darlles espazo para desenvolverse. Moitas das figuras do jazz da posguerra tocaron nunha das bandas de Davis nalgún momento da súa carreira; entre eles, Bill Evans, John Coltrane, Wayne Shorter, Joe Zawinul, Herbie Hancock, Chick Corea e Keith Jarrett.
Tamén é coñecido polas súas versións de cancións da música pop coma "Time after Time", de Cyndi Lauper, e "Guinnevere", de David Crosby. Esta dedicación de Miles Davis á música popular acentuouse na que Joachim Berendt denominou "fase eléctrica", desde os seus álbums In a Silent Way (1969) e Bitches Brew (1970) en diante:
"O solo pasa máis e máis a segundo termo, o grupo faise cada vez máis importante. O disco On the Corner, aparecido en 1973, acentúa nunha medida polo de agora desoñecida en Miles Davis a percusividade da música. Esta percusividade [...] tamén é concesión intencionada ao mercado de discos da música negra. [...] A Miles importáballe acadar desa maneira un público de masas xuvenís como desde Louis Armstrong non o lograra ningún outro músico negro de jazz. [...] O electrizante éxito do 'Miles eléctrico' fixo que o mundo do rock e do pop quixesen acaparar para si a Miles Davis. Miles opúxose [...]: 'Non quero ser home branco. Rock é palabra do home branco.' " [1]
O interese de Miles Davis pola denominada música groove [2] volvería situar o debate musical na relación entre a música contemporánea e a música denominada popular; na defensa desta última e os criterios empregados para xebrala da música composta ou interpretada con fins exclusivamente mercantís.
Discografía
editar- Artigo principal: Discografía de Miles Davis.
Filmografía
editarPor favor, axuda na mellora deste artigo ou sección ampliando a información que achega. Se cadra, podes atopar máis información na páxina de conversa. |
Premios
editarPor favor, axuda na mellora deste artigo ou sección ampliando a información que achega. Se cadra, podes atopar máis información na páxina de conversa. |
Davis foi elixido mellor trompetista polos lectores da revista Down Beat en 1955, 1957 e 1961. En 1962 foi elixido membro do DownBeat Jazz Hall of Fame. En 2004, o ano da súa fundación, foi incluído no Ertegun Jazz Hall of Fame. A elección de Davis para o Salón da Fama do Rock en 2006 acendeu unha polémica pola non pertenza do músico ao xénero, os apoloxetas defenderon que o homenaxeado superaba as categorías musicais estancas e merecía o respecto da institución.[3]
Recibiu nove premios Grammy e unha total de 32 nomeamentos ao galardón, entre os obtidos o primeiro foi por compoñer Sketches of Spain en 1960. Recibiu tres Grammy pola mellor interpretación instrumental de banda musical, un polo álbum Bitches Brew en 1970, un polo álbum Aura en 1989 e outro en 1993 polo álbum Miles & Quincy Live at Montreux, gravado en 1991. Como músico solista, recibiu catro premios Grammy, por We Want Miles en 1982, por Tutu en 1986, por Aura en 1989 e postumamente por Doo-Bop en 1992.O seu último Grammy adicouselle á súa Traxectoria en 1990.[4]
En 1989 a súa candidatura foi admitida na Orde de Malta. En 1990 foi incluído no Paseo da Fama de St. Louis. O 16 de xullo de 1991, foi nomeado Cabaleiro da Lexión de Honra (Ordre National de la Légion d'Honneur) En 1998 inagurouselle unha estrela no Paseo da Fama de Hollywood.
O 15 de decembro de 2005, un asteroide recibiu o seu nome: (5892) Milesdavis.[5]
En 2015, os oíntes da BBC e da emisora británica Jazz FM votárono como músico de jazz máis importante de todos os tempos entre unha selección de 50 músicos. O presentador da BBC Geoffrey Smith dixo sobre a elección de Davis por diante de Louis Armstrong e Duke Ellington, en segundo e terceiro lugar, que esa selección final representaba aos "inmortais do jazz".[6]
O seu álbum That’s What Happened 1982-1985: The Bootleg Series Vol. 7 gravado por Davis entre 1982 e 1985 e publicado por Columbia en 2022 recibiu ese ano o premio a mellor disco no Jazz Japan Awards 2022.
Notas
editar- ↑ Berendt, Joachim Ernst (1976). El jazz. Del Rag al Rock. Popular. México, D. F.: Fondo de Cultura Económica. pp. 149–150.
- ↑ "“As posibilidades emancipatorias da música groove” [1], por Steven Shaviro". euseino.org. 2017-02-08. Consultado o 2018-07-13.
- ↑ "Gehört Miles Davis in die Rock and Roll Hall of Fame?". Spiegel (en alemán). Consultado o 2024-04-12.
- ↑ "Awards". MilesDavis.com (en inglés). Consultado o 2024-04-12.
- ↑ "(5892) Milesdavis diagrama órbita" (en inglés). Consultado o 04 de decembro de 2024.
- ↑ "Miles Davis voted greatest jazz artist". BBC (en inglés). Consultado o 2024-04-12.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Miles Davis |
Bibliografía
editar- López, Rafa (2012). "La melodía gallega de Miles Davis". La Opinión de A Coruña.
- Pagán, Alberte (2015). "A música do futuro: Get Up With It". Café Barbantia.
Por favor, axuda na mellora deste artigo ou sección ampliando a información que achega. Se cadra, podes atopar máis información na páxina de conversa. |